Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Film Symphony Orchestra: Especial John Williams
O outro día veu actuar á Coruña, unha vez máis, a Film Symphony Orchestra, dirixida por Constantino Martínez-Orts, neste caso coa primeira parte da súa homenaxe a John Williams.

Vaiamos por partes:
- Veu xa varias veces, pero era a primeira que eu ía vela, porque me falaran ben dela, e non estivo mal, aínda que se cadra están algo centrados no espectáculo, con traxes e luces "algo raros" por momentos.
- É unha orquestra formada principalmente por músicos españois, que se dedica a tocar pezas de bandas sonoras.
- En 2018 cumpríanse os 50 anos da primeira nominación de John Williams, que é o mellor e maior compositor de música para cine da historia.
- Esta é a primeira parte ou primeiro programa desta homenaxe. Teñen outra segunda parte, que pasará por Coruña a comezos de abril.

Nesta parte tocaron fragmentos de películas como "Atrápame se podes", "Lincoln", "Indiana Jones e a última cruzada", "A ladroa de libros", "Tiburón" "O mundo perdido: Jurassic Park", "Harry Potter e a pedra filosofal", "A lista de Schindler", "Nado o 4 de xullo", "1941", "Hook", para rematar de forma triunfal con "Superman" e "Star Wars", e os arcos dos violíns convertidos en espadas luminosas.

Pois nada, musicalmente moi ben, non hai queixa, pero está claro que se sae un pouco dos límites estrictos da música clásica e que lles tira moito o espectáculo, sobre todo ao director. E non digamos o sorteo dunha viaxe por medio da participación nun concurso a través dunha "app" que promocionan ao comezo da segunda parte do concerto...

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-02-2019 00:00
# Ligazón permanente a este artigo
O intendente Sansho
No CGAI están botando nas últimas semanas un ciclo sobre un director xaponés chamado Kenji Mizoguchi. As súas principais películas son dos anos 50 e 60. Polo visto, foi moi importante pero a min non me soaba demasiado, éche o que ten ser ignorante.

A miña curiosidade non ten límites e no CGAI teño descuberto verdadeiras xoias en ciclos como este, así que probei, a ver que tal. Fun ver unha película que din que é das máis importantes deste director, titulada "O intendente Sansho".

Estivo ben, pero tampouco me apaixoou. Tamén debo dicir que, se me cadran ben as datas, intentarei ir a algunha outra película deste ciclo, porque sempre me interesan moito as obras feitas noutras culturas, sempre se aprenden moitas cousas.

A película trata sobre o intento de venganza dunha familia, formada por unha nai e os seus dous fillos, que son escravizados cando o pai, que era un propietario rico, cae en desgraza ante o "shogun" da rexión, e é deportado.

Xa dende o comezo, a nai é separada dos fillos. Ela acaba sendo prostituta, e non sabe nada deles ata uns anos despois, cando xa está moi maior e non serve para a súa profesión.

Os dous fillos son escravizados na facenda do intendente Sansho, que somete brutalmente aos moitos escravos que ten alí traballando. De feito, o fillo parece deshumanizarse e vai subindo no escalafón, de forma que lle dan certas confianzas que acaban sendo fatais.

Un día que lle mandan levar a unha vella moribunda para que a abandone no bosque, a súa irmá convénceo para que escapen xuntos e vaian buscar aos seus pais.

De forma impredecible, cando non o parecía, el acepta o plan pero a súa irmá non pode seguilo. El escapa e consegue localizar á nai. E tamén chegan ata onde estivera exiliado o pai, pero chegan tarde, porque xa morreu.

Algún tempo despois, e debido a algúns curiosos avatares do destino, chega a ser un home poderoso, e intenta acabar coa escravitude, cousa que non consegue, obviamente. Pero polo menos consegue desmantelar a facenda do intendente Sansho, e despois renuncia ao seu cargo.

En definitiva, película bastante interesante que conta unha historia universal, aínda que nun contexto e nunha época moi descoñecida para min, e iso engádelle interese.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-02-2019 23:45
# Ligazón permanente a este artigo
O nome da rosa
Hai unhas semanas volvín ver na televisión unha magnífica película dos anos 80 que xa vira varias veces. Pero había tempo que non a miraba, e a Idade Media segue atraéndome moito, así que deixeime ir nas últimas horas da noite dun día laborable...

A película era "O nome da rosa", baseada nunha grande novela de Umberto Eco, e que foi dirixida en 1986 por Jean Jacques Annaud, un director francés que naquela época estaba triunfando moito.

Nos anos 70 fixo un par de películas en Francia con certo éxito, sobre todo a primeira, que levou o Óscar a mellor película estranxeira. Pero coronouse nos 80, cando asinou "Na busca do lume", "O nome da rosa" e "O oso". Todos pensabamos que ía converterse nun dos máis grandes directores da historia, pero despois parece que se desinflou.

Acabo de ver a súa filmografía, e vin algunha película máis, como "O amante" (que non me gustou, e a novela tampouco) e "Enemigo ás portas". Tamén fixo "Sete anos no Tibet", do que eu si lin a novela pero non me consta ter visto a película. Pero vaia, "O nome da rosa" está moi ben, e punto.

Pois iso, para os que aínda non a viron, cando xa pasaron máis de 30 anos, dous monxes franciscanos, un moi veterano e sabio, e un novicio, chegan a unha abadía illada no norte de Italia para un debate relixioso con homes do Papa e da Inquisición. Pero cando chegan resulta que acaba de morrer un dos monxes, e morren varios máis mentres están alí.

O monxe veterano, chamado Guillermo de Baskerville (como homenaxe a Guillermo de Occam), e interpretado maxistralmente por Sean Connery, como é habitual nel, dirixe as investigacións dos asasinatos, a pesar de que os inquisidores e os homes do Papa non poden soportalo, debido á súa intelixencia e liberdade de pensamento.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-02-2019 23:28
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal