Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Os fillos do sol

Hai unhas semanas presentouse no Teatro Colón da Coruña unha coprodución entre a produtora de Cándido Pazó e o Festival de Teatro FIOT de Carballo. Como eu lle teño moita lei a Cándido Pazó e case nunca me decepciona, asistín confiado ao espectáculo e, de novo, saín complacido.

A obra de teatro titúlase "Os fillos do Sol", e fala da creación da obra "Os Eoas" por parte do poeta Eduardo Pondal, do que este ano se cumprían 100 anos da súa morte. Cando vin o interesante da trama e que dirixía Cándido Pazó, decidín asistir e, unha vez máis, non me decepcionou.

Só hai tres actores na obra: César Cambeiro, Adrián Ríos e Alba Bermúdez. Teoricamente, a obra está ambientada nos últimos anos da vida de Pondal, na casa na que vive. César Cambeiro fai do Pondal maior, Adrián Ríos fai del mesmo cando era novo e Alba é unha criada que o atende, que lle fala da súa relación coa ama da casa, co seu mozo, e que interactúa moito con el, sempre cunha perspectiva das cousas moi fresca.

O Pondal vello e o novo conviven nas mesmas escenas (o novo é algo así como unha pantasma). De feito, cando o novo di algo e a criada está por cerca, ela pregunta "que dixo?" e o Pondal vello, que sabe de onde sae a súa confusión, ten que saír do paso como pode, pero esas situacións normalmente teñen moita graza.

O debate continuo entre eses dous personaxes xira en torno á toleria xuvenil dunha obra, que lle levou moitos anos, e que non foi publicada en vida del. Hai poucos anos, varios expertos publicaron a que se cre versión definitiva da obra "Os Eoas", unha especie de historia épica na que se falaría do descubrimento de América, mesturado coa mitoloxía celta e a chegada alá da fe cristiá, como vedes unha boa mestura.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-12-2017 18:22
# Ligazón permanente a este artigo
Elysium
Como xa deberían saber os millóns de persoas que len este blog é que me agrada bastante a ciencia-ficción, tanto en cine como en literatura. Gústame sobre todo que os autores vense obrigados a facer un grande exercicio imaxinativo de prever como pode evolucionar a sociedade ou inventar mundos coas súas propias regras e historia, e iso gústame moito, pero por iso mesmo, pode gustarme incluso máis en libro que en película, onde case todas as películas acaban en insufrible pirotecnia baleira.

Hai algo así como un mes escoitei que botaban na televisión unha película titulada "Elysium". É do ano 2013 e está dirixida por un tal Neill Blomkamp. Recoñezo que non lembraba para nada nin ese título nin un director chamado así, pero que os actores protagonistas foran Matt Damon e Jodie Foster xa me daba algunha referencia máis.

Pois ben, pasou un mes e apenas lembro xa case nada da película, e iso debe ser indicio de algo. Estiven lendo por aí algunhas críticas ou crónicas para ver se me traían algún recordo, e si, algo fixeron.

Lembro que o comezo da película estaba moi ben, como case sempre. Era onde se presentaba a situación xeral, que é que na Terra viven millóns de persoas pobres, xa que está moi deteriorada, contaminada e superpoboada. E os ricos, que son claramente moitos menos, viven nunha especie de estación espacial, perfectamente visible dende a Terra, perfectamente acondicionada e cuns avances tecnolóxicos que fan, por exemplo, que metendo a unha persoa enferma nunha máquina que hai en todas as casas, se lle curen todas as enfermidades inmediatamente. Está ambientada a mediados do século XXII.

O personaxe de Matt Damon é un tipo que traballa nunha fábrica da Terra, que nalgúns momentos ten algún problema coa policía (que está robotizada e non se anda con coñas). Un determinado día, sufre un accidente polo cal a súa vida está en grave perigo e vai morrer en cuestión de días. Debido a iso, ponse en contacto cun personaxe bastante sinistro que é capaz de mandar naves a Elysium para intentar colarse no paraíso dos ricos (vaia, algo parecido ás mafias que mandan pateras de África para Europa). E chegan ao acordo de traballar xuntos para intentar roubar un importante material e poder fletar a nave que o leve alí, para poder curarse.

En paralelo con iso, a presidenta de Elysium, interpretada por Jodie Foster, que é unha muller moi autoritaria, quere reforzar as leis anti-inmigración (vaia, como Trump), pero outros moi altos cargos electos non están de acordo coa súa liña dura, e ela decide intentar un "golpe de estado" na sombra reprogramando o software da estación espacial.

Como vedes, a cousa non pinta nada mal, e a película avanzaba de forma moi interesante. Pero xa non lembro demasiado ben como era o final, porque basicamente a historia intelixente vai rematando pouco a pouco, e a película cada vez se volve máis violenta, e o único que hai son disparos, peleas, explosións, etc. Ou sexa, que plantexada esa interesante trama inicial, o final é "ostias sen parar". Que mágoa!!!

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-12-2017 18:02
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxe Nacional a Paco Souto
Xa hai tamén unhas semanas celebrouse no Teatro Colón da Coruña a Homenaxe Nacional a Paco Souto, político, poeta e activista cultural que faleceu este ano, xa que a principal actividade da que subsistía era a de percebeiro, e iso é bastante perigoso.

Estaba ateigado o teatro, e houbo moitos poetas recitando, músicos tocando e varios artistas plásticos facendo un fermoso mural no que saía el nunha das súas fotos máis difundidas. Foi unha moi fermosa homenaxe de despedida.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-12-2017 17:44
# Ligazón permanente a este artigo
Claudio López Garrido e o "Retrato do colonizado"
Xa hai máis dun mes asistín a outra das charlas que a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda organizou este outono sobre o centenario da Revolución Rusa.

Neste caso, Claudio López Garrido, un dos tres deputados nacionalistas que foi expulsado do Parlamento galego na súa primeira lexislatura por non acatar a Constitución española, falou do "Retrato do colonizado", unha obra de Albert Memmi da que foi o traductor ao galego, e que está considerada un dos mellores retratos psicolóxicos da opresión.

Dito isto, non teño eu excesivamente claro se esta charla encaixaba perfectamente neste ciclo de conferencias sobre a Revolución Rusa. Ademais, foi a única delas á que non puiden asistir dende o principio, cheguei cando xa ían uns minutos de alocución.

Pero aínda así, sendo o tema interesante, Claudio non me convenceu demasiado como orador, utilizaba algunhas "coletillas" que repetía con moita frecuencia, que nalgún caso quedaban ben pero noutros non tiñan ningún sentido. A min o seu nome soábame moito, pero non me constaba que dera moitas conferencias, porque levo bastantes anos neste entorno, e nunca oíra falar de ningún acto no que el participara. Efectivamente, dixéronme que estaba bastante afastado da vida pública, e ao mellor por esa razón non ten tanta soltura falando en público.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-12-2017 17:38
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
© by Abertal