Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Rafael Dieste: O libre pensamento
O segundo libro que lin durante este confinamento obrigatorio provocado polo COVID-19 foi o titulado "Rafael Dieste. O libre pensamento", escrito polo xornalista Luís Rei Núñez.

O xénero da biografía non me desagrada en absoluto. Tomar como referencia a unha persoa, destacada nun ou varios ámbitos, non me parece mal xeito de aprender. Ademais, normalmente descubres que todas as persoas teñen luces e sombras, aprendizaxe importante para a vida.

Unha das vías que máis exploro son persoeiros galegos, principalmente da cultura. E había tempo que lle tiña ganas á figura de Rafael Dieste, escritor do que lin algunhas cousas que me gustaron moito. Ademais é de Rianxo, onde naceron e incluso se coñeceron entre sí, Castelao, Manuel Antonio e máis el.

A súa biografía é curiosa. Estivo emigrado en diferentes lugares como Bos Aires (unha das súas paradas principais ao marchar de España pola Guerra Civil), Cambridge e Monterrey (México). Tamén tivo pasos, pero moito máis breves, por Uruguai, Italia, Francia e Bélxica.

E á parte da súa obra literaria (eu basicamente coñezo a que fixo en galego), tamén escribiu bastante en castelán. Pero o que me chamou a atención foi a súa obra de tema matemática, principalmente sobre o Paralelismo e a Semellanza. Cando estaba lendo isto, lembrei que alguén xa me falara deste tema hai tempo (de que Rafael Dieste era un destacado matemático), pero non lembro quen puido ser.

E como remate, dicir que descoñecía que nos últimos anos da súa vida viviu na Coruña. Fíxoo en dous enderezos diferentes: o primeiro, cerca dos colexios Fogar de Santa Margarita e Compañía de María, cerca da praia de Riazor; e o segundo, no tramo final de Juan Flórez, xunto ao colexio Labaca, onde morreu a finais de 1981, dunha mala caída na súa casa, cando xa estaba case cego.

Eses dous enderezos coruñeses estaban situados en pisos elevados, para poder ver o mar. Nun caso, o mar do Orzán, e no outro, o porto. Parece que esa decisión tivo que ver co feito de que o piso no que viviron en Bos Aires (en dúas etapas diferentes), tamén lles permitía ver o Río da Prata, e alí foron moi felices, el e a súa dona Carmen Muñoz.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-03-2020 10:47
# Ligazón permanente a este artigo
A cor dos anxos

Nestes días de confinamento, estou aproveitando para practicar unha das miñas actividades favoritas: a lectura.

Unha época cercana na que tamén o practiquei foi no Entroido. Pero sempre levo libros de máis, por se acaso. E o libro que estiven paseando por Compostela hai case un mes foi "A cor dos anxos", de Eva Díaz Pérez. Daquela non me deu tempo a lelo, pero agora si.

Esta novela, basicamente, trata da vida do afamado pintor Bartolomé Esteban Murillo (descubrín que "Esteban" era o primeiro apelido, non o segundo nome).

Como sempre que acabo de ler unha novela baseada na vida ou en feitos supostamente reais, ao final "comprobo" na rede se se parecía á realidade que parecía contar. E semella que era bastante fiel, tamén neste caso.

Murillo viviu na beata (aínda que non só, parece que tamén había bastante corrupción, tamén relixiosa e amoral, segundo as normas da época) cidade de Sevilla do século XVII, que seguía sendo unha das metrópolis europeas do momento, aínda que xa lle pasara o apoxeo que vivira coa época do Descubrimento de América.

Por certo, Velázquez tamén era sevillano, aínda que un par de décadas máis maior e viviu moito tempo en Madrid. E Zurbarán era extremeño pero viviu catro décadas deste século en Sevilla. Estaría ben investigar se houbo contactos entre estes tres grandes pintores, que viviron na mesma época e pasaron polos mesmos lugares. Na novela fálase dun encontro en Madrid entre Velázquez e Murillo, pero creo que iso é fabulación. A Zurbarán si se lle menciona unha vez, pero non que houbera ningún contacto. Resúltame algo estraño. Os dous viviron na mesma cidade durante uns 40 anos e destacaban como pintores relixiosos, pero semella que non se coñeceron.

A novela trata da súa vida e a súa obra. Se da vida falamos, que tivo noves fillos (creo recordar), que os tres primeiros morreron nunha epidemia de peste. E que algún dos seguintes tamén morreu, pero doutras doenzas, anos máis tarde. Pinta á súa muller Beatriz de Cabrera como moi beata, incluso máis ca el.

En canto á súa obra, destacou polas obras relixiosas, e parece que era moi piadoso. Pero tamén pintou cadros sobre "xente da rúa". E un eixo principal da novela trata das dúbidas morais que lle producía o feito de utilizar modelos de persoas normais ou incluso de clase baixa para os seus santos e virxes. Incluso se insinúa que moitos dos anxos, querubíns e nenos que aparecían nos seus cadros eran os seus fillos, principalmente os que morreran, porque así podía seguir véndoos (moitos deses cadros estaban en igrexas de Sevilla, e podía ir velos cando quixera).

Non é a mellor novela que lin na vida, pero resultou algo entretida, trataba dun tema sobre o que nunca lera nada, e non me aburriu. Agora ben, un dos temas recurrentes era o tratamento da COR nos seus cadros, e como bo home que se precie, escoitei falar sobre tonalidades e cores que non sabía nin que existían.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-03-2020 12:04
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0