Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Mongol
No ano 2007 fíxose unha superprodución rusa sobre as primeiras décadas da vida do gran Genghis Khan, un dos personaxes históricos que máis me chama a atención.

Titulouse "Mongol", e foi protagonizada por un actor (para min totalmente descoñecido) chamado Tadanobu Asano, que polo visto é un famoso actor xaponés.

En vez de falar da época na que Genghis Khan (o seu verdadeiro nome era Temujin) liderou aos mongoles e dominou medio mundo, céntrase nos vinte anos de vida, dende os 9 ata os 30, máis ou menos, nos que el pasou moitas penalidades, estivo preso ou escravizado en varias ocasións, a súa esposa foi violada por tribus inimigas e el aceptou aos fillos que naceron desas relacións, etc.

Aínda que estivo casado con moitas mulleres, a primeira esposa que el escolleu, cando el tiña nove anos, chamada Borte, foi a muller máis importante da súa vida. E a película trata principalmente da relación entre os dous.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-11-2013 00:56
# Ligazón permanente a este artigo
O Buscón
O outro día fomos ao Fórum Metropolitano para ver unha versión do "Buscón" de Quevedo, interpretado polo actor Jacobo Dicenta. Acabo de descubrir que a rapaza que tocaba o laúd e a guitarra barroca ou renacentista, Dulcinea Juázez, é unha coñecida actriz de musicais e comedias, á que eu non coñecía en absoluto.

Pois nada, todo un gozo, pena que só durou unha hora, pero a actuación de Jacobo e a música de Dulcinea empastaban moi ben e foron unha moi grata experiencia.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-11-2013 00:46
# Ligazón permanente a este artigo
Novo micro-teatro en La Tuerka 27
Esta semana fomos de novo ao micro-teatro na Tuerka 27. Fomos só a tres das obras, porque outra xa a víramos hai uns meses. Foron as seguintes:

- Rosa de dous aromas: En galego, con Isabel Blanco e Sabela Hermida. Dúas mulleres coinciden na sala de espera dunha cárcere. As dúas van visitar aos seus respectivos maridos, que están alí por razóns moi diferentes. Casualmente xa a víramos hai uns anos no Memorial Ibán Toxeiro, xa que é unha peza do noso amigo Lino Braxe.

- A cinco graos baixo cero: Unha dependenta dun supermercado e un garda de seguridade están pechados nunha das cámaras frigoríficas, a da froita, porque houbo un asalto ao supermercado e as pecharon alí. Están tramando unha estratexia para saír dalí e liberarse dos asaltantes. En castelán, con Marita Martínez e Noemí Miranda.

- O Paso: Un xornalista está entrevistando a unha muller que ten unha moi interesante historia para contar, sobre todo polos tres anos que pasou nos Estados Unidos traballando para unha enigmática empresa. Final sorprendente. En castelán, con Rubén Espejo e Carmen Conde.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-11-2013 00:35
# Ligazón permanente a este artigo
Kepa Junkera e Galiza
O outro día, na FNAC da Coruña, o magnífico acordeonista vasco Kepa Junkera presentou o seu disco "Galiza".

Puxo algunhas pezas do disco, e tocou algunhas outras antigas con colegas músicos coruñeses que se atopou neses días pola cidade.

Despois asinou discos (entre eles, o meu). Como intuiredes, para min foi un momento especial. Para min, é o mellor músico do mundo, e ademais acaba de facer un disco dobre dedicado á música da miña terra, e teño o disco asinado da súa man.

Déixovos cun vídeo promocional da canción que a min tamén máis me gusta, "Lelele", coa Banda das Crechas, e a incrible voz de Davide Salvado.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-11-2013 00:28
# Ligazón permanente a este artigo
Agra do Orzán, o barrio dos músicos
O outro día fomos ao Ágora da Coruña para ver a presentación dun modesto documental realizado por Tres Laboratorio, personalizado en Carmina Escrigas e Rómulo Sanjurjo.

Fala de que no final dos anos 70 e nos anos 80 o barrio coruñés da Agra do Orzán era un fervedoiro no que nacían e ensaiaban moitos grupos de rock da cidade, en diferentes variantes.

Había grupos de rock bravú, como Os Diplomáticos de Monte Alto (que realmente naceron na Agra do Orzán), grupos de punk ou similares (Xudef Klas), rock sinfónico ou progresivo (Agra), etc.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-11-2013 00:17
# Ligazón permanente a este artigo
O rapaz da última ringleira
O outro día fomos de novo ao Teatro Rosalía da Coruña para ver unha nova obra do ciclo. Neste caso tocaba "O rapaz da última ringleira", cuxo autor é Juan Mayorga.

Teño que recoñecer que o principal reclamo que tiña para min esta obra era o autor, Juan Mayorga. Nos últimos anos teño visto varias obras deste autor, e aínda que algunha non me gustou, en xeral gustáronme moito, así que decidinme a ir.

A min non me desagradou, pero parece que eu debín ser un dos que saín máis contento do teatro. A unhas cantas persoas que sei que foron á obra, parece que en xeral non lle gustou demasiado, ou nada.

A trama trata dun profesor de Lengua de Bacharelato, que está decepcionado porque os seus alumnos redactan fatal. Pero un día descubre que un dos seus alumnos escribe bastante ben, e ademais conta unha historia que semella algo incrible que involucra a outro compañeiro de clase e á súa familia. Aos poucos, vaille entregando máis escritos que continúan a estraña historia, e vaise obsesionando con ese alumno.

Polo visto, no 2012 fíxose unha película en Francia baseada nesta obra, pero recoñezo que non a vin. Por certo, no vídeo que poño aí creo que está a obra completa, cando se representou na sala da compañía Cuarta Pared.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-11-2013 00:09
# Ligazón permanente a este artigo
Música tradicional india con sittar
Hai uns días fun á Casa Tomada, na estación de trens da Coruña, para asistir a un evento que me chamaba moito a atención: un concerto de música tradicional india con sittar e percusión.

Os intérpretes eran Shahir Khan (sittar) e Vikas Tripathi (percusión), este último presentaba o acto falando nun castelán bastante fluído.

Non atopei ningún video con eles, pero se poñedes "sittar music" en Youtube, podedes atopar bastantes vídeos como este que vedes aquí, que amosan con bastante fidelidade o que vimos aquel día alí todas as persoas que fomos á Casa Tomada, que non fomos poucas.

Como vedes, a cousa consiste basicamente nuns "solos" bastante prolongados do sittar, que ten un son moi peculiar, pero que acaba resultando algo monótono (para o meu gusto), porque as pezas son tremendamente longas.

Non sabería dicir canto, pero eu estiven sobre hora e cuarto e xuraría que escoitei dúas cancións, pero polo comentario que fixo Vikhas, ao mellor eu marchei no medio da segunda, e só escoitei unha.

E como vedes, o sittar acompáñase dun instrumento de percusión que toca outra persoa, consistente en dous pequenos "bongos", un algo máis estreito e outro máis groso, que se tocan practicamente sen separar a palma da man da súa superficie. E non é raro que o percusionista estea media hora sen golpear os seus bongos.

Como conclusión, direi que o experimento estivo ben, comprobei (que era o meu obxectivo) en directo a sonoridade do sittar, pero o estilo musical decepcionoume. É unha sonoridade tremendamente alonxada das miñas (iso non é malo de por si), pero non conseguín engancharme á música, obviamente recoñecendo o tremendo virtuosismo dos músicos, que sempre é necesario pero non sempre garantiza que che guste o concerto.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-11-2013 23:57
# Ligazón permanente a este artigo
Cancións contadas cancións
O outro día fomos ao Ágora ver un espectáculo ben curioso. Mon Santiso (ex-presentador da TVG, Antena 3, etc.) e a poetisa Eva Veiga recitaban (nalgún caso cantaban, pero non moi ben, que digamos), xunto cun grupo de tres músicos (piano, violonchelo e violín), pezas da música popular das últimas décadas.

Algunhas eran en galego, castelán, portugués ou brasileiro, e as que eran en inglés ou francés eran traducidas a galega ou castelán.

O espectáculo estivo moi ben, aínda que nalgunha peza vimos cousas que non nos gustaron tanto, pero en xeral mantivo moi bo nivel. Direi así de memoria as pezas que lembro:

- Comezaron con "Imagine", de John Lennon.

- Tocaron varias tradicionais galegas, como "Camariñas", "Adiós ríos, adiós fontes" e "Unha noite na eira do trigo".

- Recitaron unha de Sabina, non lembro o título, fala dun home que tivo tres mulleres, e non fala moi ben delas.

- "Take this waltz", de Leonard Cohen (aí abaixo tedes un vídeo en directo da canción), do que dixeron que estaba baseado nun poema de García Lorca, cousa que eu descoñecía.

- "Blowing in the wind" de Bob Dylan.

- "Alfonsina y el mar".

- Remataron con "Contamíname", de Pedro Guerra.

E algunhas máis que agora non lembro, pero podedes intuir que o pasamos moi ben.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-11-2013 21:30
# Ligazón permanente a este artigo
Novo micro-teatro en La Tuerka 27
Fomos ver tres novas obras de micro-teatro na Tuerka 27. Non vimos as catro habituais porque a que remata o conxunto xa a vimos hai uns meses. Nesta ocasión foron:

- William: En castelán, por María Verdía e Rubén Espejo, trata dunha estraña relación entre unha actriz que semella estar repasando un papel e un veterano actor que vén visitala por sorpresa. Os dous presumen de ser as únicas persoas que foron capaces de concentrar todos os textos de Shakespeare nunha soa obra, e discuten sobre a orixe e os resultados duns estraños accidentes que sufriron no pasado.

- Fin de traxecto: En castelán, por Carmen Méndez e Irene González. Estraña obra sobre unha relación moi curiosa entre dúas mulleres que se coñecen nunha liña de metro, fan todos os días o mesmo traxecto e chegan ata o final da línea. Acaban coñecéndose, e sábese do terrible drama vital dunha delas.

- Pechado por dar o SI: En castelán por Carmen Conde e Alberto da Sinda. Unha parella que vai casar discute pola decisión da muller de pechar a tenda na que traballaba, segundo ela porque vai estar moi ocupada durante as semanas previas ao enlace. Xurden as dúbidas típicas desas situacións, semella que hai moita roupa sucia que aínda non airearon.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-11-2013 21:20
# Ligazón permanente a este artigo
XVII Memorial de Teatro Ibán Toxeiro
O outro día celebramos no Ágora da Coruña (é a primeira vez que o facemos alí) o Memorial de Teatro Ibán Toxeiro. Ou sexa, o festival de teatro amador que a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda organiza todos os anos para lembrar a memoria do malogrado actor e socio Ibán Toxeiro, e para homenaxear a toda a xente do teatro amador galego.

Houbo unha divertida e áxil gala, coordinada e presentada por Lino Braxe, como é habitual, que contou coas seguintes actuacións:

- Fragmentos de "A Ópera de a patacón", a versión que Roberto Vidal Bolaño fixo da obra de Bertolt Brecht, e que foi representada polo noso grupo de teatro, dirixido (e esta vez tamén actuaba) por Xoán Carlos Mejuto.

- Maggy, un monólogo dunha obra irlandesa interpretado por Manuela Varela (podedes ver o seu videobook no vídeo adxunto).

- Marta, a cargo de Uxía Vázquez, que creo que pronto poderemos ver na Tuerka 27. O texto é de Lino Braxe.

- A Mamma, a cargo de Luma Gómez, a veterana actriz que foi homenaxeada ao final con todo o auditorio en pé. O texto é de Lino Braxe.

Ou sexa, que case todo tratou de monólogos de mulleres, no que constituía un homenaxe ás actrices galegas. Tamén se lle entregou un ramo á nai de Ibán Toxeiro e Antonio Simón recolle o premio Ibán Toxeiro que ía dirixido a Flor Maceiras, gran actriz galega e ex-directora do grupo de teatro da Agrupación (e grande amiga e colaboradora nosa), que non puido recollelo por estar enferma.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-11-2013 21:13
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal