Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Papaventos no Ceo

Onte fun ver unha película marabillosa. Teño un anxiño que se preocupa moito pola miña cultura cinematográfica e que está conseguindo que volva ás salas de cine.

A película chámase "The Kite Runner" que textualmente significa o "corredor" de papaventos (cometas en castelán, para os menos espabilados). Na versión española chámanlle "Cometas en el cielo". A música é do donostiarra Alberto Iglesias, que estivo nominado aos Oscar por este excepcional traballo.

Trata da amizade de dous nenos en Afganistán, pouco antes de que cheguen os rusos, a finais dos anos 70. De como xogan xuntos e fan equipo xogando ás cometas, pasatempo moi popular naquelas terras.

Fálase tamén da ruptura daquela amizade, da discriminación por razas, de como un deles ten que escapar cando chegan os rusos, e como recibe novas moitos anos despois, cando xa é un escritor de éxito nos Estados Unidos, da sorte que correu o seu amigo.

Unha historia fermosa, sensible, e moi axeitada para escapar da estupidez dominante que nos asulaga actualmente.

Saúdos.
Ficha da película na Internet Movie Database
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-03-2008 16:48
# Ligazón permanente a este artigo
Acústico Feminino
O outro día celebrouse no Teatro Rosalía da Coruña un concerto en conmemoración do Día da Muller Traballadora.

O cartel era moi completo:
- O grupo caboverdiano Batuko Tabanka
- O grupo galego de pandeireteiras Leilía
- O grupo galego Nordestinas

A presentadora foi Lucía Aldao. Non o fixo nada mal. Incluso cantou, e fíxoo con arte.

Primeiro actuou Batuko Tabanka, grupo da Mariña formado polas mulleres dos caboverdianos enrolados como mariñeiros. Non teñen instrumentos musicais, só unha especie de pequeno "coxín" alongado que poñen entre as pernas e que golpean cos brazos, que recibe o nome de Batuko, de aí o seu nome. É unha experiencia interesante velas e ouvilas, pero resultoume moi monótono. Todas as cancións parécenme semellantes. En moitas das pezas saía algunha das once integrantes a bailar, e algunhas amosaban un movemento de cadeira verdadeiramente prodixioso.

Despois actuou Leilía. Xa as vin máis veces, e coido lembrar que a primeira parte é máis tradicional e na segunda axúdanse dun grupo con batería, baixo e algo máis. Esta vez só houbo a primeira parte. Pero como sempre, moi ben, son toda unha garantía.

E, por último, as Nordestinas, con Guadi Galego, Ugía Pedreira e Abe Rábade, que tamén son toda unha garantía.

Ao final todas xuntas, incluída Lucía Aldao, cantaron unha curiosa versión do "Eu chorei chorei o domingo á tarde". Bonita noite.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-03-2008 22:52
# Ligazón permanente a este artigo
Tertulia sobre Xulio Camba

O domingo pasado fun á Villa Florentina, a sede da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, en Cecebre. Xa sabedes que vou con certa frecuencia.

Esta vez era pola tertulia que teñen o primeiro domingo de cada mes sobre algún persoeiro galego salientable. E esta vez tocaba falar de Xulio Camba.

Nacido en Vilanova de Arousa, a súa vida foi bastante peculiar. Ganouse a vida, principalmente, como articulista en moitos xornais. E hai que recoñecer que escribía moi ben, e con moita retranca. Pero semella que era bastante vago.

Estivo de corresponsal de moitos xornais en moitos países, pero duraba pouco tempo en todas partes porque era moi retranqueiro e o seu humor non era entendido case en ningures, e porque algunhas cousas tamén parece que as facía para amolar. Por exemplo, en Francia poñía podres aos franceses e todos os seus mitos, íase a Alemania, e o mesmo... así non había xeito.

As opinións sobre o galeguismo e a lingua galega, mellor esquecelas tamén. Hai que tomalas de quen veñen. Os argumentos tontos que utilizaban hai uns anos os de Galicia Bilingüe. Agora póñense unha carauta para finxir máis democracia, pero....

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-03-2008 13:22
# Ligazón permanente a este artigo
Rebeldías posibles
Onte pola noite fun ao Fórum Metropolitano da Coruña a ver, unha vez máis, ao grupo madrileño de teatro Cuarta Pared, para gozar coa súa última obra, titulada Rebeldías posibles.

IM-PRESIONANTE. Esta é, como mínimo, a cuarta obra que vexo desta compañía, algunhas aquí e outras na súa propia sala de Madrid (situada cerca da Estación de Atocha). Que cousas ten a vida!!! Cando vou a Madrid, en vez de ir aos cursis musicais de tanta fama, vou á Sala desta xente, que está nun barrio non moi céntrico. E cada vez que o fago convénzome que é a mellor opción.

Como dicía, a obra de onte, alucinante, coma sempre neles. Trata dun tal García, que está reclamándolle a unha empresa de telefonía 28 céntimos que lle cobraron de máis (lembra inicialmente a "Don Erre que Erre", de Paco Martínez Soria, pero estes son bastantes máis intelixentes que o Cazurro de Tarazona).

Ao redor deste García móvense outros que tamén teñen cousas que reclamar, pero que non se atreven ou non saben como facelo: unha veciña a quen se lle caeu o teito do seu piso e ninguén lle fai caso, un home que quere apostatar da Igrexa Católica pero o seu párroco négase, un pai viúvo que non consegue que a súa filla coma e ela encamíñase cara á morte....

Como sempre no caso desta compañía, crítica social en estado puro e incitación á rebeldía civilizada, fuxida do conformismo e do pensamento único, e uns actores e actrices absolutamente versátiles e convincentes.

Sen contar ás compañías galegas, penso que esta, xunto con Teatro Corsario (Valladolid), Tantakka Teatroa (Euskadi) e Animalario (Madrid) son do mellor que hai no estado español, con diferenza.

Saúdos.
Compañía Cuarta Pared
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-03-2008 13:18
# Ligazón permanente a este artigo
O humor non engorda
Tamén nesta semana pasou polo local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda o debuxante Kiko da Silva, para presentar o seu último libro publicado por Biblos, titulado O humor non engorda.

Contamos coa presenza de Tucho Calvo, un dos fundadores desa excepcional empresa cultural chamada Biblos, que xa está cumprindo os cinco anos, e con Siro López, mestre de humoristas gráficos galegos.

Kiko contou cousas moi interesantes, falou do que lle está custando sacar adiante a revista Retranca, pero quere facelo sen subvencións para non estar atado e poder falar do que queira. Interesantísima proposta.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 02-03-2008 13:07
# Ligazón permanente a este artigo
Sextinario: trinta e seis + tres
Na última semana pasou polo local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda a poeta Marica Campo, para presentar o seu último libro, titulado Sextinario: trinta e seis máis tres, onde fai uso das sextinas, unha arte poética non moi común.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 02-03-2008 13:01
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal