Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Exposición sobre George Melies
Case todos os anos, CaixaForum organiza nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña unhas magníficas exposicións en carpas que están alí instaladas durante un mes, case sempre pola época do Nadal.

As temáticas son variadas. Lembro unha moi interesante de tipo científico que houbo hai 1 ou 2 anos. E este ano tocou unha sobre George Melies, o primeiro director de cine absolutamente xenial que facía auténticas virguerías a comezos do século XX.

Agora xa foi clausurada na Coruña, pero como supoño que esas carpas serán itinerantes, seguro que poderán verse nalgún outro lugar da xeografía española.

Pois nada, se non o coñecedes, anímovos a indagar sobre a figura deste xenio, a ver películas del (por exemplo en Youtube), porque ides filpar bastante.

Xa saíu neste blog hai algún tempo este autor porque proxectaron na Coruña a súa mítica película "Viaxe á Lua" xunto con algunhas máis (porque todas eran de breve duración naquela época) con música en directo. Póñovos agora un vídeo doutra das súas películas.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 31-12-2016 12:09
# Ligazón permanente a este artigo
A música amorosa das palabras
Hai unhas semanas, para poñer o colofón deste ano dedicado a Manuel María co Día das Letras Galegas, a Fundación que honra a súa memoria organizou no Teatro Colón da Coruña un fermoso concerto titulado "A música amorosa das palabras".

A maior parte do concerto foi protagonizada por Uxía Senlle á voz, Sergio Tannus ás guitarras e algo de percusión, Santiago Cribeiro ao acordeón e algo de percusión, e Paulo Silva especializado na percusión.

En varios momentos tamén saíron Xabier Díaz e Guillermo Fernández para tocar xuntos unhas pezas en homenaxe ao autor, e ao final uníronse ao resto dos músicos.

Resultou un acto moi emotivo e fermoso que podería parecerse algo ao que vedes neste vídeo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-12-2016 12:00
# Ligazón permanente a este artigo
Esquece Monelos

Hai unhas semanas presentouse nun Teatro Rosalía de Castro ateigado ata os topes (non me quedou máis remedio que estar no galiñeiro) o documental "Esquece Monelos", dirixido pola xixonesa afincada na Coruña Ángeles Huerta.

Resulta paradoxal que o río "máis importante" que temos na cidade poida estar sepultado e esquecido e que só nos lembremos del cando se asulaga a avenida de Alfonso Molina, que sucede de tarde en tarde.

Polo visto nace na zona de Pastoriza, aínda que ten varias ramas, pero a máis "coñecida" debe baixar polas Rañas e o Martinete cara á zona da Ponte da Pedra. Alí cruza por debaixo da avenida de Alfonso Molina, vai por debaixo da actual rúa Salvador de Madariaga, a rotonda de Monelos (onde hai un monumento conmemorativo do río, debe pasar por debaixo do Corte Inglés, e pola rúa Río Monelos (obviamente), entra no porto e desemboca no mar.

Na rúa Río de Monelos hai unha pequena e baixa ponte que é case o último vestixio do paso do río, e pola zona de Monelos, consérvase perfectamente (pero baixo terra) outra das pontes históricas do río, que se ve no documental.

A historia de por sí é chulísima, e no documental hai moitas testemuñas da xente que vivía en Monelos, dos xitanos que vivían na zona do Corte Inglés (ata mediados do 80, non hai tanto tempo). Como cambiou a cidade en poucos anos!!!

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2016 15:09
# Ligazón permanente a este artigo
Ensaio sobre a cegueira
Hai unhas semanas pasou polo Teatro Rosalía da Coruña a magnífica compañía Sarabela Teatro para representar "Ensaio sobre a cegueira", de José Saramago.

Esta é unha das mellores compañías galegas dende hai varias décadas, pero claro, ninguén é perfecto, é ás veces aínda pinchan algo e presentan obras que non me convencen. Non lembro como se titulaba a última que lles vin, pero non me chamou demasiado a atención. Esta vez intentábano cunha obra fantástica e de grande éxito, que ten versión cinematográfica, creo. E esta vez non fallaron, a ovación foi apoteósica ao final do espectáculo.

Como saberedes, a obra trata de que nun determinado momento e país, a maioría da poboación vai quedando cega. E van confinando en instalacións de todo tipo a todos os que están cegos, como se foran cárceres. E nese intre xurde o peor de cada un e crece moito o nivel de violencia entre os propios internos deses centros. Nese no que está centrada a historia, a muller dun oftalmólogo conserva a vista, aínda que non llo di a ninguén.

Resulta moi curiosa a metáfora e fai reflexionar fondamente sobre o tipo de sociedade que construímos e sobre as nosas actitudes nela.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2016 14:52
# Ligazón permanente a este artigo
Fraude
Fomos ao Teatro Colón a ver a obra teatral "Fraude", da compañía Sudhum. Polo visto, nos anos 70 Orson Welles fixo unha película do mesmo título sobre o mesmo tema.

Basicamente trata da vida (sobre todo dos seus últimos anos) de Elmyr de Hory, un dos mellores falsificadores de arte da historia.

De orixe húngara, homosexual e xudeu, ganouse a vida facendo copias exactas de moitos cadros dos mellores autores da historia da pintura.

Pasou os últimos anos da súa vida en Ibiza, pero era perseguido por varios países por débedas, así que tiña unha existencia bastante azarosa.

Teño que recoñecer que nunca oíra falar deste personaxe. Despois de ver a obra, documenteime un pouco, e efectivamente, contaban moitas cousas das que acabábamos de ver nas táboas.

Pero se cadra ese foi un dos seus problemas. Por unha banda, algúns dos actores ou non vocalizaban ou proxectaban ben a voz, así que eu non conseguía entender demasiado ben algunhas das frases. E pasaban tantas cousas, había tantos personaxes e escenarios, que como perderas algunha frase (como así me sucedeu), a partir dese intre xa renqueaba a comprensión da historia.

Así que a posta en escena me decepcionou e frustrou un pouco, pero por outra banda agradezo o esforzo de intentar difundir a vida dun personaxe tremendamente interesante e descoñecido.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2016 14:44
# Ligazón permanente a este artigo
Sicixia
Pois como sucede cada certo tempo, imos ver a nova película que presenta Ignacio Vilar. Que ao meu parecer, leva nos últimos anos unha traxectoria moi salientable, con "Pradolongo", "Vilamor" e "A esmorga". Esta vez era o turno de "Sicixia".

Pero esta vez non me encandilou tanto, nin moito menos. Que si, que a Costa da Morte é unha marabilla, que os ollos, os ouvidos e os sentidos gozan moito nos seus espectaculares paraxes. Pero como eu xa os coñezo (e intento disfrutalos todo o que podo, que sempre parece pouco), tampouco me sorprenden demasiado.

A historia en sí paréceme pouca cousa, o ritmo é lento, pasan poucas cousas, hai moita poesía e moi poucos diálogos e accións. É unha aposta arriscada a de Ignacio e eu non penso terlla en conta, é dicir, irei ver as súas seguintes películas sen dubidalo porque o seu traballo me parece moi interesante. Pero non debería estrañarse se non ten moi boa acollida, que é algo que podería suceder.

A historia trata dunha persoa que traballa para o Arquivo Sonoro de Galicia que, despois de rexistrar o son da Rapa das Bestas de Sabucedo, é enviado durante uns días ou semanas á Costa da Morte para que alí rexistre os sons máis salientables. Asígnanlle como guía a unha rapaza da que se namora, pero teñen só unha pequena aventura. As súas respectivas parellas e entorno sofren algo con eses cambios.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2016 14:01
# Ligazón permanente a este artigo
Culturgal 2016
Pois un ano máis fomos ao Culturgal a Pontevedra. Como sempre, moita actividades, moitos stands, moita xente nova e máis veterana presentando as súas novidades.

Unha das actividades estrela era o concerto de Xosé Manuel Budiño coa súa nova banda, presentando a xira de celebración dos 20 anos do seu primeiro mítico disco, "Paralaia".

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2016 13:53
# Ligazón permanente a este artigo
Luz que agoniza
Hai xa unhas cantas semanas (parece que ás veces tardo en actualizar o blog) fun ao Fórum Metropolitano da Coruña para ver o clásico do cine "Luz que agoniza" de George Cukor. A orixinal titulábase "Gaslight".

Oíra falar moito e ben dela, e como xa teño comentado algunha vez neste foro, as películas clásicas en branco e negro que non podían facer uso da cor nin dos efectos dixitais non tiñan máis remedio que ter unha boa historia detrás, así que o éxito está case asegurado. E neste caso tamén foi así.

Unha rapaza sufre un terrible trauma cando asasinan á súa tía, coa que vivía en Londres. Debido a iso, marcha a Italia para intentar esquecelo. Alí leva unha vida feliz, pero coñece a un pianista do que se namora e casan.

O pianista coméntalle que algunha vez soñou con traballar e vivir en Londres, pero que non o ve factible. Entón ela, crendo que xa ten superado o trauma anterior, accede a que vaian vivir de novo a Londres, na casa onde se produciu a morte.

Dende ese momento, a actitude do seu marido comeza a cambiar, comeza a ser moi estricto con ela, e ela nota que algo lle está pasando. Semella que perde a memoria, a noción do tempo, e que non ten unha correcta percepción da realidade.

Como curiosidade, diremos que o título español de "Luz que agoniza" ata ten certo sentido (para variar). Un dos indicios nos que se apoia ela para non saber se se encontra ben é que, cando marcha o seu marido polas noites a traballar no seu estudio, pouco tempo despois a intensidade da luz de gas coa que se alumean na casa descende un pouco. Polo visto, o sistema de luz de gas debía funcionar de xeito que había un fluxo de gas xeral para toda a vivenda, e se acendían máis lámpadas, baixaba un pouco a intensidade de cada unha delas para repartirse ese fluxo xeral.

Como vedes, non estou contando demasiado de que vai a historia, pero ten chicha, e detéctase axiña que "aquí hai tomate". Podería facer "spoiler", porque é unha película de 1944, pero vaia, a intriga de que o descubrades por primeira vez tampouco vos vai facer mal.

Foi dirixida por George Cukor, como dixemos, e protagonizada por Ingrid Bergman, Charles Boyer e Joseph Cotten nos papeis principais. Tamén chama a atención a primeira aparición en cine de Angela Lansbury, con 18 anos.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2016 13:48
# Ligazón permanente a este artigo
Sesgos cognitivos e adquisición de creencias
A segunda conferencia do Mes Escéptico na Domus da Coruña impartiuna Helena Matute, profesora da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Deusto, e titulábase "Sesgos cognitivos e adquisición de creencias".

Tratou sobre algo que seguro que os psicólogos coñecen, pero o resto da humanidade non, que son os sesgos cognitivos, que nos influencian bastante e fan que teñamos opinións, creencias, e tomemos decisións precipitadas sen analizar todos os datos cos que contamos.

Un exemplo que me chamou a atención era sobre os accidentes nas montañas nevadas. Case sempre estaban provocados por factores como: exceso de confianza de xente experta, xente da zona que cre coñecer o lugar, ir en grupo e despreciar o perigo, etc. Entendeuse claramente o concepto.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-12-2016 20:06
# Ligazón permanente a este artigo
Non todo é relativo pero si moitas cousas
A última conferencia do ciclo científico que en novembro organizou a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda titulábase "Non todo é relativo pero si moitas cousas" e impartíaa Ramón Vilalta.

Pretendía baixar ao nivel da rúa a explicación de cousas tremendamente complexas como a teoría da relatividade. E na miña opinión, só o conseguiu a medias.

Antes diso, fixo un longo preámbulo lembrando algúns dos fitos esencias da historia da ciencia, cousa que estivo ben para contextualizar, claro.

Pero cando intentou meterse a poñer exemplos para explicar a teoría da relatividade, coido que fracasou bastante, porque hai que armarse cun arsenal léxico e visual moi considerable. Non son conceptos simples nin sinxelos en absoluto, e incluso explicándoo moi ben, a profundidade dos mesmos sempre crece.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-12-2016 20:02
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal