Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

XIII Memorial de Teatro Ibán Toxeiro
Onte celebramos nun Teatro Rosalía de Castro con moi boa entrada a 13ª edición do Memorial de Teatro Ibán Toxeiro.

O programa penso que era bastante atractivo:

- Dúas obras do noso grupo de teatro, dirixido polo actor Xoán Carlos Mexuto e tituladas "Unha misión humanitaria" e "Un feliz día de compras". Penso que o resultado final foi ben digno e valorado polos asistentes.

- Unha homenaxe ao grupo de teatro Airiños, de Asados (Rianxo), que levou o III Premio de Teatro Amador Ibán Toxeiro convocado por nós. Proxectouse parte dun documental que se fixo hai varios anos sobre este grupo e a entrega foi ben emotiva. Hai que ter en conta que o grupo foi fundado en 1933 e sempre representou en galego, incluído nos momentos máis duros da dictadura.

- Actuación da excepcional cantante galega Ugía Pedreira acompañada do gran guitarrista brasileño Fred Martins. Foron moi aplaudidos na súa actuación, que se fixo algo curta.

Lembrar tamén quen era Ibán Toxeiro. Ibán Toxeiro ía para grande figura do teatro galego. Comezou no teatro amador coruñés, entre outros no grupo da nosa asociación e xa destacaba poderosamente. Marchou durante varios anos a Barcelona cunha bolsa da Deputación da Coruña. E cando xa estaba introducíndose no teatro profesional e contaba só 25 anos, deixounos unha noite despois dunha actuación no xa lonxano 1996. Só tres días máis tarde había unha actuación xa prevista do grupo Ollomol-Tranvía co gallo do noso XX Aniversario, e alí mesmo decidiuse que todos os anos por estas datas íamos celebrar o Memorial na súa honra. Esta é a edición número XIII. E nunca faltaremos á nosa cita.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 21-11-2009 22:15
# Ligazón permanente a este artigo
Nova páxina web da A. C. Alexandre Bóveda
Hai uns días presentamos ao público a nova páxina web da A. C. Alexandre Bóveda. Foi realizada pola empresa Bulideiro de Edicións e será mantida por varios dos directivos da agrupación.

Aínda non está completa porque o noso arquivo histórico é moi denso e o noso nivel de actividade tamén é bastante intenso. Entre varias persoas aínda dá traballo, e por esa razón a anterior foi esmorecendo aos poucos.

En canto ao arquivo histórico pensade que dende o ano 1997, cando eu cheguei á asociación (e creo que varios anos antes xa era así), mantemos unha media aproximada duns 60 actos culturais ao ano. Se botades a conta saen uns 700 ou 800 eventos dos que informar, e non é ningunha broma.

Recomendámosvos entón que, se estades interesados no que facemos, poñades o noso enderezo entre os favoritos para poder ser informados fielmente de todas as nosas actividades. Ademais podedes suscribirvos a diferentes boletíns de novas por seccións, temáticas, etc.

O novo enderezo é:

http://www.acalexandreboveda.org/

Púxenvos aí abaixo un enlace a ela e, obviamente tamén estará na sección de recomendados da esquerda.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Nova páxina da A. C. Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 21-11-2009 22:01
# Ligazón permanente a este artigo
Rodin
Clausurouse hai uns días unha moi interesante mostra sobre o escultor Auguste Rodin no Kiosko Alfonso da Coruña.

Fun vela nos últimos días, a verdade é que se me foi pasando o tempo e case quedo sen vela.

Non estivo mal, o que pasa é que recoñezo que a escultura é unha das artes coas que menos conecto e menos me transmite. Pero simplemente estar diante de obras tan célebres como "O pensador" xa é todo un privilexio.

Poño unha foto da Porta do Inferno. Se non me equivoco, unha das figuras da parte superior é o famoso pensador. A obra que estaba na exposición (do pensador, refírome) era pequena, non chegaría a un metro de altura. Teño entendido que é así a orixinal, non é grandiosa como se pensa.

Tamén me chamou a atención a historia de Camille Claudel, unha discípula súa da que foi amante.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-11-2009 23:09
# Ligazón permanente a este artigo
Celda 211

Acabo de ver no cine a fantástica película "Celda 211", baseada nunha novela de Francisco Pérez Gandul.

A verdade é que o que dicían sobre o papelón de Luís Tosar é totalmente certo, pero iso tampouco sorprende aos privilexiados espectadores galegos que xa tivemos a fortuna de velo actuar en teatro dende hai tempo.

En xeral, todos os actores están moi ben, e hai bastantes actores galegos, como Luis Castro Zahera, Xabier Estévez e outros.

Moi recomendable vela, a non ser que sexas funcionario de prisións ou teñas pensado selo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-11-2009 00:28
# Ligazón permanente a este artigo
Faladoiro e Farra con Ana Pontón e a violencia contra a muller
O outro día tivemos unha nova edición do Faladoiro e Farra no Club do Mar. Esta vez a invitada foi a parlamentaria do BNG Ana Pontón e a temática era todo o que xira en torno á violencia contra a muller.

Foi, coma sempre, unha agradable tertulia que se prolongou máis alá das dúas da madrugada nun ambiente distendido e nun lugar privilexiado.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (1) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-11-2009 00:22
# Ligazón permanente a este artigo
Artjazz

O outro día inauguramos no local da A. C. Alexandre Bóveda outra exposición colectiva organizada pola activa Asociación de Amizade das Artes Galego Portuguesas, presidida por Xulio Villaverde.

Titúlase "Artjazz" e consiste nunha serie de cadros de cinco autores diferentes sobre a temática do jazz. A foto que poño corresponde a un cadro que non está nesta exposición (nin o autor pertence á AAAGP) pero ilustra moi ben a temática e o estilo.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (1) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-11-2009 00:19
# Ligazón permanente a este artigo
Recital poético de Olga Patiño e Miguel Mato
O outro día fixemos o derradeiro dos recitais poéticos do "Ciclo de Poetas Coruñeses" que na A. C. Alexandre Bóveda desenvolvemos este ano. Xa só queda o colofón final no Teatro Rosalía de Castro da Coruña o 17 de decembro, co gallo do XXV Aniversario do grupo poético de Amor e Desamor.

Pois este último día recitaron Olga Patiño e Miguel Mato, que foi o organizador de todo o ciclo. Encheuse o local de novo. Os dous acadaron un grande éxito e parabéns. Pero penso que sorprendeu máis Miguel (que ten moi pouca obra publicada) cunha prosa poética sobre a chuvia (ao final unha señora dixo que era merecedora do Premio Nobel) e un poema que unicamente ten topónimos da Costa da Morte (á imaxe do que fixo Seamus Heaney con Irlanda).

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-11-2009 00:16
# Ligazón permanente a este artigo
Samaín na Cidade Vella da Coruña
Un ano máis, e xa van SEIS, celebrouse o Samaín na Cidade Vella da Coruña. Como sempre, celebrouse na Praza da Fariña xunto co magosto organizado pola A. VV. da Cidade Vella.

Este ano houbo outras actividades, auspiciadas pola Concellería de Mocidade e NL. Por exemplo, veu Pepe Carreiro, o autor dos Bolechas, a asinar libros para os rapaces. Tamén houbo unha actuación do grupo de monicreques Danthea, que foi contratado polos veciños.

A mágoa é que o tempo non foi bo e caeron varios chaparróns ben fortes pola tarde. Pero cara ás sete da tarde o tempo calmouse algo e voltaron os rapaces, e houbo a procesión de cabazas alumeadas, e as castañas, o viño e a queimada de rigor.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 08-11-2009 16:09
# Ligazón permanente a este artigo
Posta en marcha da CGENDL
Levaba varios meses xestándose e por fin parece que xa está en marcha a nova Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.

A Asemblea fundacional tivo lugar no IES As fontiñas de Compostela e houbo unha abundante participación.

Semella unha plataforma plural, apartidaria, que pretende ser independente e que quere restrinxir o seu ámbito de actuación á defensa do galego no ensino, onde eles son máis coñecedores do entorno e ao que dedican o seu labor profesional.

Agardemos que teñan moito éxito neste momento de tantas complicacións para a defensa da lingua.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 08-11-2009 16:04
# Ligazón permanente a este artigo
Concerto de Ramón Carnota
Como xa anunciabamos hai poucos días, remataríamos o V Ciclo de Concertos de Outono organizado pola A. C. Alexandre Bóveda cun concerto solista do fenomenal guitarrista Ramón Carnota.

E así foi, unha delicia. Os que xa tivéramos a posibilidade de disfrutar sete días antes do seu dúo co violinista Javier Cedrón, fixémolo esta vez con pezas de Marco Guiliani, José Luis Evangelista (compositor coruñés que estaba presente no concerto), Manuel María Ponce e Leo Brouwer.

A ver se o vindeiro ano temos a sorte de xuntar un elenco e un público tan numeroso como o deste ano.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 08-11-2009 16:00
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal