Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O darwinismo en Galicia
O outro día fun a unha amenísima mesa redonda sobre a introducción do darwinismo en Galicia e o estado actual de aceptación da Teoría da Evolución na nosa terra. Foi no castelo de San Antón, e moderada polo seu director, Xosé María Bello.

Os participantes eran de gran nivel:
- Roberto Bao, Profesor Titular de Paleobioloxía da Universidade da Coruña
- Ernesto Carmena, biólogo, autor de "El creacionismo ¡vaya timo!", publicado por Ed. Laetoli
- Xosé A. Fraga, doctor en Bioloxía e historiador da ciencia, especialista na recepción do darwinismo en Galicia no século XIX
- Aurora Grandal, Profesora Titular de Historia da Terra e Paleontoloxía da Universidade da Coruña e Secretaria do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal
- Equipo de Do the evolution, programa universitario de radio pioneiro na divulgación da evolución e a bioloxía en xeral

O que alí se ouvíu!!! Canta sabedoría xunta loitando por abrir algo de luz nas tebras da ignorancia. Comezou ás 19:45, eu tiven que irme ás 22:00, e alí seguían. Boas ganas tiña de quedar, pero...... A ver se comezan a facerse máis cousas así. A divulgación científica está bastante esquecida en todas partes, e aquí non digamos.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-02-2008 14:01
# Ligazón permanente a este artigo
Proxección audiovisual sobre Alexandre Bóveda
O outro día proxectamos un audiovisual sobre Alexandre Bóveda (en formato powerpoint") que elaboramos na asociación cultural do mesmo nome para ir espallando e dando a coñecer a súa figura, bastante descoñecida.

Foi na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, tan ben dirixida por Xulia Santiso, no seu ciclo "Os xoves da rúa Tabernas". Lembrade que a Casa-Museo está na rúa Tabernas 11, no 1º piso, na mesma casa que ocupa a Real Academia Galega.

Houbo bastante xente e penso que se cumpriu sobradamente o obxectivo proposto. Entregamos ademais algún dos nosos folletos e a banda deseñada que fixemos no 2007 coa súa biografía.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-02-2008 13:46
# Ligazón permanente a este artigo
Para Vigo me fun e xa volvín
Pasei o entroido en Vigo. As razóns foron varias:
- O Entroido é unha festa coa que non conecto apenas, así que dame igual ir a calquera sitio, con tal de non ficar na casa.
- Da xente coa que me movo habitualmente, ningún estaba disponible.
- Vigo é unha gran cidade con moitas cousas interesantes.
- Podía desprazarme ata alí moi fácilmente con varios medios de transporte, especialmente en tren, que me encanta, e cada vez máis.

Así que fun, e como teño uns cantos amigos e coñecidos por alí, programei visitas, paseos, encontros e demais. Pasei 4-5 días moi gratos, nos que desconectei moi ben e integreime ben na cidade.

Aloxeime nun dignísimo hostal recomendado por unha das miñas amigas alí, que estaba por detrás do Corte Inglés. Habitación dobre con instalacións máis que dignas a 16 euros a noite (aínda que "tiña" que utilizala como individual para que me cobraran ese prezo, é dicir, durmir sempre na mesma cama). Unha ganga.

Describo brevemente as miñas actividades de cada día:

- Venres 1: Cheguei a media tarde. Choveu todo o que faltaba de día a cántaros. Contactei por teléfono con bastantes dos meus colegas, sen moverme moi lonxe do hotel. Visitei o Museo Fernández del Riego, na Casa da Cultura Galega, onde se atopa a excepcional Biblioteca Fermín Penzol.

- Sábado 2: Erguinme cedo e percorrín a Gran Vía enteira e a Avenida de Castelao ata a praia de Samil. A coñita son 5 ou 6 quilómetros. Pasei a mañá no Verbum, a Casa das Palabras. Xantei en casa duns amigos que ao día seguinte marchaban a pasar unha semana de vacacións a Fuerteventura. Polo serán estiven cun sociolingüísta de prestixio que é profesor na Universidade de Vigo. Conversación moi amena e reveladora tivemos.

- Domingo 3: Pasei o día en Cangas. Agás algún descanso breve, o día foi meteorolóxicamente terrible. Obviamente, despraceime en barco. Alí estiven cun alto cargo dunha gran editorial galega co que me levo moi ben, pero pasei case todo o día cun amigo, profesor nun colexio de Vigo, crítico literario e ante todo moi bo tipo. Gran día pasamos. Incluso estivemos na casa dun importante poeta galego xirándolle unha visita, agora que está algo delicado de saúde.

- Luns 4: Fíxenlle unha breve visita á nova sede desa importante editorial galega da que falei antes, visitei o Parque de Castrelos, que non o coñecía, pasei por Balaídos e a Citröen (xa había tempo), fun á zona de Bouzas e pola beiramar, pasei polo Concello, e cerca de alí, comín na casa dunha amiga miña que é un alto cargo dun dos museos máis importantes da cidade. Pola tarde fun andando ó Monte da Guía, a ver a ermita (nunca estivera alí), e volvín cedo. Deume tempo incluso de ir ao cine, á Praza Elíptica, a ver "Os crimes de Oxford".

- Martes 5: Erguinme cedo para ir ao Museo do Mar, en Alcabre, cerca de Samil. Moi bo museo, seguramente o mellor da cidade. Pasei toda a mañá, e máis tempo podería ter pasado. Xusto de despois de xantar, fun ao MARCO (Museo de Arte Contemporándo), que está na rúa do Príncipe no que antes fora xulgados e cadea. Vin a exposición conmemorativa dos 5 primeiros anos de vida do museo. E a media tarde collín o tren que me deixou na estación da Coruña ás 8 e media da tarde, a 100 metros da miña casa.

Que idea tan simple de viaxe e que gran resultado obtiven. Recoméndoa.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-02-2008 13:32
# Ligazón permanente a este artigo
Moitas máis fotos de Lisboa
Despois de vinte días sen pendurar nada do blog, debido a un aluvión de traballo, aquí estamos de novo.

Pois se queredes, podedes visitar a fotogalería de Lisboa, onde hai xa case 50 fotos desa marabillosa metrópoli. A ver se temos sorte e neste 2008 podemos achegarnos por alí.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Lisboa e arredores - Verán 2002 - Publicado o 16-02-2008 13:00
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal