Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

XV Memorial de Teatro Amador Ibán Toxeiro
Xa van 15 edicións do Memorial de Teatro Amador co que a A.C. Alexandre Bóveda lembra a Ibán Toxeiro, un xoven socio que morreu traxicamente na flor da vida e que ía para estrela do teatro galego.

Nesta ocasión o festival tivo as seguintes actuacións:
- A primeira parte da obra "Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda" que representa o noso grupo de teatro.
- Un fragmento de "Kungfundidos" de Bucanero Teatro.
- Unha peza de Druída Danza titulada "O anxo exterminador".

Este ano o premio foi para o Grupo de Teatro de Maiores da Coruña da Obra Social de Nova Caixa Galicia.

E entre as actuacións cantou o grupo "Canta compaña", dirixido por Julia Cea.

Déixovos cun video dunha obra de Druída Danza.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 28-11-2011 00:25
# Ligazón permanente a este artigo
Átonos, de Rosalía Fernández Rial
O outro día presentouse o novo poemario titulado "Átonos" de Rosalía Fernández Rial.

Estivo acompañada por Serxio Moreira ao piano, o magnífico teclista do grupo coruñés Duploson.

Foi presentada por Eva Veiga e Miguel Mato.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 28-11-2011 00:21
# Ligazón permanente a este artigo
El pisito
Acabo de ver en La 2 a mítica película española "El pisito" dirixida polo italiano Marco Ferreri no ano 1959.

Trata dunha parella típica da época, en Madrid, que intenta conseguir unha vivenda, que vive alugada con moitas persoas máis nun piso, e a inquilina oficial é unha anciá cercana á morte. Segundo as leis da época, só os inquilinos poden ter a propiedade dos pisos.

A única alternativa "factible" que se lles abre é que o home case coa anciá para herdar a condición de inquilino, xa que o caseiro aduce problemas económicos e quere vender, en canto morra a señora quere botar a todos.

A parella está formada por José Luís López Vázquez (Rodolfo) e Mary Carrillo (Petrita). Como sempre que o guión era de Rafael Azcona, como neste caso, a ironía e crueldade destilada con moita sutileza.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-11-2011 00:28
# Ligazón permanente a este artigo
Carmen Rey nos Concertos de Outono
E para rematar o pequeno ciclo de jazz galego destes "Concertos de outono" tivemos a sorte de ter unha actuación de Carmen Rey, ela soa co seu piano, na Igrexa da Orde Terceira.

E se iso fora pouco, Ángeles Dorrio, que actuou o venres anterior, uniuse a ela nunha canción, titulada "Aló", con música de Carmen e letra dunha tal Rosalía de Castro. Aí tedes o vídeo.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


Comentarios (1) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-11-2011 22:40
# Ligazón permanente a este artigo
50 anos da morte de Asorey
Hai uns días, a profesora e historiadora Maribel Iglesias Baldonedo, veu á A.C. Alexandre Bóveda para falar dun dos temas nos que é especialista: o insigne escultor cambadés Francisco Asorey.

Deixounos a todos abraiados coa súa erudición e co didactismo co que nos presentou a vida e obra deste gran artista. Dá gusto saber que hai profesores e, en xeral, persoas tan sabias nesta sociedade.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.

Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-11-2011 22:36
# Ligazón permanente a este artigo
Fotos de Varsovia e Cracovia

Neste último verán, Manolo Graña, un socio da A.C. Alexandre Bóveda, foi con varias persoas máis de vacacións a diversos lugares de Polonia.

E como habitualmente, fixo unha proxección dalgunhas das fotografías que alí sacou, que gustaron moito o outro día, cando as vimos.

Basicamente a súa viaxe consistiu na visita a Varsovia, Cracovia, as minas de sal de Wieliczka, e os campos de concentración de Auschwitz e Birkenau.

Das moitas cousas interesantes que vimos, chamáronme especialmente a atención as minas de sal, cercanas a Cracovia. Cunha profundidade de máis de 300 metros, e máis de 300 quilómetros de galerías, hai tanto espazo que ata hai unha catedral no seu interior, feito totalmente con sal, obviamente. Ata niso se nota a relixiosidade dese país. A foto que vedes é desa "catedral salina".

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (1) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-11-2011 22:31
# Ligazón permanente a este artigo
Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda en Raxó (Poio)
Foi un grande orgullo para o grupo de teatro da A.C. Alexandre Bóveda representar a obra "Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda" no novo Centro Sociocultural de Raxó (Poio).

Foino, entre moitas outras cousas, porque estaba entre o público Amalia Bóveda (filla póstuma del) e Valentín García Bóveda, fillo dela e polo tanto neto do noso persoeiro.

O público foi numeroso e aplaudiu moito ao final. Polo que se comentaba ao final, a xente quedou moi contenta coa obra e sorprendeu o estilo da obra para tratar unha historia tan dramática como esta.

A ver se temos a posibilidade de vela en máis sitios. Poñemos unha foto ao final da representación, con todo o grupo e os familiares de Bóveda.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-11-2011 22:17
# Ligazón permanente a este artigo
E.R. Algún día traballaremos xuntas
Este é o título da última montaxe de Teatro do Atlántico. Unha fantástica obra de Josep Benet i Jornet, protagonizada por Manuela Varela, María Barcala, Susana Dans e Luísa Merelas, e dirixida por Xulio Lago, como é habitual nesta compañía.

Trata da relación do personaxe protagonizado por Manuela Varela, que está preparando un casting para unha obra sobre a vida de E.R. (Encarna Rivera, mítica actriz), cos tres actrices veteranas que a coñeceron en persoa. Inicialmente podería parecer que ía resultar un pouco pesada, pero non é así. Faise moi fluída e os diálogos resultan moi interesantes. Como curiosidade, diremos que nunca coinciden as catro actrices en escena, senón que habitualmente a actriz nova vaise atopando coas outras, sempre por separado. Só hai unha escena dunha cea onde as tres actrices maiores se atopan, pero xa se ve que a antiga amizade xa non existe.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-11-2011 22:05
# Ligazón permanente a este artigo
Samaín 2011
Un ano máis, celebrouse o Samaín da Cidade Vella, xunto co magosto que organizan a Asociación de Veciños e a Asociación de Comerciantes dese barrio.

Para min foi esta unha edición importante. Porque vai ser a última na que participe e porque foi a primeira na que se fixeron cargo da festa os alumnos do ciclo formativo de Educación Infantil do Instituto Ánxel Casal, de Monte Alto, feito este último que case garante a pervivencia da festa, que nos últimos anos xa estaba desbordando á A.C. Alexandre Bóveda, que a puxo en marcha no ano 2004.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-11-2011 21:57
# Ligazón permanente a este artigo
Ángeles Dorrio e Sergio Delgado nos Concertos de Outono
Nunha nova edición dos Concertos de Outono organizados pola A.C. Alexandre Bóveda, o primeiro dos concertos do ciclo deste ano foi protagonizado pola fantástica cantante coruñesa Ángeles Dorrio e o fenomenal pianista cubano Sergio Delgado.

Foi, como habitualmente, na Igrexa da Orde Terceira, coa súa marabillosa acústica, e congregou a numeroso público.

Déixovos un par de vídeos deles dous. Un deles é dunha actuación no Pazo da Ópera. E o outro é un pequeno vídeo moi emotivo para algúns.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.






Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-11-2011 21:49
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal