A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.
E para rematar esta frenética semana cultural chegamos á obra "Tango", representada polo fantástico grupo Sarabela no Teatro Rosalía de Castro.
Nos últimos anos, Sarabela leva, na miña humilde opinión, unha traxectoria un tanto irregular que lle fai alternar grandes obras con outras que non o son tanto. Para esta obra, intentei convencer a varias persoas para asistir, pero por diferentes razóns rexeitaron. O título semellaba non dicirlles moito e tampouco sei se foron quen de enterarse previamente de que ía a obra. Eu, dende logo, non lles puiden dicir nada porque non tiña nin idea da trama. Eu, simplemente, cando vén Sarabela á Coruña, vou velos, e punto.
E, por sorte, esta vez vimos unha das grandes obras. Penso que xogou claramente a favor o feito de que o texto parece sensacional, do dramaturgo polaco Slawomir Mrozek. Se a alguén lle asustaba o título, a verdade é que eu non lle vin maior relevancia, porque o tema do baile do tanto apenas se menciona, e aparece na última escena, como podía ter pasado outra cousa. Eu creo que se a obra se titulara "Gaseosa" ou "Neutróns", basicamente podía quedar igual.
A historia trata basicamente dunha familia onde case todos están chalados. Dese xeito o éxito está asegurado. Hai tres xeracións:
- A maior está formada pola avoa e unha tía, que pasan boa parte do tempo xogando ás cartas cun "estraño", que se pega a gran vida, e que non están moi ben da cabeza (elas, el está bastante mellor).
- A intermedia está formada por un matrimonio, no que el é algo así como un "artista" bastante excéntrico e ela está liada co "estraño", co coñecemento do seu marido.
- A menor está formada polo fillo do matrimonio, que está estudando tres carreiras e que pretende poñer algo de orde na caótica vida da familia, e a súa moza, coa que pretende casarse, pero ela non o ve moi claro.
As situacións que se producen con toda esta panda de chalados no escenario xa as podedes imaxinar.
E, para rematar, algún comentario sobre o elenco de actrices e actores. En canto ás actrices, son as catro habituais de Sarabela. Pero en canto aos actores, cambiaron algo con respecto ao habitual. Segue Fernando Dacosta de actor principal, como habitualmente. Pero dende que hai algún tempo morreu o outro clásico do grupo, Suso Díaz, hai algúns movementos nos actores masculinos. Nesta ocasión tampouco están os habituais Josito Porto e Tito Asorey, que son substituídos por Lino Braxe e Vicente de Souza.
Hoxe domingo pola mañá fixen algo que levaba moito tempo sen facer: achegueime ao Pazo da Ópera da Coruña para ver unha actuación da Banda Municipal de Música.
Nesta ocasión era un concerto conmemorativo do XXV Aniversario da Asociación Galega de Compositores e, polo tanto, música de autores galegos, aínda que haberá que matizar algo a afirmación, como veremos.
O director convidado era Xosé Carlos Seráns Olveira, que é o director titular da Banda Municipal de Santiago de Compostela, e o programa foi o seguinte:
- "De Sober a Sobrado", pasodobre, de Xoán Antón Vázquez Casas.
- "A imprudente travesía de Isabel de Barreto" poema sinfónico - ballet, de Xoán Pérez Berná.
- "Metáforas" de Miguel Brotóns.
- "Galicia", marcha triunfal, de Marcial del Adalid, que foi adaptada para banda por Xoán Durán (creo).
- "A bela adormecida", suite, de María Mendoza.
- "Os mártires de Carral", de Raúl Martín Niñerola.
O concerto estivo moi ben, e fixeime nos seguintes detalles:
- Dos seis músicos que son socios da AGC, estaban os seis presentes, pero só dous son galegos. A única muller é asturiana e os outros tres son valencianos, e todos eles agora traballan aquí en conservatorios ou no ensino. Esto podería confirmar que Galicia e Valencia son as grandes potencias musicais (a este nivel) no Estado.
- Había algúns temas galegos pero tamén outros "exóticos" como o de Isabel de Barreto (o que contaba o libreto da súa historia semella moi moi interesante) ou a "bela durminte".
- Un dos autores valencianos musicou a historia dos mártires de Carral e tamén a revolta irmandiña. Semella estarse impregnando ben da cultura galega.
Na Fundación Nova Caixa Galicia (ou como carallo se chame agora) hai unha exposición sobre Isaac Díaz Pardo, con pinturas, obxectos, debuxos e un interesante video sobre a súa vida. Moi recomendable.
Tamén atopei este interesante vídeo feito por un colexio de Val do Dubra.
Este 24 de febreiro cumpríanse 175 anos do nacemento de Rosalía de Castro. Na A.C. Alexandre Bóveda fixemos un maratón de lectura onde participaron alumnos do centro no que traballo, unha pequena actuación poético-musical a cargo de César Morán, e unha charla a cargo de Pilar García Negro.
E ao día seguinte fun ao CGAI a ver unhas curtametraxes que trataban do mesmo tema.
O outro día, na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda tivo lugar unha interesantísima conferencia sobre "As touradas en Europa".
Estiveron a parlametaria europea Ana Miranda, algúns abolicionistas da festa dos touros de Portugal e Catalunya, que proporcionaron valiosas visións e opinións, e o acto foi organizado por Galiza mellor sen touradas, que está realizando un grande traballo para poñer en evidencia esta aberración.
Outra cousa interesantísima que eu descubrín en "Type in motion" foi a curtametraxe "Logorama", unha curiosa historia onde todo o que se ve son logotipos de marcas comerciais.
Déixovos as dúas partes do vídeo que atopei en Youtube.
Unha das cousas máis impresionantes que vin en Vigo foi a fantástica exposición "Type in motion". Estaba na Fundación Barrié, pero parece que non virá á de Coruña, polo que me dixeron hoxe mesmo.
E das moitas cousas flipantes que vin alí, esta que vos poño é a máis destacada. Os estudantes de Corea do Sur teñen fama de ser dos máis aplicados do mundo. E, polo visto, iso plásmase en todo tipo de cousas, como por exemplo as que vedes no seguinte video. Alí vimos só algunhas das imaxes que están aquí, iso faime pensar que debe ser case "deporte nacional".
Pasei estes días do Entroido en Vigo, para desconectar un pouco, e teño que recoñecer que a cidade nos acolleu de marabilla e que o descanso e o lecer foron totais. Intentarei resumir o denso programa de actividades:
- Sábado: chegamos á hora de xantar, instalámonos nun hotel moi digno e asequible na zona da estación vella (agora en obras porque vai acoller o AVE), demos un paseo pola castro, fomos ao Teatro Arte Livre do Brasil (un audaz e arriscado pequeno teatro privado no medio de Vigo) a ver unha versión de "A gaivota" de Chejov, e despois a cear.
- Domingo: subimos ao monte da Guía, baixamos a xantar no centro, na zona do Areal, fomos ver a nova pinacoteca Francisco Fernández del Riego (é dicir, a sección de pintura galega do Museo Quiñones de León) e unha magnífica exposición titulada "Type in motion" na Fundación Barrié.
- Luns: pegámonos unha grande pateada por toda a zona de costa do concello. Comezamos polo Areal, pasamos xunto ao novo auditorio Mar de Vigo, chegamos a Bouzas, fomos a Alcabre polas praias, chegamos a Samil, seguimos máis alá, pasamos da illa de Toralla e xantamos nun chiringuito na praia de Canido. Voltamos pola avenida de Europa, Castelao, paramos a dar unha volta polos xardíns de Castrelos. Non estivo mal o día.
- Martes: Fomos visitar pola mañá o Museo Quiñones de León, e pola tarde algunha salas da Fundación Caixa Galicia e a casa das Artes coa Fundación Laxeiro.
- Mércores: visitamos o MARCO pola mañá e despois de xantar marchamos de volta para Coruña.
Descubrimos algúns locais de hostelería fantásticos, o tempo foi excepcional, coñecemos ben a cidade e descubrimos algúns currunchos máxicos.... Conclusión: que non foi mala idea, en absoluto, escoller esta cidade para pasar estes días de lecer, entre outras cousas por poder desprazarnos ata alí en tren, sen maior problema.
O outro día presentouse na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda o libro "Café só", de Anabel Alonso, editado por Morgante.
É a primeira obra da autora, un libro de relatos, que foi primorosamente presentado acompañado duns videos sobre a lectura dalgúns deles, realizada pola propia autora e o presentador do acto, o poeta Eduardo Estévez.
Desexámoslle moita sorte e longa carreira literaria.