Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Novo micro-teatro en La Tuerka 27
Onte fomos de novo ao micro-teatro na Tuerka 27, para rematar o ano 2013. Chamoume a atención que había moitísimo público, non sei se eran as vacacións de Nadal, que se está facendo moi famosa a sala, pero sempre é boa cousa, aínda que nalgunha das ocasións estabamos bastante apretados. Por orde de visionado, as obras foron:

- Conto de Nadal para o Presidente: En español, por Daniel Currás e Lucía Veiga, divertida contienda en verso entre o presidente Rajoy e unha fada ou meiga que vén a poñelo en cintura pola súa política antisocial.

- Fátima e Lourdes. Operación Mondariz: En galego, con Isabel Risco e Marita Martínez, terceira (non sei se última) parte da divertidísima trifulca entre as dúas vellas repunantes que xa se atoparon antes na consulta do médico e do banco, e agora fano no balneario.

- Melchor e familia: En galego, por Simón Iglesias e Paco Alvarellos. Historia xa algo máis triste que xira en torno a un señor que está tomando copas nun local nos intres antes de pechar, sendo urxido polo camareiro, que quere recoller o local. Cóntalle a historia da súa triste vida. Polo que semella, o camareiro é un remedo de Xesucristo e o vello borracho é o rei Melchor, pero en ningún momento se fai constar explicitamente.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-12-2013 18:58
# Ligazón permanente a este artigo
Quidam, do Cirque du Soleil
Pois si, onte por primeira vez na miña vida (tamén é certo que non me esforcei moito por conseguilo, que tampouco era tan difícil) fun a un espectáculo da mítica compañía canadiense Cirque du Soleil, fundada en 1984.

O que está agora de xira por Europa, e que parou 4-5 días na Coruña titúlase "Quidam", xa leva varios anos de xira por todo o mundo, e é un dos varios que teñen agora mesmo en repertorio, xunto con "Alegría" que veu hai uns anos a Santiago de Compostela (pero que recoñezo que non fun ver).

Antes de nada, debo dicir que o circo "clásico" xa non me chama nada a atención, pero si me interesan bastante os circos baseados en acrobacias ou proezas físicas, como é un pouco este (volvo a recoñecer que non lle prestara demasiada atención a esta compañía, a pesar da súa abrumadora fama) ou os famosos circos acrobáticos chinos, que si fun velos algunha vez.

Así que non podo dicir nada moi diferente do que seguro que dixeron moitos dos espectadores. Un espectáculo moi ben diseñado, cunhas luces, escenario e posta en escena autenticamente abraiante.

PERO (porque todo na vida ten peros) algunhas cousas me decepcionaron do espectáculo que vimos o outro día. Tendo en conta que as entradas máis baratas (como a miña) valían 37 euros e as máis caras creo que andaban polos 80. Ademais, a 4 ou 5 persoas das que estaban a carón do escenario (ou sexa, os que pagaron un pastón) os sacaron a escena, e a algúns aínda os puxeron nun aprieto.

Pero o que menos me gustou é que, estando moi ben os números estelares (iso ninguén o discute), o espectáculo é "pouco denso". Que quero dicir con iso? Entre que comeza o espectáculo e remata pasan 2 horas e cuarto. Como hai unha pausa no medio de algo máis de 20 minutos, iso significa que o espectáculo dura uns 110 minutos, 50 na primeira parte e 60 na segunda.

E se non contei mal, números estelares só hai NOVE (para case dúas horas), 5 na primeira parte e 4 na segunda. Se botades contas, a segunda parte faise algo frouxa.

Seguro que se me esquecerá algún, pero para min os números estelares foron (vense moitos no vídeo):
- O tío que vai xirando dentro do aro dobre.
- O tío que baixa enrollado nas dúas cortinas vermellas.
- Un tío que chega a manexar tres diábolos simultáneamente (non se viron as catro rapazas do video, polo menos na sesión na que estiven eu).
- As tres rapazas dos aros.
- Os cinco tíos das cordas colgantes.
- Unha rapaza que fai equilibrios sobre unhas varas verticais.
- O grupo de ximnastas que vai creando torres de homes e mulleres de moita altura.
- O impresionante dúo de ximnastas (o vídeo comeza con iso) que fai unhas posturas autenticamente alucinantes en parella (como cando o home no chan mantén invertida no aire á muller só coa caluga e a espalda).
- E o grupo que fai virguerías coas combas.

Eu creo que non me esquezo de ningún número importante, polo menos na sesión que estiven eu. Digo isto, porque lin nalgures que había dous tipos de sesións, con prezos lixeiramente diferentes, e se cadra a máis cara (que non era a miña) tiña algún número adicional. Pero en calquera caso, creo que en 1 hora ou pouco máis de espectáculo se podería ter metido todo iso, e que o alongan e engordan artificialmente con moita coreografía, escenografía e elementos superfluos que non engaden demasiado á obra.

Do máis patético disto están os 10-15 minutos que hai na segunda parte na que un "cineasta" sube a catro persoas do público (ademais das máis cercanas, claro, os que máis pagan, iso pareceume ben) para simular a rodaxe dunha escena de paixón e ciumes bastante estúpida. Para ver iso non pagas un promedio de 60 euros para ver o mítico "Cirque du Soleil".

Pois nada, se pensabas que todo o mundo ía aplaudir o espectáculo como papanatas, aquí hai xente que tamén critica as cousas "famosas" e "intocables", se cre que o merecen.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-12-2013 00:17
# Ligazón permanente a este artigo
Eurozone
"Eurozone" é a última obra do fantástico grupo de teatro Chévere, antes radicado en Santiago (propietarios da famosa Sala Nasa), pero que tiveron que irse pola persecución dun alcalde corrupto do PP, e agora están en Teo.

É un alegato durísimo contra a actual Unión Monetaria Europea e explica con moita graza, como é habitual neles, moitas das razóns da actual crise europea (que noutros sitios non é tan virulenta).

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-12-2013 19:17
# Ligazón permanente a este artigo
Ilusionismo: Maxia ou Ciencia?
Leva algún tempo instalada nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña unha carpa de Cosmo Caixa co título "Ilusionismo: Maxia ou Ciencia?".

É unha moi interesante exposición de tipo científico, con moitos módulos interactivos e/ou audiovisuais, que pretende desvelar trucos e enganos da percepción, creados de múltiples formas.

Dos moitos módulos interesantes que hai, había varios que eran pantallas con varios pares de cascos, que permitían escoitar charlas distendidas e non moi longas de xente da ciencia e da maxia que expican moitas destas cousas.

E unha delas foi a de James Randi, ilusionista que dirixe unha Fundación que ten un premio de 1 millón de dólares para calquera persoa que consiga demostrar que ten poderes paranormais. Obviamente, non o conseguiu ninguén, porque son moi doados de descubrir os seus trucos.

Déixovos cun vídeo dunha charla TED que deu hai uns anos.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-12-2013 19:10
# Ligazón permanente a este artigo
Tokio 3, de Voadora
O outro día, nun día para min importante, porque comezaban as esperadísimas e merecidísimas vacacións de Nadal, fun ao Fórum Metropolitano da Coruña para ver a obra "Tokio 3", da compañía compostelana Voadora.

Foi a obra máis premiada dos últimos Premios María Casares, do teatro galego, así que xa había tempo que tiña ganas de vela, porque me espertaba moita curiosidade.

Foi unha sensación moi curiosa, que compartín con máis xente, polo visto. Non teño nin puta idea de que trataba a obra, porque é moi rara. Pero polo visto, iso non debe ser tan importante, porque os actores e actrices o pasan de puta madre no escenario, e eu (e moitos outros espectadores, cónstame) tamén.

É absolutamente inclasificable, non ten trama (eu non fun capaz de atopala), pero vese con moito agrados, os vestuarios, a escenografía, o movemento dos intérpretes, a música (agás o número final, no que aparece un grupo) está sempre interpretada polos actores nunha parte de atrás do escenario que se desvela de cando en vez apartando unha cortina....

En fin, deslumbrante. Pasamos unha hora ben divertida vendo unha obra que non sei se pretendía transmitirnos algo. Como comentabamos varios á saída, se cadra a intención era simplemente facernos felices, e no meu caso consegúirono.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-12-2013 18:44
# Ligazón permanente a este artigo
Ninotchka
E para rematar esta amena fin de semana, fun ao Fórum Metropolitano para ver a marabillosa película "Ninotchka", dirixida en 1939 polo incomparable Ernst Lubitsch e protagonizada pola inesquecible Greta Garbo.

Vira esta película hai moitos anos, e había dúas razóns para que quixera vela de novo, que xa adiantei no anterior parágrafo: o director, un dos meus preferidos, e a actriz, a quen comecei a idolatrar despois de ver esta película.

Pero son idolatrías pouco perigosas. Vin unhas cantas películas de Lubitsch, gustáronme todas, pero axiña esquezo o moito que me gusta. E vin varias películas da Garbo, en todas me pareceu sublime, pero tampouco fago nada por ver máis.

Xunto a Greta Garbo, aparte de moi bos secundarios entre os cales fai un brevísimo papel Bela Lugosi, destaca Melvyn Douglas, un fantástico actor ao que creo que só vin en películas de Lubitsch. Un dos guionistas da película é o gran Billy Wilder.

Sobre a trama, Ninotchka é unha axenda soviética que vén a París para rematar ben a venta dunhas xoias dunha antiga duquesa da familia real rusa. Os tres axentes que comezaron coa venta son un pouco mediocres, e vén ela para encauzar o proceso, é unha muller cunha disciplina moi férrea e unha grande abnegación polo traballo, pero acaba caendo baixo o influxo da Cidade da Luz.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-12-2013 19:51
# Ligazón permanente a este artigo
Criaturas
Como dicíamos no artigo anterior, despois de ver un día no Fórum Metropolitano "Bailadelas", fomos ver ao día seguinte "Criaturas" ao Teatro Rosalía da Coruña. Foi unha fin de semana moi bolañesa.

O fío condutor é o actor Marcos Orsi convertido en Frankenstein, que acaba de arrincarlle ao corazón á rapaza que amaba.

Con esa escusa, pasan polo escenario (que o monstro nunca abandona), aderezado como se fose unha sala de espera, dun hospital ou dun aeroporto, diferentes personaxes, sós ou en grupos, que amosan que hai moita xente estraña que fai cousas raras, e quítanlle un peso de enriba ao monstro, para que vexa que a súa desgraza tampouco é tanta.

Sendo así, pois hai escenas máis afortunadas que outras, coma sempre, pero en xeral o nivel da obra é moi interesante. Os tres actores restantes son Xoán Carlos Mejuto, Vicente de Souza e Belén Constenla.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-12-2013 19:43
# Ligazón permanente a este artigo
Bailadelas: Mulleres bolañesas
Para ir rematando este ano 2013 no que o Día das Letras Galegas lembrara a Roberto Vidal Bolaño, conseguín ver na Coruña varias obras del que estiveron xirando polo país.

A primeira delas foi "Bailadelas: Mulleres bolañesas", nas que a fantástica actriz Laura Ponte (e se non lembro mal, a primeira muller do dramaturgo), representaba fragmentos de cinco obras de Vidal Bolaño nas que a muller tiña un peso importante.

Non as lembrarei agora todas, seguro, pero creo que estaban "Rastros", "Criaturas" (obra que vimos completa ao día seguinte), "Saxo tenor", "Bailadela da morte ditosa" e "Laudamuco, señor de ningures".

Resultaron moi interesantes (pero hai que recoñecer que uns anacos máis ca outros), e lembráronnos a gran actriz que é Laura Ponte, que tristemente xa se ve moi pouco nos escenarios.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-12-2013 19:38
# Ligazón permanente a este artigo
Culturgal
Un ano máis, visitei o Culturgal, a pesar de celebrarse en Pontevedra, e ter que desprazarme dende A Coruña. Sempre é un pracer visitar esa fermosa cidade, e máis aínda se é para ver o mellor e máis novidoso da cultura galega.

Como sempre, había moitas actividades, moito público (non podo dicir se máis ou menos que outros anos, iso saberano mellor os que poñen alí un stand e pasan os tres días), presentacións, etc.

Acabo de atopar moitos vídeos da feira colgados por Redelibros (a rede social do libro galego), e seleccionei un sobre a presentación da Revista Luzes, con moitas estrelas da cultura galega detrás.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-12-2013 19:33
# Ligazón permanente a este artigo
Mónica de Nut
O outro día fun á sede de Nova Caixa Galicia nos Cantóns da Coruña para ver un concerto bastante alternativo, o que daba a cantante Mónica de Nut co guitarrista Virxilio da Silva, presentando o seu primeiro disco.

Hai que recoñecer que Mónica ten un rexistro vocal impresionante, pero o tipo de música que fai é tan alternativo e pouco comercial (teño entendido que ela mesma presume diso), que non resulta nada doado de asimilar, aínda que ten bo ritmo e calidade.

Déixovos cun vídeo dunha das súas cancións máis coñecidas con outro dos grupos cos que actúa.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-12-2013 19:29
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal