Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Rosalía na Coruña
Hoxe mesmo pola mañá fun de roteiro pola Coruña. Estaba organizado pola Concellería de Cultura, para celebrar o Día Internacional da Poesía.

Aproveitando principalmente os vínculos de Rosalía de Castro e o seu marido Manuel Murguía á nosa cidade, fixéronse unhas paradas con lecturas, explicacións dun guía (neste caso foi Diego Pardo Amado) e algunhas actuacións musicais. Tamén houbo algunha referencia á emigración, Francisca Herrera Garrido e Curros Enríquez.

As paradas foron:
- A casa da rúa do Príncipe onde vivivon Rosalía e Murguía a comezos da década de 1870. Espérase que sexa a vindeira sede da Real Academia Galega.
- O Xardín de San Carlos.
- O peirao no Parrote, de onde saían os barcos da emigración.
- Os xardíns de Méndez Núñez, a carón do monumento a Curros.
- A rúa Santo Agostiño, a carón da igrexa de San Nicolás, na casa onde viviu Murguía (esta non a coñecía).
- O Teatro Rosalía de Castro, antes Teatro Principal.

Pasouse ben e aprendemos moito, como debe ser.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-03-2010 22:17
# Ligazón permanente a este artigo
As actas escuras

Onte pola noite fun ver a representación da obra de teatro "As actas escuras" de Roberto Vidal Bolaño a cargo do Centro Dramático Galego.

En primeiro lugar dicir que me estrañou que esta obra se representara agora, máis de sete anos despois da morte do excepcional dramaturgo compostelán, que nunca fora representada (creo), e máis aínda nun ano santo e patrocinada polo Xacobeo, tendo en conta que a trama que se conta trata da investigación a finais do século XIX da identidade dos restos que hai no sartego da Catedral de Santiago. Cousas que pasan neste curioso país.

Pero o caso é que a representación é excepcional. Se temos en conta que os actores están espléndidos (a canteira de actores galegos é inesgotable), que a obra é unha marabilla (como escribía este señor!!!), e que o CDG ten moitos medios técnicos e humanos, o resultado non podía ser outro.

Pois nada, que se tedes a oportunidade non o pensedes. A obra é densa, pero está tan ben escrita e tan ben representada que as case dúas horas pasan como se nada.

O elenco é formidable. Empezando por Xulio Lago na dirección, e con actores e actrices como César Cambeiro, Ricardo De Barreiro (contacontos que deu o salto ao teatro con innegable acerto), Ursia Gago, Jouse García, Mónica García, Teté García, César Martínez "Goldi", Xoán Carlos Mejuto, Fernando Morán, Xosé Manuel Olveira "Pico", Rodrigo Roel, Pepe Soto, Agustín Vega e Marcos Viéitez.

Por certo, para concretar máis, direi que a obra fala da investigación que lle encarga o arcebispo de Compostela, Payá e Rico, arredor de 1884, a un dominico chamado o Padre Mauro, con gran prestixio científico como arqueólogo. Este decide levar tamén ao seu sobriño Casiano, licenciado en Historia e krausista declarado. Estes dous investigadores teñen unha amplitude de miras e unha mente aberta que choca cos intereses relixiosos da curia, que "desexan" que os restos atopados sexan os do Apóstolo para incrementar o seu poder e atracción de peregrinos.

A historia real chegou ao feito de que o Papa León XIII publicou unha bula na que confirmaba que os restos eran do Apóstolo e dende ese momento incrementáronse moitísimo as peregrinacións a Santiago.

Saúdos.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-03-2010 11:37
# Ligazón permanente a este artigo
Queremos galego outra vez
Pois nada, ante as novas estupideces da Xunta actual con respecto á lingua galega , houbo que concentrarse de novo para plantarlles cara, nas principais cidades e vilas galegas.

Eu fun á da Coruña, na Praza de Pontevedra, un luns ás 8 da tarde, e aínda había xente, varios centos, polo que escoitei das máis numerosas.

Saúdos. Queremos Galego.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 19-03-2010 12:22
# Ligazón permanente a este artigo
O día do pai (teatro)
O outro día fun ver unha simpática obra de teatro titulada "O día do pai", da compañía Malasombra. O director da obra é o actor galego-brasileiro Marcos Orsi, e os actores son Pablo Alvarado, Alberto Rolán, Jouse García, Xoque Carbajal, que casualmente aparecen todos na foto que vos poño.

Basicamente trata dunha clínica de reproducción asistida onde citan a tres homes que poderían acabar sendo os pais dunha criatura que quere ter unha muller que coñecen os tres. Alí decidirase quen pode ser o pai máis acaído para esa estraña situación.

Resultou divertida, aínda que iso era previsible xa que a situación dá moito de si, non hai que rascar moito para sacar petróleo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-03-2010 12:17
# Ligazón permanente a este artigo
CSI Atapuerca
Hai uns días asistín a unha interesantísima charla impartida na Domus da Coruña sobre as escavacións de Atapuerca.

Impartiuna unha bióloga e paleontóloga que leva moitos anos traballando nesa escavación, chamada Ana Gracia Téllez, baixo o título de "CSI Atapuerca".

A claridade na exposición e divulgación dos avanzadísimos achádegos que atopan en Atapuerca foi excepcional. Como ben dixo a relatora, por desgraza o tema da divulgación científica non é nada valorado polas institucións e administracións, e o que se fai é de xeito totalmente altruista. Que lle imos facer!! En todo caso, sempre que poidamos, seguiremos asistindo a estes actos altruistas que tanto nos satisfan.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-03-2010 12:11
# Ligazón permanente a este artigo
Especial en CUAC FM sobre o Día da Muller
O martes 9 de marzo emitiuse un programa especial na emisora CUAC FM conmemorando o Día da Muller Traballadora, que se celebraba o día anterior.

Digo esto porque a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda ten o seu programa de radio semanal nesta emisora, chamado "Recendo", todos os martes de 7 a 8 no 103.4 na comarca da Coruña. Tamén pode escoitarse por Internet na páxina da emisora, da que puxen un enlace aí abaixo, neste mesmo artigo.

E, obviamente, implicámonos a fondo nese programa, especialmente a nosa Comisión da Muller.

Se queredes escoitar o programa, que durou case catro horas, podedes ir á páxina da emisora e alí hai enlaces a podcasts onde pode escoitarse. Tamén hai enlaces a videos de Youtube a unha das partes máis "divertidas", unha tertulia dramatizada para amosar as diferentes posturas machistas e feministas chamada "O debate a hostias".

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
CUAC FM
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 19-03-2010 11:55
# Ligazón permanente a este artigo
El Desván de los Monjes
Pois si, vai ser certo. O actual Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, D. Roberto Varela, o que presume de cultura cosmopolita adquirida en NY, e que di que a cultura galega "limita", vai deixar atrás ao mítico Xesús Pérez Varela, homólogo nas Xuntas de Fraga.

Se aquel xa chegara moi alto con perlas como dicir que Carmiña Burana era unha cantante galega, o actual non queda atrás, porque en FITUR, falando de paquetes turísticos sobre diferentes comarcas galegas, chega a chamarlle "El Desván de los Monjes" a Sobrado dos Monxes.

E esta xente aínda ten a vergoña de chamarnos ignorantes aos que defendemos a cultura autóctona.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-03-2010 00:10
# Ligazón permanente a este artigo
7 Sereas
Hoxe mesmo asistín a un evento musical dificilmente repetible. Un concerto titulado 7 Sereas para conmemorar o Día da Muller Traballadora.

As sete cantantes galegas que se citaron hoxe no Teatro Rosalía de Castro foron: Guadi Galego, Uxía Pedreira, Silvia Penide, Sonia Lebedynski, Uxía Senlle, Rosa Cedrón e Mercedes Peón. Cada unha cantaba dúas cancións soa e outra a dúo coa seguinte cantante que saía ao escenario. Ao final cantaron un par de cancións todas xuntas. Todo iso amenizado pola música do pianista Paulo Borges, das Illas Açores.

Un espectáculo irrepetible, dunha calidade moi por enriba da media.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-03-2010 23:54
# Ligazón permanente a este artigo
Barón Rojo
Unha destas noites disfrutei moito no concerto que ofreceu o mítico grupo de heavy-rock Barón Rojo no Coliseo da Coruña. A formación orixinal está de xira porque se cumpren 30 anos da formación do grupo.

Recoñezo que só tiña un disco desta banda, titulado "En un lugar de la marcha", e que estiven buscando en Youtube outras cancións coñecidas do grupo, que sabía que tiñan que ser moitas. Había que coller certa base para saber a que íamos asistir.

A verdade é que o pasei moi ben, aínda que finalmente non coñecía tantas cancións, xa que algunha das máis famosas non a tocaron (p.e. "Casi me mato") e ademais o concerto tivo tres bises longos e durou case tres horas. Os tipos, a pesar de ter uns 50 anos, aínda teñen enerxía.

Déixovos uns videos con varias das cancións máis representativas do grupo. Para os que non lles guste este estilo musical ou este grupo concreto, recoméndase ver as letras deste grupo, dunha calidade moi por enriba da media.

Saúdos.





Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-03-2010 17:56
# Ligazón permanente a este artigo
Faladoiro e Farra con Pablo González Mariñas sobre o posicionamento da Galiza na nova Europa
Este día tivemos unha edición máis dos "Faladoiro e farra" que organiza a A. C. Alexandre Bóveda no Club do Mar o primeiro venres de cada mes.

Nesta ocasión o introductor e poñente do tema era Pablo González Mariñas, parlamentario na lexislatura anterior e Conselleiro de Presidencia e Administración Pública na Xunta presidida por Fernando González Laxe.

Como especialista en Dereito e gran coñecedor de Europa (incluso se presentou a unhas eleccións europeas) falounos sobre o posicionamento de Galiza na nova Europa.

Como sempre, resultou unha experiencia moi agradable.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 07-03-2010 17:48
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal