Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

María Fernanda a xerezana
O outro día vin unha curiosa película española dos anos 40. Titúlase "María Fernanda a xerezana" e trata da morte dunha cupletista nunhas estrañas circunstancias, e as investigacións para intentar dilucidar o caso por parte dun detective.

Resulta curiosa pola imaxe que desprende da propia policía e algúns dos investigadores, aparecen actuacións case completas de pezas de flamenco, e incluso hai unha fase de 2-3 minutos que, aparentemente, non ten ningún sentido, semella case surrealista.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-11-2016 22:13
# Ligazón permanente a este artigo
O pisiño
Esta noite tiven a sorte de ver de novo esa magnífica película española titulada "O pisiño", do ano 1959, dirixida por Marco Ferreri e con guión do inconfundible Rafael Azcona. Por certo, acabo de ver que Rafael Azcona tamén saía na película, pero non di en que papel, supoño que sería un secundario fugaz....

Chama a atención esta e moitas outras películas do franquismo que, con tanto inxenio, criticaban as condicións de vida no país e que pasaban a censura, aínda que supoño que non sería doado. Porque dende logo, a imaxe que daban do país, a pouco máis de 50 anos de distancia, era dun terceiromundismo alarmante.... o caso é que, nalgunhas cousas, tampouco avanzamos tanto.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-11-2016 00:40
# Ligazón permanente a este artigo
2 anos, 8 meses e 28 noites
Acabo de rematar a novela de Salman Rushdie titulada como este artigo. Seguindo algunha contabilización (que non penso discutir) é o mesmo que dicir "mil e unha noites".

Tiña ganas, dende hai tempo, de ler algo deste autor, xa non só pola "fatwa" de hai varias décadas, senón porque tiña entendido que era un autor moi fantasioso e creativo. Esta novela está bastante ben, pero tampouco me pareceu para tanto. Pero quen sabe, ao mellor non é a súa obra máis destacada.

Non é moi doado explicar de que vai. Poderíamos resumilo dicindo que durante o tempo que di o título, nalgún momento da historia que pode ser o noso presente ou futuro, tivo lugar unha guerra entre os humanos e os integrantes dunha raza chamada os "yinnis", que vivían nunha especie de universo paralelo.

Unha das princesas yinnis, no século XII, namorouse e apareouse cun filósofo cordobés chamado Ibn Rushd (coñecido por aquí como Averroes), e foi deixando unha moi ampla parentela por todo o planeta, que se distinguían porque tiñas orellas sen lóbulos.

E uns cantos séculos despois, por razóns que non é doado explicar, produciuse unha guerra entre varias faccións dos "yinnis" que tivo lugar na terra, e algúns dos descendentes daquela princesa uníronse a ela para loitar contra os "yinnis" escuros ou malos.

Contado así, podería parecer moi infantil, pero a historia ten moita máis "chicha" da que parece, e pasei unhas horas ben divertidas lendo a historia, así que pode ser un bo exercicio, se tedes a posibilidade.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-11-2016 00:33
# Ligazón permanente a este artigo
Tartufo
Hai uns días puidemos ver na Coruña a última montaxe do Centro Dramático Galego, a primeira baixo a dirección xeral de Fefa Noia.

E non foi cousa doada porque, como pasa case sempre nos últimos anos, esta compañía pública que é a que tiña máis capacidade para facer grandes montaxes teatrais, parece estar interesada en que sexa case imposible ver as representacións. Nesta ocasión, enterámonos case de casualidade, e poucos días antes de que viñera, moita publicidade non tivo, non.

Como era previsible, estivo moi ben. Se ao bo facer dos actores, actrices e técnicos galegos, lle sumamos que Moliére é un clásico que nunca decepciona, pois o resultado é o esperado, unha marabilla. E a montaxe era bastante "normal", non surrealista, algo contemporánea pero nada máis, simplemente o cambiaron algo de época.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-11-2016 00:18
# Ligazón permanente a este artigo
Celso Fernández Sanmartín
O outro día pasou polo Teatro Colón o que considero (e moita xente máis pensa o mesmo) que é o valor máis emerxente dos últimos anos entre os contacontos galegos. Ademais que el conta contos, historias e sucedidos, non é monologuista (por sorte, esa lacra....).

Déixovos un vídeo, hai bastantes na rede, porque actúa moito en institutos e todo tipo de locais, pero se non tivestes a sorte de velo, recoméndoo vivamente.

Traballou durante anos en centros da terceira idade, e colleu moitas historias dos maiores e da xente do rural. É de Lalín e conta moitas historias da zona (ou iso parece), pero podo asegurarvos que ten moita graza e encanto.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-11-2016 00:12
# Ligazón permanente a este artigo
Abril de lume e ferro
Tamén no Ágora, a asociación carralesa "Abril de lume e ferro" representou a obra do mesmo título escrita por Manuel María para lembrar a historia dos Mártires de Carral.

Esta obra é representada no mes de abril por veciños de Carral, dende o ano 1996. Aquel ano cumpríanse 150 dende que sucederon os feitos, en 1846.

Un empeño moi digno que permite que un pobo lembre a súa historia e as cousas importantes que sucederon alí.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-11-2016 00:08
# Ligazón permanente a este artigo
Curtis & Teixeiro
Outro día achegámonos ao Ágora a ver que nos contaban Federico Pérez e Xosé Antonio Touriñán coa súa obra "Curtis & Teixeiro".

Recoñezo que non vexo moito a televisión, pero sabía que tiñan estes dous actores algo de fama en Galicia saíndo en diferentes programas da TVG. Así que supoñía que habería xente, pero a verdade é que había moito público, nós tivemos que ir á grada superior do Ágora, que en moitas ocasións non fai falla.

Vendo o espectáculo, xa o entendemos todo. Poderíamos definilo como un monólogo a dúas voces ou duólogo, sen moito guión previo, só unhas pautas para ir tocando temas, e sobre todo despregar un humor bastante rudo e bruto. Eu creo que estes dous actores xa teñen demostrado máis intelixencia da que amosan neste espectáculo, pero supoño que están algo atados aos personaxes e papeis polos que se están facendo famosos e conseguindo boas entradas en teatros, así que....

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-11-2016 00:03
# Ligazón permanente a este artigo
Gala-Festival do 40º aniversario da A.C. Alexandre Bóveda
Hai uns días celebrouse no Teatro Rosalía da Coruña a Gala ou Festival do 40º aniversario da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Co Teatro ateigado, a gala foi presentada por Isabel Risco e César Cambeiro, que o fixeron con moita graza, como é habitual neles.

Actuou o acordeonista Alberte Núñez, o grupo de teatro arteixán Paso de Valverde, que representou a obra "Sánatos", e a estrela da festa era Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, que volvían tocar no teatro case un ano despois de presentar o seu exitoso disco "The tambourine man".

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-11-2016 23:57
# Ligazón permanente a este artigo
As inquedanzas de Shanti Andía
Un día destes entereime de que na 2, a última hora da noite, botaban unha máis desas películas clásicas españolas que poden valer a pena. E ademais estaba baseada na obra dun novelista do que aínda non lin nada, pero me interesa moito. A obra en cuestión era "As inquedanzas de Shanti Andía", e polo visto estaba baseada nunha das novelas de aventuras de Pío Baroja.

A película é do ano 1947, cando Baroja aínda vivía. Na última escena, o protagonista sae falando (teoricamente) co novelista contándolle a súa historia. Como a cousa é moi fugaz, pois non puiden comprobar se o que aparecía alí era o Baroja real, pero se non o era, dende logo parecíase bastante. En calquera caso, teño entendido que nos últimos anos da súa vida, o autor estivo totalmente afastado da vida pública, así que me estraña un pouco que fora o real. Acabo de ler en IMDB que era o real.

En calquera caso, a historia parecía estar moi ben, pero claro, resumir unha aventura que semellaba tan completa en hora e media de película, quedoume a sensación habitual de que a novela me vai gustar máis. Outra cousa é cando darei con ela e poderei lela, pero iso xa é outra historia. Está ambientada no mar, e fala de mariños que foron piratas, negreiros, etc.

Deixoume unha certa sensación de que as imaxes no mar, especialmente, eran bastante torpes e non estaban moi ben rodadas, pero vaia, habería que comparalas con imaxes similares doutras cinematografías para comparar.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-11-2016 23:51
# Ligazón permanente a este artigo
Excursión de CUAC FM ao Courel
Hai unhas semanas tamén, tivo lugar unha actividade inusual na emisora CUAC FM, pero que esperamos que se repita máis veces: fomos facer sendeirismo.

Non eramos moitos, só un grupiño de 15, pero saíu todo moi ben, a ruta era tirando a sinxela, rematámola xantando de marabilla, e facendo outras pequenas visitas, o tempo respectounos bastante, así que todo foi satisfacción.

Fixemos a breve e sinxela ruta que consiste no primeiro tramo da Ruta do Río Pequeno, que sae do Seoane do Courel, e sube lentamente polo val deste río. Nós paramos en Paderne do Courel.

E alí paramos a xantar na magnífica casa de turismo rural As Triegas. Se non a coñecedes, recoméndase vivamente. Unha crema, a impresionante empanada de chourizo e acelgas... as frebas de cocho, o polo, a pasta para os vexetarianos... os postres, os licores... e todo a un prezo abraiante. Calquera diría que estaba falando dunha ruta de sendeirismo.

Á volta paramos un pedazo na marabillosa aldea do Cebreiro, a entrada do Camiño de Santiago na Galiza, que é como transportarse á Idade Media.

A foto que vedes é ao comezo da nosa ruta, cando estabamos pasando pola casa de turismo rural da Aldea do Mazo, que tamén está na zona.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-11-2016 23:40
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal