Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Koyaanisqatsi
Acabo de ver en Google Videos a película de culto "Koyaanisqatsi", a primeira dunha triloxía singular. Está dirixida por Godfrey Reggio e moitos chegamos a ela a través da abraiante música de Philip Glass.

O título é como se di "vida tola ou desequilibrada" na lingua da tribo americana dos indios hopi.

Consiste nunha sucesión de imaxes de diferentes temáticas: desertos, nubes, movemento de persoas, coches ou luces nas cidades, funcionamento de máquinas en fábricas, etc. que reflicten o noso alocado ritmo de vida actual. Entre esa peculiar temática e que a música de Philip Glass non é precisamente o que se di comercial, o resultado é unha película moi pouco convencional.

Déixovos o enlace a Google Videos. Por certo, o vídeo que aparece en principio é un trailer dun par de minutos. Se queredes ver a película enteira é a segunda na lista da esquerda, que dura cerca de hora e media. Saúdos.

Koyaanisqatsi
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-02-2009 21:58
# Ligazón permanente a este artigo
Mesa redonda sobre Darwin e a evolución
Asistín o outro día a unha interesantísima mesa redonda sobre o tema do título. Organizada polos Museos Científicos Coruñeses.

Estaban na mesa Tino Fraga, Roberto Bao, Pedro Galán, Ernesto Carmena e Marta Vila.

Unha gratísima charla que aclarou moitas ideas sobre o tema. E ademais, botou máis terra (aínda) sobre a morralla do Creacionismo. Especialmente simpático foi o comentario de que en Estados Unidos existe un grupúsculo chamado "Creacionistas da Terra Plana". Son tan capullos que nin na esfericidade do planeta cren. Hai xente pa tó.

Déixovos cun interesantísimo vídeo do programa Redes que explica a grandes rasgos de que vai isto da evolución.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-02-2009 12:24
# Ligazón permanente a este artigo
Ciclo de Poetas Coruñeses (2ª sesión)
O outro día tivemos na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda a segunda sesión do Ciclo de Poetas Coruñeses, que imos desenvolver neste ano 2009, un cada mes.

Nesta ocasión recitaron outros dous grandes da escena galega, Miguel Anxo Fernán-Vello e Xulio López Valcárcel. Unha vez máis o local estivo cheo. Parece que a cousa está gustando.

Déixovos cunha breve entrevista a Xulio no Culturgal último celebrado na Coruña.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.

Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 14-02-2009 12:09
# Ligazón permanente a este artigo
Zeitgeist

Estes días vin en Google Videos a película documental "Zeitgeist", da que ouvira falar bastantes nos últimos meses. Moi inquietante. Non sei que porcentaxe das cousas que din son certas. Pero dende logo fai pensar bastante. A xente convencional non debería vela, porque o seu mundo viríase abaixo en cuestión de minutos.

Básicamente está estruturada en tres partes:

1. Comparación das relixións, principalmente os mitos cristiáns cos doutras mitoloxías ou relixións anteriores, sobre todo a exipcia, e relación coa teoría astronómica, que "explicaría" determinadas datas coincidentes en moitas relixións, números e mitos. Chega a conclusión de que as relixións son unha farsa.

2. Política-guerra: defende a teoría de que todos os conflitos internacionais están provocados polas propias potencias xa que a industria armamentística é o maior negocio do planeta. Intenta demostrar, por exemplo, que o 11-S foi realmente un atentado preparado polos servizos secretos americanos. E o mesmo coas dúas Guerras Mundiais e a de Vietnam.

3. Sistema bancario: defende a teoría de que estas crises cíclicas están provocadas a propósito e que o principal instrumento para conseguilo son os Bancos Centrais. Conta a historia da Reserva Federal Americana, que non se creou ata 1913. Ata aquel momento o país renegaba por completo dun banco central, de feito fora unha das causas principais da guerra da independencia contra a metrópoli británica, que quería impoñer a moeda saída do seu Bank of England. Segundo din na cinta, imos cara un Goberno Mundial cando toda América se una baixo unha única moeda, e despois o faga coa Unión Europea, a Africana e a Asiática.

Milenarista? Catastrofista? IkerJimenista? Non o sei, pero insisto: non sei cantas verdades contan no medio pero non está de máis botarlle un ollo para botar abaixo todas as convencións, revisar os mitos de todo tipo e afinar o espírito crítico.

Podedes vela cos subtítulos en español en:

Zeitgeist
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-02-2009 16:18
# Ligazón permanente a este artigo
Xornalistas con opinión
Eu nunca leo máis dun libro ao mesmo tempo. Antes si o facía pero hai anos que deixei esa práctica, mesturaba as historias e non apreixaba todo o que podía das diferentes obras.

Pero esta vez fixen unha excepción, máis que xustificada. Hai algún tempo merquei dous libros editados pola Editorial Galaxia que tratan sobre algúns dos mellores xornalistas galegos da historia. Un tomo trae as súas 20 biografías e o outro trae unha escolma dos seus artigos. Entón, o que eu fixen nestas últimas semanas foi ler unha biografía nun tomo e, a continuación, os artigos dese mesmo xornalista no segundo tomo. Como vedes, non foi capricho senón sensatez.

Vou enumerar os 20 autores retratados: Manuel Pardo de Andrade, Concepción Arenal, Alfredo Vicenti, Emilia Pardo Bazán, Alfredo Brañas, Sofía Casanova, Basilio Álvarez, Antón Villar Ponte, Julio Camba, Xoán Xesús González, Wenceslao Fernández Flórez, Manuel Lustres Rivas, María Luz Morales, Roberto Blanco Torres, Ben-Cho-Shey, Víctor Casas, Johán Carballeira, Ánxel Fole, Luís Seoane e Álvaro Cunqueiro.

En total, case 800 páxinas onde quedan ben reflexados os dous últimos séculos deste país.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-02-2009 21:42
# Ligazón permanente a este artigo
Banca ética
Tamén onte asistimos a unha interesantísima charla de Raúl Asegurado sobre a Banca Ética.

Raúl Asegurado é o presidente de AIS "O Peto", delegación galega dunha asociación de orixe andaluz, que agrupa a un conxunto de aforradores que lle prestan cartos a persoas sabendo que non van ter beneficios e que, incluso, terán algo de perda.

Comentou cousas moi interesantes sobre o paradigma neoliberal e globalizador, o que fan os bancos cos nosos cartos, e as posibilidades que existen de saírse do "sistema".

Como anécdota, falou dun curioso persoeiro do que vos animo a investigar (como fixo el, que nos animou). Chámase Marc Rich e atópase algunha información sobre el na rede. E asegúrovos que a través del van saíndo cousas curiosas, por exemplo sobre o monarca español.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 06-02-2009 18:38
# Ligazón permanente a este artigo
O Entroido Coruñés segundo Xurxo Souto
Onte fomos unha vez máis á deliciosa tertulia que organiza Xulia Santiso no seu Museo Emilia Pardo Bazán o primeiro xoves de cada mes.

Esta vez o invitado era Xurxo Souto para falar do Entroido Coruñés e dos persoeiros míticos do mesmo. Como sempre no seu caso, foi capaz de chegar a un gran grao de entendemento co público.

Falou de personaxes como César Sanjosé (dilixente camareiro da cervexería Estrella Galicia que, durante dúas semanas no Entroido, se transformaba e case non durmía), Pivela e unha das estrelas foi o Mariachi de Canzobre, a quen vemos nunha foto dos anos 50.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-02-2009 18:32
# Ligazón permanente a este artigo
Cachiños do meu cerne
Hoxe lin un breve feixe de relatos que xa me chegou a finais de 2008.

Titúlase "Cachiños do meu cerne" e está escrito por Fuco Paz Souto, profesor nas Escravas da Coruña e unha das persoas máis simpáticas e agradables que coñezo.

Resulta de doada e amena lectura e axudoume a sobrelevar o meu breve paso de hoxe por Urxencias. Por sorte, non tiven que estar moito alí (en total, hora e cuarto). Xa tiven coidado de escoller a hora á que xogaba o Deportivo. Xa se sabe que a esas horas todo o mundo goza dunha milagrosa saúde.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (6) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 01-02-2009 22:34
# Ligazón permanente a este artigo
Brigada Bravo & Díaz
Non sei se o sabedes, pero non soporto o jazz. Creo que xa o teño comentado por aquí algunha outra vez.

Pero hai uns días asistín a un concerto que estaba enmarcado nun ciclo de jazz. E polo que vin, a decisión estaba ben tomada.

Pero ía ver a un músico moi concreto facer unhas cousas determinadas e o experimento foi exitoso.

Hai uns meses atopeime de casualidade na Coruña cunha breve actuación dun zanfonista vallisoletano afincado en Galiza chamado Germán Díaz. E quedei tan absolutamente flipado que pensei en facer o esforzo necesario para conseguir velo en concerto.

Certo é que o concerto que lle vin o outro día ía noutra liña, era acompañado doutro músico e facendo un repertorio moi concreto. Pero serviu para ser testemuña do seu excepcional virtuosismo.

Un dos grupos cos que actúa agora chámase a Brigada Bravo & Díaz. Editaron un disco chamado "Cancións populares da guerra civil". El toca zanfona, caixas de música e algunha cousa máis e outro músico (Díaz, non lembro o nome) toca simplemente a guitarra eléctrica.

Os dous utilizan "loops", que son uns aparellos que lles permiten gravar unha melodía que acaban de tocar para deixala soando de fondo.

No video que vos poño, hai momentos en que parece que están tocando catro ou cinco, pero é debido a ese virtuosismo técnico e tecnolóxico.

Gozade destas máquinas. Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-02-2009 22:30
# Ligazón permanente a este artigo
Ciclo de Poetas Coruñeses
O pasado 20 de xaneiro comezou no local da A. C. Alexandre Bóveda un ciclo de recitais a cargo de Poetas Coruñeses.

Serán 10 recitais en todo o ano, normalmente no segundo martes de cada mes, agás en xullo e en agosto. A particularidade é que en cada recital haberá dous poetas, primeira vez que se fai este experimento en Galiza, parece que fóra ten moito éxito.

O comezo non podía ser mellor: Xabier Seoane e Manuel Rivas. Estaba o local ata os topes. Recitaron coas luces apagadas e unicamente alumeados cun farol que lle daba un aire moi mariñeiro ao acto.

O 10 de febreiro estarán Miguel Anxo Fernán-Vello e Xulio López Valcárcel.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.

Comentarios (1) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 01-02-2009 22:23
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal