Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A percusión xaponesa de TAO
Acabo de chegar agora mesmo do concerto do grupo xaponés de percusión "Tao", que acaba de actuar no Coliseo da Coruña.

Impresionante. Non hai palabras. Os once compoñentes (oito homes e tres mulleres) son uns portentos físicos creando ritmos coa percusión.

Á saída, merquei un DVD, que me vendeu e asinou unha das mulleres do grupo, Arisa Nishi. Ela e un dos homes do grupo estaban alí vendendo e asinando dous ou tres minutos despois de rematado o concerto. Unha persoa normal estaría cos brazos metidos en xeo durante media hora.

Déixovos cun video que atopei en Youtube.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-02-2008 23:02
# Ligazón permanente a este artigo
Día Internacional da Lingua Materna

Onte fun de novo a Villa Florentina, a sede da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, en Cecebre (Cambre).

A escusa (calquera vale para ir a ese pequeno paraíso) era o Día Internacional da Lingua Materna, que fora esa mesma semana.

Houbo unha lectura de textos a cargo de varios dos membros do seu grupo de teatro Fas-que-fas. Eran:
- Un dos seis poemas galegos de García Lorca.
- Un capítulo de "El caballero de las botas azules" de Rosalía de Castro (rato, un conto e en español).
- Un poema en francés de Jacques Prevert.
- Un conto de tradición oral
- Un fragmento en portugués de "O segredo de Barba Azul" de Wenceslao Fernández Flórez.

E despois os tradicionais, cafés, tés e pastas con que sempre nos obsequian nesa santa casa.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-02-2008 22:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chámome Juan Ramón Jiménez
Onte fun ver unha obra de teatro que trataba sobre Juan Ramón Jiménez.

A idea que tiveron para falar del non estaba mal: un campesiño de Chaquichengo, unha aldea da selva venezolana creada no s. XIX por unha empresa madeireira, chamado Juan Ramón Jiménez, descubre que se chama igual que un famoso poeta español o día que le unha esquela avisando da súa morte.

E decide ir a Moguer e ir seguindo os pasos do seu homónimo. A mestra da escola de Chaquichengo vai recibindo caixas que envía o campesiño con obxectos que lembran ao poeta e que permiten aos alumnos ir seguindo a súa traxectoria pola vida.

Cara ao final descúbrese que todo era máis ben falso: houbera un campesiño chamado así que marchara nalgún momento, pero fora casual. A mestra (que non o era, senón unha empregada da madeireira), enviaba as caixas a diferentes lugares para que llas devolveran e crear a ilusión do campesiño viaxeiro.

Unha boa escusa para recitar poemas de Juan Ramón.

Os actores que recitaban eran Carmen de la Maza e Manuel Galiana. O actor (venezolano, supoño) Aitor Gaviria facía o papel do fillo dun alumno daquela escola, a través de quen coñeceu toda a historia.

Agradable.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-02-2008 13:50
# Ligazón permanente a este artigo
O detective Faber
Aquí tedes a introdución dos capítulos da serie alemá dos 80 "O investigador", ou "O detective", non lembro exactamente, protagonizada polo detective Faber. Dáballe vida o actor Klauss Wennemann, ao que volvín ver na película "O submarino" da que falo máis abaixo.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-02-2008 12:56
# Ligazón permanente a este artigo
O submarino
Onte vin unha película. Estou que me saio últimamente. Pero esta foi na miña casa. Non sei, non tiña moitas ganas de facer nada e pareceume unha oferta algo interesante.

Titúlabase "O submarino" (Das Boot, no alemán orixinal). O director era Wolfgang Petersen, e o actor principal, o único algo recoñecible era Jürgen Prochnow.

Trataba dun submarino alemán na II GM, cuns poucos oficiais experimentados, moitos mariños novos e algún enviado polo exército para vixiar o funcionamento da disciplina e a orde.

Non estivo mal. Non houbo demasiada acción, xogábase máis co tema da tensión do encerro, da claustrofobia, das ganas de entrar en combate pero non poder, etc. Despois de varias batallas, de case morrer afogados no estreito de Xibraltar, conseguen voltar a casa, son recibidos como heroes, e cando están baixando da nave, son bombardeados polos avións ingleses. Tamén xa é mala sorte. A parada principal que lle dá un xiro á historia é no porto de Vigo, aínda que só se ve de noite e non podo asegurar que fora, víase unha cidade iluminada pero non fun capaz de recoñecela, nos anos 40 ademais.

E para nostálxicos, direi que uns dos papeis principais faino un tal Klaus Wennemann. Ese era o actor que a finais dos 80 e principios dos 90 protagonizaba unha serie de policías e detectives alemá que creo que se chamaba "El investigador" (Der Fahnder, no orixinal). E o seu personaxe chamábase Faber, tiña unha moza que traballaba nunha cervexería. Todo moi alemán, claro.

Saúdos.
Ficha da película na Internet Movie Database
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-02-2008 00:19
# Ligazón permanente a este artigo
Emigrados, de Teatro de Ningures
Ah, xa o esquecía. O outro día fun ver a obra de teatro "Emigrados" de Teatro de Ningures.

É unha obra composta de pezas dos autores Cándido Pazó, Xosé Manuel Pazos, Suso de Toro, Anxos Sumai e Sonia Torre. Unhas máis longas que outras, unhas mellores, outras peores....

Non sabería dicirvos por qué, pero gustoume moito. Esa estraña sensación de estar rematando a obra e dicir "esta historia que me están contando está moi ben". E debe ser difícil facer iso mesturando cinco historias distintas. Levou o Premio MAX a mellor obra galega do ano. Recoméndoa, aínda anda de xira por aí.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-02-2008 23:11
# Ligazón permanente a este artigo
Os novos museos de Vigo
Como xa contei, estiven hai pouco pasando o Entroido en Vigo. Ademais de patear a cidade, xa que só a coñecía superficialmente, decidín visitar os tres novos museos da cidade, que non estaban a última vez que pasei por alí.

O primeiro que visitei foi o Verbum - A Casa das Palabras. A intención é facer un museo sobre a comunicación humana, en todos os formatos e ámbitos posibles. Ten algunhas cousas interesantes. Pero a lingüística, a sociolingüística e outras disciplinas adxacentes non sei se dan para tanto. Sospeito que nunca será un museo de masas. Cando eu estiven había tamén unha exposición temporal sobre o Cid, do que se celebraba o 800 aniversario de algo (non sei se do nacemento, morte ou outra data importante). O Verbum parece un exemplo claro de gran contedor con pobre contido, arquitectura moderna espectacular sen saber moi ben para que facela. Está en Samil e vese na foto a súa estampa.

Despois visitei o Museo do Mar. Aparte de que o inauguraron varias veces, algunhas delas no mesmo día (achéganse as eleccións), e que a actuación arquitectónica tamén tivo a súa certa polémica (que raro!!! aínda que non lembro en que consistía neste caso), gustoume moito este museo. Ten unha primeira nave, dividida en dúas plantas, con moitos módulos moi ben organizados e didácticos sobre o mar. Despois ten, a parte, o acuario, que é rectangular e terá unhas dimensións de 20x3 metros, que pretende recrear o mar de Vigo. Polo tanto, non hai especies exóticas nin sorprendentes. Está en Alcabre, na Punta do Muíño.

E por último visitei o MARCO, o Museo de Arte Contemporáneo de Vigo. Está nun estremo da rúa do Príncipe (cruce con Urzaiz), onde antes houbera uns xulgados e o cárcere. Mantén a curiosa estrutura radial con pavillóns e o patio (agora cuberto con cristal) que lle dá moito encanto. Leva cinco anos aberto. E casualmente agora tiña unha exposición chamada "Tempo ao tempo", cunha selección das obras dos múltiples autores que pasaron por alí nese tempo. Como sempre, en arte contemporáneo, había cousas moi curiosas e interesantes e outras que....... prefiro non seguir. Das que máis me gustaron, un video (creo que bastante pobre), que se proxectaba nunha cortina de fume, que só a provocaban de cando en vez para que non se enchera de fume o museo. E unha serie de pinturas moi chulas nas que faltaba algún personaxe ou elemento. E unha curtametraxe sobre "A invención de Morel" de Bioy Casares.

Saúdos.
Verbum - Casa das Palabras
Museo do Mar de Galicia
MARCO Vigo
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-02-2008 23:03
# Ligazón permanente a este artigo
El Conquistador
Onte fun ver unha obra de teatro moi orixinal.

En primeiro lugar, a compañía é colombiano-norteamericana. Había un único actor, Taddeus Philips, moi bo, americano que falaba español, non con total corrección pero entendíase bastante ben. O resto dos actores, figuras dos culebróns colombianos, aparecían nun video pre-gravado que se emitía a través de varias pantallas.

A ver se consigo explicar de que ía. Duraba hora e cuarto e a capacidade para integrarse dentro da obra era excepcional. O tempo pasou rapidísimo, sen darse un conta.

Pois este tipo, chamado Polonio, chegaba a traballar de porteiro a un edificio de Bogotá. Primeiro hai que explicar que en Bogotá os que viven nun edificio non teñen a chave do portal, está sempre pechado e abre o porteiro. Ademais tamén fan recados, como enviar bebidas, pitillos e outras cousas polo ascensor, xa que teñen un pequeno ultramarinos.

A obra vai da relación que xurde entre el e os veciños. O trato cos veciños é a través do video-telefonillo. Nunha pantalla pequena (ás veces) e noutra grande vaise vendo un video pre-gravado coas intervencións dos outros actores. En ocasións, el sae por detrás de pantalla e aparece na película que se está proxectando, cun nivel de compenetración case perfecto. Incluso nunha ocasión, retrasouse con respecto ao video e comezou a bracear queixándose. Non sei se foi un erro ou se estaba previsto, pero quedou moi ben.

Ademais era un amante das telenovelas, e pasa toda a obra intentando colocar unha antena para velas. A foto que vedes é cando chega á azotea para colocala.

Os actores colombianos estrelas do culebrón facían uns papeis moi curiosos: unha veciña algo histérica e sensual, un esmorgante, outra veciña moi sensual, outra moi guapa que tiña un mozo celoso que se creía Cristóbal Colón, e que ameazou con matalo, un chalado que levaba oito anos sen saír da súa vivenda...

En canto ao decorado, moi simple. A pantalla grande, un atril-mostrador pequeno e móbil onde tiña unha televisión pequena, un taburete e algúns produtos, e unha estrutura cadrada e oca no medio que colgaba do teito que serviu para moitas cousas: dalí saían as persianas, por momentos era un mar, noutros o borde dunha piscina, noutros o borde da azotea, como se ve na foto....

Grandioso. Paseino en grande. Ide a vela, se podedes.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-02-2008 14:38
# Ligazón permanente a este artigo
Proxección das fotos de Londres
No verán de 2005, Viaxes O Lóstregho deu o salto ao turismo internacional (seguimos considerando Portugal como a nosa segunda casa).

E fomos a Londres. Concretamente, nos primeiros días de agosto, un mes despois dos atentados do Metro. Alí estreei a cámara dixital Konica Minolta que tantas alegrías me leva dado.

O outro día proxectei algunhas das fotos que saquei, no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Houbo pouca xente, pero creo que saíu contenta, que é o que importa.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-02-2008 14:20
# Ligazón permanente a este artigo
Os crimes de Oxford
O outro día, cando estaba en Vigo, fun ver "Os crimes de Oxford".

Curiosa película sobre un enigma matemático en torno a un asasino en serie, que mata a varias persoas na cidade de oxford. A clave é matemática, utiliza as progresións (que curioso, xusto eses días estaba eu explicándollas aos meus alumnos) e os protagonistas principais son un insigne profesor de matemáticas de Oxford e un alumno aventaxado.

Os actores son de prestixio: Elijah Wood, John Hurt (canto tempo había que non o vía) e Leonor Watling. E o director é Alex de la Iglesia, que ofrece bastantes garantías.

Pasouse un bo rato. Só había algunha cousa que chirriaba un pouco. Non discuto que Elijah Wood poida ser guapo (aínda que tampouco me parece para tanto), pero deume a impresión que case todas as mulleres da película acababan morreando con el na primeira escena na que o atopaban. Iso tamén me pasa a min, pero non sabía que eramos tantos os privilexiados.

Saúdos.
Ficha da película na Internet Movie Database
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-02-2008 14:08
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal