Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A herdanza da terra

Acabo de rematar a lectura dun novelón (viva, volvo ler!!!) de case 800 páxinas que me deixou bastante satisfeito. Titúlase "A herdanza da terra" (eu traducín o título, aínda que non hai versión en galego) e é dun tal Andrés Vidal, que é a primeira novela que publica, a súa biografía na solapa do libro é case inexistente e en Internet non aparece ningunha foto del. Interesante.

Está escrito coas trazas típicas destes best-sellers tan habituais hoxe, pero non me desagradou e fíxome pasar uns bos días de lectura, nestas vacacións.

Basicamente trata das peripecias vitais de Rosendo Roca, un tenaz campesion da Catalunya rural interior do século XIX, que pola súa enerxía se converte, primeiro en mineiro e empresario ao descubrir un monte con vetas de carbón onde el traballaba, e despois convértese nun empresario da industria téxtil de grande éxito. Aparte diso, toda a historia está adornada coas difíciles relacións coa familia Casamunt, os terratenientes propietarios das terras onde sucede toda a historia, que tratan de escravizar a todos os labregos que viven baixo os seus durísimos contratos.

Despois de lelo, véñenme varias referencias literarias do meu pasado. Creo que a máis clara é "A cidade dos prodixios" de Eduardo Mendoza, aínda que aquela novela era mellor que esta, creo. Pero esta tampouco desentona demasiado. A relación vén polo dun catalán emprendedor que vai saíndo adiante e vese como evoluciona o seu "imperio" empresarial e industrial.

Tamén podería lembrar a todas as novelas baseadas en sagas familiares, que non son poucas. Nesta, a trama comeza cando Rosendo ten 5 anos, e debido a unha pelea con outro neno, ten que marchar toda a familia da aldea. E remata cando está rematando a súa vida, os seus fillos xa levan as empresas e xa ten varios netos.

En definitiva, pásase bastante ben, estas historias de superación persoal sempre son agradables de ler, e ademais seguro que están subvencionadas pola Confederación de Empresarios, que quererá convencernos de que estas son as persoas que fan falla na sociedade, non rémoras nin parásitos. Esta última frase é broma, e non ten nada que ver con todas as anteriores, dígoo para os máis despistados.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-12-2011 13:14
# Ligazón permanente a este artigo
The ballad of Genesis and Lady Jaye
Por terceiro día consecutivo, fun ao CGAI. O desta terceira vez tamén era raro dabondo, pero esta vez comprendíase á perfección. Pero confirma que neste mundo "hai xente pa tó".

Era algo así como un documental sobre a relación entre dúas persoas chamadas Genesis P. Orridge e Lady Jaye. Quen son (ou eran) estas dúas persoas?

Comecemos pola máis "famosa" e importante. No ano 50 no Reino Unido naceu un rapaz chamado Neil Andrew Megson. Sempre lle gustou a música e a finais dos anos 60 formou un grupo, con outros colegas. O grupo chamábase Throbbing Gristle, e parece que foi un dos primeiros da chamada música industrial. De feito, nunha escena comentan a emoción que lles supuxo ver que nunha mega-tenda de Virgin crearan unha sección de música industrial, onde só había discos de dous grupos, o seu e outro.

Máis adiante fundou outro grupo chamado Physic TV, que creo que aínda segue de xira por aí, con este músico á súa fronte. Se non é así, hai poucos anos aínda o facía. Aínda que teño que recoñecer que eu nunca oíra falar de ningún dos dous. Para rematar con este tema musical, direi que os fragmentos musicais que puxeron (non moitos, a verdade) non me chamaron especialmente a atención, pero polas imaxes de concertos está claro que teñen o seu público.

Pero non puxeron demasiada música nin concertos porque non era un documental musical. Trata máis ben da persoalidade deste músico e da súa relación con Lady Jaye, que dá para un documental ou máis.

Non sei en que momento da súa vida, decidiu poñerse o nome artístico de Genesis P. Orridge, pode que xa a finais dos 60, cando fundou o primeiro grupo. Se buscades imaxes del daquela veredes que aínda tiña unha imaxe máis ou menos masculina. Pero máis adiante comezou a vestir de muller e a ter un "look" claramente feminino. Creo que se fixo algunha operación, pero os seus principais atributos masculinos creo que aínda os ten (vense claramente no documental, jejeje, o que non sei é de que época son as imaxes).

Pero a mediados dos 90 coñeceu a unha fermosa muller chamado Lady Jaye (será nome artístico, digo eu, dela non se fala moito). Casáronse, pero na voda Lady Jaye facía de marido e Genesis de esposa. E chegaron a tal estado de enamoramento, que creo que decidiron fundar unha corrente chamada "pandroxinia", que vén sendo algo así como facer que os dous membros da parella se parezan físicamente o máximo posible.

Esa parte é bastante surrealista. Vense imaxes de cando van "os dous" (ou "as dúas", ou "el e ela", non sei como hai que dicilo) ao cirurxán plástico para que lles vaia marcando na cara e nos peitos o que lles ten que facer para conseguir que se parezan o máximo posible.

Pois nada, nos últimos anos puxeran de novo en marcha Physic TV, Lady Jaye tamén formaba parte do grupo (aínda que parece que non quería inicialmente) e polo que se di alí facía "efectos de son" con algún ordenador ou sintetizador, supoño, pero non se falaba moito do tema. E sobre o ano 2007 ou 2008, non lembro ben, morre Lady Jaye duns "ataques" (non concretan máis), e Genesis entra nun estado de grande melancolía. A xira do grupo segue pero bótana moito en falta (sobre todo Genesis, claro).

Pois xa está, non vos queixaredes de que non detallei a historia. Era xente un pouco rariña, pero sempre está ben saber que cousas fan as persoas diferentes.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-12-2011 12:24
# Ligazón permanente a este artigo
Essential killing
A pesar da decepción do día anterior no CGAI, volvín intentalo ao día seguinte. E a cousa foi moi diferente.

Fun ver "Essential killing", outra película creo que francesa, coa actuación estelar e case única de Vincent Gallo, dirixida polo director polaco Jerzy Skolimowski, filmada no ano 2010.

Trata dun talibán que nun desfiladeiro de Afganistán mata a tres soldados americanos cun bazooka (ou algo similar, eu non entendo nin quero entender de armas). É apresado, torturado, levado a outro país, e cando está sendo trasladado con outros presos o furgón onde o levan sufre un accidente, cae por un terraplén, e el sae despedido. Con algo de fortuna consegue escapar.

Pero claro, detectan que falta e comeza a persecución. Vaise cruzando con diferentes persoeiros, aos que normalmente vai matando. Primeiro a dous homes armados que están nun coche, mátaos cun revólver que lles roubou. Algo máis tarde mata a un leñador que o descubrira, coa motoserra que estaba utilizando.

Pasa moitas penalidades, e moita fame. Debido a iso chega a comer as formigas dun formigueiro baixo a neve, as cortizas dunha árbore. Incluso encañona co revólver a unha muller que está dando de mamar ao seu fillo, para chupar da outra teta. Como vedes, o seu estado de desesperación é brutal.

Xa cerca do seu final, chega á casa dunha muller xorda e muda que lle cura as feridas e se preocupa un pouco por el. Sae desa casa montado nun cabalo branco, supoño que da muller, e o final resulta moi impactante. Vese como comeza a escupir sangue, que cae sobre a branquísima pel do cabalo. E a última escea é o cabalo só pacendo sobre a neve, coa mancha de sangue caendo polo seu costado.

Non resulta agradable, pero impacta bastante.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-12-2011 17:14
# Ligazón permanente a este artigo
Dharma Guns
Estes días que comezan as vacacións de Nadal e que teño algo máis de tempo libre, estou indo ao fantástico CGAI (Centro Galego das Artes da Imaxe) que temos a sorte de gozar na Coruña.

Pero claro, iso non garante que todo o que vexas alí te guste, cousa que por outra parte tampouco pasa no cine convencional, faltaría máis.

Hai uns días fun ver unha película do 2010, creo que francesa, titulada "Dharma Guns (a sucesión Stark)", dirixida por F.J. Ossang.

Non sabería explicarvos moi ben de que trata, nin moito menos. É das películas máis crípticas e estrañas que vin nunca.

Trata dun tipo que, polo visto, ten que escribir un guión, que sufriu un accidente de esquí acuático, e que intenta contactar coa súa moza, que aparentemente está morta. Crúzase cun grupo de personaxes do máis estraño, como un doctor, un pintor, etc. Hai que ver de todo, pero con xeito.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-12-2011 16:56
# Ligazón permanente a este artigo
Kungfundidos
Hoxe fomos ver ao Fórum Metropolitano da Coruña a obra "Kungfundidos" de Bucanero Teatro, dúo cómico formado por Xosé Bonome e Pedro Picos.

Pásase ben, pero é bastante irregular, ten momentos bos con outros máis frouxos que non fan moita graza, pero non está mal para distender un pouco a existencia.

Trata de dous galegos que se atopan no Tibet cando van camiño do mosteiros dos monxes silenciosos que andan nas puntas dos pés.

Saúdos.


Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-12-2011 23:35
# Ligazón permanente a este artigo
Colección da Fundación Barrié

Onte fíxenlle tamén unha visita breve á Colección de Arte Contemporánea da Fundación Barrié, que está sendo exposta.

A min segue sen gustarme demasiado a arte contemporánea, pero de cando en vez hai que achegarse a ela. A obra que máis me gustou foi a que vos poño na foto, titulada "Terminal" do artista portugués Gil Heitor Cortesao, que semella a terminal dun moderno aeroporto, ou algo similar.

Xusto cando eu entrei estaba habendo unha visita guiada a cargo do persoal da fantástica empresa de servizos culturais CreArte, que se encargan en moitas ocasións das visitas guiadas ás exposición da Fundación Barrié ou Caixa Galicia, por exemplo.

Saúdos.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-12-2011 16:22
# Ligazón permanente a este artigo
Que fermoso é vivir!!
Onte fun ao CGAI a ver en pantalla grande a típica película navideña "Que fermoso é vivir!!", dirixida por Frank Capra no ano 1946 e protagonizada polo fantástico James Stewart.

Xa sei que a botan na televisión todos os Nadais, pero eu só a vira unha vez nesas circunstancias, e xa hai bastantes anos. E volver vela na sala do CGAI parecíame unha boa forma de pasar unha tarde de sábado. Ademais era de balde, con VOS en castelán.

Nada novo que dicir, película moi emotiva, que ademais está de plena actualidade tendo en conta que ten lugar durante a crise do 1929, e que ten como centro a corrupción e codicia dos banqueiros.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-12-2011 16:00
# Ligazón permanente a este artigo
"Penumbra" de Animalario
Onte fun ao Teatro Colón da Coruña a ver a representación de "Penumbra" a cargo do fantástico grupo de teatro Animalario.

A diferenza doutros actores famosos da televisión ou o cine, coñecidos noutros rexistros, Animalario, onde se atopan Alberto Sanjuan e Guillermo Toledo, fan teatro serio e comprometido.

Eu vin hai tempo "Últimas palabras de Copito de nieve", que me pareceu marabillosa e esta mesma semana vin pola televisión "Urtain".

O tema non me chamaba moito pero arrisquei, a ver que pasaba. E a aposta perdeuse, por goleada. Seguro que o tema dá moitísimo de si e ten moitas lecturas, pero resultan tan alleas e lonxanas, que me resultou moi difícil conectar coa obra. Trata sobre os medos que teñen as persoas, así en xeral, poderíamos dicir, pero a historia resultaba moi confusa e raramente sabías o que estaba pasando, se era un soño, un desexo, unha alucinación, etc. A ver se a próxima ver hai máis sorte.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-12-2011 17:07
# Ligazón permanente a este artigo
Valentín Paz Andrade, a memoria do século XX
O outro día presentouse na Fundación Caixa Galicia da Coruña o libro "Valentín Paz Andrade, a memoria do século XX", de Tucho Calvo, editado por Biblos.

Houbo moita xente, participaron tamén Xosé Díaz e Xulio López Valcárcel e falaron dun persoeiro poliédrico ao que se lle dedicará o Día das Letras Galegas do ano 2012.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-12-2011 17:03
# Ligazón permanente a este artigo
Urtain
Acabo de ver en La 2 de TVE outra cousa marabillosa. Volve "Estudio 1", o programa no que se emiten obras de teatro gravadas.

E neste caso foi "Urtain", a excepcional e multi-premiada obra feita en coprodución entre o Centro Dramático Nacional e Animalario. Impresionante a historia, os actores, a iluminación...

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-12-2011 00:10
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal