Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Vermello e negro
Hai poucos días non sabía quen era Conchita Montenegro, e nun breve prazo, cruceime con ela en varias ocasións, e descubrín a unha actriz española cunha historia alucinante, e que é case totalmente descoñecida.

O caso é que decidín ver esta estraña e censurada película española do ano 42, titulada "Vermello e negro", que son as cores da Falanxe e do anarquismo, vaia casualidade!!!

Trata do noviazgo de Luísa, falanxista, e Miguel, anarquista, no tempo da Guerra Civil. Como intuiredes, a cousa non pode acabar ben, aínda que, incriblemente, a parella mantíñase e ía manténdose a flote.

O papel de Luísa era interpretado por Conchita Montenegro, a primeira actriz española que triunfou en Hollywood. Estivo por alí nos anos 30, e na súa curta filmografía (despois veremos por que) había máis películas en Hollywood que en España.

Polo que parece, tamén foi amante do galán británico Leslie Howard (un dos actores principais de "Foise co vento"). Durante a II Guerra Mundial, este actor comezou a facer películas de propaganda anti-nazi, e dicíase que era espía dos aliados.

O caso é que Leslie Howard, a mediados do ano 43, colleu un avión comercial en Lisboa que ía para Londres. Por razóns nunca aclaradas, ese avión foi derribado por cazas alemáns nas costas galegas, pola zona de Cedeira. Hai diferentes teorías sobre ese feito, que podedes investigar vós mesmos.

Pois ben. Conchita Montenegro nacera no ano 1911 en Donosti. Triunfou xa dende moi nova, e nos anos 30 xa estaba en Hollywood. A súa última película é do ano 44.

Todo parece indicar que, ao morrer o seu suposto amante, e de forma tan tráxica, caeu nun tremendo proceso depresivo que lle fixo deixar o cine nese mesmo intre, cando tiña pouco máis de 30 anos e unha prometedora carreira por diante.

Pensades que viviu pouco tempo, destrozada pola pena? Pois non, morreu en 2007, con 96 anos. Non concedeu ningunha entrevista neses máis de 60 anos, e negouse incluso a unha homenaxe que lle organizaran no Festival de Cine de San Sebastián.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-11-2015 17:57
# Ligazón permanente a este artigo
Pequenas certezas
Como sempre que o grupo Sarabela se achega por Coruña, fixemos un esforzo por ir velo, sabedores da grande calidade do grupo.

Pero xa levan unha xeira algo longa de obras nas que me parece que non coa tecla axeitada. Esta vez representaban "Pequenas certezas", da autora mexicana Bárbara Colio.

Cinco personaxes xiran en torno á desaparición dun tal Mario que lles influíu moi poderosamente nos últimos tempos, incluso unha delas está embarazada del. Pero ninguén sabe onde está, nin por que desapareceu, e os indicios son bastante preocupantes.

A trama parecía dar moito de sí, pero ao final queda unha obra sen moita sustancia, e nin sequera permite lembrar os magníficos actores e actrices que ten esta veterana compañía.

A ver se na seguinte temos algo máis de sorte. Creo que están montando (se cadra representando xa) o "Ensaio sobre a cegueira" de Saramago.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-11-2015 17:44
# Ligazón permanente a este artigo
Kon-tiki
A historia da balsa Kon-tiki dá para máis dunha charla, e ben densa, a ver se consigo resumila, que non é a miña especialidade.

Resulta que había un estudiante noruego de antropoloxía, chamado Thor Heyerdahl, que se especializou en historia da Polinesia. Isto foi nos anos 40. Estivo algúns anos por alí investigando, e chegou á conclusión de que os primeiros habitantes da Polinesia viñeran do oeste, ou sexa, de América. Chegaran alí 1.500 anos antes, e tiveron que vir navegando.

Pero como, se non tiñan barcos? Segundo a súa teoría, si tiñan balsas, e estaba convencido de que con elas foran capaces de cruzar 8.000 quilómetros de fero océano no milenio anterior. Obviamente, ninguén cría nesa teoría, e propúxose demostrala empíricamente, construíndo unha balsa coa tecnoloxía da época e facendo a travesía.

Ían seis persoas, se non lembro mal, catro noruegos, un sueco e un americano. Custoulles bastante conseguir financiación, parece que finalmente o goberno peruano (dende onde saíron) apoiou o proxecto.

Dado o rudimentario da balsa, que non podía xirar nin aproveitar os ventos minimamente, a empresa parecía estar abocada ao fracaso, pero despois de varias semanas de navegación, conseguiron coller unha corrente que levaban tempo buscando, e que lles levaba na dirección axeitada. Segundo el, iso confirmaba que a súa teoría era (ou podía ser) certa.

Durante esa travesía, rodaron un documental que, polo visto, levou o Óscar daquel ano. E hai un par de anos Noruega fixo unha película, con bos medios, sobre aquela aventura, que estivo a piques tamén de gañalo.

Esa foi a película que eu vin o outro día no Fórum Metropolitano da Coruña. A película non está mal, non podería dicir se é unha marabilla, pero a historia é tan alucinante de por sí, que xa merece un visionado.

De Thor Heyerdahl poderíamos seguir falando, pero se queredes seguir investigando, buscade información sobre el xunto coa de Fred Olsen e as pirámides de Güimar, en Tenerife. A cousa non ten paraxe.

Saudos.





Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-11-2015 17:37
# Ligazón permanente a este artigo
Kafka namorado
Hai uns días fun ver ao Teatro Colón da Coruña unha obra do Centro Dramático Nacional que me chamaba a atención: "Kafka namorado".

Parecía referirse non á vida de Kafka en sí, senón a unha relación sentimental que tivera cunha muller alemana, Felice Bauer que vivía en Berlín e era alta executiva dunha empresa. Era un aspecto que me chamaba a atención, e achegueime.

Finalmente, a obra non me convenceu demasiado, e dame a impresión que lle pasou o mesmo ao pouco público que había (non debía chegar a 200 persoas). A pesar do nome de Kafka e de vir avalada polo CDN, a cousa non colleu moita sustancia.

Supoñendo que o que contan na obra sexa certo, que non vexo por que non tiña que selo, confirma que Kafka estaba completamente tolo e debía ser un ser absolutamente asocial. Acabo de ler na Wikipedia referencias sobre este feito, e parece que a obra ía na boa línea.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-11-2015 17:20
# Ligazón permanente a este artigo
Visita ao Courel

Pois por razóns que non veñen ao caso, hai unhas semanas fomos de visita ao Courel. Na mellor época do ano para facelo (aínda que todas son boas), e gozando dun tempo fantástico (estraño para esas datas), fimemos unha visita relámpago.

Aproveitando que alguén non estivera nunca e quería coñecelo, que hai pouco tempo coñecemos a unha amiga común que ten alá unha casa de turismo rural, á que intentamos avisar da nosa visita, pero foi imposible, e que aparecemos "por sorpresa"....

En definitiva, foi un día fantástico, cunha parada prolongada e ben aproveitada no Cebreiro, a 1.300 metros de altura, na entrada en Galicia do Camiño de Santiago. Nun día soleado e plácido, cando uns días máis tarde estaban a 7 graos baixo cero...

A outra parada principal foi Paderne, cuxa obra mestra natural é unha das poucas devesas que segue conservándose, a Devesa de Paderne, que podedes ver nesta foto.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-11-2015 17:08
# Ligazón permanente a este artigo
History of rock
Hai unhas semanas, asistimos na Coruña a "History of rock", o típico musical ou grupo multi-tributo que fai un repaso dos maiores éxitos da historia do rock, aínda que tomado nun sentido algo amplo.

Ou sexa, que a veces vai pop, a veces chegan ao rock duro ou case o heavy. O caso é xogar coa nostalxia dos espectadores, e facerlles lembrar os felices tempos da infancia ou xuventude, que xa non volverán.

Un exercicio do máis nobre, pero bastante tramposo, que non require moito virtuosismo, pero supoño que si pagar uns suculentos dereitos de autor, como tamén farán as bandas tributo que tanto abundan agora.

Non quero que se tome como unha crítica, porque eu son algo devoto destes espectáculos, dado que a música que máis me gusta foi composta por grupos que xa non volverán e a música actual non me di absolutamente nada. E esta xente cobra unhas boas cifras por un espectáculo que é unha aposta case segura, con tal de preservar un pouco de calidade musical.

Pois nada, que tocaron no Teatro Colón da Coruña, co aforo ateigado, foron case tres horas, un total de catro cantantes, dúas coristas e cinco músicos (chamoume a atención o saxofón, non sabía eu que tiña tanta importancia na historia do rock).

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-11-2015 17:01
# Ligazón permanente a este artigo
Charla de David Doubilet e Jennifer Hayes na Domus
Hai unhas semanas tivemos a sorte de ver na Domus ao matrimonio formado por David Doubilet e Jennifer Hayes, dous dos mellores fotógrafos submarinos do mundo, dando unha charla semellante á que vedes no vídeo.

Estaba enmarcada no fantástico festival Mar de Mares, que acaba de rematar na Coruña hai uns días, despois de máis de dous meses de disfrute. Unha das exposicións, da que xa falei aquí, estivo todo ese tempo no Kiosko Alfonso, e era da obra de David Doubilet.

A charla á que asistimos ten un formato moi similar á que vedes no vídeo, e forma parte dun proxecto chamado algo así como National Geographic LIVE!

Obviamente, estivo moi ben, as imaxes estáticas e en movemento que amosaron son do mellor que pode verse no mundo actualmente. Non me gustou tanto que a súa posta en escea era algo-bastante teatral (demasiado americana, se cadra). Gústame moito o teatro, pero neste tipo de actos non o vexo tan claro.

Estiveron moito tempo e moi amablemente respondendo a preguntas do público, incluso aquela que lles inquiría que opinaban sobre que National Geographic fora mercada por Rupert Murdoch. Parece que eles tampouco estaban demasiado contentos coa noticia.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-11-2015 16:52
# Ligazón permanente a este artigo
HUMAN (a serie, ou a película)
Hai algún tempo chegoume unha recomendación dun produto audiovisual pouco convencional, que me chamou a atención.

Ao comezo non tiña claro se era unha serie, unha película, ou unha mestura de ambas. Finalmente é unha serie de tres capítulos ou películas, cada unha anda preto da hora e media, así que chamádelle como queirades.

Pero que ninguén pense nunha serie convencional, que conta unha historia de ficción, desas que tanto éxito teñen agora. É algo moi diferente. Como habitualmente aquí, os adictos á adrenalina non teñen nada que facer, que non a miren, que pode darlles un síncope.

Non é doado definila. Basicamente recolle as testemuñas de centos de persoas do planeta (pero poucas son occidentais, iso dálle moita frescura), falando de diferentes temas. As temáticas van agrupadas, o cal significa que ao mellor durante 10 ou 15 minutos ves a 7-8 persoas, en primeiro plano, dicindo o que para eles é, por exemplo, a familia.

E eses bloques temáticos van intercalados cunhas vistas aéreas de impresionantes paisaxes e músicas moi relaxantes, moi da "new age". Dende logo, inclasificable, e tremendamente tentador para os corazóns sensibles. Para o resto, non.

Déixovos os enlaces ás tres partes, que poden verse completas en Internet.

Saúdos.








Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-11-2015 16:43
# Ligazón permanente a este artigo
III Feira da Cervexa Artesá Galega

Por terceiro ano consecutivo, pero cambiando de lugar, celebrouse na Coruña a Feira da Cervexa Artesá Galega.

En anos anteriores fora na Praza da Fariña, con casetas "ao aire". Esta vez foi nunha carpa nos Xardíns de Méndez Núñez. Os anos anteriores fora a comezos ou mediados de setembro, esta vez a comezos de novembro.

Pero semella que o evento vai collendo forza e xa está consolidándose como unha data fixa do calendario festivo coruñés.

Este ano probei varias, e chamoume unha atención unha marca (non vou facer publicidade, obviamente) da Costa da Morte que dicía estar elaborada con auga de mar, e algo dese aroma salobre parecía ter.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-11-2015 16:35
# Ligazón permanente a este artigo
Sisters in the house
Hai unhas semanas, o coro coruñés Sisters in the house, dirixido por Carmen Rey e Ángeles Dorrio, actuou no Ágora da Coruña.

Dixeron que con ese concerto daban remate á xira que xa duraba ano e medio coa que presentaron o seu primeiro disco, titulado como o nome do seu grupo.

O éxito foi, como sempre, apoteósico, e estamos esperando velas de novo coas novas cancións que están preparando para o seu segundo disco.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-11-2015 16:28
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal