Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O Principiño
Acabo de ver esta tarde no Forum Metropolitano da Coruña a película "O principiño" (versión orixinal subtitulada), unha magnífica película de animación francesa baseada na famosísima novela.

Por comezar por algo, direi que lin esta obra unhas cantas veces, pero hai xa moitos anos, sobre 25-30, así que case non lembraba case nada, así que me agradou moito revisitala.

Ademais a mestura da moderna animación dixital con partes en stop-motion dá un resultado sensacional. Supoño que non é o máis forte do potente cine francés, pero seguro que para a que seguramente é a súa obra literaria máis universal, puxeron o mellor da súa industria.

Mestura a historia orixinal da novela con outra actual na que unha nai que ten unha vida de alta executiva arrastra á súa filla ao mesmo estilo de vida inhumano, simplemente para intentar conseguir praza para ela nunha exitosa e prestixiosa escola.

As cargas de profundidade sobre a sociedade e o estilo de vida actual son moi contundentes. Iso e a poesía inherente á historia orixinal empastan moi ben, e dan lugar a unha película moi redonda e agradable de ver.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-03-2017 23:58
# Ligazón permanente a este artigo
O home da máscara de ferro
O outro día vin na televisión unha película coa que me cruzara hai moitos anos no autobus dunha excursión. A película titúlase "O home da máscara de ferro", está baseada na terceira parte da historia dos mosqueteiros escrita por Alexandre Dumas e, xa que naquel autobus non puiden disfrutala por completo, tiña ganas de vela.

O certo é que nunca lin nada de Alexandre Dumas, e teño entendido que estas historias de mosqueteiros están moi ben, do cal podería deducirse que as películas baseadas nelas teñen certa garantía de éxito. Esta parece que está baseada en "O vizconde de Bragelonne".

Dende logo, o reparto é espectacular. Centrándonos no masculino, xa que o feminino, tendo unha certa importancia na trama, ten bastante menos presenza, está Leonardo di Caprio (Luis XIV), Gabriel Byrne (D'Artagnan), John Malkovich (Athos), Gerard Depardieu (Portos) e Jeremy Irons (Aramis).

Sen mergullarnos demasiado na historia, que é algo complexa, basicamente trata de que o xoven rei Luis XIV, que chegará a ser o gran rei absolutista francés e que reinará uns 70 anos, é un rapaz caprichoso que só quere divertirse e ao que lle dán igual os sufrimentos do pobo.

D'Artagnan segue sendo o xefe da súa escolta, pero os seus tres compañeiros xa están retirados. Aramis é sacerdote, concretamente o superior dos xesuítas, que están levantados contra o rei. Portos dedícase ás mulleres e ao alcohol. E Athos só quere ver crecer ao seu fillo, pero este morre na guerra á que o enviou o rei, que se encaprichou da súa noiva e quere separalos. Polo tanto, D'Artagnan acaba enfrontado aos seus antigos compañeiros.

Pero en paralelo con todo iso está o "home da máscara de ferro". Hai unha lenda francesa que di que na Bastilla existiu un preso cunha máscara de ferro (outros din que de veludo), pero non se sabe a ciencia certa quen era. Nesta novela especúlase con que sexa Philippe, o irmán xemelgo de Luís, a quen abandonaron aos poucos anos de nacer, e que o propio Luís decidiu ocultar para que ninguén reclamara o trono para el.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-03-2017 23:48
# Ligazón permanente a este artigo
Misión imposible
Onte pola noite vin a primeira película da saga Misión Imposible, do ano 1996, dirixida por Brian de Palma e protagonizada, como non, por Tom Cruise, que agora é ata produtor da mesma (creo que xa van pola quinta).

Pois nada, a pirotecnia habitual dos axentes secretos da CIA que son secretos incluso para eles mesmos, con topos, traicións, e artiluxios varios. A verdade é que había escenas da película que me soaban, pero creo que nunca debín vela enteira.

Unha vez máis, comentar que xa se pasan un pouco na irrealidade das escenas, no nivel tecnolóxico que lles permite facer absolutamente o que queren, e despois tropezan por cuestións do máis banal.

Non desagradou que a primeira parte da película fora na fermosa cidade de Praga e nos seus recunchos máis céntricos e coñecidos (buf, o que deberon facer para conseguir que a Ponte Carlos estivera baleira, aínda que fora de noite).

Tamén resultou bastante incrible a escena final no tren TGV que vai de Londres a París cruzando o eurotúnel, e que por avatares da historia, se ve arrastrando a un helicóptero que, en vez de estrellarse, entra no túnel, e durante uns minutos vai enganchado a el, ata que pasa algo, estréllase, e iso provoca o parón do tren.

E tamén é moi simpática a gravación dunha lista de axentes secretos americanos nun disquete ou similar, cando estaba comezando a era de Internet, entrando na sede central da CIA disfrazados de bombeiros, como se nada.

Ou sexa, evasión pura e dura, sen nada de realidade, que ás veces tamén se agradece.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-03-2017 08:56
# Ligazón permanente a este artigo
Mare Nostrum
Hoxe pola noite botaron na 2 unha interesante película española do ano 1948, dirixida por Rafael Gil e baseada nunha novela de Vicente Blasco Ibáñez.

Titúlase "Mare Nostrum" (aínda que parece que tamén por aquí se lle titulou "Alba de sangre") e os papeis principais foron para a diva mexicana María Félix, Fernando Rey e Guillermo Marín (actor que estou vendo en moitas películas destas e que penso que ten menos fama da merecida).

Trata sobre un barco chamado "Mare Nostrum" que para no porto de Nápoles no ano 1939 para reparar unhas avarías, pero como xa comezou a II Guerra Mundial, a parada dura máis tempo do esperado.

Entón, o capitán, Ulises Ferragut (obviamente, Fernando Rey) dedícase a facer turismo, e nas ruínas de Pompeia atópase cunha deslumbrante muller (obviamente, María Félix), da que se namora perdidamente.

El non o sabe, pero a muller, e os misteriosos personaxes que a acompañan, son espías alemáns que están conspirando para provocar que a guerra se traslade tamén ao Mediterráneo, onde Alemania considera que está mellor posicionada.

Cegado polo amor, colabora con eles para encher de minas as entradas a algúns dos portos máis importantes dese mar. Despois diso, déixaos e marcha para España, pero o seu fillo, que tamén estaba navegando polo Mediterráneo, morre nun naufraxio provocado por unha desas minas, e decide vengarse.

Pásase entón ao bando dos aliados e comeza a loitar contra o Eixe, incluso descubrindo ás persoas que el que xa coñecía, como Von Kramer (o actor Guillermo Marín). Ao final, tamén desprecia a Freyia (non o dixen antes, o personaxe de María Félix), que lle pide axuda porque está apresada.

Saúdos.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-03-2017 00:55
# Ligazón permanente a este artigo
A cabeza do dragón

Neste ano 2017, por cuestión de dereitos de autor, os herdeiros de Valle-Inclán xa non poden evitar que se representen as súas obras en galego, así que comeza o festival.

Parece que os primeiros foron Producións Teatrais Excéntricas, con Quico Cadaval á cabeza, que xa están de xira con "A cabeza do dragón", unha farsa infantil que máis tarde meteu nunha triloxía titulada "Tablado de monicreques para educación de príncipes".

Dende logo, non é obra máis famosa deste autor. A min non me soaba de nada nin o título da obra nin da triloxía. Pero esta compañía é de moita garantía, e cando escollen unha obra, é porque dá moito de sí. E vaia se deu.

Un elenco fantástico, unha obra moi dinámica na que están sempre pasando cousas e que resulta moi agradable de ver.

Nos papeis máis sobranceiros están Iván Marcos, que fai de príncipe Verdemar e heroe da trama, e a actriz de orixe cubano Yelena Molina, que fai de princesa Infantina, que vai ser devorada polo dragón. Pero vaia, están Quico Cadaval, Patricia Vázquez, Josito Porto, Marcos Orsi, Víctor Mosqueira e María Costas, material de primeira calidade.

Están comezando a xira, se tedes a oportunidade de vela, nin o dubidedes.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-03-2017 19:54
# Ligazón permanente a este artigo
A frauta máxica
O outro día fomos ao Teatro Rosalía de Castro da Coruña moi ilusionados. Moitos anos despois, viña unha das compañías de Teatro Negro (concretamente o Teatro Negro Nacional de Praga) a actuar á nosa cidade. A montaxe era "A flauta máxica", baseada na ópera de Mozart.

Pero a decepción foi moi grande. Só tiña unhas poucas escenas (2 ou 3) de verdadeiro teatro negro, co fondo do escenario en negro, iluminación lateral e luz ultravioleta.

O resto foi ballet, teatro convencional e proxeccións de vídeo con megafonía. Que decepción!!! Incluso liei a algunha xente que nunca vira teatro negro, e deberon saír bastante cabreados, e non me estraña.

Ademais, acabo de mirar en Youtube e non hai nin un triste vídeo desta obra, o cal xa me fai sospeitar algo sobre o nivel da compañía.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-03-2017 19:43
# Ligazón permanente a este artigo
Intolerancia
O outro día, creo que para celebrar o aniversario do CGAI, proxectaron "Intolerancia" de David Wark Griffith.

Este director está considerado como un dos pais do cine, e parece que a mediados da década dos 10 (ou sexa, hai máis de 100 anos), fixo as súas dúas mellores películas, "O nacemento dunha nación" e "Intolerancia".

"Intolerancia", polo visto, foi unha das películas máis caras da historia do cine, e creo que deu pérdidas, e que tardou bastante en pagala, porque dende logo era moi grandiosa.

A trama da película era moi ambiciosa, e dura case 3 horas (para ser cine mudo, debeu ser toda unha transgresión). Consistía en catro historias diferentes nas que a intolerancia tiña un papel importante, e que se ían combinando da cinta. Eran estas:

- Unha historia da época (ou sexa, de hai 100 anos), no que unhas señoras da alta sociedade que non tiñan nada mellor que facer se convertían en gardiás da moralidade, conseguían a un mecenas rico, e iso afectaba, por exemplo, a unha parella que tiña un fillo pequeno e que loitaba por saír adiante.

- En Babilonia, a loita do rei contra a invasión das lexións do persa Ciro, apoiadas dende dentro polos puristas e ambiciosaso sacerdotes de Ishtar.

- Na Palestina bíblica, Xesucristo loitando contra a intolerancia dos fariseos.

- Na Francia do século XVI, Catalina de Médicis inflúe no seu fillo o rei para que castigue aos protestantes hugonotes, provocando a Matanza de San Bartolomé.

Como vedes, a cousa non estaba nada mal para ser o ano 1916. Por unha banda, poderíamos dicir que boa parte da metraxe a consumen as dúas primeiras historias. A terceira e a cuarta ocupan moito menos. E segundo, que segundo se achegaba o final da película, a alternancia entre as historias era cada vez máis rápida.

Pois nada, non estivo mal, non é a mellor película que vin na miña vida, pero a peor tampouco, e dende logo, foron 3 horas que pasaron nun suspiro, porque sempre estaba pasando algo.

Neste vídeo creo que podedes vela completa, comprobaredes que recrearon Babilonia, con murallas de case 100 metros de altura...

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-03-2017 19:35
# Ligazón permanente a este artigo
Invictus
Onte pola noite vin na televisión a película "Invictus", dirixida por Clint Eastwood, e protagonizada por Morgan Freeman e Matt Damon.

Está baseada nunha novela de John Carlin e trata sobre o interese que puxo Nelson Mandela, cando chegou á presidencia do seu país despois de case 30 anos no cárcere por terrorismo, en que o equipo de rugby de Sudáfrica, símbolo da supremacía branca, fose querido por toda a nación.

A comunidade negra, que acababa de saír da época do "apartheid", odiaba á comunidade branca, e ese equipo (chamado dos "springboks"), era un dos símbolos máis claros, así que estaban desexando disolvelo ao chegar ao goberno.

Pero contra o criterio de case toda a comunidade negra, Mandela decidiu apoialo e reuniuse co seu capitán, François Pienaar, un ano antes da celebración do mundial de rugby en Sudáfrica, para darlles ánimos e intentar que quedaran campións do mundo.

Polo que parece, en xeral, a película conta con certa fidelidade os avatares da relación entre os dous, e o que sucedeu naquel mundial de rugby. Outra cousa é que se cadra estea algo magnificado para a emoción da película e todo iso.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-03-2017 22:27
# Ligazón permanente a este artigo
Hécuba
Onte no Teatro Colón houbo unha nova representación de teatro clásico a cargo da compañía escolar coruñesa Noite Bohemia. Esta vez tocaba Eurípides coa obra "Hécuba".

Como é máis ou menos habitual nesta compañía, que é bastante fiable, a obra estivo moi ben, a posta en escea e a coreografía (dado que había un coro de mulleres troianas) estiveron moi ben.

Trata sobre as peripecias de Hécuba, raíña de Troia, nai de Héctor, Paris, Casandra e tantos outros, cando é levada como prisioneira a Grecia. Ve morrer aos dous fillos que lle quedaban, e trama unha terrible venganza, polo menos contra un dos causantes.

A obra xira moito sobre este personaxe, e a rapaza que a interpreta, Elena Lago Castro, semella ter un futuro prometedor nisto do teatro. Ao seu carón, aparecen algunhas das estrelas deste grupo dos últimos anos, como Nacho Pena e Mario Rodríguez, que sospeito que xa non están no instituto, senón xa en época universitaria, pero seguen comprometidos co grupo, dada a súa gran traxectoria.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-03-2017 22:11
# Ligazón permanente a este artigo
Soño dunha noite de verán, de Voadora
Onte fun ao Teatro Rosalía da Coruña para ver a súa adaptación de "Soño dunha noite de verán" de Shakespeare. Como saberedes os que seguides a este grupo (e neste blog xa comentamos varias obras deles nos últimos tempos), fan unhas adaptacións bastante libres, podería dicirse.

Eu comecei a ver obras deste grupo hai 3-4 anos, cando eclosionaron e comezaron a levar premios. Ao comezo non eran adaptacións de Shakespeare (últimamente estanse dedicando moito a iso), senón obras súas (supoño). O caos no escenario era total, pero estaba claro que eles o pasaban de marabilla no escenario, e eran capaces de transmitirlle ese bo rollo ao público (polo menos a unha parte, claro).

Eu fíxenme algo seguidor deles pero creo que xa me estou cansando. No meu caso, e supoño que no de máis persoas, resultou unha compañía moi fresca porque a súa linguaxe era moi innovadora. Aínda que non se entendera demasiado ben o que pretendían dicir, tiñan unha forma moi divertida e amena de transmitilo. Pero esa sorpresa inicial xa pasou, agora xa os vexo con certa frecuencia (porque eles tamén son bastante prolíficos), e dame a impresión que xa están comezando a repetirse algo e a resultar aburridos.

Eu vin algunha vez esta obra de teatro, pero vaia, é unha comedia algo disparatada, con personaxes moi estraños, algúns coido que son animais. En definitiva, non sabería explicar moi ben de que trata, aínda que si lembro máis ou menos de que ía. Pois ben, a adaptación de Voadora é moi moi libre, aínda que penso que aínda se cinguiron ao orixinal máis do que é habitual neles. Pero claro, a posta en escena, como sempre, moi diferente ao habitual.

Por empezar por algures, a compañía impediu que entráramos moi pronto, demorou bastante a entrada no patio de butacas. Por que? Cando chegamos alí, había 6-7 actores e actrices vestidos de novias, en diferentes lugares do patio, saudando á xente, etc. Para comezar, non está mal.

En canto á obra en sí, buf, é moi difícil de explicar. Un dos personaxes principais, Puck, que é como un duendecillo que vai facendo fechorías, nesta obra é interpretado por Hugo Torres, actor portugués da compañía, que leva uns 10 anos afincado en Galicia. Pois ben, Puck pasa toda a obra correndo dun sitio para outro, totalmente nu, e só vestido cuns "playeros" luminosos.

O resto da obra tamén é bastante desvarío, como sempre con Voadora. Aparecen micros sen fíos nos que actores van falando ou cantando. Hai números musicais de estilo tecno. Hai partes que semellan teatro físico ou danza contemporánea....

Non, dende logo, non deixan indiferentes, e non te aburres moito, porque nunca sabes o que vai pasar a continuación, dende logo, nada convencional. Pero como a min me gusta moito que me gusten historias, e enterarme un pouco do que me están contando, xa comezo a estar un pouco canso da dinámica desta compañía. Non sei se o seu crédito se esgotou comigo (se paso algún tempo sen velos, se cadra me ilusiono de novo), pero se non é así, estou cerca.

Póñovos unha especie de trailer que atopei en Youtube, pero eu non consigo relacionar apenas nada co que onte vimos na obra.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-03-2017 17:19
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal