Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Union Pacific
Pois seguindo con este mini-ciclo de Cecil B. De Mille no CGAI, hoxe fun ver "Union Pacific", do ano 1939.

E aquí xa o pasei algo mellor que con "Cleopatra". Aínda que o tipo de historia era totalmente diferente. Pero vaia, é unha "americanada" en toda regra, como explicarei a continuación.

A cousa vén sendo que no século XIX (non sei exactamente a época, pero acababa de morrer Lincoln, Wikipedia di que en 1865), os americanos da Costa Leste ían avanzando cara ao Oeste masacrando indios. E un dos indicios máis claros diso eran as liñas de ferrocarril, que se dirixían cara ao Pacífico dende o Atlántico.

Había unha compañía chamada Central Pacific que xa levaba anos facendo liñas. E había outra máis nova, chamada Union Pacific, que ía un pouco máis atrasada, pero que tamén tiña a intención de levar o tren ata California.

Lincoln asinara un decreto polo cal esta segunda podería construir liña ata unha determinada cidade, pero sempre que conseguira construír a súa liña antes de que chegara a outra.

Entón comeza a "americanada" co feito de que uns empresarios parecen financiar a liña da Union Pacific pero, ademais diso, tamén contratan a xogadores profesionais e camorristas para montar casinos e saloons nas vilas desa liña, e provocar baixas nos traballadores da mesma, retrasando o seu avance. Por outra banda está o total desprecio polas nacións indias e a súa cultura, cuxo territorio están masacrando.

A trama principal xira en torno a iso, pero resulta que a actriz principal (Bárbara Stanwyck), filla do principal maquinista desa liña, e muller de moito caracter, non sabe por quen decantar o seu amor, polo "sheriff" protector da liña (Joel McCrea) ou por un vividor que xa coñecía de antes e que é un dos matóns que intentar boicotear a liña (Robert Preston).

En definitiva, tendo claro todo o trasfondo ideolóxico algo-bastante facha que hai, pásase moi ben vendo a película, ten un ritmo trepidante e pasa o tempo sen notalo.

Iso si, esta vez notamos pasar algo o tempo porque sucedeu algo que debe ser rarísimo, no CGAI ou noutra sala de cine. Eu xuraría que a min nunca me pasara. Foise a luz dúas veces seguidas (polo visto en todo o edificio, non só na sala de cine) nun intervalo duns 10 minutos. Ía hora e media de película e, casualmente, estabamos nunha moi importante escena onde se estaba desvelando o boicot que os espectadores xa coñecíamos dende o comezo da película.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-02-2017 22:32
# Ligazón permanente a este artigo
Cleopatra
Onte fun ao CGAI para ver a película "Cleopatra" de 1934, dirixida por Cecil B. De Mille e protagonizada por Claudette Colbert.

No CGAI semellan estar programando un pequeno ciclo sobre ese director, que era famoso polas super-producións e super-decorados que construía, e tiña interese en ver como eran esas películas.

A película non me chamou demasiado a atención. Dende logo, Claudette Colbert lucía uns atrevidísimos vestidos que debían ser un escándalo na época (ou se cadra non, quen sabe), para dar a entender a voluptuosidade da raíña exipcia.

Os tres grandes xenerais romanos que se cruzan con ela foron Xulio César, Marco Antonio e Octavio.

O primeiro é Xulio César, que cae nos encantos de Cleopatra, aínda que tampouco perde a cabeza de todo. Pero cando volta con ela a Roma, e alí se rumorea que se vai divorciar de Calpurnia para casar coa raíña exipcia, medra a indignación e é asasinado no Senado (non sei o dato histórico, pero dudo bastante que fora exactamente ese día, está claro).

Despois é Marco Antonio o que vai enfrontarse a ela, e vai moi decidido, pero cando menos o espera, sucumbe tamén aos encantos de Cleopatra.

E por último, Octavio, sobriño de César e designado xa o seu sucesor, non cede baixo ningún concepto ao encanto da raíña, e é quen entra no palacio en Alexandría. Xusto cando están entrando, Cleopatra decide suicidarse, deixando que un áspid lle morda. Tamén xa é casualidade.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-02-2017 22:16
# Ligazón permanente a este artigo
Calypso
Acabo de ver no Teatro Colón da Coruña a última obra da compañía galega Voadora, titulada "Calypso".

Nos últimos anos aficioneime moito a esta compañía (sei que non son o único), porque os seus espectáculos son tremendamente orixinais e divertidos, outra cousa é que entendas algo do que están contando. Se estás moi preocupado/a por ese tema, mellor que non vaias, non vas entender absolutamente nada.

Pois na de hoxe, o mesmo. Supostamente era unha residencia técnica sobre o "Soño dunha noite de verán", que é unha obra que van estrear dentro de pouco, pero eu non vin a Shakespeare por ningures. A última obra que lles vin foi "A tempestade" e pasaba o mesmo, así que non hai que preocuparse.

Esta vez xa me gustou algo menos, supoño que será porque neste grupo inflúe moito o tremendo efecto sorpresa das primeiras ocasións (tanto, que podes marchar indignado/a), e claro, agora xa o vou perdendo.

Por dicir algo, o único momento no que se lles escoita en directo é cando un tipo disfrazado de algo así como un mono canta unha canción de estilo cabaret. O resto do tempo, ou son voces en off, ou rótulos nunhas pantallas ou muros.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-02-2017 00:28
# Ligazón permanente a este artigo
Eu andei cun zombie
Hoxe achegueime ao CGAI para ver unha película clásica que me interesaba. Era "Eu andei cun zombie", dirixida por Jacques Tourneur no ano 1943.

Por algún sitio lin que a historia está baseada en "Jane Eyre" de Charlotte Brontë. Non o sei, acabo de ler un resumo desa novela e si, algo dese aire parece ter, pero vaia, tampouco podería aseguralo.

O caso é que unha enfermeira canadiense é contratada por unha familia para que vaia ás Antillas a coidar da muller do propietario, que está moi enferma.

O propietario semella unha persoa seria e moi traballadora, pero moi triste e algo seco. O seu irmán semella todo o contrario, seductor e vividor. A nai dos dous tamén anda por alí, pero é unha persoa moi activa e non se lle ve moito por casa.

Na primeira noite atópase por casualidade coa paciente á que vai coidar, que semella erguerse como sonánmbula pola noite, e leva un grande susto.

Todo semella moi estraño, a paciente non parece ter ningún mal concreto pero non parece ter vida. Algúns din que é como un zombie, e na cultura local vense algúns máis e practícase vudu, así que todo fai que pensar que a historia está ambientada en Haití ou similar.

A enfermeira intenta axudar na súa curación por medio do vudú, e algúns dos autóctonos colaboran, pero leva algunha sorpresa cando o está intentando.

En definitiva, unha película bastante estraña na súa trama, iso agradécese, non ten nada de historia convencional.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-02-2017 00:21
# Ligazón permanente a este artigo
Frankenstein 04155
Onte, no medio dunha tormentosa noite, proxectaron no Ágora da Coruña o documental "Frankenstein 04155", que trata sobre as mentiras do accidente de tren de Angrois.

O estraño título ten que ver coa numeración que tiña o tren, e tamén con que o tren non era un modelo estándar dos que utiliza Renfe, senón un híbrido de partes ou retales de varios modelos de tren anteriores.

Isto ten a súa importancia, porque levaba adiante e atrás, pegados ás locomotoras, dous vagóns xeradores moi pesados, que foron os que provocaron o seu descarrilamento. Polo visto, non existía ningunha homologación da seguridade con esa configuración de vagóns, ou polo menos ninguén a coñece.

Tamén se comproba que, a pesar do que dixeron as autoridades e o PP e o PSOE a posteriori, venderon esa vía e eses trens como de alta velocidade. E o ministro José Blanco ben que presumía das bondades técnicas dese tren. Foise a Bruxelas de eurodeputado, para non ter que dar moito a cara por aquí.

En fin, unha máis da longa lista nesta monarquía platanera.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-02-2017 00:07
# Ligazón permanente a este artigo
Os últimos de Filipinas
Hai pouco estreouse unha nova versión da película "Os últimos de Filipinas", protagonizada por Luis Tosar. Supoño que por esa razón hai pouco botaron na 2 a orixinal, do ano 1945 e dirixida por Antonio Román. Así que me puxen a vela.

Pois nada, moi heroica e española toda a cousa. O caso é que os tagalos están revelándose na vila de Baler, que está só a 100 km. de Manila pero totalmente illada.

E o destacamento español decide facerse forte na igrexa. O sitio dura case un ano, e cando xa España entregou Filipinas, eles seguen loitando porque non cren as informacións que din que teñen que rendirse, que a súa loita non serve para nada.

Chama a atención no reparto un novísimo Fernando Rey, non me pareceu coñecer a ningún outro dos intérpretes. Ben, si, está Manolo Morán facendo un papel un pouco paiaso e tamén me soa algo Guillermo Marín, que facía de médico.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-02-2017 23:58
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal