Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Orquestra Sinfónica Vigo 430 e Coro Rías Baixas
Oíra falar nos últimos tempos desta orquestra, que debe ser algo así como a gran orquestra sinfónica da cidade de Vigo. Pero nunca a vira actuar e tiña ganas de facelo, así que como se achegaron ao Teatro Colón da Coruña.

Eu non entendo moito do tema, así que sempre me parece que o fan ben, pero entre o programa que tocaron (dúas pezas de Mozart), e algunhas cousas que vin, a impresión foi moi positiva.

A primeira peza de Mozart que tocaron foi o "Concerto para clarinete" (do seu nome deduzo que este prolífico autor só fixo un concerto para ese instrumento). E o que máis me chamou a atención foi que o solista de clarinete que o interpretou foi o mesmo director da orquestra, Vicent Alberola. Nunca vira a un director dirixir e interpretar un instrumento ao mesmo tempo (de feito, nesta peza case fixo só o segundo, pouco dirixiu).

A segunda peza que tocaron de Mozart foi o famoso "Requiem", que supostamente estaba compoñendo cando morreu. Non sei moito do tema, é do pouco que lembro da famosa película "Amadeus". Sóame tamén que quedou inacabado, pero creo que o rematou algún compositor afín a el. O caso é que para interpretar esta peza saíu o Coro Rías Baixas e catro solistas prestixiosos: Delia Agúndez, Ana Jesús Sánchez, Diego Neira e Borja Quiza). Así que coas tonterías debían estar sobre o escenario unhas 70 persoas durante esta segunda peza.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-03-2018 12:16
# Ligazón permanente a este artigo
Nacidas libres
Hai uns días fomos ao Teatro Rosalía para ver unha obra de teatro que nos espertaba un certo interese. O seu título era "Nacidas libres", o autor era Cándido Pazó, que sempre é unha garantía, e o elenco de actrices tamén era moi fiable. E ademais o tema tamén prometía bastante.

E mira ti, a obra está ben, pero non acaba de despuntar. Eu saín exactamente con esa impresión, ao tema podía sacárselle moita punta, pero non puideron, non quixeron ou non foron capaces de facelo. Vaiamos por partes.

Para min, que Cándido Pazó teña parte en algo xa é bastante garantía, aínda que creo que me gusta máis escoitarlle a el os seus textos que nas voces doutras persoas. As catro actrices participantes teñen bastante experiencia e solvencia, son Susana Dans, Casilda Alfaro, Mónica Camaño e Rocío González.

E o tema que trataban parecíame moi interesante. Era sobre as tres monxas indias que denunciaron hai pouco tempo estar retidas contra a súa vontade nun convento de clausura compostelán. Aparentemente, o tema daba moito de sí, aínda que ao final (como na realidade), a cousa quedou en nada.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-03-2018 12:07
# Ligazón permanente a este artigo
A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos
Hai uns días puidemos ver no CGAI a mítica película "A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos", unha película gore galega dos anos 90, inspirada polo inigualable Toñito Blanco.

Como é do ano 1993, cúmprense agora os 25 anos. Se non tivestes a posibilidade de vela antes, ao final do artigo hai un enlace a Youtube onde está completa. Iso si, xa avisamos que é gore puro, moi cutre, así que os estómagos máis sensibles deberían absterse do experimento.

Poderían contarse moitas cousas desta película. Poderíamos falar do seu inspirador principal, Toñito Blanco. É un personaxe mítico dos comezos da TVG (bastante máis digna que agora), que xa fixo algúns programas daquela que nos gustaban moito, como "A tumba aberta". Polo visto, era todo un personaxe, cunha creatividade e vitalidade fóra do normal, pero precisamente ese ritmo de vida desenfrenado levouno á tumba por sobredose cando tiña 30 anos.

Cóntovos só un breve esbozo de que vai a película que, por outra parte, tampouco ten tanta ciencia nin é tan complexa na súa trama. Dúas parellas van nun coche de noite despois dun concerto pola zona rural e teñen un accidente. Achéganse á casa máis cercana para pedir axuda, e alí dinlles que vai ser moi difícil poder facer algo de noite, así que lles ofrecen a súa hospitalidade para pasar alí a noite e comezar as xestións pola mañán. Eles aceptan, e uns segundos despois xa comeza o festín "gore" de toda a familia cos catro convidados. Un desmelene total.

No elenco de actores e actrices hai moita xente que agora é coñecida, como Silvia Superstar (que alí consta como Silvia Pintos, porque é irmá de Anxo Pintos, de Berrogüetto), Manquiña, Juanillo Esteban (este non é tan coñecido), Julián Hernández, César Strawberry, etc.

Para rematar, dicir que Toñito Blanco, a comezos dos 90, financiou a súa película con algo que agora chamamos "crowdfunding", aproveitando sobre todo que traballaba na TVG e que era moi querido por toda a xente. Entre os financiadores estaban Gaioso e SuperPiñeiro. Polo visto, as cintas nas que se gravou a película roubounas dalí. E xa estaba escrito o guión da segunda parte, que ía transcorrer en Compostela. De feito, aparece o rótulo anunciándoa ao final desta primeira parte. Esta foi rodada no concello de Boqueixón.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-03-2018 11:50
# Ligazón permanente a este artigo
Contos na lareira
O outro día houbo unha nova edición de "Contos na lareira" no Teatro Colón da Coruña. Nos últimos días antes do evento vin varias informacións na prensa que facían dubidar quen ía actuar finalmente, pero por sorte tivemos aos "tres titulares", que creo que actualmente son os tres mellores contacontos que temos no país: Quico Cadaval, Cándido Pazó e Celso Fernández Sanmartín.

Pois nada, o festival de sempre, pero pareceume que esta vez se alongaron moito máis, supoño que sería porque estaban moi a gusto, pero non había forma de botalos. Este tipo de espectáculos duran en torno a hora e media, ou pouco máis, e esta vez estiveron cerca das tres horas (e nós tan contentos, claro).

Nada especial que contar, se non coñecedes a algún deles, aí van tres vídeos para refrescar ou adquirir coñecementos.

Saúdos.








Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-03-2018 15:02
# Ligazón permanente a este artigo
Andrómaca
Hai unhas semanas, un dos grupos de teatro coruñés que lle colleron gusto a iso de facer teatro clásico grego e romano representaron no Ágora unha versión de "Andrómaca" de Eurípides.

Detrás da montaxe estaba Ricardo Martín, que xa no seu día, hai uns 30 anos ou máis, puxera en marcha o grupo de teatro Sardiña, formado por alumnos dos institutos coruñeses de Sardiñeira e Elviña.

Pois agora ten outro grupo (pero recoñezo que non sei como se chama), formado por xente nova e veterana, que segue nesa línea, e sempre resulta agradable ver esas representacións, de tramas, historias e personaxes universais, creados hai varios milenios.

Non sei nin como se chama o grupo, nin moitos dos seus actores e actrices, porque cheguei algo tarde, non me fixei que había un programa de man (vinllo a algunhas persoas xa no auditorio do Ágora) nin lembrei collelo á saída. Pero que saibades que, na Coruña, aparte de Noite Bohemia, hai máis xente facendo teatro clásico. Obviamente, estes de xeito máis formal e menos desenfadado que os outros, que tamén son adolescentes, como eran os de Sardiña.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-03-2018 14:56
# Ligazón permanente a este artigo
16M x 8M
Hai unhas semanas, a Deputación da Coruña organizou no Teatro Colón unha gala para celebrar o Día da Muller, no que todas as participantes foron mulleres.

A gala foi conducida polas tres integrantes da compañía de danza TrasPeDiante e as actuacións foron as seguintes:

- Máis boas cás patacas: unhas rapazas do IES Cacheiras en Teo que ganaron o premio de música en galego organizado pola Deputación, coa canción "Muller", que está tendo moito éxito.

- MJ Pérez: unha cantautora arzuá con moita forza, que estaba presentando un disco titulado "Casandra".

- A Banda da Loba: o fantástico grupo que descubrín no Culturgal e que xa é a terceira vez que vexo actuar na Coruña neste primeiro trimestre de 2018. Cada vez que as vexo, gústanme máis.

- Mounqup: unha muller nada en Francia pero que vive dende hai anos no rural galego, que toca un híbrido entre moitos estilos, e que moitos comparan con Björk.

Como vedes, a cousa estivo bastante ben. Déixovos algúns vídeos delas.

Saúdos.















Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-03-2018 14:49
# Ligazón permanente a este artigo
Douche os meus ollos
O outro día botaron unha película española de hai uns anos que tiña moitas ganas de ver. Titúlase "Douche os meus ollos", foi dirixida por Icíar Bollaín e trata sobre o maltrato de xénero.

Efectivamente, a fama que lle puxeran paréceme bastante merecida, aínda que houbo algunha escena que me chirriou un pouco, como unha moi breve na que o protagonista principal é humillado en público polo seu irmán pequeno, ao que lle vai mellor na vida, escena que posteriormente provoca unha escena algo violenta pola súa parte, pero que me parece algo sobreactuada.

En xeral, a historia está moi ben, os protagonistas son algo ambiguos e brumosos e ás dúas partes veslle actitudes algo extrañas que che fan dubidar sobre a súa verdadeira personalidade. Non é nada maniquea.

A muller maltratada nalgúns momentos defende e se re-namora do seu marido maltratador, e o home maltratador nalgúns momentos parece amosar indicios de que é consciente do seu problema e que está intentando corrixilo.

Os dous papeis principais están protagonizados por Laia Marull e Luís Tosar, pero hai moi boas secundarias como Rosa María Sardá e Candela Peña.

Como curiosidade que me agradou, a película está rodada e ambientada en Toledo, cidade fermosa que luce moi ben. Pero é que, polo tipo de historia, perfectamente púidose ter feito en Madrid para aforrar custos, pero non o fixeron.

E tamén me agradou moito o final da película, nada épico, senón moi "normal". A muller maltratada vén á que era a súa casa a recoller as súas cousas acompañada de dúas das súas amigas e compañeiras de traballo (unha delas era garda de seguridade) e o marido asiste á escena sen facer nin dicir nada. E finalmente ve como as tres mulleres van xuntas andando polo parque que está diante da súa casa. Nada máis ca iso, simple e normal.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-03-2018 14:02
# Ligazón permanente a este artigo
Noró
O outro día produciuse seguramente un dos fitos musicais do ano na Coruña, polo menos para os que nos gusta a cultura galega. Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre presentaron no Teatro Rosalía de Castro o seu segundo disco, titulado "Noró".

Xa a liaron co seu primeiro disco, "The Tambourine Man", e isto ten pinta de que vai ser igual ou superior. Levaron premios, venden e gustan moito por Europa, pois este novo disco, que vai moito na liña do anterior, non o vai facer menos.

Estaba totalmente ateigado o Teatro (seino porque a min me venderon a última entrada que quedaba, ou iso dixeron) e había moito entusiasmo en todo o concerto, onde deberon tocar o disco completo, e varios dos éxitos principais do disco anterior.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-03-2018 19:46
# Ligazón permanente a este artigo
Khitara
O outro día asistín a un curioso espectáculo, que despertou en min certa atracción, e sei que non fun o único. O artífice do mesmo é Jose Carballido, un músico coruñés cunha certa solera.

Jose Carballido é un guitarrista de rock que é profesor de música e ao mellor tamén ten unha academia ou algo parecido. Dígoo porque boa parte do público asistente eran rapaces bastante pequenos acompañados das súas familias, que parecían ter moita complicidade con el (xogaba en casa, en definitiva).

Hai uns anos tamén vira no Teatro Colón (mesmo escenario que esta vez) unha especie de ópera-rock que tiña momentos bos e outros que non o eran tanto. Polo que acabo de atopar en Youtube, é posible que o título daquela obra fora "Requiem", porque hai moitos vídeos de varias das súas cancións.

Por se non chegara con todo iso, podemos dicir que non ten mala voz, e aí é onde engado que me consta que colabora con asociacións líricas, nas que canta canción lírica e zarzuela. Pero dame a impresión que, pola súa estética, está máis a gusto no rock duro.

Pois con todas estas credenciais, resulta que presentaba no Teatro Colón da Coruña un espectáculo chamado Khitara, que polo visto é a escenificación dun disco do mesmo título que deberon editar xa hai algún tempo (fixeron referencia a el como que non era novo, senón que xa levaba un tempo publicado, pero que á saída se podía mercar).

Dicíase que o espectáculo consistía en pezas propias mesturadas con clásicos do rock, tocadas coa peculiar formación do grupo: dúas guitarras eléctricas, dúas guitarras acústicas e percusión (basicamente caixón flamenco).

E efectivamente, así foi, pero deixoume algo frío. As pezas propias non me dixeron nada especial, e non sei se era problema de son ou de vocalización, pero non entendín apenas nada das letras. E as versións dos clásicos do rock estiveron máis ben irregulares, algunhas moi ben, outras non tanto, nalgunhas había partes interesantes con outras que o eran menos, etc.

En definitiva, que fan un traballo moi digno e atractivo, pero a min concretamente non me enganchou demasiado, supuxo unha pequena decepción.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-03-2018 19:41
# Ligazón permanente a este artigo
Suite das oito
Hai unhas semanas asistín a un evento musical bastante curioso. Ía eu con certo recelo porque a mestura era algo explosiva e non estaba moi claro o que podía saír dalí, pero algúns dos participantes coñézoos doutras actuacións e transmitíanme certa confianza.

O caso é que se estreaba en directo (polo menos na Coruña, pero pode que se tocara antes noutro sitio) a "Suite das oito". Está composta por Quinito Mourelle, un compositor coruñés do que oíra falar algo. Tamén andaba por alí facendo arranxos Roberto Somoza, un saxofonista coruñés que destaca no mundo do jazz. E finalmente estaba a Orquestra de Cámara Galega, dirixida por Roxelio Groba, que está un pouco chalado pero é moi efectivo no seu traballo.

Así que, como vedes, a cousa podía disparar en moitas direccións. Eu basicamente sigo á Orquestra de Cámara Galega, que fai actuacións ben chulas. Pero o demais era toda unha incógnita, e ademais estaba a mestura co jazz, que non me gusta demasiado (máis ben case nada).

E a verdade é que me molou bastante. Deume a impresión de que tiña máis peso a música clásica que o jazz, e os ritmos estaban moi ben e resultaban moi agradables. Tanto, que ao saír merquei o disco, xa o escoitei varias veces na casa, e cada vez me gusta máis.

Saúdos.



SUITE DE LAS OCHO from granerovideo on Vimeo.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-03-2018 22:23
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal