A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.
Hai varias semanas asistín na Coruña ao musical "Xesucristo SuperStar".
É, con diferenza, o musical que máis me gusta. Mais hai que ter en conta que son moi poucas as obras deste xénero que me gustan, así que tampouco ten demasiada competencia.
Teño a película, teño o disco en inglés e en castelán. E faltábame asistir á representación en directo. Non estivo nada mal, aínda que moi mal ían ter que facelo para que saíra decepcionado.
Algún amigo que tamén viu a obra dixo que claramente era "playback". Pois non teño nin idea, a verdade. En todo caso saciei a miña curiosidade.
Fun ver a exposición "Un día en Mongolia" xusto o día que a pechaban, xa que non tivera tempo de facelo antes.
Foi moi interesante, como todo o que organiza La Caixa, que ten alta calidade.
Sempre me chamou a atención ese país, sobre todo a súa historia. Teño dende hai varios anos na casa unha biografía sobre o seu caudillo militar Genghis Khan, pero creo que o seu turno vaille chegar axiña.
Un ano máis, organizamos o Samaín na Cidade Vella, conxuntamente coa Asociación de Veciños do barrio, que facía o seu tradicional magosto.
Finalmente non choveu e as previsión non eran moi boas. Iso restou xente e debeu ser o ano -dos cinco que xa levamos- no que houbo menos público. Pero cada vez temos máis afinada a organización.
Hai unhas semanas fun ver a obra de teatro "A boa persoa de Sezuán", de Bertolt Brecht, a cargo do Centro Dramático Galego.
Non estivo mal, pero fíxose bastante longa e algunhas cousas eran prescindibles. Durou case tres horas e cunha hora menos chegáballe ben. Por outra banda, había uns cantos números musicais que sobraban bastante.
A actriz protagonista, Rocío González, gustoume bastante, non lembro tela visto antes. Interesante que vaian saíndo novas figuras no teatro galego.
Algunha xente aproveitou o descanso para irse, e algunha que estaba xunto a min xa non aturou nin iso. Parece que á xente non lle gustou demasiado a obra.
Hai unhas semanas organizamos un concerto máis do noso ciclo "Concertos de Outono" na Igrexa da Orde Terceira na Coruña.
Esta vez tocoulle o turno ao Cuarteto Iacobus, formado por catro xoves galegos que estudiaron en diferentes Conservatorios e forman e formaron parte de varias orquestras galegas.
Tocaron pezas de Roxelio Groba, Haydn e Astor Piazzolla.
Hai unhas semanas lin "dun tirón" (tampouco leva tanto) a "Antoloxía do conto galego do século XX", editada por Galaxia (no 2005 levaba 15 edicións) e recompilada por Luís Alonso Girgado.
Unha delicia. Por salientar algúns, o famoso "Sobre da morte do Bieito" de Dieste, "A caixa do morto" de Ánxel Fole, o impresionante "O galo de Portugal" de Cunqueiro, "Hundezelle" de Lueiro Rey ou "O xudeu Xacobe" de Carlos Casares. Tamén estaría ben lembrar "A volta" do recentemente falecido Camilo Gonsar.
Pois nada, que se podedes conseguir este libriño pasaredes unha horas marabillosas.
Hai unha semanas fun ver a obra "Comida chinesa" da compañía Teatro do Adro. O director é o meu amigo Lino Braxe e o autor é o meu outro amigo Pedro Ángel Ramos.
Os dous actores son os solventes Josito Porto e Mónica García.
A historia é estraña. A relación entre os protagonistas xa o condiciona. El é un psicópata que xa sufriu condena por algúns delitos. Ela é unha axudante do fiscal (ou figura xudicial similar, agora mesmo non podería concretala) que ten un grande coñecemento sobre o historial do outro, e que pretende arrincarlle unha confesión para atribuírlle unha serie de asasinatos sen resolver. Parece que hai ou houbo unha certa relación sentimental entre eles. E tamén se menciona moito a unha filla adolescente da muller da que non me quedou claro se sufrira algún tipo de agresión ou que a súa nai temera que puidera sufrila.
A historia resulta moi ambigua. Os dous personaxes son moi complexos (sobre todo ela) e un nunca sabe que é certo do que se está dicindo, se xa sucedeu, se alguén acusa a outro de facelo, se teme que suceda no futuro. Moi inquietante.
O meu amigo Xoán Abeleira, poeta, crítico e un dos mellores tradutores que hai no estado (polo que din os entendidos) acaba de presentar na Coruña a obra completa en español da poeta americana Sylvia Plath.
Non puiden asistir á presentación pero puiden falar con el algo do tema e estar con xente que si asistiu, así que polo menos deixo testemuña deste importante traballo.
Hai uns días, no Ciclo de "Concertos de Outono" que organiza a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda na igrexa da Venerable Orde Terceira da Coruña, actuou o trío de música clásica Lira, unha das formacións que lidera o excelente violinista ruso Mijail Moriatov, que vive na nosa cidade.
Foi unha delicia de concerto onde tocaron pezas básicas e moi célebres da música clásica, da música popular e tamén da música galega. Déixovos cun dos varios videos que hai en Youtube das súas formacións.
O outro día fun a unha conferencia que deu o historiador Carlos Pereira sobre o "Burgo de Faro" co gallo dun ciclo sobre A Coruña Medieval que vai haber na Biblioteca de Estudos Locais.
Contou que alí estaba asentada unha partida de templarios, que debeu ser bastante importante polo numerosa que era, e que durante bastante tempo o que agora é coñecido como o Burgo (Culleredo, ao fondo da ría da Coruña) era o poboación máis importante da zona.
Onde agora está a cidade había unha pequena aldea que comezou a crecer hai 800 anos, coa carta-póboa que se celebrou este ano.