Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

En clave de sol, de Rosalía Fernández Rial
Hai moi pouco presentouse na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda o primeiro poemario de Rosalía Fernández Rial, titulado "En clave de sol".

Resulta unha voz moi innovadora, e estivo acompañada no seu recitado polo guitarrista Brais Morán, do grupo Loretta Martin.

Na presentación tamén estivo Victoria Louro, da Comisión da Muller da A. C. Alexandre Bóveda, e as poetas coruñesas Emma Pedreira e Olga Patiño.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 07-03-2010 17:38
# Ligazón permanente a este artigo
Confusión sen fin, de Fernando Gago
Hai moi poucos días inaugurouse na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda a exposición fotográfica "Confusión de fin", do fotógrafo Fernando Gago, leonés afincado en Lugo dende hai décadas.

Consiste nunha serie de obras surrealistas, que recorda algo a Dalí, cun elemento recurrente que é o paso do tempo, xa que forman unha especie de bodegóns con froitas que teñen no seu interior mecanismos de reloxos.

Pódese ver durante todo o mes de marzo de 2010.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 07-03-2010 17:31
# Ligazón permanente a este artigo
María Wonenburger
Hai poucos días tiven a fortuna de poder coñecer en persoa á que seguramente é a mellor matemática galega da historia. Funlle facer unha entrevista para a emisora CUAC FM, que se vai emitir nun especial de 3 horas sobre o "Día da Muller Traballadora". Terá lugar o martes 9 de marzo de 2010, aproximadamente de 4 a 7 da tarde.

A muller chámase María Wonenburger, vive na Coruña dende hai case 30 anos, e tivo unha vida dedicada á ciencia de primeiro nivel que, por suposto, é totalmente descoñecida por case toda a poboación.

Naceu a finais dos anos 20 en Oleiros. Como a súa familia era algo liberal e tiñan unha fundición, chegaron con ela ao acordo de que estudiara Matemáticas (o que ela quería) e despois Enxeñería Industrial (para levar a industria familiar). Só se cumpriu a primeira das dúas fases.

Xa bastante nova conseguiu unha bolsa para ir a estudar a Estados Unidos. Agás tres anos, non volvería máis a Galicia ata os anos 80. Traballou en varias universidades estadounidenses e canadianas, con matemáticos de primeiro nivel, como Nathan Jacobson e Stephen Berman. Incluso dirixiu a tese doutoral de Robert Moody, que deu lugar á teoría Kac-Moody.

Pero tamén tivo sensabores na súa vida matemática. Fixo dúas teses doutorais: a primeira en Estados Unidos, que non lle foi validada aquí, e a segunda aquí, que non lle serviu para obter o título de doutora.

E o máis duro foi o final: cando tiña uns 55 anos, a súa nai enfermou e tivo que vir a Galicia a coidala. Segundo ela mesmo di, amaba moito as matemáticas, pero ante esa encrucillada, non dubidou o máis mínimo sobre o camiño que tiña que coller.

Agora segue vivindo na Coruña e é doado que nos crucemos con ela pola rúa.

Póñovos unha foto de María Wonenburger sacada por Quique Pujales, sostendo na man un número da revista matemática Tetractis, editada por Gonzalo Temperán no Instituto de Monelos da Coruña.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 07-03-2010 17:15
# Ligazón permanente a este artigo
A piragua
Hai uns días tiven a sorte de poder ir, esta vez si, a ver a obra de teatro "A piragua", de Cándido Pazó.

Fora representada hai uns anos polo Centro Dramático Galego e tivera un moi grande éxito, pero eu non puidera velo, e quedara coas ganas. Semella que o autor e o mesmo elenco de actores decidiron montar unha compañía (se cadra só para esta montaxe) para seguir representándoa, e esta vez non a deixei escapar.

Os actores son do mellorciño do teatro galego, como pode verse na foto, Xosé Manuel Olveira "Pico", Susana Dans, Marcos Orsi, César Martínez "Goldi", Iolanda Muíños, Ricardo de Barreiro e Mariam Bañobre.

A historia xira en torno ao maltrato de xénero, dun xeito moi sutil, e parte dalgo totalmente absurdo, que dá título á obra. Nunha reunión da comunidade de propietarios do edificio, onde só están presentes algúns dos personaxes, unha persoa bótalle en cara a outra que na súa praza de garaxe ten unha piragua, e non un coche. Se queredes saber como desemboca iso nunha historia de violencia doméstica, teredes que ver a obra.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-03-2010 16:59
# Ligazón permanente a este artigo
Deconstruçom, de Susana Sánchez Aríns
Hai uns días, algúns (poucos) tivemos o privilexio de asistir a unha das presentacións de libros máis divertidas que teño visto.

A escritora da Estrada pero asentada e traballando no Salnés Susana Sánchez Aríns presentaba na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda o seu primeiro poemario "Deconstruçom", obra ganadora do XXI Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé.

Claro, pensando fríamente alguén podería ser presa dos prexuízos típicos, que se o primeiro poemario dunha autora, que se está escrito en galego reintegracionado, etc. Pois nada máis lonxe da realidade. Moi ameno e sorprendente.

Obxectivo da obra: a muller mercou unha casa de aldea e decidiu facer algo así como un diario da obra de reforma ou construcción da casa, incluíndo poemas aos tixolos (ladrillos), uralitas, etc. Todo o que se puxera a tiro na obra. Casualmente a obra rematouse moito antes que a casa, que aínda está nacendo.

Presentación: despois de contarnos todo isto Susana cunha graza e simpatía inhabitual, organizou un xogo. Repartiu entre o público pequenos papeis onde ían palabras que aparecen na súa obra (de dubidoso significado) con tres posibles acepcións, e había que acertar co correcto. Ao que acertaba (aínda que fora a terceira, a mestra de ceremonias non era moi esixente, a verdade) dábaselle como agasallo un tixolo de gominola.

Déixovos un pequeno vídeo da presentación que fixo coa A.C. Vagalumes, na Estrada. Por certo, na nosa presentación tamén estaba o editor da obra en Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán-Vello.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.

Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 07-03-2010 16:49
# Ligazón permanente a este artigo
Un home solteiro
O anxiño que coida de min chamoume hai uns días para ir ver unha película, a min, que xa non son moi dado a eses espectáculos porque xa perdín parte do meu entusiasmo polo cine actual, dada a súa mediocre calidade máis que demostrada.

Nesta ocasión a elixida era unha película que, polo visto, está moi ben valorada e incluso acabo de ver que o seu actor principal, o británico Colin Firth, está nominado aos Oscars deste ano.

Non digo eu que non faga un bo traballo, e parece que tanto el como a película lle están gustando á xente (por exemplo, ás persoas que me acompañaban no cine).

Pero a min pareceume unhas das películas e historias máis insulsas que vin en moito tempo. Será que a contaban dun xeito que non me enganchou, que agora xa non sorprende a ninguén unha historia como esa. Pero o caso é que se me fixo pesadísima. Unha vez máis, terei ao cine en cuarentena para vacinarme ante estas cousas.

A historia viña sendo algo así como que un profesor británico que dá clases de literatura nunha universidade americana a comezos dos anos 60 sufre a perda do amante, co que levaba convivindo uns 15 anos, nun accidente de coche. Vai coñecendo e vanse vendo diferentes persoas que se cruzan na súa vida e que tamén están pasando diferentes crises.

Déixovos o trailer en castelán da película.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-03-2010 16:32
# Ligazón permanente a este artigo
50 anos de Brais Pinto
Fun ver unha moi interesante exposición na Casa-Museo Casares Quiroga sobre o grupo Brais Pinto.

Este foi un grupo de galeguistas de diferentes campos que coincidiron a finais dos 50 e comezos dos 60 en Madrid, formado basicamente por: Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Reimundo Patiño, Xosé Fernández Ferreiro, Bautista Álvarez, Ramón Lorenzo, César Arias, Herminio Barreiro e Xosé Ramón Fernández-Oxea ("Ben-Cho-Shey").

Do traballo daqueles mozos saíron diferentes cousas como varias editoriais, coleccións artísticas e poéticas e incluso algún partido político como a UPG.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-03-2010 16:17
# Ligazón permanente a este artigo
John Tilbury
Hai varias semanas asistín a un espectáculo peculiar aos que non adoito ir: un concerto de música clásica contemporánea (ou algo así).

Concretamente era un dos concertos do Festival Sinsal que se celebrou na Fundación Luís Seoane da Coruña. Teño entendido que este festival naceu e sempre se celebraba en Vigo, pero dende hai varios anos parece que descentralizaron o tema e xa hai algunhas actuacións fóra de alí.

John Tilbury é un pianista de máis de 70 anos que fai un tipo de música difícilmente clasificable. Xa vos puxen un vídeo de Youtube para que poidades facervos unha idea do seu estilo.

O programa que interpretou foi o seguinte, todo baseado en obras escritas por Samuel Beckett:
- Cascando: unha peza de radio para música e voz.
- ...but the clouds...: unha obra para televisión.
- Tres poemas tardíos: "Go where never before", "Brief Dream" e "Tailpiece".
- Music for Worstward Ho, baseado nunha novela do mesmo título.

Hai que recoñecer que é unha música estraña, moi peculiar. Pero chamoume moito a atención, era moi sorprendente, nunca sabías que ía ser o seguinte que fixera o pianista (tocar ou menear outros instrumentos de percusión pequenos, golpear ou frotar as cordas interiores do piano con todo tipo de obxectos para producir estraños efectos).

Debo recoñecer que ía con certo recelo pero saín bastante máis satisfeito do que esperaba. Non é a mellor cousa que vin nin oín na miña vida pero sorprendeume gratamente en moitas cousas.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-03-2010 16:12
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal