Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

IV Edición da Galicia Magic Fest
Onte fomos a Palexco para ver a IV Edición do Galicia Magic Fest, que organiza o mago galego Pedro Volta dende hai uns anos, sempre nesta época do ano. Hai un ano creo que non se fixo a gala, porque este mago estivo a piques de morrer despois de que lle saíra regular un truco de escapismo dunha urna chea de auga. Cousas que pasan nesa profesión.

Na edición deste ano houbo as seguintes actuacións:
- Lazer Wizards: polo visto, unha parella que vén de Rusia e Francia (non sei de que país é cada un). Non teño nin a máis mínima idea de onde sae o concepto da súa maxia, pero visualmente ten unha potencia tremenda, como podedes vir no video.



- Shezan, un mago que vén de Italia, e que fixo un número no que aparecían farois con luces de diferentes cores por todas partes. O presentador fixo un chiste sobre o moito que gustou en Vigo...



- Dani Polo, un mago de Melide que parece que quedou moi ben clasificado nun programa de TVE que se chama "Pura Magia". O seu número facía aparecer un bo feixe de paraugas de diferentes cores e tamaños.



- Mag Marín, un mago barcelonés que fixo a actuación máis longa, tirou moito do humor e incluso fixo un pequeno fragmento dun musical nun dos números (porque fixo varios). Parece que ganou o programa ese de "Pura Magia". Un dos números ía sobre algo que se está convertendo no máis habitual na maxia actual, papeis gardados nun sobre durante todo o tempo que ao final conteñen todo o que estivo pasando durante o número.



- Norbert Ferré, mago francés que ganou o principal certame mundial hai 15 anos, que era supostamente a gran estrela, pero que a min non me pareceu para tanto. Supostamente era moi gracioso e simpático, pero a min non mo pareceu. Os principais números que fixo eran de manipulación de bolas cos dedos, e despois outro con cartas, pero non me chamaron demasiado a atención.



No medio destas actuacións, Pedro Volta ía facendo pequenos números para desmontar un escenario e montar o seguinte, e tamén para lucimento del, claro, que é o que monta todo o espectáculo.

En xeral, a min este tipo de galas gústanme bastante. Non vou coa actitude doutros, que se estresan moito intentando desentrañar a natureza dos trucos, pero eu paso bastante, e vou a disfrutar. Unhas veces sae mellor e outras peor, pero normalmente divírtese un. Esta non foi das mellores que vin, pero tampouco estivo mal.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-12-2019 13:16
# Ligazón permanente a este artigo
Flashdance (musical)
Nestes últimos días pasou pola Coruña o musical "Flashdance" e decidín darlle unha oportunidade.

A verdade é que debeu moverme a nostalxia oitenteira, porque eu non vin a película orixinal do ano 1983. Daquela estaban moi de moda películas ou series baseados no baile, como "Fame", pero esta película non a vin, aínda que me soaba a canción principal.

Despois resulta que me soaban máis. Aparte da canción-emblema, titulada "What a feeling", apoiada nun famoso vídeo, na banda sonora desta película tamén estaba "Maniac" de Michael Sembello, unha canción moi marchosa daquela época.

E neste musical tamén aproveitaron para meter varias cancións da época que orixinalmente non formaron parte da banda sonora, pero pode que si da película, como foron "I want rock'n'roll" de Joan Jett e "Gloria" de Laura Branigan, que ten algunha canción máis na BSO.

O resultado estivo ben, pero sen demasiados alardes. Pero está claro que ás veces non me resulta moi doado explicar por que vou a musicais (tampouco vou a todos). O baile non me interesa nada, ou case nada, principalmente vou por razóns musicais, e esta era música dos 80. Podía estar ben, pero quedou simplemente regular.

Saúdos.





Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2019 16:51
# Ligazón permanente a este artigo
Mulleriñas (1949)
O outro día botaron na televisión a versión fílmica máis antiga de "Mulleriñas", dirixida por Mervin LeRoy e baseada na novela de Louise May Alcott.

Penso que xa a vira anteriormente completa, pero apetecíame vela outra vez. Aínda que é algo ñoña e a historia e visión da sociedade semella bastante conservadora, paréceme interesante a diverxencia de caracteres dos seus personaxes, principalmente das catro irmás.

Nesta ocasión chamoume a atención (parece que as outras veces non me decatara tanto) a "desaparición" da irmá pequena, que morre enferma, pero non se ve nas imaxes a súa agonía. Simplemente, nun determinado momento deixa de aparecer, e inmediatamente se lle dedican obras e comentarios que deixan claro que xa non está.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2019 16:24
# Ligazón permanente a este artigo
O que arde
Onte pola noite, por fin, fun ver "O que arde". A verdade é que non houbo nada que mo impedira mortalmente nos meses anteriores, pero si que me daba moita pereza. Fixen o trato comigo mesmo de que, se no Nadal seguía nas salas de cine, faría o esforzo. Tendo en conta que se estreou o 11 de outubro, ten moito mérito, xa leva 2 meses e medio nas salas, que para unha película galega é case record do mundo. "A Esmorga" estivo tamén uns 3 meses, se non lembro mal.

Eu fun vela porque vin que só quedaba unha sesión ás 22.50 horas nun dos catro complexos de multicines que hai na Coruña, así que supuxen que probablemente na seguinte quenda xa a sacarían da proxeción. Pero ao mellor me equivoco, porque na sesión á que fun eu, véspera da Noiteboa, estabamos unhas 30 persoas, así que parece que segue tendo moito tirón.

Agora vou contar por que me daba tanta pereza ver unha película galega que está gustando tanto. A ver, este é a terceira longametraxe de Oliver Laxe, non sei se fixo curtas ou algo similar. E como ten certo prestixio e traxectoria, e levou xa uns cantos premios por exemplo en Cannes (non só con esta película, senón tamén coas anteriores), eu xa vira as súas dúas anteriores películas, "Todos vós sodes capitáns" e "Mimosas".

Teñen un certo prestixio esas dúas películas, pero a min parecéronme soporíferas e pretenciosas. De feito, xa se levaba anos falando de Oliver Laxe como "novo cinema galego", porque el vive en Francia e Marrocos principalmente, pero todo o que fai parece ter o galego como lingua principal, polo menos na súa promoción. Pero eu sigo véndoas como "cine marroquí", non con ánimo pexorativo, senón descritivo. Transcorren nese país e a lingua principal é francés ou árabe. Que os subtítulos sexan en galego e non en castelán (nalgúns sitios de Galicia) está ben, pero non o converte en "cinema galego", creo.

E agora chega "O que arde". Fíxoseme algo lenta, que non ten nada de malo de por sí, hai películas lentas que me encantan. Non pasa practicamente nada, iso xa é máis preocupante, hai que saber facelo moi ben que a película non resulte pesada, pero non foi o caso: faise algo pesada. Algunha xente di que a fotografía é flipante, e que as imaxes dos incendios tamén o son. Pois si, as paisaxes galegas son flipantes, e non digamos as dos Ancares, onde está ambientada a película, e os incendios tamén resultan moi poderosos visualmente. Pero fai falla máis ca iso para facer unha película atractiva.

E algunha xente fala da polémica e a incertidume final. Non vou desvelar de que trata, aínda que esta tampouco é unha película de intriga. Pero paréceme unha polémica totalmente artificial. Supoño que o director e guionista quixo abrir unha posible incertidume sobre quen puido ser o causante do devastador incencio, e había un protagonista principal que se prestaba moito a iso. Pero non houbo nin unha soa imaxe que puidera apoiar nin descartar esa hipótese. Dáme a impresión que foi simplemente "abrir un melón" que era moi fácil de abrir, aínda que non ofreceches nada para que se puidera pechar. E darlle un pouquiño de carnaza á xente, pero con moi pouco percorrido.

Conclusión: pareceume unha película algo máis interesante que as anteriores, síntome moito máis vinculado a ela, pero en xeral pareceume bastante frouxa. Certo é que se a seguinte película de Oliver Laxe vai estar ambientada en Galicia e con tema galego, seguramente faga o esforzo de vela. Pero como volva ás súas angueiras habituais, paso, xa me aburriu o suficiente.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-12-2019 12:28
# Ligazón permanente a este artigo
Guadi Galego e "Immersión"
A semana pasada pasou polo Teatro Colón da Coruña Guadi Galego, presentando o seu novo disco "Immersión", que polo visto levou algún premio debido a que se canta en todas as linguas da península ibérica.

O espectáculo estivo moi ben, pero deume a impresión de que había pouco material novo e moita remestura, colaboración con outros artistas en diferentes idiomas e experimentos similares.

Tampouco podo aseguralo, porque os 2 ou 3 últimos discos de Guadi non os merquei porque había que mercar vinilo obrigatoriamente (aínda que a min só me interesaba o CD). Pero algunhas cancións deses discos si me soan e aparecen de novo neste, pero é que aquí hai novas remesturas de cancións que xa editou hai 6-7 anos.

Este novo disco si o merquei porque por fin se podía escoller o formato. A ver se consigo os anteriores en formato CD ou dixital dalgún xeito. En calquera caso, segue sendo das cabezas máis frescas e innovadoras que hai na música galega actual.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-12-2019 13:48
# Ligazón permanente a este artigo
A Sociedade Literaria e do pastel de pel de pataca de Guernsey
Merquei este libro xa hai 3-4 anos. É unha tradución da editorial galega Rinoceronte. Foi escrito por dúas mulleres americanas, Mary Ann Shaffer (tía) e Annie Barrows (sobriña). E como me prometeran outras persoas, foi unha experiencia ben divertida.

Hai moitas cousas que contar sobre esta historia. Podemos comezar polo lugar no que sucede. Guernsey é unha das "illas do Canal". Ese nome fai referencia a varias illas pequenas que están no Canal da Mancha, que están moi cerca da costa francesa, pero que semellan ter máis vinculación con Gran Bretaña. A outra máis grande e coñecida é Jersey, e despois hai illas máis pequenas.

Pero a cousa aínda é máis complexa. O idioma que se fala alí era antes normando (está moi cerca da costa de Normandía), pero agora parece que domina o inglés, creo que pasaron a ser posesión británica nos últimos tempos, décadas ou séculos. Pero non significa que pertenza á Gran Bretaña, senón concretamente á coroa inglesa, o cal desembocou en que realmente son paraísos fiscais.

Pois a simpática e divertida historia desta noveliña trata de que durante boa parte da II Guerra Mundial, a illa estivo tomada polos alemáns. E as relacións entre os ocupantes alemáns e os ocupados "ingleses" foi bastante curiosa. Incluso semella que houbo algún matrimonio mixto, xa que algún dos ocupantes tiña bastante máis humanidade que os seus compañeiros.

Nese momento, en Gran Bretaña tampouco o estaban pasando nada ben, e mesmo Londres estaba sendo bombardeado polos alemáns con certa frecuencia. E debido a todo iso, establécese un vínculo entre unha escritora de éxito que vive en Londres e un grupo de habitantes da illa. Pero xa en 1946, cando a guerra rematou.

Resulta que un dos habitantes da illa merca un libro, e nas primeiras páxinas aparece o nome e dirección da que fora a súa propietaria. Ademais, esa muller xa non vive nese lugar, porque foi bombardeado, pero o habitante da illa non o sabe, obviamente. Así que o habitante da illa escríbelle unha emotiva carta falándolle do moito que lle gustou o libro, e que tamén lle gustou moito aos seus compañeiros do club de lectura, cuxo nome puxen no título.

Por milagre, esta carta chega á propietaria, que resulta ser unha escritora de éxito, que se fixo famosa escribindo columnas en xornais durante a guerra, que gustaron moito. Está intentando atopar inspiración para escribir un novo libro, pero non a atopa por ningures. E ao coñecer un pouquiño da curiosa historia dese club de lectura e desa illa, decide ir de visita, porque sospeita que aí está a inspiracións que lle faltaba.

Creo que non preciso contar moito máis. Podo asegurarvos que a historia e os personaxes son moi curiosos e simpáticos, e resulta unha novela do máis interesante. Se cadra o final é algo ñoño de máis, pero non o acabas tendo en conta.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-12-2019 13:42
# Ligazón permanente a este artigo
O empapelado amarelo
Esta obra de teatro que puidemos ver no Fórum Metropolitano da Coruña tiña moi boa pinta, pero ao final decepcionoume. Que se lle vai facer!!!

O título é "O empapelado amarelo" e representouna a nova compañía galega A Quinta do Cuadrante, con Tito Asorey á dirección e Melania Cruz como única actriz. Esa era a parte que máis me atraía.

A autora foi a estadounidense Charlotte Perkins Gilman a finais do século XIX. Foi unha feminista moi influínte da época, e este relato autobiográfico pretendía reivindicar os dereitos das mulleres a ter a súa propia autonomía e tomar as súas propias decisións. Esto tamén pintaba moi ben.

Pero o resultado non me chamou demasiado a atención, a pesar de que todo apuntaba na boa dirección. A historia trata sobre a cura de repouso total que o seu médico lle prescribe despois dunha depresión posparto. Está recluída nunha casa e nunha habitación e sofre alucinacións ao ver estrañas formas no empapelado amarelo da súa habitación. O que ela quería era totalmente o contrario, estar estimulada para poder superar a depresión.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-12-2019 13:22
# Ligazón permanente a este artigo
Taxi driver
Hai unhas semanas, vin que botaban "Taxi driver" sen cortes na 2, e pensei en vela de novo. Digo "de novo" porque creo que xa a vin completa hai anos, pero recoñezo que cando a vin este día soábanme moi poucas cousas.

Pois iso, película de 1976 dirixida por Martin Scorsese e protagonizada por Robert De Niro, onde seguramente os dous comezaron a converterse en super-estrelas. E moi mitificada, como era previsible.

Pero a min tampouco me di demasiado. Seguramente se a tivera visto no seu momento (difícil, dada a miña idade) ou me collera máis novo, pode que me impactara máis. Pero a estas alturas, non teño nin moi claro o que pretende transmitir, nin me interesa demasiado. Probablemente no seu momento foi moi transgresora pero agora xa non o é, pero iso non é culpa dela, senón da miña demora á hora de vela e valorala.

Supostamente o taxista protagonista está traumatizado pola guerra do Vietnam, onde parece que estivo. Perdinme os 3-4 primeiros minutos de película, ao mellor aí mencionaban algo, pero no resto non vin maiores referencias a esa guerra. Ou pode que estean implícitas e calquera estadounidense as detecte con facilidade, obviamente non é o meu caso.

Por momentos, deume a impresión de que a película pretendía glosar a vida da metrópoli neoiorquina e sobre todo a súa tumultuosa marcha nocturna. Dende logo a min non me motiva o máis mínimo, pero seguro que hai moita xente á que si lle interesan eses motivos e temáticas.

Tamén me parece algo patético cando pretende "liberar" á xoven prostituta protagonizada por unha novísima Jodie Foster (tiña uns 13-14 anos). Ao final máis ou menos conségueo. Pero insisto, debeu ser unha película moi innovadora e transgresora no seu momento, pero agora envelleceu algo mal, pero é que é moi difícil conseguilo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-12-2019 13:10
# Ligazón permanente a este artigo
Film Simphony Orchestra
Pois nada, este proxecto de orixe valenciana (creo) e liderado polo showman e director Constantino Martínez-Orts, segue ganándose a vida dignamente divulgando a música de cine.

Nesta ocasión tocaron pezas de películas como "Abismo de paixón", "O secreto da pirámide", "O discurso do rei", "Willow", "Jurassic World", "Solo: unha aventura de Star Wars", "Aladdin", "O bo, o feo e o malo", "Norte e Sur", "Amélie", "Como adestrar ao teu dragón", "Intelixencia artificial", "Interstellar", "Vingadores: Endgame", "Piratas do Caribe" e "Regreso ao futuro". Os bises foron a canción da cantina de "Star Wars" e algo de "West Side Story", xa que alguén tivo a mala idea de facer unha nova versión.

Como sempre, hai películas das que nin oíra falar. Casualmente, as dúas que máis me gustaron foron "Amélie" e "Interstellar", que foron as que menos lle gustaron ao colega que ía comigo. Para gustos, colores.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-12-2019 12:48
# Ligazón permanente a este artigo
Culturgal 2019

Un ano máis fomos á festa da cultura galega no Pazo da Cultura de Pontevedra. Este ano algún tempo menos, só pola tarde, xa que ese mesmo día tiñamos as "Pílulas de talento" pola mañán na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña.

Pois nada, máis ou menos o de todos os anos, sen demasiadas novidades. Se cadra, a máis rechamante é que os "stands" non eran como outros anos, unhas caixas pechadas, senón que eran máis abertos, e cunhas divisións menos visibles.

Segue estando ben, pero se cadra por ir todos os anos, véxolle algo de falta de dinamismo, e noto algunhas cousas que van a menos. Por exemplo, xa cada vez se vende menos música en galego. Antes había un posto moi grande de Inquedanzas Sonoras, pero xa hai varios anos que non van. Agora simplemente hai algúns postos de productoras ou grupos potentes que están presentando disco, pero non moito máis.

Aínda así, animo a ir a todas as persoas, especialmente ás que non estiveron nunca, porque seguro que verán moitas cousas interesantes.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-12-2019 12:39
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0