Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Grampoder + Caxade
Hai uns días, na Sala Mardigras da Coruña, tivo lugar un concerto máis do ciclo organizado polo blog Retroalimentación, que mantén o xornalista musical Javier Becerra.

Neste caso, tocaban dous grupos galegos aos que coñecía, en maior ou menor medida, e que tiña ganas de coñecer máis ou ver de novo.

Primeiro tocaba Grampoder, formado por dous dos tres membros orixinais de The Homens, e outro músico máis. Martín canta e toca a guitarra acústica e eléctrica, Roi toca a batería ou o baixo (as dúas cousas ao tempo é complicado) e o outro músico (non lembro o seu nome) toca un órgano e nalgunha que outra ocasión, a batería.

Eu supoño que a maioría da xente imos ver este grupo polos marabillosos recordos que nos trae The Homens (aos que eu vin actuar na Mardi hai uns anos). Pero tristemente Grampoder é un proxecto diferente, e na miña opinión (e parece que a de case todo o mundo), de moita menor calidade e atracción. Eu vira vídeos en Internet que non me dicían moito, pero quería velos en directo, para asegurar o meu criterio, e tristemente confirmouse que non me din nada ou case nada.

Caxade xa é outra cousa. Está gustando moito o seu disco, a min paréceme un pouquiño monótono pero cada día me gusta máis, e hai que recoñecer que a extraña combinación de instrumentos (acordeón, bombardino, trompeta e batería) dá lugar a un sonido riquísimo. Xa os vira no Teatro Rosalía e gustoume velos de novo.

Poño un vídeo que atopei, precisamente daquela noite, na que os dous grupos xuntos tocan o "Foliom da rebeliom", a última e poderosa canción do disco "A dança dos moscas" de Caxade.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-11-2014 13:21
# Ligazón permanente a este artigo
QFWFQ
Hai uns días estivo no Teatro Colón da Coruña a magnífica compañía Teatro Meridional para representar unha obra ben curiosa.

A obra titúlase "QFWFQ", e está baseada nas "Cosmicómicas" de Italo Calvino. Como lin unhas cantas novelas e relatos deste autor que me gustaron moito, pareceume unha boa excusa para pasarme por alí. Dirixía Álvaro Lavín, que debe ser un dos pesos pesados da compañía, porque xa o vin actuar na Coruña en varias ocasións, sempre con moi bo desempeño.

Iso si, moita atracción non debeu despertar, porque debíamos ser uns 25 espectadores para todo o Teatro Colón, así que estaba moi desanxelado. E como era o segundo día de representación, e o día anterior debeu pasar algo similar, tiveron a grande idea de subir unhas cadeiras ao escenario, así que estivemos vendo a obra a un par de metros dos actores, que eran moi bos. O escenario da obra era mínimo, só unha bala de palla na que cabían sentados dous (nalgún caso tres, apretados) dos actores, e paseaban, recitaban, cantaban ou andaban ao redor dela, así que todos (eles e nós) cabíamos perfectamente no escenario do Teatro Colón.

Xa non é tan doado explicar de que ía a obra, por surrealista. Vaia, si é doado facelo, pero moi realista non era, senón moi imaxinativa. Basicamente as catro persoas que nos falaban estaban xa xuntas nun punto único cando se produciu o Big Bang. Pero non eran os únicos, había máis, e van falando deles. E despois contan as diferentes fases dos primeiros tempos do Universo, cando se foi creando a luz, a terra, os planetas, etc.

Entre o extraño argumento e o máis que extraño nome é relativamente lóxico que moita xente non se animara a vir ao teatro, pero deben saber que se perderon un gran espectáculo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-11-2014 13:13
# Ligazón permanente a este artigo
O que hai que facer para non ir ao mar

Hai uns días foi, por fin, a estrea do esperado documental "O que hai que facer para non ir ao mar", que Uxía e Iago, os fillos dos actores Tuto Vázquez e María José Mosteiro, fixeron como homenaxe aos seus pais, no que contan os primeiros tempos do teatro galego, nos anos 70.

Co Teatro Rosalía de Castro ateigado, resultou un acto moi emotivo e o documental é dunha boa calidade. Como se fixo unha campaña de micro-mecenádego para financialo, moitos dos que aportamos cartos estabamos alí moi contentos de que a obra saíra adiante.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-11-2014 13:01
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal