Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Dende Rusia con amor
Como vedes, ultimamente estou bastante cinéfilo. Non me refiro a ir ao cine, senón de ver películas na televisión da casa.

Esta vez tocoulle o turno á querida serie de 007. Botaron hai pouco "Dende Rusia con amor", título moi célebre pero que nunca vira.

A verdade, non é das mellores que vin, nin moito menos. Non hai moitos escenarios diferentes, e a trama non ten a chicha doutras veces. Incluso a guapa mala, que acaba sendo boa, non me soaba de nada, o cal significa que a película non chamou a atención e a actriz non puido facer carreira posterior, supoño.

Tanto é así, que pasaron dúas ou tres semanas do visionado, e practicamente xa nin lembro de que ía a película.

Déixovos co comezo da película, sempre sorprendente. Xa sabedes que ides ver morrer a James Bond, pero que sempre consegue salvarse dalgún xeito.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-12-2008 16:10
# Ligazón permanente a este artigo
A laranxa mecánica
Hai unhas semanas estaba xa moi canso, exhausto do traballo, e decidín darme un festín na noite dun determinado día.

Rescatei da miña videoteca VHS unha cinta e vin, unha vez máis despois de varios anos, a que para min foi, é e será a mellor película de todos os tempos: "A laranxa mecánica" de Stanley Kubrick, baseada nunha novela de Anthony Burgess.

Como coido que sabedes, fala sobre o novidoso e experimental tratamento LUDOVICO, ao que é exposto un mozo que é o líder dunha banda de delincuentes que empregan a ultraviolencia todas as noites contra todo tipo de víctimas. Ese tratamento pretende curarlle esas tendencias de forma moi drástica, e provoca efectos secundarios moi perniciosos.

Para os que non a vírades, absolutamente recomendada. Ten fama de ser unha película tremendamente violenta. No ano 71, cando se fixo, podía ser. Agora mesmo un capítulo de "Los Serrano" seguramente ten máis violencia.

Déixovos un vídeo con algunhas das mellores escenas.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-12-2008 16:05
# Ligazón permanente a este artigo
Dor pantasma
Lin hai unhas semanas a novela "Dor pantasma" de Alberto Ramos. Seguramente non vos soará demasiado nin o título nin o autor. Explicarei de onde saíron.

Alberto Ramos foi o ganador da segunda edición do Premio Biblos para escritores galegos menores de 25 anos. Chegan uns finalistas que presentan un esbozo da súa novela. Un xurado escolle un ganador e esa persoa pasa un mes aloxado nunha casa de turismo rural cerca de Santiago titorizada por un escritor galego de sona. Se non lembro mal, no seu caso foi Darío Xohán Cabana o seu titor.

A historia trata dunha rapaza do Morrazo que desaparece en estrañas circunstancias e todos os cambios que afectan ao seu entorno.

Non está mal, aínda que o final é algo desconcertante.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-12-2008 15:59
# Ligazón permanente a este artigo
Foro Social Galego
Nos mesmos días en que se celebrou o Cultur.gal na Coruña, celebrouse o Foro Social Galego en Santiago. Mágoa. Eu estaba interesado nas dúas cousas, pero a coincidencia de datas e a meteoroloxía non permitiron que fora ao FSGal.

Parece que estivo moi ben, que houbo moita xente, e que haberá unha boa representación galega no Foro Social Mundial que se celebrará en xaneiro na cidade brasileira de Belem.

Esperemos que estes movementos altermundistas e antiglobalización vaian ganando peso fronte á globalización da estupidez capitalista e neoliberal.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-12-2008 15:53
# Ligazón permanente a este artigo
Cultur.gal
Nos primeiros días de decembro tivo lugar na Coruña o Cultur.gal.

Ouvira falar del, que o ano pasado fora en Pontevedra, pero non tiña moi claro de qué ía.

Este ano, ao ser na miña cidade, puiden asistir, e gustoume moito. É unha feira con presentacións, stands, concertos, proxección de audiovisuais, de todo o que hai na cultura galega actual.

Durou catro días e en dous deles principalmente, pasei bastantes horas por alí.

Agora din que en vez de ser itinerante, como tiñan pensado, que se vai celebrar sempre na Coruña, dado o gran éxito de público acadado.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-12-2008 15:49
# Ligazón permanente a este artigo
The Queen, a película de Stephen Frears con Helen Mirren
Hai pouco vin a película "The Queen", que foi a sensación hai un par de anos.

A verdade é que a película está moi ben. Destaca Helen Mirren, marabillosa actriz que, como case sempre facía papeis secundarios, pouca xente parecía coñecer. E a man do director, case sempre solvente, tamén se nota.

Historia que podería ser moi polémica pero que foi tratada con moita sensibilidade e tacto. Tamén me pareceu bastante boa a actuación do actor que fai de Tony Blair.

Déixovos o trailer en inglés, enténdese ben.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-12-2008 14:05
# Ligazón permanente a este artigo
O fotógrafo Eugene W. Smith

Hai algún tempo fun ver á Fundación Caixa Galicia da Coruña unha exposición sobre o fotógrafo americano Eugene W. Smith.

Polo que lembro que lin alí, era un profesional moi obsesivo. Non só no eido fotográfico, senón que intentaba facer obras moi completas onde houbera fotografía, pintura, texto e outros formatos, e o peor é que quería facelos todos el, porque consideraba que era o único que podía levalos a cabo con solvencia.

A crítica opinaba que el era moi bo no campo da fotografía pero nos outros, por exemplo no de escribir textos, era bastante mediocre. Pero calquera llo explicaba, claro.

Vin algunhas fotografías e series moi interesantes, outros non tanto. Lembro a serie dun médico rural, e tamén a da súa cidade, Pittsburgh, cidade de altos fornos e traballadores do metal. Deixo unha foto, das súas máis coñecidas, dunha rapaza xaponesa con malformacións debido ás secuelas da industrialización sen control no seu país.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-12-2008 14:00
# Ligazón permanente a este artigo
O imperio do sol
Vin hai pouco unha película que me chamou sempre a atención. Non porque a vira, senón por todo o contrario. Unha película de Spielberg que, para moitos, era do máis frouxo da súa carreira. Pero como sobre gustos non hai nada escrito, para outra xente é das súas mellores películas.

Falo de "O imperio do sol", de finais dos 80, protagonizada por Christian Bale, daquela un rapaz de 12 anos, que fai un gran papel (iso é indiscutible, outra cousa é que a historia guste ou enganche). Trata sobre a invasión xaponesa da China durante a segunda guerra mundial, ao redor dun neno americano que se criou en Shanghai, que sufre a invasión, e que separado dos seus pais, acaba nun campo de concentración. Dende logo, a historia non é amable.

A min non me entusiasmou, aínda que tiña partes moi interesantes. É salientable que a película é moi ambigua, non hai bos nin malos claramente identificables, nin sequera o rapaz (que idolatra aos pilotos xaponeses). Seguramente por iso a tanta xente lle deixou unha estraña sensación e foi postergada como unha das "peores" películas de Spielberg. Non creo que a ninguén lle importe, pero eu debo dicir que a min ET paréceme unha película bastante aburrida. A primeira vez que intentei vela quedei durmido, e tiña bastante interese daquela.

A partir de agora, cando fale de películas, en troques de poñer a súa ficha na IMDB, vou intentar pendurar algún fragmento que haxa en Youtube. Isto que poño coido que son os últimos minutos da película.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-12-2008 13:55
# Ligazón permanente a este artigo
A quinta das lágrimas, de Milladoiro
Hai pouco, no Teatro Colón da Coruña, Milladoiro presentou o seu último disco, titulado "A quinta das lágrimas" e moi influenciado pola música portuguesa.

Hai dúas cantantes invitadas, a ferrolana Laura Amado e a portuguesa Mafalda Arnauth que, por certo, deu un pequeno concerto aquel día.

A min gústame especialmente "Venhan mais cinco", unha versión dunha das mellores cancións de José Afonso.

Déixovos un vídeo (é moito dicir, pero está colgado en Youtube) da última canción do disco.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-12-2008 13:46
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxe teatral a Jenaro Marinhas del Valle
Hai algo máis dun mes -si, levo algo de atraso na actualización deste blog- a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda axudou a realizarlle un homenaxe ao dramaturgo galego Jenaro Marinhas del Valle, xa que no 2008 era o centenario do seu nacemento.

Houbo primeiro unha representación teatral no Rosalía da Coruña, dirixida por Lino Braxe, e con grandes actores galegos como Miguel Pernas, Flor Maceiras, Rebeca Montero, etc. que consistiu en fragmentos de catro obras reunidas baixo o título de "A velada".

Uns días máis tarde, no Fórum Metropolitano, o noso grupo de teatro representou "A serpe" e o grupo Fas-que-fas, da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, de Cecebre, representou "O bosque".

Agardamos que isto sirva para recuperar a figura deste esquecido dramaturgo. Hai uns anos tamén colaboramos na publicación da Obra Completa, editada por Espiral Maior.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 28-12-2008 13:43
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal