Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O home que coñecía o infinito
Hai non moitos días vin na 2 unha película sobre un interesante personaxe que descoñecía por completo. Foi un inxenioso matemático hindú de comezos do século XX chamado Srinivasa Ramanujan. A película titúlase "O home que coñecía o infinito", é do ano 2016, e está protagonizada por Dev Patel, que é o actor hindú máis coñecido actualmente (creo).

Pois nada, un hindú máis que é un xenio das matemáticas (dáselles bastante ben iso, e a informática tamén, polo visto), que descubre que ten moitas cualidades, e que lle insiste moito aos seus xefes, para ver se alguén na universidade lle axuda a mellorar as súas teorías e investigacións. E como a India era colonia inglesa daquela, o mesmo na metrópoli.

E parece que suscita o interese dun matemático de Cambridge chamado Godfrey Hardy (protagonizado por Jeremy Irons, matemático do que eu tampouco oíra falar nunca), que ao comezo desconfía un pouco das súas teorías, xa que están formuladas dun xeito nada convencional e rigoroso dende o punto de vista europeo).

O caso é que conseguen traelo a Inglaterra, e está alí durante varios anos producindo teoremas moi poderosos. Pero coincide mala época, é xusto durante a I Guerra Mundial, contrae a tuberculose, volve á India en 1919 e morre alí en 1920, cando tiña pouco máis de 30 anos.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-11-2018 00:26
# Ligazón permanente a este artigo
Altamira
Teño que recoñecer que non tiña a máis mínima noticia de que Antonio Banderas protagonizara unha película hai poucos anos sobre o descubrimento das covas de Altamira. Pero en canto souben que a botaban na 2 e que podía vela, fixen o esforzo, porque podía merecer a pena.

É unha película bastante lineal e convencional sobre Marcelino Sanz de Sautuola, un investigador cántabro que, case de casualidade, por aviso duns veciños, descubre a cova de Altamira.

Pero a historia é ben interesante, porque a información que el transmite sobre o que atopa alí bota abaixo todo o que se sabía sobre pintura rupestre ata ese momento. Os máis sabios do momento nesa disciplina, que están en Francia, desconfían e pensan que é unha montaxe. Anos máis tarde, con Marcelino xa morto, teñen que recoñecer que estaba no certo, pero semella que non resultaba doado de crer naquel momento.

Por se non chegara con iso, o matrimonio de Marcelino tambaléase por momentos, xa que el é moi descrido e racionalista científico, e a súa muller é bastante beata.

O máis reseñable da película e que se sae do convencional é que, en varios momentos nos que intervén a filla de Marcelino, María, os bisontes toman vida e protagonizan esceas moi salvaxes e, ao mesmo tempo, emotivas. Sorprendeume ese xiro en varios momentos, dáballe algo de frescura á película.

Casualmente María Sautuola foi a avoa de Emilio Botín, e por esa razón, varias persoas desa acaudalada familia aparecen como produtores na película. Que se non...

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-11-2018 00:17
# Ligazón permanente a este artigo
Milladoiro
Con 40 anos de carreira ás costas, Milladoiro segue sacando discos. Viñeron presentar o último, titulado "Atlántico", que obviamente non está ao nivel dos anteriores, e xa non digamos dos primeiros, nos que puxeron o listón case no infinito.

Pero sempre é un pracer ir velos e escoitalos. Teñamos en conta que só quedan tres dos fundadores: Xosé Vicente Ferreirós, Nando Casal e Moncho García. Que están moi ben acompañados por Harry C no violín (ao final foi o violinista máis estable do grupo), Manu Conde á guitarra e Manu Riveiro a teclados e acordeón.

Dentro duns días, os tres fundadores que seguen no grupo virán á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda para falar deses 40 anos de traxectoria.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-11-2018 00:07
# Ligazón permanente a este artigo
Mulleres astrónomas
Hai varias semanas, na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, o cinéfilo e astrónomo Martin Pawley veu dar un par de charlas sobre un tema moi interesante, o das Mulleres Astrónomas.

Hai unhas cantas mulleres que tiveron un papel crucial na historia da astronomía, e estivo falándonos delas. Comezou con Caroline Herschel, que entrou de casualidade neste mundo como serventa do seu irmán William Herschel (que ía para músico inicialmente).

Despois seguiu coas "Calculadoras de Harvard", un grupo de mulleres que traballaban nun Observatorio da Universidade de Harvard e que eran unhas auténticas máquinas detectando obxectos en fotografías astronómicas.

E despois seguiu falando de mulleres como Cecilia Payne, Vera Rubin, Antonia Ferrín (a galega máis destacada ata agora) e tamén falou da Misión Gaia, que actualmente está facendo uns descubrimentos alucinantes, e na que están traballando as galegas Minia Manteiga e Ana Ulla.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-11-2018 00:01
# Ligazón permanente a este artigo
Tiburón 2
Hai unhas semanas, vin nunha destas cadeas de televisión españolas que chegan pola TDT, de ideoloxía neo-fascista, pero nas que botan películas visibles e sen cortes, "Tiburón 2". Creo que aquel día botaban as tres primeiras seguidas, porque xusto antes de ver esta, vin o final da primeira.

Pois nada, o de sempre, o careto so sempre serio Roy Scheider, no papel da súa vida, algo obsesionado e traumatizado cos tabeiróns, pero como sempre, que ao final tiña razón, que había bicho.

Se non lembro mal, ao primeiro o mataban disparándolle a unha botella de osíxeno que tragaba a bestia. E nesta (sinto o "spoiler", pero está máis que visto), algo parecido pero cun cable de alta tensión, que o escualo ten o mal criterio de morder.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-11-2018 23:55
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal