Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Top secret
O outro día, aínda que non foi enteira, volvín ver en Paramount Channel boa parte da mítica película "Top secret" (1984) de Abrahams, Zucker e Zucker.

Déixovos cunha das divertidas escenas, a da resistencia francesa contra os nazis.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-02-2013 16:08
# Ligazón permanente a este artigo
Yessica Val
O outro día fun á Tuerka 27 para ver á monologuista Yessica Val, unha rapaza que quedou cega hai pouco tempo e que fai humor cunha "visión" algo diferente das cousas.

Resultou simpática, nalgúns momentos sacándolle punta á súa invidencia, como cando lle pediu ao público que lle aplaudira de cando en vez, porque así comprobaba que estaban alí.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-02-2013 16:02
# Ligazón permanente a este artigo
Linda & Freddy, ilusionistas

Despois de varias obras moi interesantes nos últimos anos, a precariedade de medios do teatro galego fai que unha compañía histórica como Teatro do Noroeste teña que limitarse a obras de moi pequeno formato e poucos medios, para saír adiante nesta difícil situación.

O outro día fomos ver a súa última produción, titulada "Linda & Freddy, ilusionistas" nas que actúan Luma Gómez (ela é unha habitual actriz desta compañía) e Eduardo Alonso (habitualmente é o director e autor das obras que representan). Tendo en conta que eles "son" a compañía, xa se ve que fixeron o investimento mínimo, pero é que os tempos non dan para máis. Se non entendín mal, hai uns meses desfixéronse de todo o atrezzo, vestiario e escenarios de obras antigas que tiñan, supoño que por falta de espazo e de cartos. As cousas están así.

A obra resulta tremendamente amarga, como a situación do mundo actual. Unha parella de vellos, que foron artistas afamados no seu tempo, agardan na súa casa, que xa non ten luz, auga nin gas, a que veñan desafiuzalos. Lembran esceas de vellas obras que lles deron fama e inventan sobre a marcha esceas para a súa homenaxe, que segundo ela vaise celebrar, antes ou despois.

O mundo semella estar nun estado de sitio terrible, polo que se escoita nun transistor que poñen de cando en vez. O final é o único esperanzador, xa que fan un truco de ilusionismo e desaparecen, e semellan aparecer noutro mundo que semella o escenario dun teatro, o único lugar onde eles ven o mundo con ledicia e esperanza.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-02-2013 21:47
# Ligazón permanente a este artigo
Novo micro-teatro en La Tuerka 27
Unha vez máis, e quen sabe cantas van xa, fomos ver as catro obras de micro-teatro da Tuerka 27 que están representándose neste intre. O conxunto actual non é, nin moito menos, dos peores que vimos alí, saímos moi contentos da experiencia, así que animamos a ir a todos os que aínda non foron. Coméntoas na orde na que as vimos nós:

- Fátima e Lourdes. Na busca da saúde perdida: Practicamente toda en galego, magníficamente interpretada por Marita Martínez e Isabel Risco. Seguro que xa todos vivimos algún caso así. Trata de dúas mulleres xa maiores, con moitos achaques, que se atopan na consulta dun médico, e que comezan unha fera competición por presumir de quen ten máis doenzas e máis graves. Vai simplemente diso, pero resulta por momentos delirante.

- Cara á luz: En galego, interpretada por Xoán Carlos Mejuto e Rubén Lamas. Un home semella sufrir un ataque ao corazón e estar encarrilando o túnel cara ao máis alá, e nese intre fálalle Deus. Como é ateo, comeza a discutir con el porque a visión que lle dá do Paraíso non lle convence demasiado.

- Inocente: En castelán, interpretada por Santi Romay e Daniel Currás. Un home encadeado a unha cadeira e amordazado, en total escuridade, recibe a visita dun compañeiro de traballo, cunha lanterna. Polo que parece, revelou á prensa ilegalidades da empresa na que traballaba, e iso non lle gustou a ninguén, así que o seu mellor amigo e compañeiro visítao para facerlle que recapacite e recoñeza que el era o líder da corrupción na empresa, e non ao revés, como el reivindicaba.

- Pactar coa banca: En castelán, interpretada por Paco Alvarello e Dani Lozano. Un representante da Banca Mundial vén propoñerlle un perverso plan inmobiliario para o inferno a Satán, pero incluso a el lle parece demasiado malvado.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-02-2013 20:05
# Ligazón permanente a este artigo
Pontevedra capital

Pois unha versión reducida de Viaxes O Lóstregho estivo de visita neste chuvioso entroido na capital da provincia de Pontevedra, viaxando en tren e movéndose unicamente a pé, xa que nos gusta moito e ademais é moi común nesa fermosa cidade (acaba de levar un premio europeo por esa práctica).

Chegamos o sábado ao mediodía e pola tarde fomos andando ata o magnífico Parque Forestal de Lourizán, finca que se atopa xusto detrás (visto dende a ría) da fábrica de celulosa, e que pertenceu no seu momento a Eugenio Montero Ríos, xa que en posición central na mesma atópase o pazo no que el veraneaba. Andando tárdase unha media hora, así que debe estar a unha distancia entre 2 e 3 quilómetros da cidade.

O domingo pola mañá e o luns dedicamos practicamente todo o tempo a visitar o interesantísimo Museo de Pontevedra (a foto é do sexto edificio, o moderno e grande contedor onde están agora a maioría dos fondos). Hai que ter en conta que nestes intres, dos seis edificios, só se visitan tres. O terceiro está dedicado a oficinas e xestión, as ruínas de Santo Domingo están pechadas porque con tempo tan chuvioso é moi posible esvarar na pedra húmeda e o quinto estase restaurando, pero cando rematen con el é case tan grande como o sexto.

Nos outros días estivemos visitando amigos, escapando da chuvia pero aínda nos deu tempo a camiñatas ata o mosteiro de Lérez, a Illa das Esculturas, o parque de Alba e a senda peonil polo río dos Gafos.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-02-2013 20:24
# Ligazón permanente a este artigo
Folk soriano
Onte pola noite fomos ao Mardigras para ver un interesante espectáculo que non é habitual ver nun local como aquel (nin noutros, pero alí menos).

Un grupo de sorianos que estaban de xira polo noroeste da península conformando un par de grupos actuaban no local de Monte Alto. Os dous grupos comparten un compoñente, Breogán Prego, con familia na Coruña (polo nome e apelido xa se nota que moi de Soria non debe ser).

O grupo que facía de teloneiro tiña o evocador nome de "De cuando las piedras eran tañidas". Breogán Prego tocaba a guitarra española, cun nivel de virtuosismo espectacular, acompañado á voz por José Antonio Vega. Non tocaron moito tempo, poñamos que 30-40 minutos, pero tocaban 2-3 pezas xuntas de cada vez. Era música medieval ou renacentista, española, sefardí, inglesa, etc. Ao final merqueilles o disco do mesmo título no que aparecen pezas de sete vihuelistas do século XVI, que foi gravado en nove igrexas da provincia de Soria. Os do Mardigras nunca deberon ver cousa igual, pero para min foi unha xoia. Póñovos un video de "Scarborough fair", unha canción que se fixo célebre hai unhas décadas ao ser versionada (porque creo que era tradicional, non deles) por Simon & Garfunkel.





A segunda parte era, supostamente, o prato principal, a actuación do grupo Menaya Folk, con seis músicos, dos cales a guitarra eléctrica era "tañida" por Breogán Prego. Non vou aburrirvos cos nomes de todos, pero si direi que aparte del, tiñan un baixista, un batería, un percusionista, e outros dous músicos que tocaban principalmente vento (frautas, saxos, clarinetes, gaita, dulzaina...) aparte de teclados e acordeón, que soaban nalgunha canción.

Non estivo mal, aínda que esta segunda parte, digamos que xa está máis vista, é un tipo de grupo de folk-rock máis ou menos clásico, aínda que estaban algo apretados no escenario, que está máis pensado neste local para grupos de rock de 3-4 compoñentes, máis que iso xa se fai algo escaso o sitio.

Déixovos cun video no seu local de ensaio da canción "Celtíberos", que creo que foi a última que tocaron.





Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-02-2013 22:19
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal