Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Documental promocional de aPorto 2013
Como xa informamos hai uns meses, fomos a finais de agosto á fantástica cidade de Porto a un curso de portugués para galegos, chamado aPorto.

E hai uns días xuntámonos algúns dos alumnos deste verán nunha casa de turismo rural (creo que alí lle chaman tamén turismo de habitaçao, aínda que non teño claro se a equivalencia entre eses dous conceptos é total). Non era unha calquera, senón a Casa do Caldas, en Retorta, a poucos quilómetros de Vila do Conde (a uns 25 kms. ao norte do Porto), que á da familia Mendes Pereira, á que pertencen Carlos e Antonio, os dous magníficos organizadores dos cursos.

Alí atopamos a algúns dos alumnos deste verán, e tamén a dúas das profesoras, Inés e Clara, ademais de toda a familia Mendes Pereira, claro, e á equipa que fixo a gravación do documental promocional para a edición do ano que vén.

Aquí podedes ver o promocional do pasado verán que, entre outros, conseguiu convencerme a min.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-11-2012 23:25
# Ligazón permanente a este artigo
O montapratos
E para rematar a densa semana cultural fomos ao Teatro Rosalía a ver "O montapratos", adaptación da fantástica compañía Animalario da obra de Harold Pinter escrita nos anos 50, e interpretada por Guillermo Toledo e Jesús Barranco.

Pero esta vez levamos unha decepción con esta compañía, non se pode acertar sempre, está claro. A obra xa é algo escura e críptica, e non teño eu claro que a versión deles a fixera máis doada ou sinxela.

Dous homes semellan estar encerrados nunha antiga cociña dun restaurante. O único que os comunica co exterior é un montapratos e un comunicador coa xente que está arriba, que non se sabe quen é, por que lle piden determinados pratos, etc. E ademais hai que ter en conta que descubren a existencia dese aparello na metade da obra.

Polo pouco que van contando na trama, xa que os diálogos non son moi elaborados, e é moito o que hai que adiviñar, parece que son dous asasinos a soldo que nalgún momento van recibir unha chamada que lles indique a quen e como teñen que matar, como xa sucedeu en moitas ocasións anteriormente.

Incluso o final (que non vou desvelar) é algo sorprendente pero non moi apoteósico. Por se non fora suficiente con iso, un señor que parecía estar enfermo e que creo que abandonou a súa butaca a media función, non sei moi ben como veu sentarse (iso é un dicir) a un par de metros de onde estabamos nós, a carón da entrada principal do teatro. Ao señor non sei que lle pasaba, pero ás veces erguíase, outras botábase para atrás na silla, outras para diante, nalgunhas parecía que ía caer, non paraba de mirar o reloxo, etc. É dicir, un incordio, que fixo aínda máis complicado seguir a obra, aínda que tampouco era tan difícil, porque o ritmo desta tampouco era frenético, precisamente.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-11-2012 00:41
# Ligazón permanente a este artigo
Novo micro-teatro en La Tuerka 27
Onte fomos a unha nova quenda de micro-teatro en La Tuerka 27. Como sempre, estivo moi interesante, e segue confirmándose como unha das opcións de ocio máis innovadoras na cidade da Coruña.

O que xa non me gustou tanto é que as catro obras foron en castelán. Supoño que en torno á sala xiran moitos autores, e pode que moitos deles escriban maiormente en castelán, pero nas anteriores quendas había equilibrio, a ver que pasa nas seguintes.

As catro obras nesta ocasión foron:

- 17 Penthouse: nun edificio de moitos andares, dúas señoras moi ociosas, cando suben no ascensor, dedícanse a ir parando en diferentes plantas para axexar a través das paredes se hai actividade sexual nas diferentes vivendas. Nesta obra, os espectadores somos parte activa, xa que subimos no ascensor con elas. De feito, a min tocoume colocarme na porta do ascensor para que non se pechara mentres elas "auscultaban" a parede en varias plantas. As actrices eran Chus Álvarez e Paku Granxa.

- Master Class: Unha rapaza recibe as leccións da súa nai para iniciarse o mellor posible na nova aventura profesional que comeza para ela. Actuaron Isabel de Toro e Erica González.

- O chofer e a corista: Obra moi divertida na que un chofer leva dun sitio a outro a unha prostituta que vai facendo diferentes servicios. Ao mesmo tempo o chofer, que é homosexual, ten algunhas conversas picantes a través do teléfono. Todo isto semella acontecer con persoeiros ben importantes do país. César Cambeiro e Marita Martínez (clásicos do local) fan os papeis.

- Proba de lealdade: Unha señora maior que semella non estar xa na realidade está na súa casa recortando bordes de fotos antigas. Chega un home que foi criado por ela, e despois dalgunha breve conversa con ela e a través do teléfono, teñen unha discusión e acaba matándoa. Das que levo visto na Tuerka, foi a obra que menos me gustou, non sei se me perdín algo ou non o entendín, pero semella que a morte foi un axuste de contas ou algo así, pero non fun capaz de entender cal era a razón, nin a relación real que houbera entre eles, nin nada. Actuaron Rosmaría Méndez e Carlos Villarino.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-11-2012 13:11
# Ligazón permanente a este artigo
Aquí vai pasar algo
O outro día fomos ao Fórum Metropolitano da Coruña a ver unha obra titulado "Aquí vai pasar algo". Foi representada por unha compañía chamada Zanguango Teatro, que é da Castela-León (tivo varias sedes diferentes nesa comunidade) e está dirixida por Miguel Muñoz. Concretamente os dous actores que interpretan esta obra son Txubio Fernández de Jáuregui e Miguel Garcés.

Foi unha obra bastante divertida. Trata sobre a perda da memoria, e os dous personaxes perderon a memoria e están intentando axudarse mutuamente a recuperala e, polo menos, saber quen son. Parece que, polo menos nesta obra, son un grupo "algo perigoso", porque seis ou sete dos espectadores acabaron no escenario supostamente para sacar unha foto de familia, xa que baixaron á platea e comezaron a "localizar" familiares que había tempo que non veían, pero os espectadores saíron airosos do trance.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-11-2012 12:44
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal