Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Novo micro-teatro en La Tuerka 27
Onte fomos ver unha nova quenda de micro-teatro na Tuerka 27. A diferenza das catro obras habituais, esta vez só vimos 3, xa que a cuarta, "Me cago en Walt Disney", xa a botaron hai un par de meses. Comentaron que esa repetición debíase a que estaban preparando unha curta sobre ela, así ían ensaiando, preparando o atrezzo, etc.

As tres obras que vimos onte, fixéronos ir de máis a menos, tamén debido ás temáticas, que ían de máis frescas e divertidas, a máis amargas. En orde de visionado, foron as seguintes:

- Muller e filipina: Unha parella na que as cousas semellan non ir moi ben, sincérase. El séntese muller, e por se non fora iso suficiente, filipina e obesa. Ela non sabe como reaccionar, pero pouco despois acepta a situación, e recoñece que as mulleres non lle desagradan. Pero el négase a convivir cunha lesbiana. Como intuiredes, moi divertida. En castelán, con Carlos Martín e Paku Granxa.

- Terminal: unha parella de mozos están na terminal dun aeroporto despedíndose. Ela, que marcha para Alemania, é tremendamente crítica co país, e el que queda, non o é tanto, e confía en que todo volverá ao seu rego, e que el estará alí para axudar. Iso fai imposible que sigan xuntos. En castelán, con Lucía Sánchez e Miguel Manzano.

- Sol de inverno: Nun camerino, despois dunha actuación, vemos o debate entre Norma Jean e Marilyn Monroe, que debeu sacrificar a muller anónima para converterse na estrela, e todo iso. En galego, por Noemí Miranda.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-03-2013 11:56
# Ligazón permanente a este artigo
Kapuscinski non-fiction
No 2007 morreu o que está considerado o mellor reporteiro de guerra do século XX: Ryszard Kapuscinski. Xa neste blog, que leva algo máis de 6 anos (máis tempo noutra plataforma anterior) e cerca de 1000 artigos, teño comentado algún libro deste autor. Que eu lembre, lin "Ébano" e "Viaxes con Heródoto", que coido que foron os dous últimos libros que publicou en vida. E incluso algún/ha fanático/a dese autor escribiu algún comentario, sobre todo porque dixen que a última das obras, estando ben, non me entusiasmara tanto como esperaba.

Aínda que moi admirado en case todo o planeta, nos últimos tempos a súa figura estaba sendo algo controvertida. E parte dese estado de ánimo pode que o animara a obra que acabo de ler, titulada "Kapuscinski non-fiction", escrito por Artur Domoslawski, un periodista polaco que foi amigo da nosa figura de hoxe.

A min paréceme que o libro é tremendamente respectuoso, parece ter un rigorosísimo traballo de documentación, e unha profundidade de análise moi considerable, con moitas entrevistas a persoas que o coñeceron, intentando contrastar a maior cantidade de fontes de información posibles. Ou sexa, como deben facerse estas cousas, digo eu.

Ao final parecen acabar aflorando unha serie de pequenas sombras sobre o personaxe, pero que para nada pretenden danar a súa imaxe, senón simplemente poñer as cousas no seu sitio. Cousa esta que os fanáticos e seguidores de mesías non levan nada ben, claro. Algunhas que lembro agora poderían ser as seguintes:

- Non está moi claro que algunhas cousas que conta nas súas obras sucederan exactamente como el as conta, senón que esaxeraba algúns sucesos para darlle máis espectacularidade. Isto non ten por que ser moi grave, sempre que non se invente cousas, pero pode ser unha tendencia perigosa.

- Semella que, para darse certo lustre persoal, nalgún momento presumiu de ter coñecido en persoa a tres ou catro persoeiros moi importantes, pero que todo parece indicar que ese contacto non foi posible: Ché Guevara, Salvador Allende (o máis factible), Patrice Lumumba, etc.

- Parece que nos últimos anos, os imbéciles da dereita ultra-católica que gobernou Polonia (e creo que aínda seguen) intentaron sinalar á xente que, antes ou despois, colaborou cos servizos secretos de Polonia durante a época comunista (que durou case cincuenta anos, por outra parte). E parece que Kapuscinski puido estar entre eles (lóxico pola súa profesión e por ser corresponsal no estranxeiro), pero todo parece indicar que pasaba bastante do tema, que apenas se implicaba, e que intentaba librarse desa lousa na medida das súas posibilidades, tendo en conta o réxime político no que se movía. Aos fachas polacos lles preocupará, ao resto creo que nin o máis mínimo.

E algunhas cousas máis, pero vaia, non creo que haxa que deixar de ler con sumo agrado que escribía tan ben e sobre temas tan interesantes.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-03-2013 11:42
# Ligazón permanente a este artigo
Ártico 2.0
E despois das viaxes reais de Javier Reverte polo Ártico, paseime a algo diferente pero relacionado. Lin o libro "Ártico 2.0" do escritor galego Xabier Queipo.

Polo que teño entendido, este gran escritor do que ás veces leo artigos de opinión na prensa, e están moi ben, publicou a súa primeira obra literaria hai uns 20 anos, e titulábase "Ártico". Tivo importantes premios e consistía en relatos breves sobre aventuras transcorridas no mar, algunhas delas no Ártico noruegués ou siberiano (aparece o mítico mariño holandés Barents).

E hai pouco decidiu facer unha reedición do mesmo, corrixindo cousas, normativa, e engadindo algúns relatos novos, co título de "Ártico 2.0".

Non me convenceu demasiado. Había relatos bos, outros regulares, outros que non me dicían nada, non atopei moita continuidade lendo a obra. Algúns apuntaban moi boas maneiras, pero ao ser moi breves, remataban sen que me dera tempo a engancharme.

Seguro que lle darei máis oportunidades a este gran escritor do que teño moi boas referencias, pero recoñezo que me decepcionou que algo así como un libro de relatos mariñeiros e viaxeiros non me entusiasmara. Que lle imos facer!!

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-03-2013 11:25
# Ligazón permanente a este artigo
Javier Reverte polo Ártico canadiense

Aproveitando que, por desgraza, nesta Semana Santa non saín de viaxe a algún sitio, como é costume, propúxenme compensar esa terrible perda lendo, outra das miñas paixóns e que podo practicar moito menos do que me gustaría. E ademais escollín obras que tiveran que ver coa literatura de viaxes, para polo menos facelo coa mente.

O primeiro libro que lin nestes días foi "En mares salvaxes", de Javier Reverte, un dos mellores escritores de viaxes que hai en España. Xa lin uns cantos libros del, e aínda que lle teño visto algúns detalles que non me gustaron demasiado, está claro que conta cousas moi interesantes para os que nos gusta viaxar.

Por se fora pouco con todos estes precendentes, neste libro fala dun territorio do que non tiña nin puñetera idea, o Artico canadiense, e da súa exploración, principalmente polos ingleses, nos séculos anteriores.

Faino aproveitando que no verán de 2008 foi nun cruceiro que atravesou polo Paso do Noroeste, o lugar polo norte de Canadá que permite ir do Atlántico ao Pacífico sen ter que baixar ao Canal de Panamá ou rodear toda América. O ano anterior, o 2007, foi o primeiro da era moderna na que ese paso estivo totalmente aberto durante varias semanas, sen bloquerase polo xeo e a neve. Clara mostra do avance do cambio climático.

O cruceiro estaba organizado por unha empresa australiana, ían nun buque ruso, e case todos os asistentes eran ricachóns do mundo anglosaxón, que polo visto enchen os cruceiros en todas as partes do mundo, tamén no Ártico.

Aparte de describir as magníficas paisaxes e escenarios, conta a historia dos exploradores desa zona, como Frobisher, Franklin, Parry, Amundsen. Dedica moitas páxinas á historia de John Franklin, que ten moi boa fama nas Illas Británicas, aínda que parece que era bastante mediocre, e morreu na última das súas travesías. Porén, foi o noruego Roald Amundsen o primeiro que percorreu o Paso do Noroeste.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-03-2013 11:18
# Ligazón permanente a este artigo
Il Gatopardo
Onte mesmo vin no CGAI da Coruña unha interesante e histórica película: "Il Gattopardo".

Supoño que a elixirían porque se rodou no 1963, hai 50 anos, sobre algo que sucedera un século antes desa data. Dirixida por Luchino Visconti, e con Burt Lancaster, Alain Delon e Claudia Cardinale nos principais papeis. Semella unha superprodución italiana á que conseguiron atraer a Burt Lancaster e Alain Delon, porque nós vimos a versión orixinal en italiano.

Para quen non saiba de que vai, está baseada na novela do mesmo título de Guiseppe Tomassi di Lampedusa. Trata dos cambios sociais que produce na nobreza siciliana a revolución de Garibaldi, que acaba producindo a unificación de Italia nunha única nación, a mediados do século XIX.

Menciónase en varios momentos a famosa frase desa novela, que vén sendo algo así como que "ten que cambiar todo para que todo siga como está". Dá a entender que, en moitas ocasións ou polo menos nesa, a revolución ía deixar as cousas máis ou menos como estaban, e a nobreza non estaba especialmente preocupada por eses feitos, xa que coñecían o caracter do seu país, e especialmente o dos sicilianos.

Máis curiosidades, sae cun papel secundario bastante importante un "anónimo" actor italiano, chamado Mario Girotti, que uns anos máis tarde se faría famoso como reparte-ostias co nome de Terence Hill, facendo parella con outro italiano de nome Bud Spencer.

E para rematar, eu non estiven na guerra (e espero manter esa racha) pero do cine, televisión e sentido común algo se aprenderá, pero eu diría que as esceas de guerra que se ven ao comezo da película eran bastante trapalleiras, veíase con certa claridade o movemento de soldados e tropas nas rúas das vilas sicilianas, e non tiñan moito sentido, non me explicaba como non mataban a máis, como non disparaban cando tiñan un contrincante a un metro de distancia, inexplicable.... E por se fora pouco, vin clarisimamente como nunha escea, un actor que facía o papel dun fusilado xa morto (foran fusilados uns minutos antes) abría os ollos cando pasaba un pelotón ao seu lado.

Conclusión: que a película está ben, que son moi interesantes as reflexións políticas sobre Italia e Sicilia que fai sobre todo o Príncipe di Salina (Lancaster), que o vestiario e os bailes están moi ben traballados, pero noutras cousas parece que Visconti non era tan xenial.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-03-2013 15:30
# Ligazón permanente a este artigo
Fotos da costa de Lisboa

O outro día o noso amigo Manolo Graña proxectou máis fotografías da súa colección persoal, neste caso da costa de Lisboa.

Puidemos ver fotos de Ericeira, Sintra, Lisboa, Setúbal, costa da Caparica, Sesimbra, etc. Vellas lembranzas de lugares que hai máis de 10 anos que non piso, haberá que volver nunha destas......

Esta foto que vos deixo creo que é unha das prais fósiles que hai na Costa da Caparica. Os que agora son acantilados antes eran praias.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-03-2013 15:12
# Ligazón permanente a este artigo
Al carajo la poesía!
Con un espectáculo teatral que tiña este título pechábase a edición deste ano de Coruña Maiúscula.

Resultou unha obra variable, con partes moi interesantes, e outras máis aburridas, pero que sempre aborda ideas, perspectivas e territorios interesantes.

Interpretouna o grupo salmantino Raízde4teatro.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-03-2013 15:08
# Ligazón permanente a este artigo
Nao - Cancións de amor e liberdade
A outra noite (e non contaba con poder facelo, polas datas nas que se celebraba) achegueime ao Mardigras para ver por primeira vez a un dos meus grupos galegos favoritos: Nao.

Un dos grupos galegos actuais que espallan o uso do galego en múltiples xéneros musicais, no seu caso, no rock duro, un dos que menos me desagrada.

E o facían nesta ocasión para presentar o seu novo disco, titulado "Cancións de amor e liberdade".

Non eramos moitos os asistentes (coido que uns 25 ou 30) pero axiña engaiolaron ao persoal (a gran maioría xa ían engaiolados) e tocaron cancións do seu novo disco e tamén algunhas dos anteriores.

Un detalle moi chulo é que a entrada era moi barata (5 euros) pero é que se pagabas só 3 euros máis, xa podías levarte tamén o seu novo disco. Xente adaptada aos novos tempos.

Poño un video que hai en Youtube, que casualmente é da última pista, que está oculta, do seu novo disco, titulada "Mafia".

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-03-2013 15:04
# Ligazón permanente a este artigo
As crónicas de Bran

O outro día asistín á presentación dun "estraño" libro. Non sei se o acabarei mercando e/ou lendo (é improbable) pero o esforzo da edición merece ser publicitado.

En primeiro lugar, cónstame que na cidade da Coruña ese libro xa foi presentado en varios sitios, todos pequenos e que non acollen presentacións de libros con frecuencia, entre eles un local de hostelería. Só por iso xa vale a pena volcarse un pouquiño. Eu vina na nova librería "Suévia", unha pequena libraría de barrio na Agra do Orzán, concretamente na Villa de Negreira, á que desexamos longa vida.

Por outra banda, esta obra é das primeiras de "Contos estraños", que non sei se é unha editora independente ou unha colección doutra, pero dende logo ten unha moi grande (se cadra total) vinculación con Urco Editora, outra editorial galega á que apoiamos en todo o que podemos.

O libro en cuestión é "A revolta dos Mestres", que é o primeiro volume dunha triloxía (os outros dous están en preparación) titulada "As crónicas de Bran", e é do xénero da fantasía heroica ou épica, como se lle queira chamar. Está escrita por Xosé Duncan, que polo que se ve, estase facendo axiña un nome nese xénero en Galicia e en galego, se é que non o tiña xa, que non o descarto, porque o meu descoñecemento é total nese ámbito.

Así que ánimo a estas novas iniciativas, que nunca están de máis.

Saúdos.
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-03-2013 14:56
# Ligazón permanente a este artigo
O reiseñor do Emperador
E para rematar esta densa semana cultural fun ao CGAI a ver unha destas cousas "estrañas" que só se poden ver alí. Concretamente tocaba "O reiseñor do emperador", dirixida por Jirí Trnka.

O único que sabía antes de entrar era que se trataba dunha película checa de animación do ano 1949. Está claro que con esas credenciais, moita xente comezaría a suar frío.

No vídeo que vos poño, o único que atopei en Youtube que semellaba tratar desta película, vense algunhas esceas do comezo da película, casualmente case as únicas que son con persoas reais, todo o demais é cunha técnica do estilo da stop-motion (digo eu que farían algo así, vaia).

Creo que está baseada nunha historia tradicional, seguramente chinesa, porque trata dun emperador chinés que estaba buscando algo que lle divertira, ata que unha nena lle amosou un reiseñor que cantaba moi ben. Como na película non hai o máis mínimo diálogo, eu interpretei que a historia era así, pero tampouco podo aseguralo.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-03-2013 10:42
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal