Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O señor Lugrís e a negra sombra
Hai uns días rematei de ler a novela "O señor Lugrís e a negra sombra" de Luís Rei Núñez.

As referencias que tiña dela eran algo dispares. Xunto a algunhas que me dicían que era unha boa novela había outras que dicían que se facía bastante pesada, sendo un tema interesante. Incluso sei de xente á que non lle gustou a novela pero que gozou moito ouvindo falar ao autor sobre como a escribiu e como chegou a saber tantas cousas sobre Lugrís.

Sobre a miña valoración pesan dous factores contrapostos: non puiden lela coa continuidade que me gustaría pero Urbano Lugrís é un pintor e persoeiro que me fascina.

Para min, o resultado foi bo. Probablemente podería terse escrito unha novela mellor co excelente material de partida (refírome á peculiar vida do personaxe), xunto aos outros que se cruzan con el, como o mítico Avilés de Taramancos, pero a obra final é moi digna e apetecible.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-11-2009 15:55
# Ligazón permanente a este artigo
O cabaleiro de Olmedo, de Teatro Corsario
Unha vez máis, achegouse a non moita distancia do meu lugar de residencia a compañía vallisoletana Teatro Corsario, que representa clásicos casteláns do Século de Ouro.

E, obviamente, non perdín a oportunidade de velos de novo, xa que son garantía total de éxito. Esta vez viñan ao fenomenal Festival Internacional de Teatro de Outono, que se celebra en Carballo en outubro. Xa van pola edición número 19.

E esta vez tocaba "El caballero de Olmedo" de Lope de Vega. Entre a garantía da obra e a garantía da compañía, xa sabíamos que non ía decepcionar o resultado, como así foi.

Sobrecollía, ao comezo e ao final, a sinxela copla castelá na que se baseou Lope para a obra:


Que de noche le mataron
al caballero,
la gala de Medina,
la flor de Olmedo.

Nunca perdades a oportunidade de ver actuar a este grupo, dá igual a obra que representen (dígoo porque o seu repertorio é moi amplo e nunha mesma época poden estar alternando entre varias obras).

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-11-2009 20:08
# Ligazón permanente a este artigo
Ramón Carnota e Javier Cedrón na Orde Terceira
O venres 30 de outubro tivo lugar o segundo dos concertos do Ciclo de Outono que a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda está celebrando na igrexa da Orde Terceira.

Por desgraza, eu non puiden chegar ao comezo, e debín perderme facilmente os 15 ou 20 primeiros minutos do concerto, que consistiron na "Chacona" de Johann Sebastian Bach, tocada unicamente polo violinista Javier Cedrón (irmán de Rosa Cedrón e, como ela, no seu día, membro de Luar na Lubre durante varios anos).

Eu cheguei cando estaba comezando a segunda peza, de Mauro Giuliani, con catro movementos, xa tocados por Javier Cedrón ao violín e Ramón Carnota á guitarra española.

Despois tocaron a Suite popular española de Manuel de Falla e a Historia do tango de Astor Piazzolla.

Impresionante, coa igrexa case chea e sen ningún tipo de megafonía, vaia acústica!!!

O vindeiro venres, para rematar, un concerto solista con Ramón Carnota, profesor de guitarra do Conservatorio Superior da Coruña, e virtuoso dese instrumento a pesar de ter só 32 anos (na foto).

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 01-11-2009 20:01
# Ligazón permanente a este artigo
V Xornada de Normalización Lingüística de Escolas Católicas
O venres 30 de outubro celebramos en Santiago a V Xornada de Normalización Lingüística organizada por Escuelas Católicas, federación que inclúe a uns 125 colexios relixiosos de Galicia.

O programa foi o seguinte:
- Recollida de documentación
- Inauguración
- Relatorio de Anxo Lorenzo, novo Secretario Xeral de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia
- Descanso (polo mundo adiante chámanlle "coffee break")
- Relatorio de Antón Reixa sobre "A lingua galega e a produción audiovisual"
- Xantar
- Presentación de experiencias de varios dos nosos centros
- Presentación dunha curtametraxe e proposta de actividade a cargo do actor galego Rubén Riós
- Clausura cunha actuación do contacontos Celso Fernández Sanmartín.

Penso que saíu moi ben e foi moi produtiva para todos.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 01-11-2009 19:47
# Ligazón permanente a este artigo
Recital poético-musical-científico
A semana pasada celebrouse na Coruña a II Edición do Ciclo Ciencia e Cinema, organizada pola Asociación de Amigos da Casa das Ciencias.

O único acto ao que puiden asistir foi un recital poético-musical con tema científico de fondo.

Íanse alternando as actuacións musicais do trío que vedes no vídeo (Guadi Galego, Xabier Díaz e Guillermo Fernández) con breves recitados a cargo de poetas galegos (Manuel Rivas, Xabier Seoane, Alfredo Ferreiro, Emma Pedreira e Estíbaliz Espinosa) con Lucía Aldao como presentadora.

Todas as pezas-obras-actuacións tiñan (teóricamente) un trasfondo científico, aínda que nalgún caso non era moi doado detectalo. No caso dos poetas, todos recitaban primeiro un poema doutro autor non presente e despois un da súa autoría.

Déixovos cun video no que sae unha das cancións que cantou o trío musical da noite.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-11-2009 19:31
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0