Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Das cousas de Ramón Lamote

No ano 1986, nada menos, o escritor chairego Paco Martín levou o Premio Nacional de Literatura (Nacional de España, ollo) por esta obra de literatura infantil e xuvenil.

Para a literatura galega, e tamén para a infantil e xuvenil desta terra, foi un "bombazo". O país estaba comezando a erguer a cabeza despois da dictadura, a literatura galega amosaba potencial e apuntaba boas maneiras, e comezábamos a parecer a potencia infantil e xuvenil que din que somos agora. E aquelo puido ser o principio.

Pois eu lino hai uns días, máis que nada polo ben que me teñen falado desta obra. Está claro que a min este tipo de literatura non me interesa demasiado, e ao non ser profesor de galego (podía interesarme como lectura para o alumnado, entón), cáeme un pouco máis lonxe.

Pero teño que recoñecer que pasei un rato ben divertido léndoa, porque é moi simpática e inxeniosa. Sospeito que á rapazada debe gustarlles bastante, aínda que sigo sen saber exactamente para que idade pode ir mellor dirixida.

É un libro moi breve, con oito historias curtas vividas por Ramón Lamote, que é un curioso personaxe, xa de certa idade, e que gana a vida dando clases particulares de idioma chairego. Iso é simplemente unha especie de definición, non temades ningunha temática lingüística.

As historias son ben curiosas, coa aparición do Reparante (unha especie de dragón do tamaño dun can, ao que lle gusta pasar discretamente), coa aparición sorpresiva nunha rúa dun tubo de grandes dimensións, ou da estraña organización dunha "corrida" de nubes, que ninguén sabe exactamente o que é, pero que Ramón consegue argallar co apoio das autoridades, polo medo destas a facer o ridículo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-11-2018 18:16
# Ligazón permanente a este artigo
Pepe Vaamonde Grupo
Hai uns días tocaba no Garufa Club da Coruña o grupo de Pepe Vaamonde, un gaiteiro galego que me gusta moito (o grupo todo, non só el). Así que non faltei, aínda que só estabamos unhas 15 persoas nese local de marabillosa calidade de son.

Fixo un repaso polos seus catro discos editados. O último deles editouno hai un par de anos, e presentouno na Coruña nunha das homenaxes anuais que se lle fai en setembro a Manuel María, co Teatro Rosalía petadiño de xente.

En calquera caso, sonou de marabilla, como sempre, e nesta ocasión viña de acompañante o gran cantante e bailador Xisco, e iso sempre é un plus.

Remataron o concerto, no bis, tocando esta canción de hai 10 anos, que eles consideran o seu gran "hit".

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-11-2018 18:03
# Ligazón permanente a este artigo
Pioneiras do deporte en Galicia

Hai algún tempo xa oíra falar deste libro, e nas últimas semanas, tiven a sorte de que houbo unha presentación do mesmo na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, o meu ateneo cultural de referencia.

O libro deste título foi escrito por Cristina López Villar, profesora da UDC na Facultade de Ciencias do Deporte e da Educación Física (antes coñecido como INEF) e publicado pola Deputación da Coruña.

A presentación estivo moi ben, con powerpoint e moitas fotos do libro e da investigación na que naceu. Hai que ter en conta que o tramo temporal investigado vai de 1850 a 1936.

Os deportes que máis practicaron as mulleres nos primeiros tempos da súa práctica deportiva foron a ximnasia, a hípica, a patinaxe, o tenis, o esquí, a vela, o ciclismo, o xoquei sobre herba (foi moi potente no seu momento), a natación, o remo ou o excursionismo.

Despois chegaron outras disciplinas máis masculinizadas como o fútbol, a aviación, o automobilismo ou o circo.

Falaron bastante dun fenómeno dos anos 30, Emilia Docet, que facía natación e xogaba ao xoquei sobre herba, foi Miss España, e tiña certas simpatías polo incipiente galeguismo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-11-2018 17:57
# Ligazón permanente a este artigo
Fraquezas
Sigo avanzando pola colección que editou Biblos Clube de Lectores nos primeiros anos do seu traballo. Xa vou polo número 43, só quedan 7 da colección convencional e 3 máis que sacaron do seu premio para escritores novos.

Nesta colección hai obras mellores e peores, como en todas. A que lin nesta ocasión non é das mellores que vin, pero algún destello interesante había, como pasa sempre.

Titúlase "Fraquezas", e o autor foi Xosé Díaz Díaz, un xoven lucense que é profesor de Matemáticas na Secundaria, e que ten como afección esta de escribir.

O libro está formado por seis relatos totalmente independentes. Todos menos dous deles foron premiados en diferentes certames galegos, destacando o Certame Modesto R. Figueiredo, no que acadou galardóns en dúas edicións consecutivas.

Agora xa pasaron varias semanas dende a súa lectura e apenas os lembro (iso xa debe ser indicio de algo). Pero lembro que a súa lectura me resultou bastante complicada, porque case todos contiñan flash-backs e narracións non lineais que eran complicadas de seguir, con cambio de narrador e técnicas similares. Non estou en contra diso, nin moito menos, pero tamén digo que hai que saber facelo moi ben, porque senón, o efecto é totalmente contraproducente.

A que máis me gustou foi a última, titulada "O ollo alleo", que levou o V Premio Os Viadutos, e que trata sobre uns palestinos que deciden converterse en terroristas suicidas (así, simplificándoo moito).

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-11-2018 17:45
# Ligazón permanente a este artigo
Nikola Tesla
Hai unhas semanas, na fantástica Noite Temática da 2, botaron un especial sobre Nikola Tesla. O excéntrico científico e inventor croata de finais do século XIX e comezos do XX, que se consagrou nos Estados Unidos.

Pois nada, este tipo dá para moito, e cada vez me interesa máis. Hai cada vez máis libros, vídeos e material que fala sobre el. E a xente cada vez se fixa máis na vida e obra deste estraño xenio. Anímovos a facelo a vós tamén.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-11-2018 19:42
# Ligazón permanente a este artigo
Casa O'Rei
Unha das compañías de teatro galegas que máis e mellor están crecendo nos últimos anos é Ibuprofeno Teatro, dirixida por Santiago Cortegoso e Marián Bañobre.

Nos últimos anos fixeron unha triloxía en torno á gastronomía. A primeira das obras foi "O furancho" con Marián Bañobre e Isabel Risco. Leva varios anos xirando e aínda segue, veu por Coruña varias veces pero aínda non conseguín vela, a ver se non se me escapa a vindeira vez, se é que a hai.

A segunda foi "Raclette", hai un par de anos, que foi a mellor obra que vin en moito tempo. E agora chega esta "Casa O'Rei", que foi un colofón fantástico para a triloxía.

É moi doado de explicar. É unha versión de "O Rei Lear" de Shakespeare, pero neste caso o rei é o patrón dunha vella casa de comidas que leva décadas aberta con moito éxito. Que se atopa vello e enfermo, e decide xubilarse. E decide deixarlle o negocio ás súas tres fillas, que traballaban nel, e que non sabían nada desa decisión.

Obviamente, dálle o mando á filla máis vella, decisión que non gusta demasiado ás outras dúas. A mediana máis ou menos acéptao, porque non lle queda outra. E a pequena, que é quen máis respecta ao vello, expresa en voz alta que a cociña que se facía no restaurante xa era demasiado clásica e que viña ben darlle unha renovación. Obviamente, ao vello patrón, esas ideas de renovación non lle gustan nada, e repudia á filla pequena.

Pero a xestión do negocio a partir dese momento é un desastre. A filla maior descubre o burato contable, o marido bebe durante o traballo, a filla mediana non fai nada, e o seu mozo si que quere cociñar e innovar. E a filla pequena, fóra, claro. Pero volve ao final para sacar adiante o negocio, cando o vello descubre que todo o que construíu se veu abaixo.

Se tedes a posibilidade de vela, non o dubidedes, pásase moi ben.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-11-2018 19:39
# Ligazón permanente a este artigo
Orixe
Na miña humilde opinión, o director Christopher Nolan é a bocanada de aire fresco máis salientable no cine do século XXI. Xa coa súa segunda película, "Memento", quedei bastante deslumbrado.

E casualmente nas últimas semanas vin dúas das películas máis exitosas dos últimos anos: "Interstellar" e esta "Orixe" (Inception). Aínda non vin ningún dos seus Batman, pero oín que está bastante ben. En calquera caso, como o cine de superheroes tampouco me chama moito, pode que tarde máis en ver iso.

Leo na Wikipedia que nas súas películas pesa moito o elemento psicolóxico, como a memoria en "Memento" ou os soños en "Orixe". Pois será por iso, pero está claro que as súas tramas non son nada convencionais, e iso sempre se agradece.

Agora ben, recoñezo que esta "Orixe" me cansou bastante. Trata dun grupo de ¿¿científicos??, ¿¿ladróns?? que ten a capacidade para conseguir información do cerebro das persoas introducíndose nos seus soños. E intentan aproveitar iso, por exemplo, para favorecer a grandes empresarios que os contratan para saber os plans da competencia, intentar que tomen determinadas decisións, etc. Ou sexa, todo bastante retorcido, que non ten nada de malo, de feito é algo que me gusta moito del, pero neste caso resultoume cansino. Que lle imos facer!!!

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-11-2018 19:26
# Ligazón permanente a este artigo
Mauthausen, regreso ao campo da morte
A asociación veciñal de Oza-Gaiteira-Os Castros leva tempo organizando proxecións de documentais os luns pola tarde no Fórum Metropolitano.

E hoxe mesmo organizaron unha sobre o campo de concentración de Mauthausen, en Austria. Para iso, proxectaron un documental que o xornalista Manuel Torrente fixo para a TVG a finais dos anos 80. Duraba media hora e visitaban o campo con dous galegos que estiveran alí detidos.

E despois fixeron un debate co xornalista, un historiador que está investigando o tema, e a filla dun home que tamén estivo alí retido, e que sobreviviu. O seu tío non tivo tanto sorte e morreu no horno crematorio.

O acto foi moi emotivo e estivo moi ben, pero aparte de coñecer de primeira man as atrocidades que xa supoñíamos, chamoume a atención que a maioría das mortes nos hornos crematorios non foron no campo de Mauthausen, senón no veciño de Gusen, a 7 km. Tamén alí foron de visita e casualmente case non se conserva nada, só a zona dos fornos (mira ti por onde). O demais converteuse nunha urbanización: flipante que axiña esquecemos.

Tamén estarán aproveitando o repunte do tema pola estrea da película sobre o fotógrafo español de Mauthausen, Francesc Boix, protagonizada por Mario Casas.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-11-2018 00:04
# Ligazón permanente a este artigo
Crime en Compostela
Por razóns que non veñen agora ao caso, relín nesta última ponte de fin de semana, a novela "Crime en Compostela", escrita por Carlos Reigosa en 1984.

Xa a lera hai anos (non digo que xusto cando saíu, que era eu algo novo de máis), se cadra nos 90. E tiña certa curiosidade por lembrala, e ver como envellecera. Porque non lembraba absolutamente nada, pero me deixara un bo sabor. Pero tamén é certo que moitos dicían que fora a primeira novela negra en galego, e tivo moita fama por iso, creo.

Pois agora non me apaixoou, pero pareceume bastante digna. Tamén é certo que non é un xénero que me conquiste demasiado, pero sempre son doadas de ler e gardan un certo atractivo co que non é moi complicado conectar.

Resumo rapidamente: un construtor e emprendedor compostelán aparece morto, e unha muller, que era a súa amante e esposa doutro construtor do que fora socio (e que parecían levarse ben e gardarse respecto), contrata a un detective foráneo a través dun amigo periodista, para que averigue quen o matou.

Este detective, que é galego, pero que non estivera nunca en Santiago ou levaba décadas sen pasar por alí, ten que bucear nos baixos fondos e lupanares da cidade, para ver que se coce realmente tras esa morte. E descubre que na cidade provinciá hai moito postureo pero moito trapo sucio, sexo e apariencias.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-11-2018 00:45
# Ligazón permanente a este artigo
Interstellar
Foi case de casualidade, pero o outro día conseguín ver "Interstellar", unha das últimas películas de Christopher Nolan, que está configurándose unha carreira como un dos directores máis interesantes da actualidade, con diferenza.

Últimamente oín falar bastante desta película, porque parece que se convertía nunha nova referencia de película de ciencia ficción con moita base e rigor científico. Parece que tiveron como asesor a un físico chamado Kip Thorne, que supoño que non lles permitiría moitas veleidades artísticas.

A trama é bastante curiosa. Parece que está ambientada na Terra no futuro (o comezo da película), onde a vida xa é bastante complicada, a atmósfera xa está bastante viciada e prodúcense unhas tormentas de area que o enchen todo.

Entón comezan as investigacións para intentar colonizar outros planetas e deixar este. E iso é unicamete posible porque "alguén" colocou un "burato de verme" a carón de Xúpiter (vaia, agora non lembro, ao mellor era en Saturno), que permite chegar inmediatamente a outras galaxias lonxanas.

Xa se mandaron expedicións con eminentes científicos por esa vía, e parece que varios deles están transmitindo e din que chegaron a planetas onde sería posible vivir aos humanos. Unha nova expedición vai visitalos para intentar comprobar como de factible é levar a vida humana alí. Pero pasar cerca de buratos negros (que tamén os hai por alí) tamén provoca cambios no paso do tempo para as persoas que transitan por esas latitudes. En definitiva, que se poden experimentar moitas das teorías máis puxantes (pero non moi doadas de asimilar) da física moderna, a relatividade, etc.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-11-2018 00:36
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal