Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Turbo
Sigo avanzando na lectura da Biblioteca Galega 120 que hai anos editou A Voz de Galicia. Esta vez foi a quenda de "Turbo", unha novela que tivo un certo éxito no seu momento. O seu momento foi na segunda metade dos 80, ou sexa, hai algo máis de 30 anos. O autor foi Miguel Suárez Abel, que morreu hai pouco. Non estivo mal, aínda que tampouco foi para tanto.

Está ambientadas no Salnés, e a historia é un pouco rara. Por unha banda, está unha parella formada por un ex-cura e unha prostituta, que traballa nun local que se chama "Turbo".

Por outra banda, para intentar mellorar na vida, a rapaza pídelle ao mozo que intente falar cun antigo compañeiro do seminario no que estudou, e que acaba de chegar a Conselleiro da Xunta de Galicia. E a raíz diso, o ex-cura vai lembrando as cousas que pasaban no seminario, e que o agora conselleiro non era trigo limpo. Ao mellor consegue algo se dá falado con el, pero non se fía demasiado e non sabe cal será a súa reacción despois de anos sen velo.

Despois hai varias persoas que se dedican ao contrabando ou narcotráfico que intentan involucrar nalgunha das súas operacións a estes personaxes, e a outros secundarios, como o pai da moza, que tamén parece boa peza.

En definitiva, unha historia bastante sórdida, con personaxes bastante canallas e un final bastante raro, todo macerado polo ex-cura, que non encaixa demasiado ben con toda esta fauna.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-02-2019 00:17
# Ligazón permanente a este artigo
Carmina Burana, de La Fura dels Baus
Pois digamos que a combinación resultaba moi atractiva: unha obra maxistral como Carmina Burana posta en escea por uns vangardistas e innovadores como La Fura dels Baus.

Pero dame a impresión que este grupo catalán xa non é nin a sombra do que era cando comezaron, hai uns 40 anos. Seguen facendo cousas moi espectaculares, pero son menos transgresores do que eran, semellan algo brandos.

O máis espectacular desta montaxe era unha estrutura metálica en forma de aro, da que colgaban cortinas que tapaban a toda a orquestra, que estaba no interior. Ese aro subía, baixaba e se inclinaba, dando lugar a paisaxe totalmente diferentes. Ademais, na parte dianteira da cortina tamén se proxectaban imaxes.

Nos laterais desa cortina estaba o Coro, importantísimo nesta obra. Os homes á dereita e as mulleres á esquerda, que ían despregando diferentes formacións e incluso actuando nalgúns números, ademais de cantar.

De vez en cando aparecían elementos típicos desta compañía, como grúas que elevaban a algúns dos intérpretes, tanques de auga, etc. Pois si, todo bastante chamativo, pero deixoume algo frío, por momentos parecíame que aínda desaproveitaran eses impactantes recursos.

Non menos interesante é a orixe da obra "Carmina Burana". Son uns cantos dos séculos XII e XIII, principalmente e latín pero algo hai en alemán e francés, compostos polos goliardos, uns clérigos que estaban estudando e que tiñan unha moral algo relaxada e que satirizaban á Igrexa Católica. Estaban recollidos nunha abadía alemá e recolleunos Carl Orff nos anos 30 do século XX. E vaia descubrimento.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-02-2019 00:09
# Ligazón permanente a este artigo
Jane Eyre: Unha autobiografía
Hai pouco pasou pola Coruña a compañía de teatro catalá Teatre Lliure para representar a obra "Jane Eyre: Unha autobiografía", baseada na novela de Charlotte Brontë. Os papeis principais estaban protagonizados por Ariadna Gil e Abel Folc.

Sempre me chamou a atención o caso das irmás Brontë, tres irmáis inglesas de mediados do século XIX, que deron lugar a novelas moi destacables, pero que tiveron que publicalas con pseudónimo debido aos condicionantes da época.

Se cadra a máis famosa é Emily Brontë con "Cumios borrascosos", se cadra a menos famosa é Anne Brontë con "Agnes Grey" e poderíamos chamarlle a intermedia a Charlotte Brontë con "Jane Eyre". Casualmente, as tres publicaron con pseudónimos masculinos que tiñan Bell como apelido.

Por esa razón tiña certo interese por coñecer a historia de "Jane Eyre". Tamén é certo que "Cumios borrascosos", da que algún amigo que ten moito criterio me falara marabillas, me decepcionou bastante, pero había que probar.

A verdade é que a historia tamén é moi enrevesada e bastante romántica, con amores rotos, decepcións, e todo iso, tinguido dun tono que non me atrae demasiado. Pero vaia, a interpretación é moi boa, e a pesar de durar dúas horas, a obra resulta áxil e vese con moito agrado. Non vos vou contar a historia completa (nin un resume) porque é moi complexa. Basicamente Jane Eyre foi sempre unha rapaza e muller bastante desgraciada, pero que tiña moita forza de vontade para saír adiante, e conseguiu facelo, e acadou metas que parecían imposibles para ela.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-02-2019 23:51
# Ligazón permanente a este artigo
Trece cancións bonitas
Pois nada, Germán Díaz, que é un cu inquedo, xa está cun novo proxecto. Neste caso é con Benxamín Otero e titúlase "Trece cancións bonitas". Actuaron hai pouco no Teatro Colón e pasámolo moi ben, coma sempre con el. Había pouca xente, pero está claro que isto nunca vai ser música de masas, que lle imos facer.

Para quen non o saiba, Germán Díaz é un magnífico zanfonista vallisoletano que leva xa uns cantos anos vivindo en Galicia. Dedícase sobre todo a tocar a zanfona e todo tipo de instrumentos mecánicos, como caixas de música programables, organo de barbaria, etc. Para os que non saiban que son estas cousas, despois o explico máis en detalle.

Benxamín Otero, o seu compañeiro nesta ocasión, toca oboe e corno inglés. Parece que arranxou moitas das pezas para este disco e estes singulares instrumentos, como eles lles chaman.

Para un informático coma min, ver tocar a Germán os instrumentos mecánicos, é unha delicia. Porque é basicamente o funcionamento dun ordenador: software executado por un hardware.

As caixas de música programables son caixas que fan sons que todos asimilamos co deses artefactos, pero a música que teñen que tocar entra codificada nun cartón por un lateral, e sae pola parte contraria. E cando está dentro, o mecanismo vai lendo as perforacións que hai no cartón e que levan codificadas as notas musicais, e produce eses sons. O órgano de Barbaria e outros instrumentos similares que toca Germán funcionan máis ou menos do mesmo xeito.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-02-2019 23:40
# Ligazón permanente a este artigo
Fóra ENCE
O outro día, a Asociación de Veciñas de Oza, Gaiteira e Os Castros proxectou o documental "Fóra ENCE" de Rodrigo Cota, no seu ciclo habitual de proxecións dos luns.

Pois nada, recalcar o de sempre, a reclamación histórica, contra os que queren enriquecerse queimando o país.

Lembrando que Franco construíu a factoría e lle deu licencia por 50 anos, e Rajoy, co goberno xa en funcións, prorrougou a licenza por 60 anos máis. E cando lle preguntaron, dixo que el non tiña nada que ver, que fóra un trámite administrativo e que o fixeran uns funcionarios, que el non sabía nada. Incrible.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-02-2019 16:27
# Ligazón permanente a este artigo
Dúas donas que bailan
Pasou estes días pola Coruña a nova montaxe da veterana compañía galega Teatro do Atlántico, titulada "Dúas donas que bailan". Dirixida, como sempre, por Xulio Lago, foi representada por María Barcala, a actríz principal da compañía, e por unha nova actriz chamada María Ángeles Iglesias, á que recoñezo que non vira nunca.

Esta compañía resulta moi fiable e solvente. Pero recoñezo que lendo a sinopse da obra, non me chamou demasiado a atención, e a tiña bastante esquecida. Pero recibín un "sopro" de alguén que asistiu á primeira representación na cidade (quedáballes aínda unha segunda función ao día seguinte), dicindo que estaba moi ben. E como estaba dispoñible ao día seguinte, decidín ir.

E si, está ben, seguramente moi ben, aínda que creo que non tanto como me prometeran, e resultou máis atractiva do que a sinopse facía adiviñar.

Poderíamos resumila dicindo que é a historia dunha muller xa maior, que vive na súa casa, con algúns recordos da infancia como os seus cómics preferidos, dos que no seu momento non puido disfrutar demasiado. Aínda se vale ben, pero os seus fillos deciden mandarlle unha asistenta á que non coñece.

A relación entre eles non é doada porque a muller maior ten un caracter moi difícil. A criada é moito máis doce, pero tamén é certo que esconde unha anguria vital que vai desvelando ao longo da obra. Pero a súa relación vai mellorando cando se van coñecendo, ata chegar a un final bastante sorprendente.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-02-2019 16:20
# Ligazón permanente a este artigo
Wim Mertens
Hai uns anos, por unhas amizades, descubrín a interesante obra dun pianista belga chamado Wim Mertens. Algún tempo despois conseguín a súa discografía completa (ou case) e comprobei que había moitas cousas moi interesantes, outras que non o eran tanto, e outras bastante insufribles. Como tantos outros músicos, despregou o seu mellor e maior talento ao comezo da súa carreira, nos anos 80.

Pero non tivera a sorte de velo actuar nunca na miña cidade. E aproveitando que se achegou por aquí, xustamente para comezar a xira do seu novo disco, titulado "That which is not", pois fun velo, a ver como resultaba.

E resultou máis ou menos o previsto. O disco novo, ao que lle dedicou ao mellor a primeira hora de concerto, non me chamou especialmente a atención. E dame a impresión de que o mesmo dirían moitos dos que asistiron, co Teatro Colón ben ateigado de xente. Pero na parte final tocou algunhas das súas pezas máis famosas, que eran xaleadas con aplausos aos poucos segundos de comezar, en canto a xente recoñecía os primeiros acordes. Tendo en conta que asistiu el só co seu piano, e iso xa lle restrinxe en certa medida o repertorio.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-02-2019 16:11
# Ligazón permanente a este artigo
Meu tío
Hai un actor cómico francés dos anos 50 ou por aí, do que teño visto varias películas, que non deixa indiferente, pero non é doado de calificar. Chamábase Jacques Tati, e recoñezo que teño visto películas que me exasperaban e outras que me parecían bastante simpáticas.

Comecei vendo das primeiras e denostándoo, despois coincidiume ver algunha que me gustou (creo que foi "As vacacións do señor Houlot"). E o outro día botaban na televisión "Meu tío", que polo visto, é das máis famosas, aínda que tamén é certo que tampouco fixo demasiadas. Tristemente lembroume ás primeiras que vira, bastante aburrida.

Non resulta moi doado explicar de que vai, pero poderíamos resumilo en que a familia da súa irmá, casada cun importante industrial, vive nunha casa ultramoderna co seu fillo pequeno e a criada. Entón vense os avatares desa familia no seu novo chalet de deseño futurista, onde reciben á familia, compañeiros e veciños, que se marabillan dos avances técnicos dos que disfrutan. Hai que ter en conta que a película é do ano 1958.

E o protagonista principal é teoricamente un secundario neste caso. Saca de cando en vez a pasear ao seu sobriño, trata algo coa súa irmá, e pouco co seu cuñado, que xa se nota que non o quere demasiado (mutuamente). O máis curioso é que o título da película, "Meu tío", suponse que fai referencia ao rapaz da familia, que ten bastante pouco protagonismo na mesma.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-02-2019 16:03
# Ligazón permanente a este artigo
Macbeth, o ruído e a furia
Dende hai varios anos, Xoán Carlos Mexuto e Iria Ares están intentando montar dende A Coruña versións "breves" en galego de obras clásicas do teatro universal, que habitualmente dan lugar a representacións máis longas. Tanto é así, que inicialmente a compañía chamábase "Clásicos nunha hora". A primeira montaxe desta compañía foi "Casa de bonecas" de Henrik Ibsen, que acadou un certo éxito.

Xa hai tempo nos contaran que a segunda obra que tiñan pensado representar era Macbeth. Que Manuel Lourenzo xa lles escribira unha versión "resumida" e que estaban moi ilusionados co proxecto. E por fin puideron levalo a cabo.

Agora ben, dos 60 minutos previstos tiveron que subir a 80, e eu xuraría que a representación durou 90. Pero obviamente non digo isto con ánimo de crítica, senón como constatación de que resumir "Macbeth" en tan pouco tempo non era nada doado.

E ademais, eles dous sós xa non puideron representar tantas personaxes diferentes. Así que lle cambiaron o nome á compañía, que agora é "Estudo momento", para poder acoller a Luís Iglesia, Carlos Sante e David Perdomo. E o resultado foi moi bo, claro.

O que máis me chamou sempre a atención desta obra é a sorpresa que causa ao final a errada interpretación das tres feiticeiras, que nun determinado momento lle din a Macbeth que el será rei mentres un determinado bosque non chegue ao seu castelo, e que non poderá matalo ningún home nado de muller. El interpreta que é inmortal, e que será sempre rei. Pero en realidade vaino matar un inimigo que foi arrincado do ventre da súa nai antes do que lle tocaba, e o exército inimigo vaise camuflar baixo as pólas cortadas das árbres daquel bosque para achegarse ao castelo sen ser vistos. Xa sei que isto é "spoiler", pero a obra ten máis de 4 séculos...

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-02-2019 15:52
# Ligazón permanente a este artigo
O último Emperador
No Fórum Metropolitano estiveron botando un ciclo en homenaxe ao director italiano Bernardo Bertolucci, recentemente falecido. E unha das películas que botaban foi un mito na súa época, con moitísimos Óscars, pero eu quedara sen vela, e tivo que ser agora, máis de 30 anos despois.

Polo pouco que sabía da película, resultábame atraínte. Entre a fastuosidade visual que podía dar de sí unha película rodada na Cidade Prohibida, e a historia do último Emperador da China, que comezou a reinar con 3 anos e que axiña foi destronado e tivo que exiliarse e relacionarse, por exemplo, con Xapón, inimigo da China, me interesaba moito a historia.

Fun vela e estivo bastante ben, aínda que dalgunhas cousas non me enterei demasiado, sospeito que pola distancia cultural que me separa dese mundo e época. Unha das cousas que me chamou a atención, e que descubrín nos títulos de crédito do final, é que un dos actores que facía de xaponés na película era Ryuichi Sakamoto, famoso compositor musical, tamén desta banda sonora.

Polo que parece, o que se conta na película é bastante fiel á vida deste home, que non se pode negar que foi bastante singular, porque tivo que vivir unhas experiencias bastante cambiantes na súa vida.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-02-2019 00:12
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal