Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Miles Gloriosus, de Plauto, por Noite Bohemia
E poucos días despois de ver a este grupo representar as "Bacantes" de Eurípides, repetimos con "Miles gloriosus", de Plauto, unha obra moito máis alegre e amable.

Pasámolo moi ben, e teño que recoñecer que a exhibición de esgrima que vemos neste vídeo non se fixo na representación que vimos nós.

Pois nada, a miña opinión sobre este grupo cambiou radicalmente e agora espero seguilos con aínda moito máis interese.

"Miles gloriosus" fala dun soldado fanfarrón que se cre guapo, listo e bo guerreiro, pero que realmente é todo o contrario, e ármase unha confabulación para demostrarllo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-03-2015 18:34
# Ligazón permanente a este artigo
José Sacristán e Antonio Machado
O outro día, no Ágora da Coruña, vimos un espectáculo ben interesante, titulado "Caminando con Antonio Machado".

José Sacristán recitaba poemas de Machado acompañado polo violonchelo de Aurora Martínez Piqué.

Como vedes, unha aposta segura, resultou un acto moi emotivo e que o público despedíu en pé.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-03-2015 18:26
# Ligazón permanente a este artigo
Bacantes, de Eurípides, por Noite Bohemia
Hai uns días tiven a posibilidade de ver máis teatro clásico a cargo de Noite Bohemia, o grupo dese tipo que teñen no IES Zalaeta da Coruña.

Xa os vira o ano pasado, e non me transmitíu moi boas sensacións. Seguramente eu aínda lembraba as actuacións de Sardiña a finais dos 80 e comezos dos 90, no que estaban varios actores profesionais da actualidade.

Pero decidín darlles outra oportunidade, e estou cambiando de opinión. Esta vez fun ver "Bacantes" de Eurípides. Unha traxedia grega na que non cambiaron case nada (creo). E saín moi gratamente sorprendido.

Esta obra trata de que o deus Dioniso chega á cidade de Tebas (a súa cidade natal), que é a única na que non o consideran un deus, xa que naceu da unión de Zeus e a súa nai, que era unha mortal do lugar. E coa súa chegada provoca unha maldición que deriva na morte do rei de Tebas a mans da súa propia nai. Ou sexa, todo moi tráxico grego.

A interpretación é moi boa, e as coreografías, como se pode ver neste vídeo, son máis que dignas. Noraboa polo traballo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-03-2015 18:20
# Ligazón permanente a este artigo
Fórum Gastronómico Coruña 2015

Hai unhas semanas tivo lugar unha nova edición do Fórum Gastronómico Coruña 2015. Leva varios anos celebrándose, creo que sempre é en ExpoCoruña, xa oíra falar del, pero nunca puidera ir.

Pero este ano foi posible, e non o pasei nada mal, entre outras cousas porque rodeado de comida e bebida tampouco é tan difícil pasalo ben, claro.

Moitos expositores, talleres, eventos, locais e empresas que ofrecían os seus produtos de múltiples formas: catas, ventas,.... que facían un pracer pasear polas rúas do complexo de congresos.

Para os vindeiros anos terei moitas menos dúbidas, seguro.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-03-2015 18:10
# Ligazón permanente a este artigo
Víctor Saíd Armesto
Hai pouco, rematou unha exposición na Fundación Barrié da Coruña sobre Víctor Saíd Armesto, un persoeiro bastante pouco coñecido da cultura galega.

Tiven a sorte de asistir a unha das visitas guiadas pola empresa de servizos culturais CreArte, e iso sempre lle dá un valor engadido á actividade.

Víctor Saíd Armesto foi o primeiro catedrático de lingua galego-portuguesa do Estado español. Aínda que por desaxustes de época, esa cátedra estaba na Universidade Central, en Madrid. Creouna, gañouna, pero non conseguíu exercer, xa que morreu antes, moi novo, con pouco máis de 40 anos.

Foi tamén folklorista, foi un dos impulsores da Real Academia Galega, promoveu accións e colectivos que máis tarde acabaron dando lugar ao Seminario de Estudos Galegos, etc.

Como morreu en 1914, non chegou a vivir fenómenos como as Irmandades da Fala, ou o Partido Galeguista, pero de ter vivido máis tempo, seguro que sería un persoeiro moito máis coñecido e recoñecido.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-03-2015 18:04
# Ligazón permanente a este artigo
Pablo Milanés e Renacimiento
Onte actuou de novo na Coruña Pablo Milanés. Viñera hai un par de anos e tamén fóramos a velo.

Parece que sacou o seu último disco hai un ano, titulado "Renacimiento", e quería presentalo na cidade na que lle transplantaron o fígado (creo que foi ese órgano), grazas á donación da que é a súa actual compañeira, coa que creo que vive en Mazaricos.

O concerto non foi moi longo, pero si moi emotivo. Estaba cheo ata a bandeira, e con el, o auditorio sempre está entregado.

Para os que o vimos hai dous anos, deunos a impresión de que recuperou a súa mítica voz, que na outra ocasión non estaba no seu mellor momento.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-03-2015 23:16
# Ligazón permanente a este artigo
Maratón de lectura de Rosalía de Castro
Como todos os anos, os alumnos do centro no que traballo protagonizaron hai uns días un Maratón de Lectura de Rosalía de Castro no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Esta vez foron uns 90 os que participaron, e encheron durante 2 horas e media de actividade o local.

Xusto a continuación, aproveitei para proxectar as fotos que saquei en Praga no último verán.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-03-2015 23:13
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal