Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Contos na lareira
Estes días houbo unha nova edición de "Contos na lareira" no Teatro Colón da Coruña. Lembrade que esta serie está baseada en contadores de historias, máis ben ao xeito tradicional, non como as "Noites de retranca", que están máis dedicadas aos monólogos, que na miña opinión son moito peores.

Nesta ocasión estiveron Celso Fernández Sanmartín e Paula Carballeira, dous clásicos nesta serie, pero a novidade veu de María da Pontragha, da que non oíra falar.

Celso e Paula estiveron máis ou menos na súa liña, pero non me gustaron tanto como outras veces, se cadra é porque puxeran o listón moi alto no pasado, e agora cústalles superarse, claro.

E María estivo ben, pero tampouco me chamou moito a atención. Ten unha voz e un acento chulísimo, conta boas historias, pero case sempre lle vin algo que non me encantaba, non sei, algún personaxe, algunha frase que desentonaba no tono xeral do conto... non me terminou de convencer de todo.

Pero dá igual. Este formato gústame moito e seguramente seguirán facendo bos espectáculos no futuro. Haberá que seguir indo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-12-2018 00:42
# Ligazón permanente a este artigo
Nova Nursia
Pois si, a segunda novela que lin neste Nadal, esta vez en galego, tamén ten que ver con monxes, xa hai que ter puntería!!! Pero neste caso a temática non está baseada na ficción (aínda que algo hai tamén, que está novelada). Lin "Nova Nursia", escrita por Héctor Cajaraville, xornalista que comezou a escribir hai poucos anos, e que xa acadou moitos premios.

E de que trata? Pois dun tema ben interesante e seguro que moi descoñecido para moitos galegos. Resulta que houbo un monxe nado en Tui a comezos do século XIX, chamado Rosendo Salvado, que foi un dos primeiros en "evanxelizar" Australia, a onde chegou en 1845.

A novela conta como foi a súa aventura, e o moito que loitou polos pobos aborixes. De feito, aínda que teoricamente ía evanxelizar, parece que el deixou ese tema moi de lado, e dedicábase sobre todo a empoderar á etnia aborixe, que era masacrada e marxinada polos colonizadores brancos.

A novela está moi ben escrita, pero aparte diso, que non está mal, para min o máis importante sempre é que o tema é moi moi interesante. E encántame coñecer a novos persoeiros que fixeron cousas importantes deste xeito.

Tamén está aí a lenda negra de que este monxe foi a primeira persoa que mandou sementes de eucaliptos australianos para Galicia. Apenas se menciona na novela, e cando o fan, parece insinuar que xa había eucaliptos en Galicia cando el mandou as sementes para que as viran os seus amigos galegos. Pero vaia, non creo que este tipo de publicación sexa o acaído para aclarar este aspecto.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-12-2018 00:36
# Ligazón permanente a este artigo
O mosteiro
Hai un xoven historiador aragonés chamado Luis Zueco que leva uns anos escribindo novelas históricas ambientadas en coñecidos e salientables escenarios aragoneses.

Primeiro foi "O castelo", ambientada no impresionante castelo de Loarre. Despois chegou "A cidade", ambientada na fermosísima Albarracín. E a terceria e última da triloxía é "O mosteiro", no mosteiro cisterciense de Santa María de Veruela, ao pé do Moncayo.

Esta terceira foi a novela que lin estes días. Ben, bo divertimento pero nada doutro mundo. Xa supoñedes. Unha estraña morte nun sitio tan máxico e tétrico como ese, e un tipiño que chegaba alí como axudante dun notario, pero que é o único que sobrevive do seu grupo despois dunha emboscada, vese obrigado a investigar todas esas cousas raras que están sucedendo.

E resulta que todo tiña que ver con que no mosteiro estaba enterrado o fillo de Jaime I O Conquistador, pero el pedira ser soterrado en Huesca. Ese notario chegaba para solicitar o cadáver e levalo a Huesca, e no mosteiro non estaban dispostos a deixalo marchar, porque a importancia do mesmo podía ser moito maior se era panteón da familia real de Aragón. E moita intriga medieval a partir dese feito, seguro que xa o imaxinades.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2018 20:13
# Ligazón permanente a este artigo
Falar por falar
Hai uns días chegou á Coruña a obra de teatro "Falar por falar", baseada nas historias relacionadas co célebre programa de radio nocturno da Cadena Ser.

Como amante da radio e coñecedor da persuasión e compañía que acompaña ás voces dos locutores e locutoras, e non digamos xa en programas nocturnos coma este, que fan tanta compañía a tanta xente, fun ver a obra. Vaia, está ben, pero tampouco me pareceu para tanto. Os cinco actores e actrices fan moitos papeis diferentes, algúns aparecen en varios momentos da obra, e os voces resultan moi suxerentes, claro.

Unha das cousas máis impresionantes era o escenario, xa que había un estudio de radio, que se movía para diante, para atrás e diagonalmente completo, así que a maquinaria debía ser bastante potente.

A única actriz que me soaba era Ángeles Martín, que se fixo algo famosa en televisión hai uns 20 anos. Os demais non me soaban de nada, pero recoñezo que non vexo series nin apenas cine español, así que se cadra si son famosos.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2018 20:06
# Ligazón permanente a este artigo
O enigma de Embívicus
O libro número 71 da Colección 120 de La Voz de Galicia é "O enigma de Embívicus", unha novela xuvenil de Xosé Antonio Perozo.

Podería contar moitas cousas sobre este tema. Por comezar por algures, é curiosa a traxectoria do autor, un pacense de Llerena que leva anos en Galicia, escribe en galego, é editor e, se non me engana a memoria, incluso durante un breve intervalo, dirixiu e presentou un espazo sobre esoterismo e ciencias ocultas na TVG.

Non o sei con seguridade, pero creo que en galego escribe máis novela xuvenil que para adultos, pero pode que non sexa certo, creo recordar que é así. E esta novela acadou unha certa fama.

Basicamente trata sobre a rivalidade que existe entre unha vila chamada Embívicus e a súa veciña. Tanto os maiores como os pequenos miranse mal e menosprezan aos outros (que galego!!), e así non pode ser.

Pero un rapaz, que protagoniza algúns feitos salientables, comeza a superar esta eiva, e fai que os rapaces das dúas vilas se fagan amigos e comecen a levarse ben.

A vila de Embívicus chámase así porque nunha esquina da praza central hai algo parecido a un embigo, que é todo un misterio, e polo que ninguén se atreveu a entrar ata o fondo. E o rapaz esto conségueo, cun final bastante máxico e imprevisible.

Pero os habitantes desa vila vólvense tolos, e crendo que teñen un grande tesouro, deciden comezar a amurallala para illarse totalmente do mundo exterior, e iso obriga aos nenos da vila, liderados por ese heroe, a unirse aos da vila veciña, e crear unha nova cidade que supere esas tonterías.

A lectura fíxose bastante agradable e pracenteira.

Saúdos.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2018 19:59
# Ligazón permanente a este artigo
Rosendo
Hai unhas semanas pasaba polo Coliseum da Coruña o mítico roqueiro de Carabanchel, Rosendo Mercado, para despedirse.

A verdade é que as cancións máis famosas que lle teño oído, tanto del como de Leño (de Ñú non sei se hai algunha coñecida), non soan mal, pero tampouco eran demasiadas.

Nas últimas semanas antes do concerto, estiven buscando en Youtube máis cancións, para ver que sensacións me transmitía. E a primeira vez non me convenceu demasiado. E suminme nun mar de dúbidas, non tiña nada claro se ir ou non (supoñía que habería moita xente pero non se esgotarían as entradas). O último día fixen unha última audición e decidín ir.

O concerto estivo ben, pero vaia, tampouco para botar foguetes. Sigo pensando que a súa música me soa algo monótona. E non resulta raro, vendo a escasa cantidade de integrantes e instrumentos: unha guitarra, baixo e batería. Unha canción tras outra.

Creo que tocaron todas as máis famosas que eu coñecía. Só botei en falta "Corre, corre" de Leño, pero parece que agora xa non é demasiado famosa.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2018 19:49
# Ligazón permanente a este artigo
Unha árbore, un adeus
Avanzando algo máis na Colección 120 de La Voz de Galicia, chegamos ao número 70, que consistía en "Unha árbore, un adeus" de Marina Mayoral.

Recoñezo que lin a obra hai unhas semanas, e debido ao meu acelerado ritmo de vida, apenas lembro nada dela, pero si lembro que me deixou unha boa impresión.

Trataba de algo así como as lembranzas que tiña unha filla cando morría o seu pai, e recordaba que xuntos plantaran unha árbore na aldea orixinaria. E tamén lembro que ía intentar plantar unha nova árbore, e lle axudaba un home que quedara na aldea e que fora unha boa proposta de parella para a vida, pero que ao final se frustrou porque ela marchou a estudar a Madrid. E el decidiu quedar na aldea e levar adiante outro tipo de vida diferente.

Xa digo, non pasaban grandes cousas nesta novela breve, pero o debuxo dos personaxes resultaba moi agradable, e a forma de ir desvelando as cousas que lles pasaran a facía moi recomendable. Boas vibracións transmite esta obra.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2018 15:25
# Ligazón permanente a este artigo
AccordTrio
Hai unhas semanas presentouse un interesante disco de música nun concerto celebrado no pub A Cova Céltica, na Coruña. Por certo, creo que era a primeira vez que ía a un concerto a ese local, e a estrutura non se presta demasiado para dar concertos. Vaia, prestar si se presta, pero non para que poida disfrutalos moita xente, só unhas 15-20 persoas poden ver aos executantes, e non necesariamente con moita comodidade. Eu puiden oílos, pero apenas velos, pero tampouco é tan importante neste caso.

Pero deixando iso aparte, o experimento era ben interesante: a fusión de tres acordeóns (o instrumento cuxo son máis me gusta). E non soa nada mal, como era previsible, tendo en conta quen se embarcou no proxecto.

O galego Xosé Lois Romero toca o acordeón cromático de botóns, o escocés Angus Lyon toca o acordeón piano (o máis habitual) e o asturiano Marcos García toca o acordeón diatónico (que popularizaron autores como Kepa Junkera).

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2018 15:15
# Ligazón permanente a este artigo
Polaroid
Sigo avanzando, aos poucos, na lectura do Colección 120 de Literatura Galega de La Voz de Galicia. Esta colección editouse no 2002, foi un fito no seu momento, e deille bastante duro ao principio. Pero levaba uns anos coa súa lectura parada, e reanudeina este ano. "Polaroid" de Suso de Toro xa é o número 69 (e como descubriredes pronto, xa lin un par deles máis).

Penso que esta "novela" (se se lle pode chamar así, que non creo) xa a lin máis ou menos no seu día, cando se publicou a mediados dos 80, creo.

Foi unha das primeiras obras do autor, que comezou a ter éxito axiña, e esta obra concretamente foi moi rompedora porque a súa estrutura é bastante estraña.

Son moitos capítulos, bastante breves a maioría. Algúns ocupan varias páxinas, outros ocupan 1 ou 2, e hai incluso algúns que ocupan só 2 ou 3 liñas, e resultan bastante enigmáticos e transgresores.. Hai algúns que parecen ter certa relación con outros, pero moitos semellan estar totalmente illados. Pero vanse vendo certos fíos condutores, e está escrito dun xeito que resulta bastante atractivo.

A min non me deixou moita pegada, en canto á temática (non sabería dicirvos xa de que trata, e só hai unhas semanas que o lin, só lembro algún que outro relato curto), pero si a súa estrutura, como me pasara hai unhas décadas, na súa primeira lectura.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2018 15:04
# Ligazón permanente a este artigo
Mercedes Peón
Aínda que xa a vira actuar nas festas de María Pita neste pasado mes de agosto, asistín tamén ao Ágora hai unhas semanas para ver a Mercedes Peón presentando o seu novo disco "Déixaas".

Estaba coa formación que agora é habitual no seu grupo, acompañada por Mónica de Nut e Ana Fernández, que forman un trío cunha potencia tremenda. No verán tamén saíron en varias ocasións un par de músicos, tocando a guitarra e os saxofóns, e Yolanda Castaño recitando nunha das cancións, e María Reimóndez tamén facendo coros ou algo así. Nesta ocasión non, estiveron só elas tres, que se bastan e sobran para sacalo todo adiante.

Pois nada, todo bastante espectacular e vangardista, a súa música vai bastante por diante do país, e sospeito que por aí adiante, por exemplo en Europa, onde sempre gustou moito a súa música, deben estar flipando bastante. Mercedes xa non é aquela rapaza nova de pelo longo que presentaba ás cantareiras no Luar. Decidiu dar un grande salto adiante e hai moita xente que aínda non conseguíu asimilalo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2018 14:03
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal