Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

1917. A Revolución rusa cen anos despois
Como xa deixei caer por aquí nalgunha ocasión nos últimos tempos, o feito de que se cumpriran 100 anos da revolución rusa paréceme bastante relevante.

Tanto é así que, vendo poucas ofertas de libros falando do tema (é raro, porque as editoriais sempre aproveitan efemérides coma estas), púxenme a buscar un que falara do tema e atopei un que tiña boa pinta. Titúlase como este artigo e está publicado por AKAL (pensei que xa non existía) na súa colección "Reverso Historía crítica".

Os compiladores son os profesores universitarios Juan Andrade e Fernando Hernández Sánchez pero escriben uns vinte autores diferentes, a maioría españois, pero hai de varios países hispanoamericanos e europeos máis.

A pesar de ser un libro deste estilo, con múltiples autores, hai unha certa armonía, e apenas se notas solapamentos de temas entre os diferentes artigos, aínda que algúns me pareceu detectar. Non sei se é o libro máis perfecto para informarme deste tema, pero puido valer e facer parte da súa función. Gustaríame atopar algún libro máis ou menos asequible (en cartos e páxinas, ou sexa, en tempo) que conte esta historia dun xeito máis canónico e convencional, pero polo menos, para ir entrando na temática, xa valeu.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-12-2017 00:37
# Ligazón permanente a este artigo
La planéte sauvage
Neste mes de decembro, a Agrupación Astronómica Ío, da Coruña, está organizando ciclos de cine co título de "Visións do ceo". Hai uns días botaron varias proxecións no CGAI, ás que tristemente non puiden ir. Pero si estou podendo ir ás proxecións no Fórum Metropolitano.

A primeira delas foi "La planéte sauvage", película francesa de 1973 dirixida por René Laloux. É unha película de animación, coproducida con Checoslovaquia, e filmada nos estudios praguenses de Jiri Trnka, que polo visto eran moi valorados e admirados naquela época.

Nun planeta chamado Ygam viven unhas criaturas xigantescas chamadas Draags. Polo menos, son xigantescas se as comparamos cunha especie de pequenas mascotas que teñen eles, chamadas Oms, ou sexa, os seres humanos, que son bastante bravos e están a piques de ser exterminados.

A película trata de como os humanos van evolucionando e agrupándose, para defenderse dos Draags, e despois, incluso para atacalos, que ten unha resolución bastante chula no final.

Pero a estética da película, os tonos e os debuxos resulta moi encantadora.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-12-2017 00:24
# Ligazón permanente a este artigo
Mensaxe do mar
Se non me equivoco, Fantoches Baj é unha compañía creada polo lalinense Inacio Vilariño, que se dedica principalmente ao teatro de títeres e similares (en Lalín saben bastante dese arte, por alí hai varias compañías importantes, e hai un museo da marioneta).

Pero por algunha razón, neste ano 2017, aproveitando que se lle dedicaba a Maruja Mallo o Día das Artes Galegas, decidiron facer unha obra dedicada a ela con actores humanos, que se titula "Mensaxe ao mar".

Os tres actores participantes son Tero Rodríguez (que fai de Maruja Mallo, polo tanto é a actriz principalísima), Benxamín Otero (que nalgún momento fai o papel de García Lorca, pero principalmente canta e toca instrumentos) e Iacio Vilariño (que fai o papel de Pablo Neruda, importante na vida de Maruja).

Basicamente, a actriz que fai de Maruja Mallo vai contando a súa vida, anécdotas que lle levaron a tomar decisións ou pintar determinadas obras, e é ela a que nos vai guiando durante a representación. Os outros actores van intervindo, van movendo pezas polo escenario que representan algúns dos cadros máis salientables da súa obra e todo iso.

A obra está bastante ben, e pode servir de introdución para coñecer a obra e vida desta interesantísima muller. Pero paréceme que, por momentos, adoece de certa falta de ritmo que lle fai perder forza.

En calquera caso, na representación que eu vin no Teatro Colón, a ovación ao final foi atronadora. Tamén é certo que nas últimas semanas, por non sei que razón, todos os espectáculos do Teatro Colón están sendo gratuitos. E xa sabemos o que significa iso. Que moita xente colle as entradas por sistema, e despois se cadra non vai. E que moita xente entra ao auditorio sen saber o que vai ver, e despois hai pequenos líos.

Neste caso, eu xuraría que pola parte de atrás había unhas cantas persoas que estaban algo sordas, porque dicían que non se escoitaba ben á actriz (algunha desas persoas berrouno en alto ao comezo), pero ao mesmo tempo, cando falaban entre elas, si que se escoitaba perfectamente:

- Primeiro: por que hai xente que fala cando vai ao teatro? non tería que calar?

- Segundo: xusto ao meu lado tocáronme dúas señoras maiores que adolecían dese problema. Unha delas díxolle á outra, cando a obra xa estaba en marcha, en volume bastante alto "non sei se sacar o audífono do bolso".

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-12-2017 00:14
# Ligazón permanente a este artigo
A fábrica de nada
Hai uns días, o Teatro Colón da Coruña anunciaba que ía poder verse a película que levou o Premio do Público na última edición do Festival Cineuropa de Santiago de Compostela.

Pero na web do Teatro non dicía nada máis. Algúns intentamos documentarnos para saber que íamos ver, por se acaso. Eu e varias persoas máis que coñezo atopamos que a película ganadora dese premio era "L'insulte", creo que libanesa. Pero chegamos ao Teatro e alí dixéronos que a película que íamos ver (e supoño que a ganadora finalmente, pero non sei por que hai esa confusión informativa) era "A fábrica de nada", película do director portugués Pedro Pinho deste mesmo ano.

Ben, na folla informativa previa xa poñía que a película duraba 3 horas (non é a mellor forma de empezar, se cadra). Aquela folla tamén dicía que a película trataba dunha fábrica que, por isto da crise e da deslocalización neoliberal, comezaba a ser desmantelada polos seus propios propietarios, e os traballadores comezaban a pecharse nela e a presionar aos propietarios para impedilo. E tamén mencionaba algo de que contaba todo isto en forma de musical. Dende logo, a cousa parecía pouco convencional.

Non podemos negar que a historia está ben e é bastante orixinal. E moi interesante que se fale deste tipo de cousas. Que se fale tamén da posibilidade de que os empregados dunha empresa se fagan coa propiedade da mesma para sacala adiante en forma de cooperativa é máis que interesante. E en xeral creo que isto é o máis salvable da película, e non é pouco.

Pero tres horas son excesivas para contar isto. Hai partes da película e escenas que están bastante ben. Pero hai outras que son bastante absurdas ou insufribles. E iso de que é un musical é bastante gracioso. Hai un par de escenas ao final, que non duran máis de 2-3 minutos, que son de tipo musical. Resultan moi simpáticas, pero nada máis. Está de máis dicir que as voces e as coreografías son moi mellorables, pero tampouco se podía esixir demasiado.

Hai unha escena que dura uns 10-15 minutos que ten só unha certa relación co resto do film, no que un grupo de persoas están comendo e charlando ao redor dunha mesa e falando sobre o capitalismo. Por algunha razón que descoñezo, algunhas das persoas falan en portugués e outras fano en francés. A maioría das persoas que aparecen nesa escena non aparecen en ningún outro momento da película, así que non se sabe moi ben quen son. E en tres horas xa podedes imaxinar as cousas deste tipo que aparecen.

En definitiva, idea bastante boa pero bastante mal levada á práctica, que dá como resultado unha película bastante longa e pesada. Algún crítico de cine dirá que este é o vangardista Novo Cinema Portugués. Así nos vai!!!

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-12-2017 23:58
# Ligazón permanente a este artigo
Resaca
Il Maquinario Teatro é unha compañía galega de teatro que se creou hai poucos anos. Este ano estrearon o seu terceiro espectáculo, que pasou pola Coruña nas recentes datas.

Se non teño mal entendido, os catro actores e o director que colaboran habitualmente nos espectáculos desta compañía deberon coñecerse estudando na Escola Superior de Arte Dramático de Vigo.

O elenco habitual está formado por Melania Cruz, Laura Míguez, Fran Lareu e Fernando González. E habitualmente o director é Tito Asorey, que hai algún tempo era un dos actores de Sarabela Teatro, pero agora xa hai tempo que non o vexo actuar.

O seu primeiro espectáculo foi "O home almofada", obra do autor irlandés Martin McDonagh, moi representado por grupos galegos na última década. O segundo espectáculo foi "Perplexo", que coido que era da súa autoría. E este terceiro espectáculo é "Resaca", penso que tamén da súa autoría.

Como novidade no elenco, había actuando unha persoa a maiores, que era o músico Vadim Yukhnevich, que tamén está actuando agora nunha obra de Sarabela Teatro. Parece que este músico estalle gustando moito ás compañías ourensás de teatro.

A obra é curiosa, como pasa sempre con esta compañía. Segundo contan, tiñan a intención de facer unha obra sobre as relacións humanas e sentimentais. Pero cando estaban escribindo, ensaiando e probando cousas, parece que morreu (non chega a saberse se foi real ou se é algo inventado para a obra) unha ámiga súa á que estaban moi unidos. E todo o resto da obra é unha sucesión de situacións do máis variadas nas que van contando a relación que tiñan con esa amiga desaparecida, as cousas que lles pasaron con ela, etc. Todo isto que diga é o que os propios actores e actrices din na obra, así que non resulta doado saber que é invención e que é real (se hai algo), pero como excusa, funciona á perfección e dá lugar a unha obra bastante amena.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-12-2017 23:40
# Ligazón permanente a este artigo
Culturgal 2017
Pois nada, que un ano máis se celebrou a máis importante Feira da Cultura Galega: Culturgal.

Foi, coma sempre, na Feira de Exposicións de Pontevedra, que está xunto ao Pazo da Cultura, durou toda a primeira fin de semana de decembro, e todos aqueles aos que nos interesa a cultura galega pasámolo en grande en sitios así, descubrindo novos proxectos que se están poñendo en marcha, charlando coa xente á que xa coñeces, etc.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-12-2017 19:23
# Ligazón permanente a este artigo
Aventuras no ascensor
Hai uns anos existía na Coruña unha marabillosa sala de micro-teatro que se chamaba A Tuerka 27, que foi a que introduciu nesta cidade o concepto de "micro-teatro". É dicir, salas pequenas, duns poucos metros cadrados, nas que un número reducido de actores e actrices interpretaban obras que duraban uns 10-15 minutos. Ou sexa, todo moi "micro".

Tristemente, esa sala pechou hai varios anos, e o único lugar (que eu saiba) onde se pode ver algo semellante e no taller creativo "No Importa". Dende logo, as condicións non son as mesmas, porque só hai unha sala e parece que non permite demasiada adaptación para cada nova obra (na Tuerka había catro salas diferentes, e podías ver catro obras cada día), e obviamente, cada día só podes ver unha obra. Pero haberá que conformarse, non habendo cousa mellor.

Hai varias semanas unha amiga miña moi querida, a actriz Uxía Vázquez, representaba nese micro-espazo unha obra titulada "Aventuras no ascensor", composta por dúas micro-historias:
- Na primeira, cando está subindo no ascensor, descubre que o seu marido Casimiro foi convertido nunha ra.
- E na segunda, unha muller explica de forma bastante divertida como era o seu traballo de "empaquetar" nuns grandes almacéns, e como ese traballo condicionaba a súa relación co seu xefe.

Despois alguén me comentou que xa víramos a Uxía uns anos antes representar esa mesma obra na Tuerka 27, pero a verdade é que non o lembro. Sei que vimos a Uxía actuando na Tuerka, pero non lembro se era esta obra ou outra (vimos tantas e tantas obras naquela gloriosa época....).

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-12-2017 19:13
# Ligazón permanente a este artigo
España ingobernable
Se non me equivoco, Teatro del Barrio é a nova marca da compañía teatral do actor español Alberto San Juan, que agora se dedica basicamente ao teatro político falando da actualidade política e das últimas décadas en España. Está moi ben pero está encasillándose bastante, obviamente.

A última obra que pasou pola Coruña foi "España ingobernable". Ten un formato curioso. Fala de todo iso que acabamos de comentar, pero faino con base de poesía española que recita (bastante ben) Alberto San Juan e coa música de Fernando Egozcue, guitarrista arxentino que leva varias décadas vivindo en Madrid, e que é descendente de bascos que foron vivir a Arxentina no pasado.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-12-2017 18:50
# Ligazón permanente a este artigo
Gramsci e a Revolución Rusa
E para rematar co ciclo de charlas sobre a Revolución Rusa que tivo lugar durante este outono na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, veu falar o filósofo Jorge Álvarez Yagüez sobre Antonio Gramsci.

Recoñezo que nunca oíra falar deste poñente, que resultou ser un orador bastante solvente. E tamén recoñezo que nos últimos tempos, cada vez escoito falar máis e mellor de Antonio Gramsci, que está comezando a suscitarme unha forte curiosidade.

Pois nada, a charla estivo bastante ben e serviu para entender a relación e a opinión que tivo Gramsci na súa azarosa vida co Partido Comunista Italiano, o soviético, e todo o que se xerou a partir da Revolución Rusa.

Chamoume a atención que no coloquio posterior, algunha pregunta ou alusión facía referencia a persoeiros totalmente actuais que non teñen nada que ver coa Revolución Rusa, como Rajoy ou similar, e o ponente, en vez de poñerse na postura fácil de unirse ao coro dominante no lugar, non quixo meterse en tales disquisicións. Non me pareceu que estivera defendendo a personaxes desa calaña, nin moito menos, senón que a súa analítica e filosófica mente non lle permitía deducir feitos de elucubracións políticas nin pasionais. Ou sexa, que si, seguramente todo parece indicar que algunha xente non ten moitas luces e ten bastante maldade, pero iso non significa que poida criticarse absolutamente todo o que fan simplemente por ese feito. Ou iso me pareceu entender a min, e non me pareceu mala reflexión.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-12-2017 18:44
# Ligazón permanente a este artigo
Normas para vivir na sociedade actual
Hai unhas semanas, volveu pola Coruña o magnífico grupo de teatro ourensán Sarabela Teatro, que tantos anos leva dando alegrías ao público. Raramente pinchan, case sempre escollen textos moi interesantes, e cando saes dunha das súas obras, sabes ben o que é un bo actor e unha boa actriz.

Nesta ocasión están de xira coa obra "Normas para vivir na sociedade actual". O autor é o francés Jean Luc Lagarce, polo visto un dos de máis éxito no seu país nas últimas décadas. En 1993 escribiu esta obra, que teoricamente é un manual de bos costumes escrito para unha inexistente baronesa no século XIX. Presentan de forma bastante simpática unhas supostas normas sociais para sobrelevar ben todo tipo de eventos, como nacementos, bautizos, vodas, etc.

Nesta ocasión, os actores e actrices habituais da compañía están acompañados polo música Vadim Yuknevich, ao que tamén vin o outro día noutra obra doutro grupo ourensán, así que parece estarlles dando moito xogo por aquela zona.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-12-2017 18:29
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal