Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Margar no pazo do tempo, de Sarabela Teatro
A finais de marzo fun ver a obra de teatro "Margar no pazo do tempo" de Sarabela Teatro.

Deixoume o corpo un pouco raro. A historia non estaba mal. Trataba dunha médica ou enfermeira (ou algo similar) que ía a un sanatorio afastado para comprobar sobre o terreo as investigacións sobre a tolemia que alí tiñan lugar. Cando chega alí, resulta que foran os tolos os que tomaran o control e pecharan aos médicos (isto sábese ao final, síntoo, pero tampouco é unha obra de Agatha Christie, intúese bastante pronto).

Pero hai tanta loucura, tanto desbarre que por momentos resulta difícil seguir o fío.

Iso si, os actores desta compañía son excepcionais. Despois de moitos anos gustándome moitísimo as súas obras, as últimas que lle vin decepcionáronme, pero o seu bo facer sempre é indiscutible. A ver se volven á liña de hai 8 ou 10 anos, que na miña humilde opinión era mellor.

Saúdos.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-04-2008 16:16
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxe a Manuel Balboa
Á volta da Semana Santa, a asociación cultural que teño a honra de presidir, participou modestamente na homenaxe ao músico coruñés Manuel Balboa, no que tería sido o 50 aniversario do seu nacemento, xa que tristemente nos deixou a comezos de 2004.

Fixemos unha ofrenda de flores no cemiterio civil de San Amaro. Ao día seguinte houbo un concerto no Rosalía de Castro con algunhas das súas obras de cámara e concerto. Uns días máis tarde houbo a presentación dun libro de Lino Braxe e despois outro concerto dun afamado pianista.

Fíxose famoso especialmente pola música de películas de Garci como "Canción de cuna" ou "El abuelo". No concerto ao que puiden asistir escoitamos obras de música clásica contemporáneo. Desgrazadamente, a miña escasa cultura nese campo non me permitiu apreciar a súa gran valía, pero parece que era un gran compositor moi pouco valorado e coñecido na súa terra, para non variar.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 19-04-2008 20:33
# Ligazón permanente a este artigo
Libros lidos en Semana Santa
Comentei no artigo anterior que a miña Semana Santa consistiu en ir a Oviedo a ler libros, principalmente La Regenta. Vou facer unha breve reseña do que lin:

- La Regenta (Clarín): Gustoume, pero non me apaixoou. A xente xa non escribe con esa mestría. Pero o que máis me gustou, con diferenza (estarei facéndome maior e rosmón??), foi a descrición da vila provinciana. Xa ouvira moitas veces esa definición da obra, pero non sabía que cargaba tanto as tintas no provincianismo e "tonticia" dos vetustenses. E lembrade que o provincianismo dase especialmente en grandes barrios e sectores das cidades grandes. Aviso por se alguén pensaba que eu me estaba facendo "centralista". En canto aos personaxes, aparte dalgúns secundarios, gustoume especialmente o galán Álvaro Mesía. Non teño eu nada de sedutor, en absoluto, pero foi o que me resultou máis crible e co que máis me identifiquei. Ana Ozores pareceume unha histérica bipolar e Fermín de Pas un pirao megalómano.

- O castelo branco (Orhan Pamuk): Novela que tiña unha trama atraente. Un científico ¿veneciano? que é apresado pola flota turca no século XVII e que pasa a ser escravo doutro científico e investigador turco, ao que se parece bastante físicamente. Eu, que son de Ciencias, tiña bastante interese no desenvolvemento da posible historia de colaboración científica entre ambos e todo iso. Pero a novela tira máis polo tema dos ciumes entre os dous, do seu parecido físico, a súa relación persoal, etc. Non estivo mal pero decepcionoume un pouco.

- Galeg@s na Habana (Ángela Oramas Camero): Interesante estudo sobre todas as achegas que fixeron os emigrantes galegos na capital cubana. Moi moi suxerente.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-04-2008 14:09
# Ligazón permanente a este artigo
A Semana Santa en Vetusta
Na última Semana Santa fun a Vetusta - Uvieu - Oviedo.

Todas as persoas que acostuman a saír comigo de viaxe nunha ocasión ou noutra, con máis ou menos frecuencia, tiñan impedimentos que lle impedían facelo nesta ocasión.

E non podía ser, tiña eu tal grado de cansazo e estrés acumulado que tiña que ir a algures, onde fora, aínda só, como foi o caso.

Entón desenterrei un plan que tiña dende había algún tempo, e que non contaba poñer en práctica tan pronto. Ir pola cornixa cantábrica no FEVE, o tren de vía estreita.

Decidín entón ir pasar a Semana Santa a Oviedo, fermosísima cidade que xa levaba case 10 anos sen pisar. Aproveitei un día para desprazarme a Xixón, outra cidade atraente pero que, a pesar de ter mar e parecerse á Coruña, é máis deslucida que Oviedo.

Só hai dous trens de Ferrol a Oviedo cada día, un a primeira hora da mañá, e outro que sae ás 3 da tarde. E trens da Coruña a Ferrol tamén hai bastante poucos; tan poucos, que a última hora da mañá do venres 14 de marzo tiven que coller un autobus para chegar a tempo ao tren que me levaría pola costa.

Como xa intuiredes, a xente estresada que ten presa para todo xa pode ir esquecendo coller o FEVE. Para en todas. Quen dixo que non había metro en Galicia? De Ferrol a Oviedo lévalle 6 horas e media. Entre que non tiña presa (con tal de chegar aquela noite a Oviedo xa me bastaba) e que as paisaxes son alucinantes, a viaxe foi unha delicia.

A saída de Ferrol non é unha marabilla ata que chegas á costa, á altura de Ortigueira. A partir de aí é espectáculo continuo: ría de Ortigueira, Cabo Ortegal ao lonxe, Espasante, ría do Barqueiro, Estaca de Bares ao lonxe, ría de Viveiro, San Cibrao, Burela (entre estas dúas a vía vai por lugares indescritibles), Foz, a ría do Eo. En canto entra en Asturias afea un pouco porque vai a varios quilómetros da costa, agás en lugares puntuais e iningualables, como Luarca, Navia e a ría do Nalón. E a partir de aquí colle cara o interior, pero á beira do río Nalón, dando lugar a paisaxes moi fermosas. Moi recomendable. Se tedes a oportunidade, facédeo algunha vez.

En Vetusta estiven ata o 23 de marzo. Ao mediodía collín o tren de volta. As miñas ocupacións principais foron durmir, descansar, pasear e LER.
Lin tres libros: "La Regenta" de Clarín, "O castelo branco" de Orhan Pamuk e o ensaio "Galeg@s na Habana" de Angela Oramas Camero, que fala do labor dos emigrantes galegos na Habana, moi interesante. Obviamente, a miña motivación lectora principal era La Regenta. Por iso estou insistinto tanto en chamarlle Vetusta á cidade. Se non me engana a memoria, levoume 7 días, pero o esforzo vale a pena.

Deille un bo repaso tamén á cidade de Oviedo, a Catedral, a Cámara Santa, que aínda non visitara, volvín ás tres igrexas ou monumentos prerrománicos, o Museo de Belas Artes, a marabillosa Praza do Fontán (semella un corral de comedias), e tamén a parte nova, que ten algunha cousa moi interesante como o Centro Comercial Buenavista (no lugar onde se atopaba o Estadio Carlos Tartiere, que foi ubicado cerca de alí), cun vanguardista deseño de Santiago Calatrava.

En Xixón estiven no mega-museo etnográfico que hai a carón do Molinón e da Feira de Mostras, nalgún outro museo máis, na Casa natal-Museo de Jovellanos, e dando algunha volta polo Paseo Marítimo, aínda que o tempo non acompañaba moito.

Asturias, patria queridaaaaaaaaaaa.......

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-04-2008 13:47
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal