Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Todo é silencio
Rematei de ler unha das últimas novelas de Manuel Rivas, titulada "Todo é silencio". É de 2010, e creo que case do mesmo tempo é a película dirixida por José Luís Cuerda basada nela. Non a vin, e creo lembrar que se comentaba que as dúas obras naceron case ao mesmo tempo.

A novela trata sobre unha pequena vila chamada Brétema, que podería ser a mestura de varias, principalmente das Rías Baixas, sobre todo a ría de Arousa, onde se conta a vida dun capo do contrabando que vai pasando aos poucos ao narcotráfico, e que é o gran dominador da vila. Parece estar ambientada en torno aos anos 60-70.

Ese capo chámase Mariscal, e hai varios amigos que cando van crecendo e tendo experiencias na vida, van tecendo diferentes tipos de relación con el e coa súa organización, uns dentro e outros fóra.

A historia está ben, e como en case todos os thrillers, na parte final aceléranse as mortes e as vinganzas entre bandas e faccións por diferentes débedas saldadas, loitas de poder, etc.

Pero como sempre, coa calidade literaria de Rivas, que non é pouca, pero tamén cos seus arranques líricos e poéticos, que nalgunhas ocasións quedan preciosos e noutros non tanto.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-11-2013 16:44
# Ligazón permanente a este artigo
Onde as rúas non teñen nome
Fun onte ao CGAI para ver un interesante documental producido pola Aula de Teatro Universitario do Campus de Ourense.

Esta Aula, que xa ten máis de 20 anos de vida, e que leva tempo dirixida polo fantástico actor Fernando Dacosta, e na que colaboran moitos outros dos membros da compañía Sarabela, é un modelo no seu tipo, organiza o gran FITEU (Festival Internacional de Teatro Universitario) case dende o seu nacemento, e é unha referencia, xa a nivel internacional, neste tipo de entidades.

A finais do verán de 2011, un dos grupos da Aula, os de nivel máis avanzado (estrutúrase en 3 anos sucesivos), foron invitados a facer unhas representacións en Marrocos, das cales ao final só se levou a cabo a que estaba prevista en Casablanca. Alí irmanáronse co festival similar que hai naquela metrópoli marroquí.

Na cinta, rodada e montada por Alba Vázquez, vese a aventura de cruzar toda a península para coller o barco de Tarifa a Tánger, e unha vez alí organizarse para durmir, ir de visita, ensaiar e representar a obra, que causou boa impresión.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-11-2013 16:25
# Ligazón permanente a este artigo
Na busca de Bobby Fischer
Acabo de ver esta tarde a película "Na busca de Bobby Fischer", que levaba tempo con ganas de ver.

A película está ben, pero tampouco me chamou especialmente a atención. Coido que, coa escusa da mítica e incógnita figura de Bobby Fischer, intentaron contar a historia dun posible sucesor (que existiu na realidade), pero ao final queda todo nun debate estéril sobre o triunfo, o traballo, o esforzo para acadar os éxitos, etc.

Ademais, nun país como Estados Unidos, debe chamar moito a atención a aparición dun xenio estravagante que é capaz de vencer nun deporte tan frío e cerebral como o xadrez, e que cando chega ao cumio do éxito desaparece, e crea ao seu redor unha lenda que todos queren repetir.

Entón, nese estraño país, seguro que levan décadas buscando un posible sucesor que teña a súa xenialidade pero non as súas estravagancias, e que se chega ao cumio, quede alí para levarlle a ese país sedento de triunfos deportivos todas as glorias que eles cobizan.

Tamén se conta na película a avaricia dos pais que destrozan a infancia dos seus fillos presuntamente xeniais, non se sabe moi ben con que propósitos, como pasa con outros tantos deportes, sobre todo os de masas.

En definitiva, que non transmite, na miña humilde opinión, ningunha idea aproveitable senón as moitas paranoias da sociedade estadounidense, obsesionada co éxito e a competitividade.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-11-2013 19:46
# Ligazón permanente a este artigo
O Xardín das Pernas Roubadas
Onte estreouse, por fin, a obra "O Xardín das Pernas Roubadas", a primeira produción da Tuerka Teatro, a compañía que xira ao redor do fantástico local coruñés A Tuerka 27. Estaba o Teatro Rosalía cheo a rebosar.

Eu xa vira a versión orixinal e primeiras representacións da obra, no ano 1997, da man de Teatro da Bufarda. Obviamente, o texto xa era daquela de Xoán Carlos Mejuto, pero os actores eran outros, e xa me deixara un moi bo regusto.

Pero agora cambiou todo, agás o autor. A produción foi moito mellor, recoñezo que me sorprendeu a riqueza de medios, que non me esperaba, a pesar de que fun un dos moitos que colaboramos para que a obra saíra adiante, poñendo cartos na campaña do crowdfunding.

Os actores e actrices estiveron moi ben, e a obra en xeral estivo ben, pero nalgúns momentos pareceume que adolecía dun pouco de falta de ritmo.

O que xa non me gustou tanto foi que, nalgúns momentos, sobre todo ao principio, notábase demasiado que entre o público había moitos amigos e clientes do local, porque facían cousas que non teñen ningún sentido no teatro, como aplaudir ao final dunha escena ou a pronunciación de determinadas frases célebres por estar estampadas na camiseta da obra (que moitos levabamos posta, claro). Dame a min que moitas desas persoas nunca ou raramente foron a unha obra de teatro, só foron a micro-teatro ou monologuistas.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-11-2013 19:38
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal