Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Nós, de Evgenii Zamiatin
Si, este ano cúmprense 100 anos da primeira publicación da Revista Nós en Ourense, e seguro que algún artigo haberá este ano sobre esta temática.

Pero casualmente nestes días de entroido compostelán tiven a oportunidade de ler a novela "Nós" do escritor ruso Evgenii Zamiatin, que é do que vou falar agora. Concretamente lin a tradución ao galego editada por Hugin e Munin.

Resultoume moi pesada. Transmitíame unhas ideas similares a "Un mundo feliz" de Aldous Huxley e "1984" de George Orwell", lidas hai moitos anos e que me gustaran moito, pero con esta non me pasou o mesmo.

Resulta que esta novela é máis antiga (aproximadamente de 1922) que "Un mundo feliz" (1932) e "1984" (1949), e parecería que puido inspiralas. Os autores das outras dúas dixeron posteriormente que esta distópica novela rusa lles agradaba, pero a influencia neles foi moi diferentes. Aldous Huxley dixo que leu "Nós" despois de escribir a súa obra; de ser certo, hai que recoñecer o mérito ao crear "Un mundo feliz". George Orwell, pola contra, recoñeceu claramente a súa influencia: despois de ler a novela de Zamiatin, o primeiro que fixo foi escribir "1984".

Cos moitos anos de diferenza entre as súas respectivas lecturas, "Nós" aburriume máis, e xa me soaba a coñecida, pero claramente iso foi culpa de que foi a última en chegar ás miñas mans, a pesar de ser a máis antiga. Supoño que o feito de que as outras pertencen ao mundo literario anglosaxón lles facilitou facerse máis famosas a nivel planetario.

Entón, a historia vai máis ou menos do de sempre. Un mundo onde todo funciona moi ben, sempre que te limites a facer o que ALGUÉN decidiu que debías facer. Incluso as relacións sexuais están reguladas e controladas polo goberno único. Por iso, cando aparece o amor entre dous cidadáns, que non teñen nomes, senón que se identifican mediante un código, o lío está asegurado.

Saúdos.

Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-02-2020 17:11
# Ligazón permanente a este artigo
O último soño de Cleopatra

Nestes días de entroido en Compostela puiden ler a novela "O último soño de Cleopatra", de Christian Jacq, que xa debía levar uns cantos anos na miña casa agardando a ser lido, facilmente 5 ou 6.

Este autor parece ter unha grande fascinación polo antigo Exipto, e xa hai tempo lera unha obra que supostamente pretendía ilustrar sobre a súa mitoloxía, ou algo así, pero resultoume totalmente infumable, así que case prefiro esquecer o seu título.

Esta novela resultou bastante máis lixeira e dixerible. Acabo de documentarme e semella que conta, con certa fidelidade, a historia do encontro entre Cleopatra e Xulio César, que durou unhas cantas semanas ou meses, aínda que lles deu tempo a concebir ao seu fillo Cesarión.

Debeu ser un intenso momento da historia antiga, en torno ao ano 50 a.C., cando se dirimía unha loita podo polo poder no Exipto dos Ptolomeos, de cultura grega e pouco queridos polo pobo exipcio, e algo parecido sucedía en Roma, co seu primeiro Triunvirato, formado por Pompeio, Craso e Xulio César. Craso xa morrera, e na loita entre os dous que quedaban, precisamente os exipcios mataron a Pompeio porque percibiron que Xulio César era "cabalo gañador".

Nese momento Cleopatra (cuns 20 anos) e Xulio César (con algo máis de 50) coñecéronse en persoa dunha forma bastante curiosa e parece que se gustaron, con todas as consecuencias que se derivaron para os seus dous imperios.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-02-2020 16:47
# Ligazón permanente a este artigo
Entroido en Compostela (e xa van...)

Un ano máis, fuxindo do Entroido da miña cidade, fun a Compostela, onde esa festa que detesto apenas ten incidencia...

Este ano fixo bastante mellor tempo do habitual, porque o máis normal nesta época é a mítica chuvia de Compostela, pero nesta ocasión só orballou, e moi levemento, o último día.

Así que puiden pasear pola rúa e ler nos parques con moita máis frecuencia, e iso sempre se agradece. Deume tempo a ler dúas novelas, das que agora mesmo farei cadansúa publicación. Foron "O último soño de Cleopatra" de Christian Jacq, e "Nós" de Eugenii Zamiatin.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-02-2020 16:26
# Ligazón permanente a este artigo
Million dollar baby
Hai pouco botaban na televisión a película "Million dollar baby". Levara algúns premios importantes, oira falar ben dela, e deille unha oportunidade.

Pero hai que ter en conta que a min non me gusta nada o boxeo nin os deportes de contacto. Hai poucos anos vin "Rocky" (o máximo expoñente deste tipo de cine, creo) e pareceume unha estupidez.

A película comeza máis ben lenta, e pensei en deixala cando levaba unha hora, máis ou menos, non lle veía grande cousa. Pero aguantei e despois mellorou algo.

Chamoume a atención que cando a boxeadora (porque a película trata dunha muller que lle insiste a un adestrador para que lle faga triunfar, e el pasa bastante do tema) comeza a competir a certo nivel, noquea a todas as súas rivais con extrema facilidade. Así que non, non hai combates épicos ganando no último segundo ao borde da morte. Case é unha broma a competición de cantos segundos tarda en noquealas.

Pero chega á competición polo título mundial (ou algo así, que tanto me teñen esas cousas), o combate é moi igualado, e cando parece que vai vencer á súa durísima contrincante, esta, que ten fama de ser moi sucia e retorcida, atácalle polas costas, cae a nosa heroína, e golpea o pescozo contra o seu taburete, que fora colocado polo adestrador na súa esquina, pensando que o combate xa estaba ganado. Escena impactante que cambia por completo a historia que se estaba contando, non se pode negar que ese gran xiro de guión non deixa indiferente.

De aí ata o final vese como non se pode valer por si mesma, teñen que facerlle todo porque está tetrapléxica, ampútanlle unha perna pola gangrena de non moverse nada, etc.

A boxeadora pídelle ao seu adestrador, a única persoa que se preocupa algo por ela, que lle axude a morrer, porque vivir así non serve para nada. E o adestrador acude ao hospital con algúns produtos que poden conseguilo, consegue colarse na habitación unha noite sen ser visto, e inxéctalle algo que lle provoca a morte. A película foi acusada de defender a eutanasia, e é moi probable, si, pero xa se sabe que hai xente que sempre protesta por todo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-02-2020 18:27
# Ligazón permanente a este artigo
Vida ártabra
Cada certo tempo, a Asociación de Veciños Oza - Gaiteira - Os Castros proxecta documentais, case sempre de tema galego, os luns polo serán no Fórum Metropolitano.

O último que fun ver é "Vida ártabra", dirixido por Iago Prada, e que fala sobre a estraña desfeita que está tendo lugar no concello de Cambre para intentar conectar a Vía Ártabra coa autovía A-6 e coa autopista AP-9, que sería como unha nova circunvalación da comarca da Coruña, útil especialmente para os concellos de Oleiros e Sada.

Parece que se vai degradar un espazo natural de gran valor que hai na zona, e parece que se vai converter nunha autopista de pago, e nada diso estaba previsto inicialmente.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-02-2020 18:14
# Ligazón permanente a este artigo
A praia dos afogados
Hai unhas semanas vin a película "A praia dos afogados", aínda que en versión española, porque a botaban na televisión, e non parece que puidera escoller.

Domingo Villar é un tipo do que aínda non lin nada, pero que me atrae, oin falar moi ben del. Merquei hai pouco, con moito retraso sobre a súa saída, "Ollos de auga", que teño entendido que foi o seu primeiro éxito. E en canto vin que botaban esta película na televisión, nin o dubidei.

Estivo entretida, mágoa que fora en castelán, porque a maioría dos actores e actrices eran galegos e bastante recoñecibles. Pero a ver se esquezo algo a historia para que me sorprenda de novo cando a lea no futuro.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-02-2020 00:35
# Ligazón permanente a este artigo
A symphonic celebration of John Williams
Hai unhas semanas, pasaba por A Coruña unha orquestra aparentemente chamada Hollywood Symphony Orchestra. Estiven documentándome algo e parecía unha orquestra americana que toca música de cine, como a Film Symphony Orchestra, de orixe español.

E ían facer un especial sobre John Williams, que é o compositor máis exitoso e prolífico nese difícil arte. Iso si é bastante lóxico.

Pero había cousas que a min non me cadraban. A española Film Symphony Orchestra sempre ten grandes entradas no Pazo da Ópera. Eu miraba en Internet e esta orquestra vendía moitas menos. Algo non me cadraba.

Ao achegarnos ao Pazo da Ópera vimos varios autobuses fóra, aparcados onde se deixan sempre os das orquestras que van tocar, e as súas matrículas eran de Ucrania e/ou Bielorrusia. Cando entramos no recinto, tocounos nas primeiras ringleiras, e ao pasar xunto ao escenario, vimos as partituras en cirílico.

Cando saíron os músicos, tiñan moita pinta de eslavos. E cando saíu o director, que resultou ser Sergey Chernyak, a quen xa vira o ano anterior dirixindo a Strauss Festival Orchestra, no Concerto de Aninovo, e os autobuses eran de Bielorrusia.

En calquera caso, tocaron moi ben, e o público quedou moi entregado e ovacionou ao final.

Tocaron pezas das seguintes películas, compostas por John Williams:
- The cowboys
- E.T.
- O patriota
- Star Wars
- As aventuras de Tintín
- Parque Xurásico
- Superman
- Harry Potter
- A lista de Schindler
- En busca da arca perdida

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-02-2020 00:28
# Ligazón permanente a este artigo
Caio Largo
Nesa colección de películas de cine clásico que me pasaron o ano anterior, tamén estaba "Caio Largo", que algo me soaba, pero vendo o elenco, pensei que podía estar ben. Pero como a última experiencia con Humphrey Bogart con "O Falcón maltés" non fora boa, algo de recelo había.

Pero esta vez si resultou ben. Se cadra parte do éxito estaba en que a obra orixinal era de teatro, cousa que na fita se percibía con certa claridade. Pero polo menos non é un destes líos macabeos do cine negro, con bandas enfrontándose e individuos cambiando de bando continuamente.

Neste caso a idea era moito máis simple. Un tipo chega a un hotel que está nun illado lugar de Florida. Un compañeiro seu da II Guerra Mundial morrera na mesma, e pasaba por casa da familia do seu compañeiro, para coñecelos. Iso coincide cunha tormenta tropical que vai pasar por alí a seguinte noite.

Pero cando chega ao hotel, o ambiente é moi raro, xa que está tomado por unha banda de mafiosos que están esperando a alguén para facer algún intercambio ilegal que lles sae moi beneficioso.

A policía anda rondando por alí, pero por outras cousas, como uns indios da zona que parece que mataron a alguén e escaparon do cárcere. Pero non se enteran para nada da estraña situación que hai no hotel.

En definitiva, uns personaxes ben definidos e interesantes, unha situación curiosa e estraña, que sorprende... moito mellor do esperado.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-02-2020 00:10
# Ligazón permanente a este artigo
Canción de sangue e ouro
Esta foi a última novela longa que lin, foi durante o Nadal. Titúlase "Canción de sangue e ouro" e foi escrita por Jorge Molist.

Mira ti, desta novela lembro bastante máis, aínda que tamén é lóxico porque leva bastantes máis horas lela que ver unha película calquera, e iso fai que se fixen mellor na memoria a historia e os personaxes.

Polo que puiden ver, é unha novela histórica baseada en personaxes reais, e parece que existiron boa parte deles. Nada máis rematar, busquei información en Internet, e todo sucedera máis ou menos como se conta, e algúns personaxes que eu pensaba de ficción, ou existiron, ou están baseados en persoas que existiron, para min totalmente descoñecidos, debido á miña ignorancia.

E algúns deses personaxes ou colectivos chamáronme a atención. Por exemplo, o rei de Aragón Pedro, fillo de Xaime I O Conquistador, que tivo unha época de apoxeo breve pero moi interesante. Ou os almogávares, que eran algo así como unhas tribus que funcionaban ao modo das guerrillas, e que naceron no Reino de Aragón sobre o século XIII, que é a época e lugar na que transcorre case toda a historia. Porque "sangue e ouro" son as cores das enseñas de Aragón.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-02-2020 00:25
# Ligazón permanente a este artigo
Star Wars 9: O Ascenso de Skywalker
Por fin se acabou esta saga. E podería dicir algo parecido dalgo que acabo de escribir para "O falcón maltés". Pasou mes e medio dende que vin a última película desta longa e estirada saga, e apenas lembro xa nada dela.

Hai que recoñecer que marcaron escola e unha tendencia, que as catro últimas décadas do cine non terían sido igual sen elas. Pero claro, xa marearon e estiraron tanto a gran historia inicial, que xa cheiraba. Haberá que ver aínda se non nos dan a vara con algún "spin-off" por aí, como fixeron nos últimos anos.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-02-2020 00:13
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal