Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro

Hai uns días tiven unha iluminación, e fixen o propósito de ler o antes posible, incluso no pouco que quedaba de 2012, dous libros que merquei este anos sobre dous persoeiros importantes da cultura galega que este ano estiveron de efeméride.

Como xa veríades no blog, hai uns días lin a magnífica reedición da entrevista que Tucho Calvo lle fixo hai xa 30 anos a Valentín Paz-Andrade.

E estes días púxenme coa non menos monumental biografía de Celso Emilio Ferreiro (que este ano tería cumprido 100 anos, de feito dentro de poucos días xa cumpriría 101) realizada polo crítico vigués Ramón Nicolás.

Pois si, está moi ben, moi detallada e enciclopédica, aprendín moito sobre este persoeiro que tanto me chama a atención, dende o punto de vista literario e dende o vital, home de moita iniciativa, pulo e enerxía, facían falta máis deses.

Pero non quería deixar de comentar que lle atopei ao volume unha serie de moi pequenos defectos que axudarían a facelo xa case sublime:

- Unha parte non pequena do libro está en castelán, debido a que se consultaron centos de cartas de todo tipo de persoeiros, en diferentes países, e non poucas escritas en castelán, e tamén entrevistas e xornais e todo iso. E atopei que hai palabras que en castelán aparecen sempre mal (por exemplo, "dende" en lugar de "desde"), e tamén hai partes en galego onde hai palabras en castelán. Non sei se se fixeron un lio cos correctores ortográficos dos procesadores de textos, pero estaría ben revisar iso.

- Despois hai algúns erros no índice. Algúns capítulos que non empezan na páxina que alí se di (esto non é que sexa excesivamente grave, pero pasa en varias ocasións) e algúns sub-capítulos, no índice constan como capítulos ao mesmo nivel que os outros. En definitiva, que o índice non deixa ver claramente a división dos contidos en partes. Iso sen comentar o feito de que hai capítulos de 3 páxinas con outros que ocupan 100, cousa que sempre despista un pouco.

- E para rematar, hai un bo apéndice onde se ven copias ou facsímiles de documentos importantes na vida de CEF (cartas, visados, fotos, etc), e no texto ponse algo tan ambiguo como "ver apéndice". Penso que quedaría moito mellor dicir algo así como "ver documento nos apéndices, páx. XXX".

Non é que sexa eu moi dado a este tipo de "obxeccións", pero lendo a interesantísima obra estes días, botei en falta estes pequenos detalles, que aínda farían máis produtiva a lectura deste magno estudio.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-12-2012 00:10
# Ligazón permanente a este artigo
Nabiza girl
O outro día fomos unha vez máis á Tuerka 27, pero non para ver micro-teatro, como tantas outras veces, senón para ver actuar á humorista coruñesa Isabel Risco, que representaba o seu monólogo "Nabiza girl".

Coa súa graza, imaxinación e barbarismos habituais fixo dúas partes na súa actuación: na primeira presentaba á super-heroína Nabiza Girl, armada de fouciño; e na segunda, chegaba disfrazada de astronauta e cunha bandeira do Deportivo para dar unhas leccións de "koruño", entre moitas outras cousas.

Por se alguén non a coñece ou identifica (aparece con certa frecuencia na TVG, en todo tipo de programas e sketches humorísticos), déixovos un vídeo onde sae actuando.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2012 23:58
# Ligazón permanente a este artigo
Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX
Nestes días saquei tempo para ler un dos libros importantes na Galiza deste 2012. Concretamente, a reedición que fixo Biblos da grande entrevista que Tucho Calvo lle fixo hai 30 anos a Valentín Paz-Andrade.

Xa vira exposicións, fora a conferencias, en definitiva estaba informado sobre a grandeza da figura de Paz-Andrade, pero este libro aínda confirma moito máis esa sensación.

Recomendo entón vivamente a lectura deste libro, aínda que xa remate este ano dedicado a este persoeiro. Entre outros millóns de cousas, foi o responsable de que o goberno galego desta etapa histórica se chame "Xunta de Galicia", en lembranza do intento revolucionario de 1846, que rematou cos fusilamentos de Carral.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-12-2012 20:57
# Ligazón permanente a este artigo
Los Duguis - Impro Top Manta
E como había poucos días que vira, por primeira vez na miña vida, na Tuerka 27, iso da improvisación teatral, dixen eu que quería probalo máis de cerca.

Así que fun un domingo pola tarde á actuación semanal de Los Duguis, que fan un espectáculo chamado Impro Top Manta. Concretamente actuaban tres dos catro que forman o grupo, as tres mulleres: Marita Martínez, Marta Iglesias e Noemí Miranda.

Fixeron como 6 ou 7 números, bastante variados. Antes de entrar tes que escribir nun papel unha frase, que despois utilizarán como título ou tema da historia que van desenvolver. A sesión na que eu estiven xiraba en torno ao cine, entón sempre había algunha película que tomaban como referencia.

En varias ocasións, collían a frase que estaba escrita, a metían en Youtube, e representaban unha das primeiras películas que aparecía con ese criterio de búsqueda. Así fixeron unha película do Paleolítico que trataba sobre un cazador de mamuts, e outra sobre o Papa que visitaba Turquía despois dun terremoto.

Despois fixeron outra baseándose nunha personaxe histórica e unha película, ideas que suxeriron persoas diferentes. Así que tiveron que facer unha versión de "Trainspotting" na que aparecía Hitler.

E eu fun, elixido por elas, quen dei as ideas para a última peza, sobre un profesor de matemáticas que lle gusta utilizar os métodos pedagóxicos de "A laranxa mecánica".

Houbo momentos máis orixinais e outros que menos, como en todo, pero hai que recoñecer que ten moito mérito isto da improvisación teatral e pasamos unha boa e divertida velada coa versatilidade e imaxinación das tres actrices.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-12-2012 00:15
# Ligazón permanente a este artigo
A Xira de andar por casa de Berrogüetto
Onte fomos ao Teatro Colón da Coruña para gozar dun grandísimo espectáculo: a inauguración da nova xira de concertos de Berrogüetto.

Chámase a Xira de andar por casa, están comodamente sentados, con mantiñas nas súas cadeiras, aparece no escenario un microondas co que incluso fan unhas palomitas que despois lle ofrecen ao público. Antes de comezar, algún deles aparece en albornoz, o violinista parece estar cortando un xamón que realmente é o seu violín, etc.

Pero vaia, o concerto é un semi-acústico de Berrogüetto, e sospeito que poucas son as cancións que non poden tocar da súa fantástica discografía (alguén pediu "Bailador" e Xabier Díaz díxolle que era unha das que non podían tocar). Así que a experiencia foi magnífica, como sempre que este grupo sae a un escenario. Xabier Díaz, que enche o escenario e o teatro coa súa presenza, baixou a bailar nunha canción, e fixo que subiran a bailar outras persoas nun dos bises.

Como era previsible, a canción "Xente" foi un dos puntos neurálxicos do concerto, como "Rosendo en Sabaxáns", que dedicou ás agrupacións folclóricas da cidade.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-12-2012 00:04
# Ligazón permanente a este artigo
Corasóns
O outro día asistimos a un interesantísimo festival (porque se cadra é un nome acaído) titulado "Corasóns" que xunta a músicos galegos, portugueses, brasileiros e angolanos. O xerme do proxecto foron as obras da fotógrafa portuguesa Isabel Leal, que comezou a publicar en Facebook fotos de corazóns que ía atopando por moitos sitios.

E en torno a esa idea, músicos de todas esas nacións fóronse xuntando para facer concertos con moitos deles, dunha gran calidade. Todas as cancións teñen a palabra "corazón" como eixo. Xa non podo dicir cantas cancións das que forman o recital xa existían ou cales foron compostas especialmente para el, porque sospeito que hai algo de todo, pero resultou moi agradable.

A banda estable no escenario estaba formada por Sergio Tannus ás guitarras, Serginho Sales ao piano e acordeón, Bruno Cardoso á percusión, un batería do que non lembro o nome, e o baixista galego Pablo Vidal.

Presentaba Carlos Blanco, e pasaron polo escenario Uxía Senlle, Magín Blanco, Xoán Curiel, Joao Afonso, Aline Frazao, Luanda Cossetti, e máis que agora non lembro. Si lembro que cando saíron todos a saudar ao final eran vinte.

Déixovos un video cunha das cancións que cantaron na rolda de prensa da presentación do concerto.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-12-2012 23:56
# Ligazón permanente a este artigo
Gala de comedia en La Tuerka 27
O outro día fomos ver unha nova gala de comedia en La Tuerka 27. Xa fóramos a outra anteriormente, e como pasar, pásase ben, decidimos repetir.

A ver se consigo lembrar a todos os que actuaron:

- Monologuistas: Luis Pousada, Igor Vizoso, Jandro Darriba e David Noya (no video, aínda que non é exactamente un monologuista).

- Presentadores (e un pouco de todo): Victor Grande e Pepe Capelán.

- Improvisadoras: Lucía Veiga e Marita Martínez, tamén acompañadas polos presentadores e Jandro Darriba.

Pois como sempre, houbo cousas mellores e cousas peores, pero o que máis me gustou, por sorprendente, porque nunca o vira (aínda que oíra falar ben do tema) foi a improvisación teatral. Neste eido, fixeron varios números e recordo especialmente dous:

- Cando as dúas improvisadoras ían contando alternativamente unha nova versión de Carrapuchiña Vermella, e ían adaptándose ás palabras que ían propoñendo as persoas do público.

- E a improvisación "de formas". Consistíu nun número interpretado polos cinco improvisadores mencionados. Comezaban dous deles facendo unha escea calquera. Nun determinado momento, o seguinte daba unha palmada, os dous que estaban actuando tiñan que quedarse na postura na que se estaban nese intre, o novo improvisador toca a un deles, o que significa que pode saír da escea, e prosegue co outro, adaptándose á postura que tiña e seguindo a historia da forma máis coherente posible, pero totalmente diferente do que trataba ata ese momento. E así durante un bo pedazo, pasando cada un deles 2 ou 4 veces.

Como veredes, quedáronme ganas de ver máis improvisación teatral.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-12-2012 23:49
# Ligazón permanente a este artigo
Avanti!
Onte mesmo, a compañía de teatro vitoriana (de Vitoria-Gasteiz, non da decimonónica Inglaterra) fíxonos pasar uns divertidos momentos coa súa representación da obra "Avanti!".

A obra é orixinal de Samuel Taylor (coido que xa Billy Wilder fixo unha película sobre ela hai 40 anos), e a adaptación foi realizada por Jordi Galcerán (autor de "O método Gronholm", que vimos hai pouco e que tanto nos gustou). Así era fácil que nos gustara.

Vou intentar contar de que vai, sen desvelar máis do necesario. Un potente empresario español chega a Sicilia para recoller o cadáver do seu pai, que acaba de morrer alí nun accidente de coche. Alí entérase de que tamén morreu no mesmo accidente a súa amante (da cal descoñecía a súa existencia) e coñece á filla desta. Aparte diso, os horarios e a peculiar idiosincrasia dos sicilianos fai que a cousa se enrede moito máis do previsto e que resulte complicado repatriar o cadáver con tanta celeridade como estaba previsto, xa que en Madrid está case organizándose un funeral de Estado, dada a celebridade do empresario morto.

En definitiva, unha comedia moi agradable, que xira máis ben en torno ao peculiar estilo de vida dos sicilianos (seguramente todo o sur de Italia podería estar incluído), a súa visión dos problemas, a súa forma de saír adiante, e o fácil que pode resultarlle a alguén alleo a esa cultura integrarse nela cando se vai de vacacións.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-12-2012 19:43
# Ligazón permanente a este artigo
Bachir Lazhar
Un día destes fun ver, por fin (a outra vez que o intentara houbera un problema técnico que o impedira) a película canadiana "Bachir Lazhar".

É do ano 2011, dirixiuna Philippe Falardeau, e está protagonizada por un actor chamado Fellag, ao que eu non coñecía, pero que debe ter certa fama, digo eu, polo corto do seu nome artístico.

Basicamente trata de que unha profesora de Primaria dunha escola de Montreal suicídase, e o seu posto é ocupado por un inmigrante arxelino recén chegado, que está tendo certos problemas para tramitar o seu permiso de residencia e que leva anos sen dar clase, xa que a súa última actividade era á fronte dun restaurante (estas últimas cousas coido que non as saben nese colexio no que o contratan).

Os seus métodos están anticuados, pero é que ademais, como é lóxico, os alumnos estaban moi unidos á anterior profesora, aínda que algún deles tivera con ela algún incidente, que nalgunha medida puido axudar a provocar o suicidio. Ten que traballar cos rapaces e coas familias para superar eses difíciles momentos.

Ademais diso, todo se complica porque as autoridades canadianas non teñen nada claro por que vén a Canadá, por que pide asilo político, e no colexio acaban enterándose da súa situación persoal.

Moitas persoas faláranme moi ben da película, e a verdade é que está ben, pero decepcionoume un pouco, seguramente porque puxera unhas expectativas moi altas nela. Non o podo asegurar, pero sospeito que a comunidade docente viu a película con moito agrado e foi unha das que máis colaborou no fenómeno boca-orella, pero a min gustoume sen máis.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-12-2012 19:25
# Ligazón permanente a este artigo
A Súa Maxestade dos Mares do Sur
O outro día ía moi mal tempo, así que decidín quedar na casa, e cadrou que botaban unha película clásica que me traía algún recordo do pasado, e que tiña ganas de ver de novo.

Era "A Súa Maxestade dos Mares do Sur", de 1954, protagonizada por Burt Lancaster (para o seu lucimento persoal) e dirixida por Byron Haskin. Ou sexa, a típica película colorista de aventuras dos 50 que tanto nos gustaban antes.

Resumindo, trata dun mariñeiro chamado David O'Keefe (o título orixinal da cinta era "His Majesty O'Keefe), de orixe irlandesa (nalgún intre amosa unha bandeira que o representa e aparece o trébol desa nación), que anda facendo negocios polos mares de Asia, basicamente entre Hong Kong e as illas Fiji (aínda que non lle chaman así na película), que se non lembro mal andan pola zona de Indonesia.

Nesas illas hai moitos cocos, e el quere extraerlle a súa carne, a copra, para obter o seu valioso aceite, pero os nativos non están interesados, para eles é moito máis importante conseguir a pedra dunhas canteiras cercanas coas que fabricar pezas rituais da súa relixión ou mitoloxía. Diso aproveitarase el máis adiante para os seus propósitos.

Obviamente, pola zona, hai máis xente intentando o mesmo, moitos desalmados, compañías de diferentes países, e o protagonista tampouco mellora demasiado os seus méritos, a codicia é a que move a todos. Unicamente ao final este mariñeiro decátase do erro no que caeu e entende a placidez da vida dos habitantes destas illas.

Pois ben, independentemente da animación e do exotismo da película, a película transmitiume esa amargura do exceso de codicia. Dende logo, hai 50 ou 60 anos seguro que emocionou a moitos que veían a Burt Lancaster a un heroe que representaba á intrépida civilización occidental (e seguro que eu mesmo, de pequeno, se vin esta película, que seguro que si, tamén fixen o mesmo), en contraposición á vagancia dos polinesios. Pero agora xa non vexo as cousas así, e xa me pareceu claramente unha película colonialista (aínda que intenta redimirse un pouco ao final), e xa dende o comezo púxenme claramente do lado dos "fijianos". É o que ten a ideoloxía, métese en todas partes.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-12-2012 19:13
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal