Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Os fillos do estramonio
Pois por razóns que non veñen agora ao caso, onte atopámonos no Mardi Gras da Coruña vendo parte da actuación dun grupo que eu descubrín hai pouco.

Chámase "Os fillos do estramonio", fan unha parodia moi divertida de grandes éxitos internacionais, cambiándolles a letra con moita graza, e están "liderados" polo humorista arteixán Pepe Capelán.

Botamos unha boas risas con cancións como a que vos poño, "Multas todo o día", que é unha nova versión de "Pacto entre caballeros" de Joaquín Sabina. Ou que dicir de "Jastei o jel", unha revisión de "Highway to hell" de AC/DC.

Augúrolle un certo éxito, porque musicalmente non son nada malos, e as letras son moi moi divertidas, están feitas con moito xeito.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2015 13:06
# Ligazón permanente a este artigo
Todo se esfarela
Seguindo coa miña impresionante racha lectora, acabo de rematar a cuarta novela destas vacacións de Nadal. E creo que vos vou sorprender co xiro estilístico e étnico.

Titúlase "Todo se esfarela", lin a versión en galego editada por Rinoceronte, e é unha novela de 1958 escrita en inglés por Chinua Achebe, un dos mellores escritores nixerianos. Está ambientada en Nixeria a finais do século XIX.

A primeira parte é moi interesante para saber como eran os costumes naquela época nesa parte do planeta. Vemos como algúns deses costumes nos poderían parecer bárbaros, pero no mundo "civilizado" tamén temos feito barbaridades ao longo dos séculos, e o mellor é non sacar as cousas do seu contexto.

A segunda parte trata de cando Okonkwo, o protagonista, ten que pasar sete anos exiliado noutra aldea, debido á morte accidental dun veciño. Alí traba o primeiro contacto cos primeiros misioneiros británicos que chegan á zona.

A terceira parte consiste na volta de Okonkwo e o seu clan á súa aldea orixinaria, onde os misioneiros brancos xa teñen moito poder e prestixio, e incluso comezan a administrar a xustiza, seguindo o seu propio criterio e non o dos indíxenas do país, cos consabidos conflitos.

Axuda a ver con máis claridade que os "brancos" normalmente queremos impoñer os nosos costumes, que sempre vemos máis civilizados que os dos demais, sen respectar as culturas ancestrais.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-12-2015 19:09
# Ligazón permanente a este artigo
Serás a raíña das catro partes do mundo
Acabo de ler unha novela sobre un personaxe histórico que me interesa bastante, Isabel Barreto de Castro, a primeira (e supoño que única) muller que chegou a Almirante nunha embarcación española, aínda que o fixo nunhas condicións un tanto especiais.

A novela orixinal, escrita en francés por Alexandra Lapierre (a filla de Dominique Lapierre) tería ese título, no caso de que fora traducida ao galego. As catro partes do mundo ás que se refire serían Europa, América, África e Asia. Porque da época da que falamos, finais do século XVI e comezos do XVII, aínda non se descubrira Australia, aínda que a vida desta muller e os seus achegados precisamente xirou en torno á busca do quinto continente.

O caso é que sobre Isabel Barreto hai moitas dúbidas. Parece claro que descendía de portugueses, pero todo semella indicar que naceu en Pontevedra en 1567. Pero ao pouco tempo de nacer trasladouse coa súa familia para Lima, a capital de Perú, cidade fundada poucos anos antes.

Alí coñeceu a Álvaro de Mendaña, conquistador español que, cando ela estaba nacendo, iniciou unha tormentosa expedición polos "Mares do Sur" (o que agora chamamos Océano Pacífico), onde descubriu varias illas que o fascinaron. Namorouse dela uns anos máis tarde, casaron, e convenceuna para montar unha nova expedición que os convertiría nos descubridores desa parte do mundo e da "Terra da Hipótese" (despois coñecida como Australia), que non sabían aínda se existía, pero estaban convencidos de que si.

O caso é que esa expedición, a finais do século XVI, foi calamitosa, e Mendaña morreu nas Illas Salomón. O curioso é que non souberon ata despois que estiveran nas Illas Marquesas nin nas Salomón, que eran as que estaban buscando. Ela foi nomeada Almirante desa expedición ata que a remataran, que foi varios meses máis tarde, cando chegaron a Filipinas, onde xa había españois.

Aos tres meses de chegar, namorouse e casou con outro intrépido mariño español (tamén de orixe galega), chamado Hernando de Castro. Navegaron por unha perigosa ruta e na época dos monzóns dende Manila ata Acapulco.

Naquel punto, Hernando de Castro volveu a Manila, sen contar con ela, polo que ela decidiu voltar a Perú dende México.

Viviron varios anos felices en Perú, cada vez tiñan máis cartos e poder, pero Hernando seguía obsesionado coa gloria de atopar o quinto continente. E saíu unha vez máis na súa busca, para intentar chegar antes que o mariñeiro portugués Pedro Fernández de Quirós, que foi quen guiou a calamitosa expedición na que morreu Mendaña, e con quen lle unía unha moi mala relación.

Isabel quedou nun convento de clausura mentres esperaba que volvera Hernando, pero xa saíu de alí con moi poucos ánimos para a vida, e morreu poucos anos despois.

As crónicas din que Isabel tiña un carácter moi forte e déspota (seguramente só puido ser Almiranta nesa época e circunstancias dese xeito), pero non son moi fiables, porque o que se conserva basicamente son os relatos que fixo o propio Quirós, así que a obxectividade non está, nin moito menos, asegurada.

Pero de novo, un persoeiro histórico de certa relevancia, muller e galega, segue case totalmente descoñecido.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-12-2015 19:06
# Ligazón permanente a este artigo
Infiltrados
Neste Nadal no que estou conseguindo ler bastante, estes días tocoulle a "Infiltrados", unha novela de non-ficción escrita polo xornalista chantadino Afonso Eiré (que no seu día foi o director de "A Nosa Terra").

Esta obra foi publicada por Biblos no 2013, e trata da infiltración de varios axentes secretos do Estado español na UPG en diferentes momentos históricos (principalmente nos 70 e 80, polo que parece referir o libro), para conseguir que se dividira e que perdera o seu matiz marxista-leninista.

Acabo de rematar a súa lectura, e resultoume bastante confusa. Nalgúns momentos falan dos anos 70, noutros dos comezos dos 80 (por exemplo, o famoso 23F), noutros dos finais dos 80, cando Beiras comeza a coller moita forza na organización, e algúns persoeiros controvertidos como Pastor Alonso (alcalde de Noia naquelas datas) opóñense con non se sabe que estrañas razóns. E os saltos temporais, para min, non teñen moito sentido e non capto ningunha liña temporal (que non ten por que habela), nin ningunha outra.

E despois está o da infiltración, a división e a importancia do nacionalismo, e dos temas galegos, en xeral.

A ver, todo parece indicar que históricamente os galegos fomos moi dados á división interna, así nos vai. E que calquera mamón que chega de fóra rapidamente nos deslumbra (a algúns máis que a outros).

Que a UPG primeiro, e o BNG despois tiveron (e probablemente seguen tendo) infiltrados do Estado español (e quen sabe se tamén doutros) para intentar provocar divisións internas, para saber que liñas de traballo están promovendo, e todo iso, seguramente non teña discusión. Non creo que poida considerarse unha teoría conspiranoica, senón que os estados actuais son así de conspiranoicos, e queren estar presentes en todos os movementos colectivos que lles dan medo, que polo visto son case todos.

Outra cousa xa é a presenza e influencia do nacionalismo galego na Galiza. Por desgraza para algúns (entre os que me encontro), nunca tiveron demasiado éxito porque o sentimento nacional na Galiza non é, nin moito menos, o de Catalunya e Euskadi, quen nos dera. É tristísimo, pero é así.

No libro dise (e eu xa escoitei esa idea e variantes similares en moitas ocasións) que o Estado español xa tiña máis ou menos asumida a ansia separatista de cataláns e vascos (aínda que seguro que segue facendo todo o posible para aminorala), pero que non podía permitir que os humildes galegos se subiran a ese carro. E por esa razón golpeaba aquí con moita máis saña cando veía rexurdir esa opción. Como xa pasou na Guerra Civil, na que supostamente liquidou a moitos dos líderes sociais, principalmente galeguistas naquela época (eu coñezo moi ben o caso de Alexandre Bóveda, pero sábese de moitos máis, como Ánxel Casal e moitos outros), para ter unha fronte menos na guerra.

Pois o caso é que noutros lugares o exército nacional tardou anos en entrar, e aquí levoulle minutos ou horas. Resúltame un pouco absurdo dicir que aniquilar Galicia era máis esencial que facelo en Catalunya (onde acabou quedando o último reducto republicano). Eu xuraría que aquí non houbo fronte porque a resistencia era moito menor, e en canto mataron a varios líderes sociais, o resto da xente calou e baixou as orellas. Non sei se antes era así, pero levo vendo esa Galicia toda a vida, así que non me sorprende o máis mínimo.

Aniquilar a UPG ou o BNG era máis importante que facelo con HB, PNV ou CiU? Pois será, pero eu non o vexo. A min paréceme que aniquilar aos galegos é moito máis sinxelo, porque moitos deles non teñen apenas criterio, e baixan as orellas en canto collen medo, que é ben axiña.

Todo o que está pasando agora no BNG ten que ver con infiltrados ou algo así. Non teño nin a máis mínima idea. Pero botarlle a culpa a un elemento alleo que nin sequera é doado identificar paréceme coller o camiño máis cómodo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-12-2015 13:32
# Ligazón permanente a este artigo
O don

E unha das grandes alegrías dos últimos días. Nada máis comezar as vacacións de Nadal, xa comecei a ler, un dos meus grandes vicios, pero que non podo practicar todo o que me gustaría.

Esta vez a novela elixida foi "O don" (lin a versión en castelán), do escritor chinés Mai Jia, polo visto, un dos máis afamados do seu país, e con certo éxito no estranxeiro.

Trata dun home, Rong Jinzhen, un xenio das matemáticas, pero cun carácter moi taciturno (case autista por momentos), que é reclutado polo goberno chinés para traballar na ultra-secreta unidade de criptografía, e dedicarse a descifrar os códigos que usan os países estranxeiros para enviarse a información secreta.

Chega a descifrar o código PÚRPURA, o máis difícil da historia. Pero por un despiste e de forma algo incomprensible, vólvese tolo cando estaba a piques de descifrar o código NEGRO, que parecía unha evolución do anterior e aparentemente aínda máis difícil.

Cando estaba mirando os libros pendentes de ler que pululaban pola miña casa, atopeime con este e a decisión de decantarme por el foi case inmediata. Por que? Porque nos últimos días estiven poñéndolle aos meus alumnos fragmentos da película "Descifrando Enigma (The imitation game)", que conta a historia de Alan Turing e o seu equipo de criptógrafos intentando desvelar os secretos da alemana máquina Enigma, que decantou a II Guerra Mundial do lado dos Aliados.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-12-2015 15:19
# Ligazón permanente a este artigo
Exit rendendo tributo aos Rolling Stones
Por unha destas casualidades que se dan na vida vinme hai varias noites vendo unha actuación de Exit, a banda residente do Mardi Gras, e que se dedica a render tributo ás bandas máis influíntes do rock mundial, nunha noite na que tocaban os éxitos dos Rolling Stones.

Os Rolling Stones son un grupo que me gusta, pero tanto perdo a cabeza por eles. Por sorte, escolleron un conxunto de cancións bastante interesante, pisaron bastante pouco o blues, que non soporto en ninguén, por suposto tampouco se o tocan os Rolling Stones.

Había tempo que tiña ganas de ver a Exit, porque teño boas referencias deles, e semellan bastante versátiles, porque renden tributo a diferentes grupos. O que xa non esperaba era velos por primeira vez tributando aos Stones, pero son cousas que pasan.

Polo que vin en fotos e alí en directo, o grupo debe ser bastante numeroso, polo menos en canto a músicos, que deben turnarse para tocar.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-12-2015 15:11
# Ligazón permanente a este artigo
Abecedaria, I Salón do Libro e a Lectura
No incomparable marco do segundo andar do Mercado de San Agustín celebrouse hai uns días Abecedaria, o I Salón do Libro e a Lectura.

Foi algo así como unha mini Feira do Libro de inverno e a cuberto, baixo o magnífico tellado paraboloide do mercado, un edificio insignia da arquitectura de comezos do século XX.

Foi organizado polos Editores Coruñeses, e reuníu a editoriais, librerías, bibliotecas, e algunhas outras entidades que xiran en torno a este sector.

Penso que aínda non foi un grande éxito de público porque aínda non é unha cita coñecida, o lugar aínda está tampouco moi publicitado como espazo de celebración deste tipo de eventos (aínda que este non era o primeiro), pero agardo que vaia crecendo aos poucos.

Ademais houbo presentacións de libros, conferencias, mesas redondas, e algunhas actuacións, como as do guitarrista clásico Samuel Diz, Aldaolado e Ouriol.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-12-2015 15:06
# Ligazón permanente a este artigo
Oscuacs 2015

Despois de varios anos sen celebrarse, hai varias semanas houbo unha nova edición dos Oscuacs de CUAC FM.

Os premios que nos concedemos nós mesmos para valorar o traballo que fan os compañeiros dos diferentes programas, pero sobre todo, para botar unhas risas e coñecernos algo mellor.

Foron nos míticos e algo sórdidos Billares Don Bosco, a carón da discoteca Chaston da Coruña (aínda segue aberta!!!), e será mellor non analizar demasiado os resultados, non vaia ser que nos arrepintamos...

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-12-2015 14:54
# Ligazón permanente a este artigo
Inauguración da Escola de Radio de CUAC FM

Hai uns días puxemos definitivamente en marcha un proxecto que nos ten moi ilusionados: a Escola de Radio de CUAC FM.

Despois de tempo de xestións e de lentas obras e reformas, hai un par de semanas puidemos facer a inauguración oficial.

Como vedes, veu incluso o flamante novo alcalde da Coruña, que xa estivera en varias ocasións antes de ser alcalde e incluso antes de ser candidato ou dedicarse á política.

Agardemos que todas as expectativas que temos postas nestas instalacións e neste concepto poidan ser satisfeitas.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-12-2015 14:50
# Ligazón permanente a este artigo
Allariz

Unha persoa cercana á que aprecio moito comentoume hai algún tempo que tiña moitas ganas de coñecer Allariz, porque todo o mundo lle falaba marabillas da vila, pero nunca puidera ir.

E vaia, hai que facer moito esforzo para convencerme de ir alá. E no propio Día da Constitución, non tendo nada especialmente importante que celebrar, e cun día fantástico como os dos últimos meses, achegámonos por alí.

Non hai nada especial que comentar unha vez que falamos de Allariz. O entorno tan agradable, o río, a tranquilidade das rúas peonís, que parecen sempre transitadas por xente coma nós que íamos de paso para disfrutar da fermosísima vila.

Para facer crecer a vosa envexa, direi que xantamos no lugar que vedes na foto. no restaurante que está no río, onde o Museo do Coiro. Pero é que comemos fóra, na terraza, a poucos metros da auga e dese pequeno salto, unha delicia.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-12-2015 14:46
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal