Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Orgullos@s do galego
Acaba de saír unha fenomenal campaña audiovisual promovida pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, un grupo de profesores voluntariosos que aman o galego e o defenden con paixón e con argumentos científicos e rigorosos.

Unha das medidas estrela desta campaña son estes vídeos que vos poño aquí. Se queredes máis información da campaña, está en

Orgullos@s do galego

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.



Comentarios (2) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 22-02-2010 19:11
# Ligazón permanente a este artigo
Carpeta de Arte en homenaxe a Uxío Novoneyra
O outro día disfrutamos na A. C. Alexandre Bóveda dun acto ben fermoso. Foi a presentación da reedición corrixida e aumentada dunha carpeta de arte en homenaxe a Uxío Novoneyra que xa se fixera no ano 1999, ano da súa morte.

Como este ano 2010 o Día das Letras Galegas está dedicado a el, aprovéitase esta efeméride para facer esta reedición e para intentar poñer en marcha a Fundación Uxío Novoneyra.

Aparte dalgúns mecenas que axudan no proxecto, quen está detrás de todo isto, incriblemente, é a activa empresa galega Rei Zentolo, coñecida polo deseño de simpáticas camisetas de mensaxe e sabor galego.

Estiveron connosco Salva "Zentolo" Vázquez (Director Xeral de Rei Zentolo) e Uxío Novoneyra Jr. (socio da empresa), que presentaron o interesante proxecto. Ademais tamén se proxectaron fotos de Uxío, se reproduciron varios fragmentos de audio coa voz do poeta recitando (algún deles inédito) e léronse espontáneamente (non estaba preparado nin ensaiado) poemas a cargo dos asistentes.

Un acto fermosísimo, sen dúbida.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 21-02-2010 14:48
# Ligazón permanente a este artigo
Muller-Mulher coa AAAGP
O outro día inauguramos nas instalacións da A. C. Alexandre Bóveda unha nova exposición promovida pola Asociación de Amizade e das Artes Galego Portuguesa, presidida polo activísimo Xulio Villaverde.

Esta titúlase "Muller-mulher" e está formada por cadros de socias deste colectivo, tanto galegas como portuguesas.

A colaboración entre as dúas entidades, cada vez máis estreita, dará lugar a novos froitos nos tempos vindeiros, xa o veredes.

Poño unha foto da inauguración dunha exposición deste colectivo en Figueira da Foz.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 21-02-2010 14:40
# Ligazón permanente a este artigo
Ruth Matilda Anderson
O outro día tiven a oportunidade de facer algo que levaba desexando varios meses, pero que nunca se presentaba a oportunidade.

Na Fundación Caixa Galicia na Coruña, leva xa algún tempo unha espléndida exposición de fotografías que realizou a hispanista americana Ruth Matilda Anderson (unha das fotógrafas da Hispanic Society fundada por Archer Milton Huntington) nun par de viaxes que realizou a Galiza nos anos 1924 e 1926.

Resultan moi ilustrativas de como era Galiza hai 85 anos e amosan un coidado e amor especial por parte da fotógrafa. Non se pode deixar pasar a oportunidade. Informádevos pero eu xuraría que lin nalgures que a estancia da exposición na Coruña prolongouse ata comezos de abril. Despois supoño que irá a Vigo ou a Santiago.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-02-2010 14:02
# Ligazón permanente a este artigo
Viaxes O Lóstregho no Sudoeste da provincia de Lugo

Despois de estar parados dende agosto, cando exploramos Soria e Guadalajara, Viaxes O Lóstregho saíu de novo de expedición no entroido 2010, para visitar en detalle a zona sudoeste da provincia de Lugo.

Como outras veces, houbo días dedicados ao sendeirismo e outros á visita motorizada de paisaxes e monumentos salientables da zona.

Concretamente, as zonas visitadas foron:
- A Ulloa: fermosa comarca formada polos concellos de Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla. O hotel que facía de campamento base estaba en Monterroso e todas as rotas de sendeirismo que fixemos estaban en Palas de Rei.
- Comarca de Chantada: formada polos concellos de Taboada, Carballedo e Chantada, sendo este último o máis visitado xa que abrangue os lugares máis espectaculares, como parte da Ribeira Sacra do Miño (moito menos coñecida que a do Sil, pero non menos espectacular) ou o Monte Faro.
- Ribeira Sacra Lucense: ademais de Chantada, na beira dereita do Miño, na beira esquerda destacan os concellos de Pantón, con impresionantes paisaxes e igrexas románicas, e O Saviñao, con paisaxes abraiantes. Como por exemplo, o que vedes na foto, coñecido como "O Cabo do Mundo". E un recodo do Miño que sae en moitos videos e anuncios. A fotografía está sacada dende un lugar de O Saviñao (o que está en fronte pertence a Chantada) chamado A Cova, onde hai unha capela con elementos románicos, e alá abaixo, fronte á punta, hai unha praia fluvial do mesmo nome. Tamén o teredes visto en anuncios da marca de viño "Abadía da Cova".

En definitiva, outro goce dos sentidos.

Saúdos. Viaxes O Lóstregho.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-02-2010 13:56
# Ligazón permanente a este artigo
Begoña Caamaño e Circe ou o pracer do azul
Hai varias semanas tivemos o privilexio na A. C. Alexandre Bóveda de asistir á presentación dunha novela moi interesante, titulada "Circe ou o pracer do azul", da xornalista Begoña Caamaño.

Trata dun xiro moi interesante na historia da Odisea de Homero. Resulta que Ulises (tamén chamado Odiseo) xa non ten tanta presa por voltar á Ítaca na que o espera Penélope, e queda con Circe. Pero tampouco Penélope ten maior interese en que Ulises chegue, e cando recibe novas de Circe de que Ulises está con el establécese unha magnífica relación entre elas. En definitiva, é unha visión feminista do mito homérico.

O que non podo asegurar, xa que non tiven a sorte de poder ler aínda a novela, é se está ambientada na antigüidade ou na actualidade. Xuraría que a historia é máis actual e que hai referencias ao mito grego, pero aínda non puiden concretalo.

Pero, en calquera caso, semella unha visión moi transgresora e innovadora da historia.

Na presentación contamos coa presenza de Xosé Manuel Sánchez Rei, vicepresidente da A. C. Alexandre Bóveda, Goretti Sanmartín, Pilar García Negro e, obviamente, a mesma autora.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 21-02-2010 13:43
# Ligazón permanente a este artigo
Faladoiro e Farra con CUAC FM sobre as radios comunitarias

Unhas horas máis tarde que a presentación do libro anterior, tamén o venres 5 de febreiro, celebramos un dos habituais "Faladoiro e Farra" da A. C. Alexandre Bóveda no Club do Mar.

Esta vez foi sobre as radios comunitarias e os expertos foron algúns dos membros máis activos da activísima emisora CUAC FM na que esta agrupación cultural ten o seu programa "Recendo". Foron concretamente:
- Mariano e Beatriz, de "Alegría".
- Lolo de "El salchichón".
- Ozzy de "El desinformativo".

Como sempre, a tertulia estivo moi animada e todos pasamos unha velada deliciosa e moi divertida, onde aprendemos moito sobre esta nova realidade que estamos coñecendo agora.

Póñovos unha foto dun especial que fixeron moitos dos membros da emisora con motivo do 10-D, día da Declaración dos Dereitos Humanos. Dentro de pouco haberá outro especial, no que xa colaborará a agrupación, sobre o Día da Muller Traballadora.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 21-02-2010 13:33
# Ligazón permanente a este artigo
55 mentiras sobre a lingua galega
Hai unhas semanas -tiven este blog algo abandonado polas miñas moitas ocupacións- asistín á presentación na Coruña do libro "55 mentiras sobre a lingua galega", editado por Laiovento e promovido por Prolingua.

Facíase esa presentación ese día -se non me engana a memoria, o venres 5 de febreiro- simultáneamente en 69 cidades do mundo, incluídas Amsterdam, Bruxelas, NY, etc.

Á que eu asistín na Coruña foi presentada por Óscar Sánchez (Martin Pawley), Francisco Pillado, Mercedes Queixas e Alfredo Ferreiro.

Un libriño ben interesante, que desmonta moitos mitos, e que é moi interesante consultar para ter argumentos sólidos ante as estupideces que chegan de Madrid promovidas por GB e a FAES.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-02-2010 13:19
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal