Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A orixe das especies, de Charles Darwin
Dediquei os últimos días a un obxectivo complexo. Dado que está a piques de rematar o ano 2009, no que se celebraban varias efemérides relacionadas con Charles Darwin, e que ademais teño previsto dedicarme con máis intensidade nos vindeiros tempos á divulgación científica, dixen que había que poñerse serio.

Metinme entre peito e costas "A orixe das especies". Custou o seu, non é nada trivial a cousa. E seguro que só rasguei na superficie, porque hai que ter uns coñecementos de bioloxía e xeoloxía bastante altos para poder ir seguindo o libro con fidelidade, pero fíxose o que se puido.

Unha das cousas que me chamou a atención é que nas 700 páxinas de libro non fai nin unha soa referencia á orixe do home. Pon centos de exemplos de animais e vexetais, pero do home nada. Sabía que ese tema fora unha das moitas cousas que creara moita polémica na súa época e despois. Como exemplo, diremos que a o simio que aparece na etiqueta do "Anís del Mono" é unha caricatura de Darwin. Só na penúltima páxina fala de que se "proxectará luz sobre a orixe do home".

Fai fincapé con certa insistencia (pero sen pasarse) en que todos os indicios apuntan a que non se pode manter en pé unha "teoría da Creación", pero con moito respecto e elegancia. Hai que ter en conta que antes de subir no Beagle estudiou teoloxía, pero xuraría que lin nalgures que cando volveu desa grande viaxe xa se fixera agnóstico.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-12-2009 00:01
# Ligazón permanente a este artigo
Dende Maeloc: 30 anos de Milladoiro
O outro día, por casualidade, tiven a inmensa fortuna de poder asistir a un espectáculo dificilmente igualable.

Digo por casualidade, porque en condicións normais, non podería ter ido, pero o meu bo amigo Pablo Rubén Fernández, eminente cantautor coruñés e responsable do programa "Café con gotas" de CUAC FM, chamoume dicindo que lle sobraba unha entrada, cando xa había semanas que estaban esgotadas.

O mítico grupo de folk Milladoiro, que hai uns 30 anos comezou a súa andadura cun primeiro concerto no Colexio dos Salesianos da Coruña, editou daquela un disco titulado "A Galicia de Maeloc" que cambiou a historia da nosa música tradicional.

Pois están agora facendo unha xira celebrando esa efeméride. Aparte dos sete membros actuais do grupo, invitan a tres dos membros anteriores: Roi Casal, fillo de Nando Casal, e que deixou o grupo o ano pasado; e sobre todo a Rodrigo Romaní (un dos fundadores de grupo) e a Laura Quintillán, excepcional violinista nos primeiros discos.

Aparte da longa lista de discos marabillosos, e do gran virtuosismo de todos estes músicos, hai que salientar a impresionante calidade do son en directo, que sempre foi unha das súas señas de identidade, e que o segue sendo.

Déixovos coa canción que máis me gusta deste grupo, que obviamente soou o outro día, titulada "Invernía".

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-12-2009 23:38
# Ligazón permanente a este artigo
Teselas de cidade
Hoxe acabei de ler unha novela titulada "Teselas de cidade", da autora Patricia Casas, editada por Biblos, o club de lectores galego.

Foi a gañadora da III Edición do Premio Biblos - Pazos de Galicia, que premia a un xoven de menos de 25 anos que presentara o mellor proxecto de novela en galego, e que como premio, entre outras cousas, ten unha estancia dun mes na marabillosa casa de turismo rural chamada a Casa Grande do Bachao (a 13 kms. de Santiago) baixo a titoría dun autor galego xa consagrado. Se non lembro mal, a titora de Patricia Casas foi Helena Villar Janeiro.

A novela está ambientada na cidade da Coruña. Coas descricións que fai a autora, eu incluso penso que sería capaz de localizar algunhas tendas ou cafeterías das que fala na novela, aínda que seguramente sexas inventadas. Pero está claro que aos que vivimos nesta cidade chegamos máis ao fondo por esa simple cuestión de cercanía.

Consiste basicamente en varias pequenas historias entretecidas que se van desenvolvendo sen maiores consecuencias. O máis salientable estilísticamente é que vai encadeando a aparición dos personaxes principais e secundarios.

Por exemplo, comeza un día contando que unha rapaza sae dun portal, indica que nunha esquina está a piques de chocar cun rapaz, ese rapaz vai a unha panadería, alí coincide cunha señora, e esa señora acaba indo a unha librería. Nesa librería traballa un dos personaxes principais da novela. A partir dese intre conta un novo episodio dese personaxe. Esta cadea acabo de inventala eu sobre a marcha, pero ilustra bastante ben o que sucede en moitas das páxinas da novela, e que resulta bastante atractivo.

Obviamente, non sendo a mellor novela da historia, demostra unha vez máis que este premio está dando a coñecer a xente nova ben interesante do noso país que ten historias que contar, e que sabe como facelo, con moita dignidade e sen moito que envexar a outros máis cacareados polos medios de comunicación.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-12-2009 20:54
# Ligazón permanente a este artigo
25 anos de "Amor e desamor"

O outro día celebramos no Teatro Rosalía de Castro os 25 anos da formación do grupo poético coruñés de Amor e Desamor, ao que a A. C. Alexandre Bóveda está moi unida.

Vedes aí unha foto de Xurxo Lobato de hai 25 anos.

O recital co que celebraron a efeméride estivo moi ben. Tristemente, non todos puideron estar presentes. Só puideron vir Lino Braxe, Miguel Mato, Xosé Manuel Pereiro leu poemas do seu irmán Lois, Manuel Rivas e Xabier Seoane.

Agasallaron aos asistentes cun novo poemario do grupo e un CD no que eles len algúns dos seus poemas.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 19-12-2009 14:34
# Ligazón permanente a este artigo
Podcast de dous programas de CUAC FM
Nos últimos tempos metinme de cabeza, por iniciativa propia, no mundo da radio. Concretamente na radio comunitaria, que na cidade da Coruña está representada por CUAC FM.

CUAC FM é unha emisora fundada en 1996 no seo da Universidade da Coruña, da que agora se desvinculou algo (está en instalacións súas e a UDC paga algunha das facturas, creo) pero constituíuse como asociación cultural.

Nesta emisora, pagando unha pequena cuota de 25 euros ao mes, tes dereito a facer unha hora de radio semanal nunha franxa horaria determinada. Hai que facer un pequeno cursiño para manexar a mesa de control, pero tampouco é nada do outro mundo. O de falar por un micrófono non ten maior ciencia, que teñas mellor ou peor voz ou te poñas máis ou menos nervioso é outra cousa, pero todo o mundo sabe falar.

Dende hai varios meses, paso a tarde dos martes na emisora. Nos enlaces da esquerda da páxina e da parte baixa deste arquivo aparecen os seus podcast. Un podcast vén sendo un blog onde se poden pendurar arquivos de audio (ocupan bastantes megas) e pódense escoitar e descargar. Así podedes escoitar calquera deses programas cando vos pete.

Teño un programa de 5 a 6 da tarde cos alumnos do meu colexio, organizado polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, titulado "A fume de carozo".

E despois teño outro de 7 a 8 da tarde coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, titulado "Recendo".

Anímovos a participar neste tipo de experiencias, facer radio é sinxelo e apréndese moito.

Saúdos.
Podcast de "A fume de carozo"
Podcast de "Recendo"
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-12-2009 22:57
# Ligazón permanente a este artigo
As aventuras do bo soldado Svejk
Na última ponte festiva, de catro días, dediqueime básicamente a durmir e a ler. Da primeira actividades non teño moito que contar pero da segunda se cadra si.

Lin un novelón de máis de 700 páxinas titulada "As aventuras do bo soldado Svejk", do checo Jaroslav Hasek, que xunto á obra de Kafka e de Kundera, está considerado do mellor desa literatura centroeuropea.

Foi escrita a comezos dos anos 20, cando o autor voltou da Primeira Guerra Mundial (suponse que en parte pode ser autobiográfica). Ía ter seis partes, pero o autor morreu cando estaba escribindo a cuarta, cuns 40 anos de idade.

Conta a historia dun soldado bonachón e aparentemente bastante estúpido que loita, como checo, no exército austro-húngaro cando comeza a Guerra Mundial, na que eles teñen bastante que ver.

Cando van pasando as páxinas vas vendo que non ten tanto de estúpido, pero a súa forma de ser e a dos seus compañeiros permiter ver con claridade o sensentido das institucións militares. É claramente unha novela satírica que pretende criticar a vida militar e o militarismo, e penso que o consegue de marabilla, porque as situacións son absurdas, surrealistas, pero a todos nos dá a impresión que nos exércitos pasan esas cousas.

Hai outra cousa que me deixou confuso. O autor perdeu un traballo cando tiña 20 anos cos seus problemas co alcohol. E na novela consúmese máis alcohol do que seguramente se produciu nunca. Relacionar alcohol e exército tampouco me parece descabellado, en absoluto, pero as inxestas das que se fala alí son algo fóra do común. Gustaríame saber se eran reais ou se o aparente alcoholismo do autor tamén tiña que ver nesa tendencia.

Para rematar, direi que se menciona moitas veces a rexión de Galitzia, que agora está situada entre Polonia e Ucrania, que case comparte nome co noso país, xa que a fronte de guerra a onde se dirixían os soldados checos estaba por alí. Por ilustrar algo a zona, coido que a capital é Cracovia e que por alí naceu o excepcional escritor Joseph Conrad.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-12-2009 13:40
# Ligazón permanente a este artigo
Cea anual da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Na pasada fin de semana, máis ou menos como fixo medio país, celebramos a cea de Nadal da A. C. Alexandre Bóveda.

Como o ano anterior foi na Raxaría As Neves, na Coruña. Xa saberedes que a relación calidade-cantidade / prezo dese local é espectacular. As pegas este ano foron que no local non hai cobertura para os móbiles (para min non é un defecto, nin moito menos, pero para outros si) e sobre todo que había un barullo bestial. Dous dos tres comedores cheos son moita peña falando ao mesmo tempo.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-12-2009 12:38
# Ligazón permanente a este artigo
AchegArte
Hai varias semanas celebrouse na Coruña a Feira Cultural AchegArte, "sucesora" da tristemente desaparecida Cultur.gal, debido á miopía e estupidez dos xestores culturais actuais na Xunta.

O traballo que levou a cabo a Concellería de Cultura da Coruña foi incalculable. As poucas persoas das que dispoñían para organizalo (por sorte houbo moita xente voluntaria que botou unha man ben agradecida), os poucos cartos, o pouco tempo, todo ía en contra. Pero o resultado foi máis que digno, e non se atoparon diferenzas moi salientables con respecto ao anterior. Iso fai pensar na xestión doutros. Cando as cousas se fan con cariño e paixón sempre saen ben, non hai fallo.

A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda tivo a fortuna de poder instalar un posto na feira. Para nós era unha oportunidade irrepetible e penso que a aproveitamos moi ben. Editamos novo material publicitario para entregar aos visitantes, emitimos o noso material audiovisual de tipo científico, fotográfico, etc. Recibimos moitas visitas e cónstanos que sorprendemos a moita xente.

Tamén percorremos todas as casetas entregando as nosas tarxetas e establecendo contactos con todo o mundo, para posibles novas actividades ou proxectos. E o domingo estivemos dando centos de voltas coa nosa nova gravadora dixital facendo entrevistas para o noso programa de radio "Recendo". Debemos ter unhas dúas horas gravadas cos persoeiros máis importantes da cultura galega que pasaron por alí.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (1) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-12-2009 12:30
# Ligazón permanente a este artigo
Cancións para Manuela
O outro día celebrouse un acto ben emotivo, e xa non sei cantos van, en torno á figura do noso querido e socio de honra Jenaro Marinhas del Valle.

Pablo González Mariñas (sobriño del), Lino Braxe e Alexandrina Fernández (amigos del e promotores da edición da súa obra) presentaron no local da A. C. Alexandre Bóveda unha pequena obra (dicían por alí que un opúsculo, porque no mundo editorial chámanlle libro cando chega ás 50 páxinas) cuns poemas que parecían ir dedicados a unha muller chamada Manuela.

Houbo unhas intervencións moi acertadas pero a parte máis aprezada foi a lectura ou recitado dalgúns dos poemas a cargo de tres alumnas do Instituto do Monte das Moas e de tres actrices do grupo de teatro de Narón. A xente saíu moi contenta da actuación das seis mulleres.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-12-2009 12:16
# Ligazón permanente a este artigo
Outras miradas que nos fagan mulleres
Hai unhas semanas, a Comisión da Muller da A. C. Alexandre Bóveda celebrou no noso local un pequeno ciclo de conferencias titulado "Outras miradas que nos fagan mulleres".

Na primeira das charlas interviron Pura Ferreño (concelleira do BNG en Coirós), Ermitas Valencia (concelleira do BNG na Coruña) e Ana Pontón (viceportavoz do BNG no Parlamento Galego). Estivo moi interesante, con diferentes perspectivas como a da muller rural (Pura sabe moito dese tema), da que non se escoita falar demasiados nas urbes.

A segunda conferencia foi a cargo de Lupe Ces, presentada pola nosa directiva Carmela Garrido. Nesta ocasión, tristemente, non puiden quedarme ata o final ao ter outro compromiso inaprazable, pero deume moita mágoa, porque a media hora que puiden estar foi de fábula. E o que me perdín non foi peor, polo que me dixeron. Foi facendo un percorrido sinxelo, con mosaicos de fotografías, de persoeiros galegos (uns máis coñecidos e outros menos) que poden axudar, en maior ou menor medida, a que a situación da muller en Galicia non mellore, a pesar de que sexa difícil captar esas percepcións.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-12-2009 12:09
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal