Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

45 anos
O outro día fun ao Fórum Metropolitano da Coruña ver unha película titulada "45 anos", que acadou certa fama nos últimos tempos por ter acadado algún premio nalgún dos festivais importantes.

O caso é que é unha película pouco comercial pero cunha moi grande sensibilidade, así que todo o público ao que lle interesen ese tipo de historias pasarao moi ben (enténdase esta frase) disfrutándoa.

Na semana na que un matrimonio que vive na campiña inglesa vai celebrar o 45 aniversario do seu casamento, o home recibe na casa unha carta en alemán procedente de Suiza.

Alí infórmanlle de que apareceu case intacto o cadáver da que era a súa moza, que caeu por unha fenda un día que estaban facendo montañismo nas montañas suizas.

A actual muller non sabía nada ou case nada daquela historia, e pídelle que lla conte. E con moito desacougo, descobre que a lembranza aínda é moi vívida no seu marido, que vai maior, está algo enfermo, e ten xa certas dificultades para lembrar moitas cousas. Porén, ten moi presentes os recordos daquela moza de hai 45 anos.

Iso levanta unha pesada barreira na parella na semana da efeméride, que dificulta a relación.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-12-2016 19:24
# Ligazón permanente a este artigo
José Cervera no Mes Escéptico
Hai unhas semanas comezou un ciclo de conferencias científicas na Domus da Coruña que se titula o "Mes escéptico".

A súa conferencia titulábase "A necesidade de crer". Tristemente cheguei algo tarde, pero vendo como transcorreu despois a charla, sospeito que non me perdín demasiado e que puiden asistir a boa parte ou todo o despregue do seu argumentario.

A base do que dixo consistía en que, por algunha estraña razón, a especie humana é a única coñecida que, cando resolven un problema dunha certa complexidade, desencadea mecanismo cerebrais reservados para o pracer e a satisfacción.

Mentres que as outras especies só desatan eses mecanismos cando comen, beben, xogan, teñen sexo, etc., a especie humana, ademais de en todas esas situacións, tamén a provocan cando atopan a resposta a unha pregunta complexa que os incomoda. E o curioso é que hai moitos humanos (pero non todos) que están xerando ese tipo de preguntas continuamente, aínda que non as precisaran.

Entón, ante esa continua angustia existencial de enfrontarse a retos intelectuais de certa ou moita dificultade, existen basicamente dous tipos de plantexamentos vitais: intentar resolver os enigmas mediante o razoamento e a investigación (ou sexa, a ciencia) ou respostar a todas as preguntas coa mesma resposta (ou sexa, Deus e a relixión).

Paréceme unha explicación científica moi acaída para o que parece sucederlle a moitas persoas, que non se preocupan nin plantexan nada, simplemente o deixan todo en mans de Deus.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-12-2016 19:16
# Ligazón permanente a este artigo
Contaminación luminosa ou lumínica

Hai unhas semanas tivo lugar na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda unha charla científica pertencente ao ciclo do mes da Ciencia en galego (novembro, para os que non o saiban).

Martin Pawley (nome de guerra como crítico cinematográfico do astrónomo Óscar Sánchez), falounos sobre a contaminación luminosa ou lumínica.

Un tema moi interesante e que está bastante de moda ultimamente debido a que moitas corporacións locais están pensando en renovar alumeado público, e pode ser un momento para enderezar o rumbo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-12-2016 18:59
# Ligazón permanente a este artigo
God save the Queen
Ese é o nome que recibe a que está considerada como a mellor banda tributo do grupo Queen. Pasou polo Coliseo da Coruña hai unhas semanas cun espectáculo titulado "Queen Forever", aproveitando que se cumprían 25 anos da morte de Freddie Mercury.

Viñeran varias veces á Coruña ou comarca nos últimos anos, e tiña moitas ganas de velos, pero ata esta ocasión non foi posible.

A razón de ir velos é a mesma que está saíndo noutros casos neste blog nos últimos anos. Moitos dos grupos de rock que máis me gustan non puiden velos en directo cando existían, e aproveitando que se está poñendo de moda o das bandas tributo, pois haberá que aproveitarse. Como xa dixen máis veces, en canto "mato" unha vez a curiosidade, xa non preciso máis visitas. Dese xeito xa vin, ademais desta, bandas tributo de Dire Straits, Pink Floyd e Led Zeppelin. Se cadra, aínda esquecín algunha.

Pois nada, o que se preveía. Un espectáculo clavado ao orixinal (polo que din e se ve nos antigos vídeos), cunha calidade de son bastante apreciable e un porrón de nostalxia supurando polos poros.

Por se interesa, comezaron o concerto con "Hammer to fall" e remataron con "Bohemian rhapsody". No primeiro bis tocaron varias pezas, que obviamente remataron con "We are the champions" e "We will rock you". E a insistencia do público fixo que aínda saíran unha vez máis, e remataron con "Don't stop me now".

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-12-2016 18:53
# Ligazón permanente a este artigo
Os intocables de Eliot Ness
Hai unhas semanas deime un pequeno "respiro" e vin na televisión unha magnífica película que xa vira hai anos, pero da que gardaba bos recordos. Máis ben, non lembraba case nada, pero sabía que estaba moi ben, e que valía a pena recuncar.

Era "Os intocables de Eliot Ness", dirixida por Brian de Palma, e protagonizada por Kevin Costner, Sean Connery e Robert de Niro, nos seus papeis principais.

Como supoño que xa saberedes, trata da persecución que o detective Eliot Ness intenta facer do mafioso Al Capone, magnate do corrupto Chicago dos anos 30 durante a Lei Seca.

Eliot Ness chega doutra cidade (agora mesmo non lembro cal, probablemente Washington ou Nova Iork) para intentar apresalo, pensando que a xente local lle vai axudar. Axiña comprende que a corrupción está moi estendida e que practicamente ninguén lle vai axudar, e forma un pequeno grupiño de persoas que se unen a el, e que acaban recibindo o nome de "intocables", aínda que moitos deles pagan unha moi alta peaxe por pertencer a ese grupo.

Supoño que sabedes, máis ou menos, de que vai a historia, como remata, así que non vos destripo máis algo que xa está máis que destripado. Pero é unha desas películas que se pode ver varias veces, cada certo tempo, e non envellece mal.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-12-2016 12:37
# Ligazón permanente a este artigo
XX Memorial de Teatro Amador Ibán Toxeiro

Un ano máis, e xa van 20, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda rende tributo a Ibán Toxeiro, xove actor do seu grupo de teatro que morreu traxicamente en 1996.

Todos os anos celebramos un Memorial ou Festival de Teatro Amador no que varias compañías de teatro amador, e algunha profesional, amosan os seus traballos, e tamén se entrega un Premio a algún colectivo ou agrupación que destacara neste ámbito.

Este ano o galardón foi para Cántigas da Terra, que estaba cumprindo 100 anos naqueles días, e para o seu grupo de tearo, que nos seus primeiros tempos fundou o dramaturgo Leandro Carré, que escribiu pezas breves para ser representadas por ese grupo. Moitas décadas despois, hai moi poucos anos, Moncho Iglesias puxo de novo en marcha o grupo, e volveron representar obras dese tipo.

En canto ás actuacións, a estrela foi a obra "Romeo e Xulieta Famosos Namorados" de Álvaro Cunqueiro. Na súa representación participaron xente do grupo de teatro Proscrito, do grupo da A.C. Alexandre Bóveda, do grupo de teatro Valacar da ONCE, e da Coral Breogán da ONCE.

Por último, Manuela Varela e Lino Braxe tamén representaron un breve fragmento da obra "Edipo" de Manuel María.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-12-2016 12:30
# Ligazón permanente a este artigo
Orquestra de Cámara Galega
Hai unhas semanas, fomos unha vez máis ver a actuación no Teatro Colón da Orquestra de Cámara Galega, dirixida polo enérxico e inquedo Roxelio Groba (fillo).

Nesta ocasión a figura invitada era a frautista Gili Schwarzman, de orixe israelí (creo). Pero o caso é que, das seis pezas que tocaron, divididas nas dúas partes do concerto (tres e tres), a invitada de gala só tocou en dúas, a 2ª e 3ª da primeira parte, así que a súa intervención se limitou a uns 20 minutos. Como non entendo moito (máis ben nada) de música clásica, isto debe ser normal, pero chámame a atención facer vir a alguén dende tan lonxe para tocar durante tan pouco tempo, na miña humilde opinión.

Iso si, parece que a frautista o pasou moi ben nas dúas obras que tocou, unha do arxentino Alberto Ginastera e outra do galego Roxelio Groba (pai). Especialmente esta última, dubido bastante que a coñecera antes de vir aquí, aínda que todo é posible. Na primeira parte, antes desas dúas pezas, e sen ela, a Orquestra tocou un "pasarúas" de Handel e Harvorlsen.

Na segunda parte tocaron un "andante" de Luis Álvarez Cabado, un rapaz novo que estaba entre o público e que saíu a saudar. Despois tocaron unha sinfonía do inglés Benjamin Britten (na miña opinión, o mellor da velada, sobre todo o "Playful pizzicato"), e unha obra do brasileño Ernani Aguiar.

Como xa temos dito máis veces, na nosa cidade temos varias orquestras que valen moito a pena, e a Orquestra de Cámara Galega é unha delas. Se tedes a oportunidade de velos, non a perdades.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-12-2016 12:19
# Ligazón permanente a este artigo
Penev
Hai unhas semanas achegueime ao Fórum Metropolitano da Coruña para ver unha obra de teatro que non tiña mala pinta. Titulábase "Penev" e era representada pola compañía valenciana La Teta Calva.

Para os que non o saiban, Luboslav Penev foi un moi bo xogador búlgaro de fútbol, que triunfou principalmente nos anos 90, xogou no Valencia, Atlético de Madrid, Compostela e Celta, e durante a súa carreira tivo que facer fronte a un cancro nun testículo. E o título da obra facía referencia a el (seguro que algún futboleiro picou), aínda que pouco tiña que ver co fútbol, pero si con Valencia, onde fixo boa parte da súa carreira.

A obra, finalmente, trata da corrupción en Valencia (principalmente na capital) e sobre todo durante os anos 90. Nalgún momento fan referencia ao mítico equipo do Valencia daquela época (seguramente non é tan mítico) e por iso, supoño, a obra leva o nome do futbolista.

Fala de situacións sociais relacionadas coa crise, coa corrupción, con que se destinaran cartos para acondicionar o circuito de Fórmula 1, pero non se arranxaran as rúas nin os barrios, etc.

Dous actores se merendan toda a obra, interpretando varias parellas de personaxes ben curiosos, e deixan unha grata sensación. E por se non chegara con todo iso, unhas semanas máis tarde, vai Rita Barberá, e morre dun infarto!!!

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-12-2016 12:08
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
© by Abertal