Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A cicatriz branca
E tamén fomos ao Teatro Rosalía para ver a estrea dunha película o día 25 de novembro, Día contra o maltrato de xénero.

Era "A cicatriz branca", película protagonizada por Eva Veiga, na que fai o papel dunha emigrante galega en Arxentina, que ten varias relacións sentimentais, algunhas derivadas do seu traballo como asistenta, nos que sufre algún tipo de violencia. Neste caso trátase con moita delicadeza e con metáforas.

A min persoalmente gustoume moi pouco. Resultou moi lenta, era bastante difícil entrar na historia. Teño visto películas lentas que me gustaron, pero este non foi o caso.

Supoñendo que un dos obxectivos da película sexa denunciar esta lacra, e intentar concienciar a alguén sobre esta problemática, dubido bastante que o consiga. Os que xa estabamos concienciados con este tema, non precisamos esta película para seguir, e non creo que ninguén máis se suba á loita despois de vela. Pero claro, é unha opinión persoal.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-11-2012 18:01
# Ligazón permanente a este artigo
O Decamerón, historias para tempos ruíns
O outro día fomos ao Fórum Metropolitano da Coruña a ver de novo ao magnífico Cándido Pazó. Nesta ocasión representaba fragmentos do clásico universal "O Decamerón", de Giovanni Boccaccio.

E para non variar, non decepcionou. Se Cándido sempre é unha garantía, non o pode ser menos cando escolle unha obra que nos gustou e divertiu a todos. A verdade é que hai que recoñecer que el sempre ten moi bo ollo para esas cousas, ou fai el moi bos textos ou baséase noutros que tiveron moito éxito, pero deses hai bastantes e hai que saber escoller, claro.

Se tedes a oportunidade de ver a obra, non a perdades.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-11-2012 17:53
# Ligazón permanente a este artigo
Festina lente
E hai uns días, nunha fin de semana, tiven a posibilidade de abrir un oco para ler unha novela, non moi longa, que me fixo pasar unhas boas horas de lecer.

A novela titúlase "Festina lente" de Marcos Calveiro, avogado vigués que escribe bastante literatura xuvenil, pero que parece que debutou na literatura para adultos con esta obra. Casualmente atopei un video da AELG no Culturgal do ano 2008 no que fala desta obra.

Trata da vida dun rapaz de Pontedeume que entra como aprendiz dun encadernador na Compostela de finais do século XVI e comezos do XVII. Os tratos do encadernador coas imprentas da época, coa catedral e os mosteiros (os seus principais e case únicos clientes) resulta interesante, xirando case toda a trama arredor dun misterioso códice relacionado co gremio dos canteiros.

Tamén aparece un suxerente e misterioso personaxe que se dedica a traficar con libros prohibidos nos portos de Galicia, que lles compra a mariñeiros que os traen nos seus barcos e que pretenden sacar algúns cartos por un material moi valioso nun país dominado pola Inquisición.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-11-2012 19:13
# Ligazón permanente a este artigo
(Retro)visor
E onte fomos a unha performance ou surrealista recital poético-musical moi vangardista.

Titúlase (Retro)visor e estivo protagonizada por Antía Otero, autora do texto xa publicado por Xerais no 2010, e musicada por Isaac Garabatos.

Xogaba moito co video (veíamos en directo o que Antía ía enfocando coa cámara en todo momento) e con moitas imaxes poéticas e oníricas (dada a miña falta de conexión coa poesía en xeral, non se me ocorren palabras mellores). En calquera caso, a combinación era moi estraña e suxerente, pero non apta para bandullos exquisitos.

A min, o que máis me gustou foi a música. Non sabería como definila, pero podería ser como "atmosférica", transmitiume moi boas sensacións. Coa poesía e a imaxe que ía xerando Antía, había cousas moi interesantes e outras que non mo parecían tanto, pero como xa dixen, en xeral a poesía éntrame con dificultades.

Déixovos un pequeno vídeo promocional.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-11-2012 18:59
# Ligazón permanente a este artigo
Coloquio con Xurxo Souto e Daniel Salgado
E fomos ao último coloquio organizado na Normal da UDC para tratar o tema da música e a literatura galega.

Nesta ocasión Iago Martínez moderaba de novo, e os participantes eran Daniel Salgado e Xurxo Souto. Os dous estiveron ben, pero xa se sabe que Xurxo ten un caudal comunicacional moi difícil de igualar.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-11-2012 18:51
# Ligazón permanente a este artigo
Sisters in the house
O outro día fomos ao Mardigras a ver un concerto dun grupo coruñés ao que tiña moitas ganas de ver dende hai tempo: Sisters in the house.

Consiste nun grupo formado por Carmen Rey (que toca o piano) e Ángeles Dorrio (que "dirixe" o coro), formado por cerca de 20 voces femininas que son as súas alumnas de canto.

Cantan clásicos do blues, soul, gospel, etc. Teñen cousas que mellorar nalgúns temas, pero en xeral resulta un concerto do máis agradable.

Déixovos cun video doutra actuación na que cantan o clásico "What's going on".

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-11-2012 18:42
# Ligazón permanente a este artigo
Micro-teatro en La Tuerka 27
Unha vez máis, fomos ao micro-teatro a La Tuerka 27. Cambiaron algo a cousa, xa non é de mércores a venres, senón de xoves a sábado, sendo o xoves o día do espectador. As catro obras desta quenda foron:

- A Estación: Unha señora de certa idade e unha muller máis nova coinciden nunha estación de buses. A máis xoven foi amante do marido da máis vella, e ese home que as unía xa faleceu. Agora queren afrontar unha nova etapa da súa vida. Foi en castelán, actuaron Rosmarí Méndez e Isabel de Toro. Non me chamou especialmente a atención.

- Espelliño máxico: Unha raíña (aínda que insiste en que o chamen Rei) e o seu primeiro ministro discuten de posibles medidas a adoptar para frenar o malestar da xente ante a situación actual. Tratan de forma metafórica a crise e as preocupacións do poder. Pretende entreter, pero o consegue só a medias. É en galego, interpretada por Sonia Méndez e Alberto da Sinda. O máis patético foi outra cousa. Casualmente, nós vimos o segundo pase, e estabamos esperando fóra cando saíron os espectadores do primeiro pase. Pois creo que podo asegurar que un dos que máis entusiasmado saíu dese primeiro pase e que nos recomendou vivamente que foramos ver a obra, é o propio autor do texto. Imos omitir o seu nome, especialmente polo que acabo de comentar, non vaia ser que me equivocara (que non creo), porque ademais é un persoeiro de certo peso na cultura galega, porque dirixiu varias películas. Sen comentarios.

- Ópera Prima: É en galego, interpretada por Xoán Carlos Mexuto e Marita Martínez, e para min, foi a mellor desta quenda con diferenza. Un crítico de arte contemporánea diserta sobre a obra que estamos visitando, que é unha escultura dunha muller vestida de noiva. Pero faino criticando moito o estilo, e dicindo que é unha obra de xuventude do autor, da cal xa renega. A estatua cobra vida e comeza a explicar que realmente foi o contrario, que era a obra máis auténtica dese autor e que o resto resulta moi artificial. E conta a historia do autor para xustificar ese argumento.

- Me cago en Walt Disney: En castelán, interpretada por Daniel Currás. Trata dun home que ten a desgraza, segundo el, de chamarse Tristán, que narra como pasou a vida buscando a unha muller que se chamase Isolda. E conclúe dicindo que a vida non é como un conto de fadas, e por iso cágase en Walt Disney. Non me chamou moito a atención tampouco.

A pesar da nota mediocre que lles poño á maioría, seguro que repetiremos, a experiencia é fantástica, eu participei activamente en 3 das 4 obras.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-11-2012 18:35
# Ligazón permanente a este artigo
Curriculum Vitae

O outro día fun ver a divertida obra "Curriculum Vitae" da compañía Redrum Produccións, protagonizada por Mónica García e Guillermo Carbajo. Estaba dirixida por Álex Sampaio e consistía en cinco obras breves, que eran as seguintes:

- "Traballo lixo" de Diego Ameixeiras: Unha executiva dunha grande empresa entrevista de forma bastante despectiva a un rapaz que quere entrar a traballar nela, ofrécelle unhas condicións de contrato absolutamente indecentes, e el alédase moito porque pensa que é a oportunidade da súa vida.

- "Puntocom" de Araceli Gonda: Agora é un executivo doutra empresa o que entrevista a unha muller xa de certa idade que precisa ese traballo, e durante a entrevista é el quen amosa un desprezo absoluto e inhumano por ela, burlándose e sacando trapos sucios da familia. A entrevista remata con ela bailando unha muiñeira, e el gravándoa co móbil.

- "Si e non" de Avelino González: Unha funcionaria recibe a un rapaz con estética rapeira e moi moi vago e consentido, que é fillo dunha amiga súa, para ver se lle arranxa un traballo na administración pública, con técnicas totalmente corruptas que podedes imaxinar. Aparte do curioso equívoco no uso do "si" e do "non" que ten o rapaz (de aí o título da peza, supoño), resulta moi curiosa a burla e o repaso das diferentes consellerías da Xunta á hora de propoñerlle ao rapaz posibles postos de traballo.

- "A espera" de Manolo Cortés: os dous actores, semella que representándose a si mesmos, coinciden nunha sala de espera onde parece que os van chamar para facer un casting para algunha serie ou similar.

- "Executiva vs Bolseiro" de José Prieto: unha executiva agresiva é recibida nunha empresa por un bolseiro, e entra en cólera porque o xefe del, que ía entrevistala para un posto de traballo, non pode estar e esqueceu avisala. Entón ten lugar unha delirante entrevista por teléfono co bolseiro como intermediario.

Obviamente, en todas as pezas, os dous actores van intercambiándose os roles. E a pesar de ser cinco pezas diferentes, hai unha certa dramaturxia común, xa que nalgunha peza aparecen fragmentos gravados, noticias, comentarios ou similar, dalgunha das pezas anteriores ou posteriores (exemplo, na primeira peza fálase brevemente de algo que pasa na última, pero ata o final non te decatas da relación, claro, no seu momento non entendes moi ben porque falan diso, pero ao final a peza encaixa á perfección).

En definitiva, pasoume moi ben durante un bo pedazo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-11-2012 23:56
# Ligazón permanente a este artigo
Miguel Anxo Murado e a Guerra dos Balcáns
O outro día tiven a sorte de asistir a unha charla que deu Miguel Anxo Murado, o escritor, xornalista e corresponsal de guerra, na Biblioteca do Ágora, sobre a Guerra dos Balcáns, na que el estivo un par de veces, nos anos 1991 e 1993.

E se vós queredes tamén saber o que dixo, pois podedes reproducir este "video" que vos poño abaixo, que parece só ter rótulos e audio (pero ben chega para este propósito), porque está a conferencia completa.

Como sempre, maxistral. Debe ser dos poucos xornalistas que quedan que, dá igual de que escriba, transmite sempre información e datos novos que che permiten aprender cousas do mundo no que vives.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-11-2012 23:39
# Ligazón permanente a este artigo
Debate entre Xesús Fraga e Mario Regueira
O outro día fomos á Normal, novo espazo cultural da Universidade da Coruña, para asistir a un novo coloquio literario moderado por Iago Martínez.

Hai uns días xa asistíramos a outro, coa presenza de Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro, que polo menos a min, me decepcionara bastante.

Nesta ocasión era a quenda de Mario Regueira e Xesús Fraga, e teoricamente a temática era sobre a música na literatura.

Por sorte, esta vez estivo bastante mellor, semella que os participantes se implicaron máis e, polo menos eu, disfrutei moito máis das súas intervencións. Aínda que xa digo que os dous estiveron ben, recoñezo que me gustou máis a intervención de Xesús Fraga, parecían traelo máis preparado e ter moitos máis recursos que Mario.

Saúdos.






Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-11-2012 23:34
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal