Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Maratón de lectura de Rosalía de Castro
Un ano máis, na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, celebrouse un maratón de lectura sobre a obra de Rosalía de Castro.

Nesta ocasión, foron algo máis de 80 alumnos do Colexio Calasanz (PP. Escolapios), os que estiveron lendo poemas durante unhas dúas horas e media, co gallo do día do nacemento da poetisa, o 24 de febreiro.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-02-2014 11:26
# Ligazón permanente a este artigo
Novo micro-teatro en La Tuerka 27
Onte, novas catro obras de micro-teatro na Tuerka 27, que foron as seguintes, por orde de visionado:

- En capítulos anteriores: En castelán, por Kas Borella e Alexandra Ispierto (creo que són de fóra, están estes días representándoa aquí). Unha absurda historia dunha bomba que quere ser desactivada, xa que vai explotar en breves minutos, e tiña ilusións na vida. O encargado é un artificiero novato que non ten moitas luces.

- Reno, reno, que desenfreno: En galego, por Rubén Espejo e Rubén Lamas. Dous dos renos de Papá Noel, descontentos polo moi baixo nivel de actividade que teñen e a vida precaria que levan, están pensando en montar unha revolución, pero unha chamada fainos cambiar de opinión.

- Os rivais máis fortes: En castelán, por Chus Álvarez e Adelaida Pittaluga. Dúas irmás mellizas, que non se queren demasiado, amosan continuamente a súa rivalidade e xenreira.

- Marta: En galego, por Uxía Vázquez. Unha rapaza conta a historia da relación co seu amante e coa moza del, a relación xa non é sostible. A entrada a esta obra serve para co-financiar un documental sobre a historia do teatro galego.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-02-2014 11:23
# Ligazón permanente a este artigo
Exposicións no MACUF
Este museo xa non se chama así, porque Fenosa foi absorbida por Gas Natural, pero para entenderse chega, é o museo de arte contemporáneo das dúas eléctricas.

Buf, Arte Contemporáneo!!! Que prevención hai que ter ao achegarse a estas manifestacións artísticas, nunca convencionais.

Visitei as catro exposicións que hai neste intre:

- Mitoloxías, de Manuel Vilariño, o gran fotógrafo galego, a exposición remata esta semana. Casualmente, el mesmo estaba alí comentando as obras con outra persoa.

- 2014 / Antes de irse. Ideas sobre a pintura. Setes pintores novos presentan diferentes obras con temáticas e formatos variados.

- V Aniversario dos becados polo DKV Grand Tour. A empresa de seguros DKV leva varios anos convocando un concurso, e os dous gañadores van becados, un a Nova Iorque e outro a Polonia. Aquí poden verse as obras resultados destas becas.

- E a colección de arte do museo, que a cambian cada certo tempo.

A verdade é que non houbo nada que me chamara excesivamente a atención. A min isto pásame con certa frecuencia co arte contemporáneo (ao mellor é problema meu). De cando en vez vexo algunha exposición que me gusta moito, pero non é o habitual. Por poñer algunha ilustración destas exposicións, poño unha das fotos de Manuel Vilariño, pero para nada representan o principal da súa obra exposta.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-02-2014 13:35
# Ligazón permanente a este artigo
Nove
Confírmase que esta foi unha semana "extramuril". Extramuros, Espazo de Colisións Artísticas é un novo lugar para actividades culturais que naceu no 2013. Está cerca da miña casa, xusto enfronte dos Xulgados da Coruña, e levaba tempo intentando ir. E esta semana tiven tres "interaccións" con eles.

O martes trouxemos aos fundadores do espazo (Laura Villaverde e Roi Fernández) ao programa de radio "Recendo" sobre cultura galega que facemos en CUAC FM. O venres fomos ao recital do novo libro de Yolanda Castaño.

E hoxe mesmo fomos ver "Nove, performance literario" interpretado pola galega María Lado, o portugués Ricardo Correia e o músico Mig Seoane á guitarra e pedais.

Na entrevista que lle fixemos na radio a Laura e Roi dixeron que o que máis lles gustaban eran os espectáculos híbridos, nos que non se sabía ben se era teatro, música, poesía, ou unha mestura de todo iso. Pois este adaptábase perfectamente a esa definición.

Aparte da música de Mig Seoane, con incribles efectos moi suxerentes, e os poemas de María Lado, como sempre moi sorprendentes, ademais María e Ricardo estaban representando algo parecido a teatro o a unha "performance". Dende logo non deixa indiferente, e non é para nada convencional.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-02-2014 23:10
# Ligazón permanente a este artigo
Rafael Moneo
Hoxe conseguín ir ver, aínda que levaba varios meses con esa intención, a exposición sobre a obra do magnífico arquitecto español Rafael Moneo que hai na Fundación Barrié da Coruña.

Cada certo tempo, neste lugar, fan unhas impresionantes exposicións sobre arquitectura. Esta está ben, pero non é das mellores que vin alí.

E iso que este arquitecto me gusta bastante. Estiven en varias obras del, como o Kursaal (na foto) ou, sobre todo lembro sobrecollido, o impresionante Museo Nacional de Arte Romano de Mérida. Tamén coñezo a nova estación de trens de Atocha e o centro comercial L'Illa Diagonal de Barcelona.

Poucos paneis explicativos (catro ou cinco explicando a grandes rasgos as etapas da súa obra), bastantes maquetas, aínda que xuraría que non moi sofisticadas, en xeral, e un mogollón (iso si) de fotos desas obras, dende diferentes perspectivas, que axudaban a facerse unha idea dos edificios e do seu entorno.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-02-2014 23:02
# Ligazón permanente a este artigo
A segunda lingua, de Yolanda Castaño
Onte conseguimos ir por primeira vez a Extramuros, o Espazo de Colisións Artísticas que se inaugurou hai menos dun ano xusto en fronte dos Xulgados da Coruña, e que xestionan Laura Villaverde e Roi Fernández.

Concretamente foi para ver a presentación do último poemario de Yolanda Castaño, titulado "A segunda lingua", que sairá dentro dunhas semanas, polo que ela dixo.

Resultou un recital moi agradable, que comezou cun video que non fun quen de localizar na rede, e estivemos cerca dunha hora deleitándonos coa voz, a poesía e os comentarios de Yolanda, explicando a xénese de moitos dos poemas. Como últimamente está moi dedicada a traducir poesía doutras linguas minoritarias europeas, e a organizar congresos sobre o tema, contou que moitos dos poemas xurdiron dese tipo de experiencias que tivo nos últimos anos.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-02-2014 18:01
# Ligazón permanente a este artigo
Almas de Cántaro

O outro día achegueime para ver un espectáculo do que nunca oíra falar. Titulábase "The Last Rock" e os intérpretes eran Almas de Cántaro. Pero ao final todo era máis coñecido do que parecía.

Había tres músicos que eran os irmáns Tinaquero (un deles é guitarrista da Miki Nervio Blues Band, creo) e o batería Miguel Queixas. E como cantantes, os actores e monologuistas Gari e Oswaldo Digón.

E supostamente a historia era que estaban no ano 2075 e ás 12 da noite o goberno ía decretar un toque de queda, polo cal quedaba prohibido tocar rock, e polo tanto ese ía ser o último concerto de rock da historia.

Por unha banda Gari e Oswaldo ían facendo actuacións como monologuistas, ás veces xuntos e ás veces en solitario, e cada certo tempo tocaban unha canción clásica do rock. Billy Idol, Led Zeppelin, Chubby Checker, e moitas outras estrelas escoitáronse aquela noite.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-02-2014 20:08
# Ligazón permanente a este artigo
Tomates verdes fritidos
Aproveitando que un xornal "podre" desta zona practicamente regala películas todas as semanas, chegou ás miñas mans o DVD de "Tomates verdes fritidos", unha magnífica película de 1991 que xa vira no seu momento, que sabía que era moi boa, pero que non lembraba en absoluto.

Acabo de pasar unha boa noite vendo de novo esta máis que agradable película que relata a historia dunhas mulleres moi fortes que queren saír adiante a pesar do difícil entorno no que tiveron que vivir, no estado de Alabama a mediados do século XX, onde o racismo estaba moi presente e o machismo tamén, como é lóxico.

Maxistrais interpretacións as de Kathy Bates, Jessica Tandy (teoricamente o personaxe principal en torno ao cal xira toda a historia, pero non é moi doado de dicir neste caso), Mary Stuart Masterson e Mary-Louise Parker, e dirección de Jon Avnet.

Non vou contar moito da historia, para os que non a viron. Unha muller americana de mediana idade e vida bastante insulsa, con moi pouca autoestima, casualmente coñece nun xeriátrico a unha muller que lle dá moi bos consellos e a anima a cambiar cousas na súa aburrida vida. E cóntalle historias do seu pasado, cando vivía nunha aldea de Alabama chamada Whistle Stop, e unhas amigas súas chamadas Idgie e Ruth rexentaban un café, que era o centro da vida social na aldea.

Isto volve demostrar que o bo cine, en moitas ocasións, apóiase en boas historias (como dende os tempos antigos, arredor do lume), e que os actores e actrices de certa idade aínda teñen moitas cousas que dicir no cine, non van ser todo xente nova con hormonas e efectos especiais.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-02-2014 23:37
# Ligazón permanente a este artigo
Letz Zep (banda tributo a Led Zeppelin)
Como semella que xa non vai ser posible ver en directo a Led Zeppelin (a non ser que se reúnan de novo con Jason Bonham á bateria), unha das miñas bandas preferidas, tiven que conformarme con ver a Letz Zep, a súa máis reputada banda tributo (non sei se hai máis), actuando no Teatro Colón da Coruña.

O concerto estivo moi ben. Houbo uns pequenos problema de son ao comezo sobre todo (principalmente non monitores dos músicos, o cantante era o que máis se queixaba), aínda que para o público non houbo maior problema. Certo é que a voz e a guitarra ás veces non se oía con toda a nitidez que nos gustaría, pero para saciar a nostalxia deste magnífico grupo, chegou dabondo.

Paréceme a min que para "imitar" a este grupo hai que ser algo arriscado, porque o nivel de virtuosismo dos seus compoñentes nos diferentes instrumentos era altísimo. Así que se o intenta un calquera mediocre, pode saír esfolado polos espectadores. Pero o nivel de virtuosismo de Letz Zep tampouco é desdeñable. Creo que destaca o guitarrista (mala cousa se nun grupo de rock o guitarrista non é un dos mellores), pero todos andan a un nivel máis que aceptable.

Tocaron só cancións dos catro primeiros discos, aqueles cuxo nome é o mesmo do grupo e apelidados con I, II, III e IV. Comezaron (sempre é unha das incógnitas coas bandas tributo) coa primeira canción do primeiro disco, "Good times bad times", que non é nin moito menos unha das máis lembradas, pero que xa é moi boa.

E, como sempre nestes casos, a min sobráronme varias cancións e faltáronme outras no seu sitio. Por exemplo, sobroume o blues "I can`t quit you baby", "Brom-Y-Aur Stomp" e algunha outra que, non estando mal, quitoulle o sitio a outras inesquecibles. Botei en falta a eléctrica "Communication breakdown", "Celebration day", "Tangerine", "The battle of evermore", "Kashmir", e algunhas máis que seguro podía mencionar.

En definitiva, un recordo nostálxico dun dos grupos de rock máis importantes da historia (aínda que non tan coñecido como eu penso que deberían), por 15 euros, comodamente sentado, un espectáculo dunhas 2 horas e media. Por certo, o público era bastante heteroxéneo, pero cunha idade media algo elevada (para ser rock duro, digo). Dame que a xuventude se está perdendo algo interesante. Teñamos en conta que sacaron o seu primeiro disco hai agora 45 anos, o tempo non pasa en balde.

Déixovos cunha das súas cancións máis míticas nas dúas versións, a dos orixinais Led Zeppelin, e a dos seus homenaxeadores Letz Zep, para que poidades comparar.

Saúdos.







Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-02-2014 12:37
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxe a Silvio Rodríguez
Todos os primeiros venres de mes, no pub Bababar da Coruña, celebráse o que se chama o "Venres de Cantautar". Cantautar é unha asociación cultural que reúne a todos os cantautores da zona, que non son poucos. E neses días varios deles fan un recital no que tocan as súas pezas.

Nalgunhas ocasións, coma nesta, aproveitan para facer un homenaxe a un cantautor recoñecido. E esta noite foi a Silvio Rodríguez, que segundo dixeron alí estaba considerado o Pai dos Cantautores, e na miña humilde opinión, está a anos-luz de todos os demais, sen discusión. De feito, a min os cantautores non me transmiten demasiado, pero Silvio é algo grandioso. Como non tiven a oportunidade de velo actuar nunca (e non sei se a terei), tiven que conformarme con esto.

Os tres elixidos nesta ocasión foron Xosé Constenla (orixinario de Ourense e que vive en Compostela), Pablo Rubén Fernández (amigo e compañeiro na emisora CUAC FM) e Julio Hernández (cubano afincado en Madrid).

Cada un deles tocaron catro pezas, dúas propias e dúas de Silvio. Ao rematar, saíron a tocar pezas algúns outros cantautores que estaban entre o público. Todos cantaron pezas de Silvio, agás un que dixo que non tiña ningunha preparada, e cantou unha de Quique González, que acaba de sufrir un corte nunha man (mala lesión para un cantautor, a verdade). E ao final fixeron varios bises cantando pezas en grupo e a coro.

Vaia, serviu para saciar a ansia, pero miraremos a ver se algún día se pode ver ao orixinal. Déixovos algún vídeo (do orixinal, claro) para que a vaiades saciando vós, e o vaiades coñecendo por se non tedes a sorte. Hai moitos temas bos, escollo un como podía ter sido outro.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-02-2014 19:26
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal