Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Gonçalo Byrne
Na Fundación Barrié da Coruña hai agora unha desas marabillosas exposicións de arquitectura que organizan cada certo tempo. Nesta ocasión trata sobre a obra do arquitecto portugués Gonçalo Byrne. Coido que aínda vai estar varios meses.

En calquera caso, non me parece tan completa e exhaustiva como algunha das anteriores, lembrando especialmente aquela sobre Frank Lloyd Wright que fixeron hai varios anos.

Esta é moito máis sinxela. Non hai practicamente ningún panel, son todo maquetas, en diferentes escalas, das súas obras máis importantes (iso tamén fai moi doado entendelo todo); e un par de espazos onde se proxectan videos do arquitecto conversando con diferentes profesionais, como outros arquitectos, escultores, fotógrafos, etc. Xa vos podedes imaxinar o "nivelazo" ao que chegan nesas conversas, a xente do común non pillamos nin o 1% do que se di....

Déixovos cunha foto dunha das súas obras máis coñecidas, a torre de control marítimo en Lisboa. Segundo lin nalgures, fíxose en 2001 e está un pouco máis adiante, na liña de costa, da Torre de Belém e o Monumento aos Descubridores. Viaxes O Lóstregho estivo alí no 2002 e non lembro tela visto, nin me consta tela en ningunha fotografía, e cando estivemos alí os días eran moi claros. Polo que vin nas maquetas, moi lonxe deses dous monumentos non estaba, e supostamente xa estaba construída......... vaia misterio!!!

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-12-2010 19:13
# Ligazón permanente a este artigo
R-evolución da Coruña

Hai no Kiosco Alfonso da Coruña unha interesante exposición que me recomendaron ver, que amosa as fotografías de Xosé Castro, e que contrasta a imaxe da Coruña actualmente e na década dos 80, que eu mesmo xa puiden vivir e onde se aprezan cambios moi significativos.

Obviamente, é unha exposición para coruñeses (síntoo) e dunha certa idade (de trinta e pico para arriba), que nos lembrarán como eran as cousas antes dos grandes cambios que sufriu esta cidade nas últimas décadas.

En todo caso habería que salientar varias cousas, como que as fotos dos 80 están en branco e negro (non teño eu tan claro se orixinalmente eran así), o que fai maior contraste co color das actuais. Coido que hai algo de trampa, pero onde non hai trampa é na roupa e nos peiteados da época, que resultan bastante cantosos vistos dende o presente.

Outra cousa que non me gustou demasiado é que cara ao final da exposición había algún panel onde falaban da "Gran Coruña", que me fixo pensar se non sería unha exposición propagandística dalgún partido político de cara ás vindeiras eleccións municipais.

En calquera caso, funciona moi ben a nivel nostálxico e permite lembrar cousas que vivimos claramente pero que tiñamos algo esquecidas.

Déixovos como exemplo unha foto do cemiterio moro que hai entre Adormideras e a Torre de Hércules, que agora está rehabilitado, pero que a finais dos 80 non o estaba tanto.

Apurade para visitala, clausúrase a comezos de ano, non sei que día, pero axiña, creo que o domingo 9.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-12-2010 19:03
# Ligazón permanente a este artigo
Georges Perec
Leva xa algún tempo na Fundación Luis Seoane da Coruña unha exposición que me chamaba algo a atención. E ao chegar as vacacións navideñas fun a por ela (e outras máis), que xa había tempo que non visitaba case ningunha.

Trata sobre un escritor francés da segunda metade do s. XX que parece ter moita e boa fama, pero do que eu non oíra falar nunca. Chamábase Georges Perec e semella haber moitas referencias das súas influencias en todos os autores da súa época, incluso algúns autores e críticos de prestixio din que foi o máis importante desa época. Eu non sei se non será algo esaxerado, pero como non lin nada del tampouco podo pontificar sobre o tema, aparte de que é unha opinión totalmente subxectiva, claro.

Alí proxéctanse as súas películas (fixo varias, e deume a impresión que incluso hoxe serían consideradas moi experimentais), hai fotografías, paneis con material, bocetos para algunha das súas obras, etc. Pero a min non me quedou demasiado claro de que trataba a súa obra, e teño a sensación de que debía ser tremendamente vangardista.

Tamén hai unhas lonas colgadas no patio onde aparecen algúns xogos de palabras (por exemplo, con palíndromos, palabras ou frases que se len igual do dereito que do revés) dos que el fixo e nos que tanto destacaba. Pero tamén os hai doutros autores. Por exemplo, estaba algunha das imaxinativas receitas de cociña que fixo Alfonso Álvarez Cáccamo utilizando unha soa vocal, e que eu lle teño visto recitar e escenificar con moita graza a Mofa e Befa.

A súa obra mestra foi "A vida, instruccións de uso", que lle permitiu, por fin, dedicarse á literatura, pero este éxito chegoulle só catro anos antes de morrer.

A ver se algún día teño a oportunidade de ler algo del, pero recoñezo que aínda me dá algo de recelo e a boa exposición que vin o outro día non me fixo cambiar demasiado de opinión.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-12-2010 18:55
# Ligazón permanente a este artigo
A cidade sen roupa ao sol, de Marga do Val
E rematamos a semana con outra presentación dun poemario, neste caso o de Marga do Val, titulado "A cidade sen roupa ao sol".

Estiveron con ela Miguel Anxo Fernán-Vello, editor, e a profesora Carmen Pérez-Sanjulián. Marga fixo o esforzo de vir dende Tui, cidade en torno á cal xira a obra, e que está presente en varios dos poemas.

Contou curiosas anécdotas sobre algúns dos poemas, e explicou a que se referían algunhas das metáforas que alí aparecían, que non serían facilmente entendibles sen eses comentarios.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-12-2010 15:56
# Ligazón permanente a este artigo
Espertar, de Lino García Salgado e Helena Robledo
Asistín por segunda vez á presentación deste libro. Mentres que a primeira vez foi en Betanzos, organizado por Eira Vella, a asociación cultural editora do libro, nesta segunda ocasión foi na A. C. Alexandre Bóveda, da Coruña.

E tamén nesta ocasión a concurrencia foi abundante, enchendo o noso local. Tristemente non puido estar a fotógrafa Helena Robledo, pero si estiveron Lino, o prologuista Xabier López e Gabriela Rodríguez, presidenta da A. C. Eira Vella.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-12-2010 15:50
# Ligazón permanente a este artigo
A memoria de Antón Moreda
Hoxe asistín á presentación dun interesante libro na A. C. Alexandre Bóveda.

Editado pola Asociación Galega de Historiadores, os co-autores son Uxío Breogán Diéguez e Antón Santos e titúlase "Antón Moreda, Memoria do Exilio".

Fala sobre o militante galeguista Antón Moreda, que morreu a comezos de 2010, cando tiña 75 anos, despois de pasar máis de 40 nun hospital psiquiátrico na Terra Chá.

Nos 50 chegou a Arxentina, coñeceu e organizou aos galeguistas exiliados en Bos Aires, e no ano 60 voltou a Galiza para traballar na clandestinidade polo galeguismo. Despois de non moito tempo, unha complicada situación familiar, laboral e política desembocou nun diagnóstico de esquizofrenia que o mantivo naquel triste hospital ata a fin dos seus días.

Polo que dicían os que o coñeceron, e que estaban no acto, incluso nos últimos tempos amosou unha claridade de ideas e lucidez que facían pensar en calquera cousa agás na locura.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 15-12-2010 00:23
# Ligazón permanente a este artigo
Casting, de Lagarta Lagarta
O outro día fomos ver a obra "Casting", da compañía Lagarta Lagarta.

Habitualmente esta compañía é unha garantía de éxito. Aínda hai pouco fomos ver "O segredo dos Hoffmann" a Betanzos e gustounos bastante.

Pero coido que nesta ocasión o resultado é bastante decepcionante. Nin resulta graciosa a historia, nin atraínte, en definitiva sae un algo confuso e decepcionado de vela.

Os actores son Ernesto Chao, Belén Constenla, María Bouzas, Alberto Rolán e Rocío González. A directora é Rosa Álvarez e a obra é de Roger Justafré, adaptada e traducida por Roberto Salgueiro (xa levo tres obras con participación súa no último mes).

Nada, a ver se só foi un tropezón momentáneo e esta compañía segue pola senda de éxitos que sempre transitou.

Saudos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-12-2010 00:17
# Ligazón permanente a este artigo
Novena sinfonía de Beethoven e Carmina Burana
Onte asistimos a un sobrecolledor espectáculo no Teatro Colón da Coruña.

Actuaban a Orquesta Sinfónica Estatal de Dnepropetrovsk e o Coro da Sociedade Filarmónica Nacional de Bielorrusia, dirixidos por Natalia Ponomarchuk.

Un non é que saiba moito de música clásica, nin moito menos, pero algunhas cousas sóanlle, e a min paréceme que esto de onte soou moi ben, era unha aposta segura.

Póñovos uns videos de Youtube con parte desas pezas, interpretadas por outras agrupacións.

Saúdos.





Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-12-2010 17:51
# Ligazón permanente a este artigo
Acto de Amnistía Internacional
O día 10 de decembro, co gallo da celebración do Día dos Dereitos Humanos, Amnistía Internacional celebrou un sinxelo pero emotivo acto na Biblioteca Miguel González Garcés, da Coruña.

Consistiu na lectura de textos e poemas, en varias actuacións musicais e no relato de cinco casos paradigmáticos de violacións dos dereitos humanos, entre os millóns que se producen.

Entre os poetas e escritores, Yolanda Castaño, Xulio López Valcárcel e Pedro Ramos (ausente, os seus textos eran lidos por Anxo Rodríguez). Entre os músicos, Xosé Taboada, Paco Campos, Xurxo Mares e Silvia Penide.

O que máis me gustou foi unha das pezas tocadas por Xosé Taboada e Paco Campos, a célebre "Venhan mais cinco" de Zeca Afonso.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-12-2010 17:44
# Ligazón permanente a este artigo
Culturgal 2010

Hai uns días foi o Culturgal 2010 no Pazo da Cultura de Pontevedra, unha nova demostración do poderío da cultura galega.

Por alí estivemos establecendo contacto con todos os que fan algo pola cultura do país, certame dirixido nesta ocasión polo colega Xulio Amigo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-12-2010 21:23
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal