Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Charla de David Lombao no Observatorio da Comunicación de CUAC FM

Hai uns días, David Lombao, o director de Praza Pública, o fantástico xornal dixital galego, veu á A.C. Alexandre Bóveda.

Fíxoo para inaugurar o "Observatorio da Comunicación", ciclo de charlas que CUAC FM organizará nese local (do que tamén forma parte) para analizar a situación da comunicación, principalmente en Galicia.

A súa charla estivo moi ben, estivemos moito tempo facéndolle preguntas e alimentando o coloquio, e uns cantos dos que asistimos aínda tomamos unhas cañas despois con el.

A verdade é que estivemos moi a gusto e custounos marchar para casa, porque aprendemos moito e pasámolo ben. A ver se nas seguintes charlas pasa o mesmo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-02-2016 14:04
# Ligazón permanente a este artigo
Apartado de Correos 1001
E tamén no medio do temporal compostelán do Entroido, xa descansando no hotel, atopeime de casualidade cunhas destas vellas películas españolas que che dan unha moi boa sorpresa.

Ademais, recalco o de casual. Estaba eu ordeando algo na habitación, facendo a maleta, ou algo así, e deume por acender a televisión, para que me fixera algo de compañía. E habitualmente a tiña posta na 2, que é a única cadea decente que queda.

Pois EXACTAMENTE NESE INTRE comezaba a película que vou comentar agora. O bo das vacacións e as desconexións que xeran (se un se deixa levar ben) é que permiten cambiar horarios e tomar decisións sobre a marcha. Deixei todo o que estaba facendo e dixen "esta película ten unha pinta bárbara, imos disfrutala". E así foi.

"Apartado de Correos 1001" é unha película policíaca ambientada na Barcelona dos anos 50. Polo menos, a película é dese ano e non me pareceu ver nada que dixera que estaba ambientada noutra época pasada.

Un rapaz recibe unha carta que lle pon algo nervioso, e achégase a Barcelona (vivía no rural cercano) para resolver un tema de cartos, e case ao chegar, é asasinado ao baixarse dun autobus urbano.

Un par de policías, un veterano e outro novato, fanse cargo da investigación. A trama é moi amena e fluída, e vainos levando dun punto a outro da cidade con moita naturalidade. A película pasa nun suspiro e non hai un segundo de descanso. Dende logo, o guión é fantástico.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-02-2016 18:29
# Ligazón permanente a este artigo
Xuventude
Como comentei varios artigos antes, o meu grande descubrimento deste ano no Entroido compostelán, foi a libraría cine Numax.

Dende logo, xa sabía da súa existencia, o que pasa é que abriu hai pouco tempo e aínda non tivera a sorte de poder visitala.

Está moi cerca da Praza de Galicia, na mesma rúa que a Sala Capitol, só uns portais máis abaixo, así que non é difícil de localizar.

Non visitei a libraría, non sei se é xeral, ou se está especializada en cine, que non sería raro. Só fun ao cine, ten unha pequena pero coqueta sala cunhas 70 butacas.

Non ten unha programación estilo CGAI ou filmotecas. Botan películas comerciais actualmente nas salas, pero decántanse polo cine de autor, non polo cine "palomiteiro". Había varias en cartel, as dúas que máis me soaban eran "Xuventude" de Paolo Sorrentino, e "Carol", película protagonizada por Cate Blanchett e Rooney Mara que coido que está nominada a varios Oscar (os deste ano, non do pasado remoto).

Teñen pases ás 12 da mañá (eu fun a un deses), a algo menos de 5 euros, e tres ou catro pases pola tarde, a algo máis de 6 euros, se non lembro mal. Por certo, no pase ao que fun eu (domingo ás 12 da mañá, facéndolle competencia ás misas), debía haber como 40 ou 50 persoas, facilmente.

Pois si, fun ver "Xuventude" de Paolo Sorrentino. Non sei moito deste tipo. Coido que hai un par de anos déronlle o Oscar a mellor película en fala non inglesa por "A grande beleza", película da que moita xente fala moi ben. E desta nova película non sabía moito. O único é que lin unha crítica durísima de José Luís Losa sobre ela. E como non é que eu teña moito respecto polos críticos de cine, entráronme ganas de vela. Ao atopala na carteleira de Numax, nin o pensei, o destino estaba chamando.

Dende logo, a experiencia de descubrir esa pequena sala no centro da cidade para min xa era toda unha revelación. Calquera cousa que vira alí íame gustar. E o cine deste autor non parece nada convencional. Así que se xuntaron todas as cousas. Paseino moi ben vendo esta película, outra cousa é que sexa capaz de explicarvos de que trata.

Pois parece narrar a vida, durante varias semanas, de toda unha serie de pintorescos personaxes nun balneario no medio das montañas suízas. Case todo xira en torno aos personaxes de Michael Caine (antigo compositor e director de orquestra) e de Harvey Keitel (director de cine que está perfilando o guión da súa seguinte película, pode que última, con un grupo de guionistas novos).

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-02-2016 18:20
# Ligazón permanente a este artigo
A galera de Xelmírez
A última novela que lin en Compostela foi a breve "A galera de Xelmírez" de Xabier Paz.

A historia é ben simple. O arcebispo Xelmírez, para protexerse dos piratas que saquean as costas galegas, manda unha delegación a Pisa, para contratar a uns carpinteiros de ribeira que constrúan unha galera.

Os pisanos mandan a Fuxón (mestre carpinteiro de barcos), Stefano e Francesco (axudantes). Van en barco de Pisa a Barcelona, e a partir de aí, fan o Camiño de Santiago, para chegar alí, entrevistarse con Xelmírez, e facer o traballo.

Pero o Camiño transforma terriblemente a ese pequeno grupo. A novela trata basicamente diso, dos cambios que se producen nas tres persoas (basicamente en unha delas), e todo o que se deriva de aí.

Durante a travesía terrestre pola península, Fuxón descubre dúas "perversións" que non coñecía. Cunha pousadeira experimenta unhas prácticas sexuais que lle transforman totalmente, de xeito que comeza a obsesionarse con ese tema, tanto con parella como en solitario. Por outra banda, entra en coñecemento de múltiples herbas que convenientemente procesadas producen todo tipo de efectos psicotrópicos e alucinóxenos. Está de máis dicir que estas dúas circunstancias que afectan a Fuxón son o fío condutor da novela.

A Stefano non lle pasa nada do outro mundo, pero cando van camiño a Santiago, e descubren as terribles transformacións que está sufrindo Fuxón, toma a decisión de suplantar a súa personalidade antes de chegar alí, para desfacerse de Fuxón cando estean alá. Todo isto non lle resulta excesivamente complicado, porque Fuxón está totalmente ido e non ten consciencia da realidade.

O terceiro en liza, Francesco, é o que menos cambia, polo menos en teoría. Apenas lle afectan, ou non deixa que o fagan, as vidas dos outros dous compañeiros. Pero cando chega a Compostela, coñece a unha muller, casa e ten un fillo, mentres constrúen a galera. Agora mesmo non lembro se queda alí definitivamente, ou se os leva para Pisa á volta.

En xeral, aburriume bastante esta novela. A trama é máis ou menos a que vos dixen, pero non está moito máis desenvolvida que todo isto. Hai moita reflexión por parte de Stefano e de Fuxón sobre o que lles está pasando e o que están maquinando. Unha cousa boa é que algunhas partes da novela poden verse dende as dúas perspectivas. Pero hai continuos "flashbacks", algo confusos, e non semella doado saber se finalmente quedaron a guerrear coa súa galera, cando volveron a Pisa, etc.

A trama, a época, o lugar, prometían bastante, pero o xiro que decidiu tomar o autor foi por uns carreiros que, polo menos a min, non me suscitaron maior interese. Outra vez será.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-02-2016 18:07
# Ligazón permanente a este artigo
A voz do vento

Outra novela que lin no meu "exilio" compostelán foi "A voz do vento", do presentador da TVG Pemón Bouzas, que novela o tumultuoso comezo do século XVII en Cangas.

Pois a cousa vén sendo que a finais de 1617 os piratas turcos fixeron unha boa en Cangas, destruíron a vila, mataron a moitos veciños e raptaron a moitas mulleres e nenos. Non parece que tiveran nada especial en contra desta vila, senón que era o seu costume daquela época.

Se iso xa convulsionou a vida daquela vila, se o mesturamos con que naquel momento a Inquisición estaba nun momento de auxe, xa nin vos conto.

Parece que naquela época estaban bastante de moda, aínda que privadamente, os coñecidos como "aquelarres", e nalgunhas das praias do Morrazo había orxías a cargo dalgunhas das persoas principais na vila (pero ninguén podía recoñecelo, claro), que desta forma podían seguir os seus verdadeiros instintos.

Tal como o contan na novela (non sei se foi certo, pero non me estrañaría), eran precisamente algunhas das persoas máis ricas e algúns dos representantes da Inquisición os que organizaban e participaban máis activamente nestas orxías, aproveitando a súa posición de privilexio.

E o máis divertido é que eses mesmos eran os que despois ían meténdolle o medo no corpo á xente da vila, insinuando que se producían esas festas nocturnas nas noites de lúa chea (claro que se producían, eran eles os organizadores), e que ían ser denunciados á Inquisición.

Antes do ataque dos turcos xa se producían, e despois aínda máis, sobre todo porque algunhas das persoas máis ricas perderan posesións e querían recuperar renta como foran. E eran capaces de de acusar a calquera con tal de conseguilo, aínda que todos souberan que as acusacións non tiñan nin pés nin cabeza. Parece que ese foi o caso de María Soliña (ou Soliño), unha muller moi querida e que co seu marido daba traballo a moita xente na vila.

E cando o caso se levaba á Inquisición a Compostela, alí todo o mundo sabía que os inquisidores eran os máis corruptos, puteiros e inmorais do mundo. E non se molestaban en ocultalo demasiado. Pero tiñan poder dabondo como para non preocuparse.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-02-2016 17:53
# Ligazón permanente a este artigo
Esperando ao Rei

Unha das novelas que lin nesta última entroidada de Compostela foi "Esperando ao Rei", novela escrita por José María Pérez (máis coñecido como Peridis no mundo dos humoristas gráficos españois). Para os que non o saiban, é un dos máximos expertos nacionais en arte románica, e todo o que ten que ver con esta época histórica.

Pois a novela trata basicamente das tramas palaciegas do século XII en torno a un chamado "emperador" Alfonso (podería ser Alfonso VII), que ao morrer, divide o reino entre Sancho (Castela) e Fernando (León, Galicia e Asturias).

E como xa teredes oído máis veces neste tipo de situacións medievais, o lío está montado. Envenenamentos, fornicacións, milagres, reliquias, e todas as que se gastaban naquela época.

Supoño que o título virá de que outro Alfonso, o fillo do envenenado Sancho, é moi esperado porque semella ser o que ten mellores cualidades para unificar os reinos de novo. Que perda de tempo, unificalos para volver repartilos entre os fillos despois, pasáronse séculos facendo tonterías como esas.

Como curiosidade, a trama comeza nun suposto "castelo de Monterroso", no interior de Galicia, á beira do Camiño de Santiago. Monterroso está cerca deste, á altura de Palas de Rei, pero nunca oín falar dese castelo, seguramente o máis cercano sexa o de Pambre. Sería unha licencia literaria de Peridis?

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-02-2016 17:40
# Ligazón permanente a este artigo
Entroido en Compostela

Un ano máis (e xa van tres), escapei da miña cidade nesta festa do Entroido, que a min non me chama o máis mínimo, e pasei uns días de descanso e desconexión total en Compostela.

A verdade é que o tempo non acompañou demasiado. Se na miña cidade os temporais fixeron estragos (como pasa habitualmente), en Compostela non pasou nada diso pero estaba moi desapacible e non apetecía demasiado saír.

Así que aproveitei para estar máis a cuberto e ler máis e ver máis cine. Entre unhas cousas e outras, lín tres novelas (ver os seguintes artigos) que sumaban unhas 1000 páxinas, vin un par de películas e fun ao Centro Galego de Arte Contemporánea, onde sempre hai exposicións interesantes.

Un dos meus descubrimentos deste ano foi a libraría cine Numax. Ten un pequeno cine independente con 70 butacas no centro da cidade. Botan películas actuais pero de autor, non super-comerciais. Gústanme moito este tipo de proxectos que se saen do convencional.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-02-2016 17:31
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal