Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Cerezos en flor

Ese anxiño que me coida (a pesar do mal que o trato) e que insiste en que vaia ao cine con el (ela) deume unha agradable sorpresa hai pouco (por desgracia, non sempre é así).

Fomos ver unha película alemá chamada "Cerezos en flor". Como xa dicimos moitas veces aquí, abstéñanse as persoas convencionais, pode darlles un derrame cerebral.

A ver se consigo contar concisamente de que vai (hai boa parte da película que é mellor non desvelar). Será doado: unha muller alemá duns 60 anos é informada polos médicos de que o seu marido ten unha enfermidade que acabará coa súa vida dentro de non moito tempo, pero que non dará síntomas e aparecerá "por sorpresa", cerca do final. Recoméndanlle que aproveite os últimos tempos con el para ser felices e facer cousas que teñan pendentes. Ela vai falando con el, propoñéndolle algo que os saque do seu entorno, pero sen desvelarlle o secreto, por suposto. Pero el é unha persoa moi rutinaria, e non entende nin comparte esas propostas.

Deciden primeiro ir a Berlín (vivían nunha zona case rural) a visitar a varios dos seus fillos. Pero os seus fillos están incómodos coa visita, non a entenden, e dá lugar a situacións algo tirantes. O seu fillo máis idolatrado hai anos que vive en Xapón. E como a nai está namorada dese país (especialmente dalgunha das súas manifestacións culturais, como o teatro butoh) suxire ir visitalo.

E como diría Mayra Gómez Kemp, "ata aquí podo ler". Nese intre, pasa algo totalmente inesperado, e o curso da historia xira radicalmente.

Moi recomendable para mentes abertas e pouco convencionais.

Saúdos.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-03-2009 13:06
# Ligazón permanente a este artigo
Niceto Alcalá-Zamora
Hai pouco asistín a unha charla-tertulia en Villa Florentina (sede da Fundación Wenceslao Fernández-Flórez) onde se falaba da figura do bastante descoñecido Niceto Alcalá-Zamora.

Unha figura da República que fica "oculta" polo brillo doutras daquela época, tan rica e densa en acontecementos.

É curioso que tivera unha ideoloxía bastante oposta a moitos outros dos republicanos de prestixio, como Azaña, pero a pesar diso semella que era unha persoa apreciada por boa parte da clase política.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-03-2009 12:54
# Ligazón permanente a este artigo
Extrarradios

Hai unhas semanas fun ver unha obra de teatro galega bastante interesante. Chámase "Extrarradios", é de Eduardo Alonso, e as actrices son Luma Gómez e Victoria Pérez.

Trata sobre o encontro casual nunha parada de autobús dunha mendiga e dunha prostituta. Comeza dun xeito algo previsible pero segundo avanza a obra vai dando xiros cada vez máis interesantes.

A ver se sodes capaces de distinguir na foto aos dous personaxes.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-03-2009 12:46
# Ligazón permanente a este artigo
Áncora no Alén (homenaxe a Urbano Lugrís)
Hai algún tempo un grupo de artistas da bisbarra, coordinados por Nacho Baamonde, propúxonos facer unha exposición de gravados en homenaxe a Urbano Lugrís.

Nós estabamos daquela pensando en facer un seminario de arte contemporánea que incluíra unha charla sobre Urbano Lugrís, que no 2008 cumpriría 100 anos de vida.

Perfecto. Todo encaixaba. Pedímoslle ademais a Nacho que dera esa charla, cousa que fixo hai poucas semanas, de xeito moi pedagóxico, profundando na obra máis descoñecida do autor, e relacionándoo coas súas influencias. Poñía un cadro doutro autor, e a continuación un de Lugrís no que se vía claramente a influencia e semellanza.

Déixovos cunha foto na que aparecen algúns dos gravadores no día da inauguración.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 29-03-2009 12:41
# Ligazón permanente a este artigo
Saída do Entroido para Viaxes O Lóstregho

Neste entroido andamos por cerca, pero nunha bisbarra que case non tocáramos: o norte da provincia de Pontevedra, en torno á nacional, ou sexa, Valga, Cuntis, Caldas, etc.

Fixemos principalmente sendeirismo, sobre todo no concello de Cuntis. Tamén algo en Caldas, onde fixemos a curta pero espectacular Rota da Auga. Poñemos unha foto que non fixemos nós pero temos outras similares.

Que relax!!!

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-03-2009 16:30
# Ligazón permanente a este artigo
O Centro Social Própolis
Hai unhas semanas, a proposta duns colaboradores, a xente do Centro Social Propolis veu presentarse á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Fixeron unha presentación bastante amena e exhaustiva de todo tipo de campañas e actividades que facían, e penso que algunha cousa conxunta poderemos facer, con proveito para todos, que é o que importa.

Para os que non o saiban, está na rúa Barcelona, no tramo final que non vai seguindo recto ao máis coñecido, senón que xira cara á dereita para xuntarse coa rúa Páramo. Está nun soto, debaixo dunha librería de segunda man, tamén moi activa.

Xente con ideas frescas e sen complexos. Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-03-2009 16:20
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal