Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A Esmorga
Por fin o conseguíu Ignacio Vilar. Despois de traballar moito nos últimos anos con "Pradolongo" e "Vilamor", puido enfrontarse a unha produción máis forte para rodar unha boa versión de "A Esmorga", un dos clásicos da literatura galega, de Eduardo Blanco Amor.

Lembrando tamén que no ano 1977 Gonzalo Suárez fixo unha versión en castelán titulada "Parranda", que ten un certo prestixio (estes días lin opinións de todo tipo en todas partes).

O caso é que a versión que rodou Ignacio Vilar é moi digna, déixase ver, aínda que a min pareceume algo falta de ritmo nalgunha parte. Alguén me comentaba que non era raro, que á novela lle pasaba o mesmo, pero xa a lin hai moitos anos, e non lembro se realmente era así. Lembro que me gustou moito no seu momento, e que tamén me gustou moito a versión en teatro que fixo Sarabela hai uns anos, á cuxa estrea en Ourense fun convidado.

Os actores están fantásticos. Miguel de Lira como Cibrán (o narrador e eixe da obra), Karra Elejalde como Bocas, e Antonio Durán "Morris" como Milhomes bordan os personaxes. Os secundarios tamén están moi ben e a ambientación é fantástica. O ambiento opresivo, chuvioso e gris da novela transmítese moi ben.

Se queredes vela, non vos demoredes, tiña moitas copias no cine, ao mellor aínda dura algunha semana máis (para ser cine galego, xa é moitísimo) pero vaia, ao Nadal non creo que chegue.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-11-2014 23:55
# Ligazón permanente a este artigo
Grupo de Teatro de Cántigas da Terra

Dende este ano, o mítico coro coruñés Cántigas da Terra (que case ten 100 anos) ten grupo de teatro. Xa me convidaran varias veces a velos actuar, pero non foi posible ata hai uns días, que actuaron na Tuerka 27 (na foto podedes ver o cartaz desa actuación).

O director é Moncho Iglesias, un dos actores do grupo de teatro da A.C. Alexandre Bóveda. Prepararon dous pequenos pasatempos teatrais de Leandro Carré Alvarellos, que data un dos anos 10 e o outro dos anos 30. Titúlanse "Pra vivir ben de casados..." e "Un home doente".

Tendo en conta que os actores son totalmente amadores, o resultado é fantástico e pásase un bo rato. E ademais serve para recuperar pequenas e divertidas pezas que, por exemplo, poderían servir para facer teatro en galego en colexios.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-11-2014 23:46
# Ligazón permanente a este artigo
O Lazariño de Tormes
O outro día fomos ver a obra "O Lazariño de Tormes", interpretada polo gran actor galego Celso Parada coa súa compañía Teatro do Morcego. Aínda que é un monólogo no que só está el e só aparecen tres estandartes en escena (e non xuntos, cando saca un trae outro).

Está claro que a obra funciona, é un clásico, e as peripecias de Lázaro de Tormes co cego, co cura e co nobre vido a menos nunca decepcionan. Aínda así, facelo en forma de monólogo e con tan pouco decorado e atrezzo, convértese nun reto complexo incluso para grandes actores como Celso, así que o resultado resíntese algo ao final.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-11-2014 23:38
# Ligazón permanente a este artigo
Semana Bravú na Coruña
Hai unhas semanas, desenvolvéronse uns cantos actos na cidade da Coruña conmemorando os XX anos do nacemento do movemento bravú nunha taberna de Chantada.

Eu só puiden asistir a un deles, pero non foi mala elección. Foi unha especie de amena charla e audición comentada cuns cantos dos protagonistas do movemento na nosa cidade.

Alí estaban Xurxo Souto (cantante dos Diplomáticos de Monte Alto), Rodri Suárez (xornalista que é dos máis expertos no tema), Xan Xove e Antón Díaz (nos Papaqueixos daquela, agora noutros proxectos cada un deles) e Lydia Botana (unha rapaza que ten un grupo chamado Bolboreta que podería considerarse algo sucesora dese movemento). Por outra banda, tamén estaba Pulpiño Viascón facendo de técnico de son, cantante nalgúns temas, etc., co seu habitual desenfado, tan propio deste estilo.

Falaron, pincharon, cantaron, pero sobre todo, divertíronos e espertaron a nosa nostalxia.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-11-2014 23:32
# Ligazón permanente a este artigo
Open Windows
Por recomendación dun compañeiro de traballo, que incluso me pasou a película, vin unha cinta deste ano titulada "Open Windows", do director español Nacho Vigalondo, que leva xa uns cantos anos por Hollywood filmando curtas e dando saltos cada vez máis altos.

A verdade é que non vira nada del, e esta proposta é bastante arriscada e avanzada, pero non me chamou especialmente a atención. O debate comezou por se o que se ve na película podería suceder actualmente (eu creo que non, nin de coña), pero tamén é certo que hai moitas paranoias en torno ás novas tecnoloxías que non me interesan demasiado.

Basicamente trata de que un rapaz supostamente gana nun concurso unha cea coa súa actriz favorita na mesma noite na que están presentando a súa última película, pero ela rexeita a invitación, e alguén toma o control do seu ordenador para vingarse por este feito.

O rapaz (interpretado por Elijah Wood) está nun hotel da cidade na que están presentando a película, e comeza a ver como pasan na pantalla do seu ordenador cousas alucinantes que o relacionan a el, a ela (interpretada por Sasha Grey, ex-estrela do porno, na realidade, refírome), e a ese "outro" que controla o seu ordenador.

Pois nada, a partir de aí, un secuestro, unhas persecucións, uns hackers, a policía perseguindo a todo o mundo, todo bastante inverosímil. E a verdade, é que non me atraeu demasiado.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-11-2014 23:25
# Ligazón permanente a este artigo
Elas falan, por Ouriol
Hai unhas semanas fomos ao Ágora para ver, por fin, ao grupo Ouriol recitando poemas de 10 mulleres poetas de todo o mundo, nun espectáculo titulado "Elas falan".

O grupo Ouriol está formado pola poeta Eva Veiga, que foi unha magnífica presentadora dos primeiros anos da TVG, que sufriu unha enfermidade que a deixou case cega, e dende aquela está centrada na poesía, tanto na composición como no recitado, que fai de marabilla e de memoria (no recital que nós lle vimos non tiña ningún tipo de papel nin atril diante). Está acompañada por Fito Ares nos saxofóns e frauta traveseira, e por Bernando Martínez nas percusións, xoguetes musicais, e algunha vez o clarinete.

Recitaron poesías en galego das seguintes poetas:

Anna Ajmátova (Rusia, 1889-1966). Tradución al gallego de Penélope Pedreira y Pilar Pallarés.
Marina Tsveitáieva (Rusia,1892-1941). Trad. de Pilar Pallarés.
Sylvia Plath (Boston, 1932-Londres, 1963). Trad. de Xoán Abeleira
Alejandra Pizarnik (Bos Aires, 1936-1972). Trad. de Dores Tembrás
Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004).
Nazik Al Malaika (Bagdad 1923-El Cairo 2007) Trad. de Teresa Seara
Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922)
Clarice Lispector (Ucrania 1920- Río de Xaneiro, 1977)
Pilar Pallarés (Culleredo -A Coruña, 1957).
Wislava Szymborska (Polonia, 1923). Trad. de Pilar Pallarés.

Resultou unha proposta tremendamente orixinal e fermosa.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-11-2014 23:12
# Ligazón permanente a este artigo
A Mamma
Fomos tamén ver a obra "A Mamma" da autoría de Lino Braxe e da compañía Teatro do Noroeste, aínda que realmente era un monólogo de Luma Gómez.

Xa pasaron varias semanas diso, pero a verdade é que xa non lembro moito da obra, porque gustoume bastante pouco.

Trataba de algo así como unha muller, que foi unha lideresa do comunismo e os movementos sociais no seu lugar e época, pero que xa estaba morta, e representaban algo así como as súas memorias. Había moita soflama social e moita mensaxe política, pero apenas espertou o meu interese, e é raro, porque Lino é un autor que habitualmente me agrada moito.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-11-2014 18:14
# Ligazón permanente a este artigo
Memorial de Teatro Ibán Toxeiro
E un ano máis, en novembro, e por segunda vez no Ágora (a onde nos relegaron os actuais gobernantes no Concello), tivo lugar o Memorial de Teatro Amador Ibán Toxeiro. As actuacións deste ano foron:

- GRUPO DE TEATRO DA A. C. ALEXANDRE BÓVEDA coa obra PALABRAS DE VÍSPERA de Álvaro Cunqueiro
- GRUPO DE TEATRO “VALACAR” da ONCE coa obra ORIENTACIÓN de Antonio Gelpí
- BUCANERO coa obra HORARIO DE VISITAS de Ettore Buch
- LA TUERKA 27 coa obra ASCENSORES de Alfonso Zurro
- ESPELLO CÓNCAVO coa obra OCCIDENTE de Lino Braxe.

Tamén houbo música co pianista Antonio Rumbo. Entregámoslle o Premio Ibán Toxeiro pola súa aportación ao teatro a Francisco Pillado. Presentou o acto Juan Fernán, que foi dirixido por Lino Braxe.

A min persoalmente este ano non me agradou tanto como outros anos, pero con tantas obras, sempre pasa que unhas saen mellor ca outras.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-11-2014 17:56
# Ligazón permanente a este artigo
Asemblea da ReMC en Sevilla

A comezos de novembro tivo lugar unha asemblea extraordinaria da ReMC (Red Estatal de Medios Comunitarios) en Sevilla.

Un compañeiro e máis eu fomos en representación de CUAC FM, a emisora de radio comunitaria da Coruña.

Foron dous días de intenso traballo e tamén algo de diversión e amizade, con xente moi agradable á que nos unen moitas cousas. No momento máis álxido, chegamos a ser unhas 50 persoas.

Chegamos un venres ao mediodía, e ao meu compañeiro deulle tempo para facer unha breve pero contundente e divertida intervención sobre a situación legal dos medios comunitarios no Estado español. Era o final dunhas xornadas sobre o tema, e foi un moi bo colofón. Esa mesma noite foi unha cea que representaba a benvida aos asistentes á Asemblea extraordinaria propiamente dita, que ía durar día e medio. Foi na Alameda de Sevilla, zona da cidade que non coñecía.

O sábado foi o groso da asemblea. Moitas horas de reunións, debates, traballo en grupos pequenos e grandes, etc. Foi no CSOA Andanza, cerca tamén da Alameda. A parte final dese día foi no Pumarejo, un palacio tomado polos veciños para propósitos sociais nese mesmo barrio. E xa de madrugada, fomos á impresionante sede da emisora Radiópolis (organizadora do evento), nun pequeno pero bonito edificio no parque á beira do río Guadalquivir.

O domingo pola mañá seguiron os debates e a toma de importantes decisións, pero os "coruños" pouco participamos nesa sesión, xa que tivemos que saír á carreira para coller o avión de volta. Outra historia sería contar os problemas que tivemos cos avións nesa fin de semana, con overbooking incluído, que ameazou con non poder voar.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-11-2014 17:46
# Ligazón permanente a este artigo
A tempestade
Un día destes fomos ao Teatro Rosalía para ver "A tempestade" da compañía Voadora, obra de teatro que está suscitando moita expectación.

Probablemente sexa Voadora unha das compañías de teatro que máis está soando en Galicia nos últimos anos. Case todas as súas obras son moi premiadas e non deixan indiferente.

Pero estaría ben avisar que non fan teatro convencional. Se alguén vai ver unha obra súa, que non espere ver nada parecido a plantexamento, nudo e desenlace. Se o fai, sairá totalmente trastornado, a esta compañía hai que vir vela con outra disposición moito máis aberta e flexible, e aínda así, conseguirán sorprenderte.

Lembro que os vin por primeira vez o ano pasado, cando representaron "Tokio", unha obra moi premiada. Non lembro en absoluto de que trataba a obra, pero o "peor" non é eso, é que xusto ao saír da sala tampouco o sabía. Lembro que alguén me preguntou "que pretendían transmitir esta xente?", e eu e outros dixemos "non teño nin idea, pero eu paseino de puta madre". Transmiten tan bo rollo que case dá igual o que fagan, as súas obras son totalmente desbordantes e sorprendentes.

Fan algo de clown (creo), danza comtemporánea, teatro corporal ou vangardista, música (sempre teñen instrumentos no escenario e todos saben tocar algo), e ademais contan algunha historia, pero iso case é o de menos. Pásase moi ben e nunca sabes o que pode pasar. Non digo máis, nesta obra do outro día que vou comentar, que é de Shakespeare, nun determinado momento aparece un pizzeiro coa súa moto no medio do escenario.

Pois iso, que se atreveron con "A tempestade" de Shakespeare, a última obra deste mítico autor. Eu non lin nunca nin vin representada esta obra. Pero sei que vai de Próspero, un príncipe italiano (non lembro agora de que república), que naufraga cando o están exiliando, e anos máis tarde provoca unha tormenta que trae é illa na que está confinado aos nobles que provocaron o seu exilio. Por momentos recoñécense os textos, tramas e personaxes de Shakespeare, pero en moitos outros está claro que se saen dese guión, e en moitos outros non está nada claro, sobre todo para min, que non coñezo a obra. Pero obviamente pásase moi ben e as dúas horas de obra transcorren nun suspiro.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-11-2014 13:35
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal