Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A noite dos mortos vivintes
Hai uns días botaban no CGAI "A noite dos mortos vivintes". Non a vira nunca, cumpríanse 50 anos, e decidín ir vela. Pensaba que habería un abarrote no CGAI pero non, estaríamos unhas 20-30 persoas. Tamén recoñezo que o cine ou calquera outra manifestación que teña que ver cos "zombies" non me chama nada a atención. Pero como din que todo comezou con esta película, tiña certa curiosidade por ver como era.

E a historia non ten moita ciencia. Por algunha estraña razón, todos os mortos que estaban sen enterrar nunha determinada zona de Estados Unidos deciden revivir e atacar aos vivos para comelos. Só poden destruirse queimándoos ou pegándolles un tiro na cabeza (iso sábese cara ao final da película porque o contan nun informativo da televisión).

O primeiro que vemos na película é un asasino que foi executado nun cárcere polos seus terribles crimes, e cando o van enterrar, esperta. Quen tiña que enterralo, fuxe. Pouco despois, ese asasino, mata ao home dunha parella que foi a poñer unha flores no mesmo cemiterio. Pero a muller consegue escaparlle, pero por pouco.

Na persecución, chega a unha casa cercana, na que consegue entrar. Alí, na primeira planta, hai unha muller morta e en descomposición. Alí aparece tamén un home negro que vén escapando dos zombies e despois descubrimos que había varias persoas máis xa encerradas no sótano, que chegaran antes.

Conseguen apuntalar as portas e as fiestras máis ou menos, e a pesar de que o número de zombies que se atopan no exterior é cada vez maior, chegan a unha certa sensación de calma. Pola radio e a televisión van enterándose do que semella estar pasando en moitas zonas do país. Pero tamén hai certa tensión interna, porque algúns son partidarios de pecharse no soto, que só ten un acceso, que na propia casa, que ten moitas portas e fiestras.

Cara ao final os zombies conseguen entrar na casa, pero o home negro conseguiu pecharse no soto e alí espera a que veñan liberalo. Porque, efectivamente, batallóns de homes armados que percorren a zona están acabando a tiros con todos os zombies. E agora vén un divertido SPOILER. Cando o home negro escoita os cans e non escoita os zombies, intúe que xa chegan os seus salvadores, pero os outros non distinguen que é un ser humano vivo, e péganlle un tiro na cabeza, como ao resto de zombies. Tanto nada para morrer na praia...

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-10-2018 00:58
# Ligazón permanente a este artigo
Crebinsky
O outro día fun ao CGAI para ver a película "Crebinsky", dentro dun ciclo organizado por Antón Reixa. Nesta ocasión, a película fora proposta por Susana Seivane, e dixo que a elixiu porque é unha película moi pouco convencional no cine desta zona (e en xeral, do planeta, diría eu).

A película é do 2009, e polo visto, está baseada nunha curtametraxe do ano 2002 (creo que acabo de atopala en Youtube). E a verdade é que o pasei moi ben véndoa, non ten desperdicio.

Non é doado explicar de que trata, porque efectivamente, é unha película algo rara pero con moito encanto. Para empezar, transcorre en Galicia (suponse) e vense unhas paisaxes alucinantes, tanto de costa como de interior. Eu recoñecín algunhas, outras non, e outras intúo onde deben estar (a antiga aldea de Portomarín, normalmente baixo as augas do encoro de Belesar, que só se ve cando baixa o nivel da auga).

A historia xira ao redor de Fiodor e Mijail, dous irmáns (Sergio Zearreta e Miguel de Lira, maxistrais) que naceron da relación da súa nai, unha labrega galega, cun mariño ruso que naufragou nunha praia, e que morreron dunha forma bastante curiosa. Viven nunha estraña cabana feita con refugallos e acompáñaos unha vaca, que nun determinado momento decide escapar e teñen que perseguila.

A película semella estar ambientada na Segunda Guerra Mundial, trata algo do wolframio, e aparece un grupo de americanos nun submarino (Luis Tosar e Iván Marcos), que intentar tomar a costa en nome dos Estados Unidos, cun fracaso bastante lamentable.

E tamén aparece un grupo de militares alemáns xunto cun falanxista (Farruco Castromán) que tampouco teñen demasiada sorte perseguindo a este par de irmáns aparentemente descarriados.

Xa digo, a trama é moi disparatada, pero bótanse unhas boas risas, e a historia resulta moi tenra e curiosa. Nada de tempo perdido.

A verdade é que vendo a película non me decatei demasiado de como era a música, pero vin actuar á Banda Crebinsky hai uns meses, así que teño claro que fan música balcánica que está moi ben. Antón Reixa comentou que esta película lembraba algo ao cine de Kusturica (pero como non vin ningunha película del, non sei se se refire á música ou ás historias en xeral). E unha señora algo desnortada dixo que "a música galega que sonaba na película estaba moi ben".

Saúdos.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-10-2018 00:40
# Ligazón permanente a este artigo
Quinteto Invento
Nos últimos meses xa é a segunda vez que me cruzo con este quinteto coruñés de música de cámara.

Se non lembro mal, a primeira vez foi ao comezo do verán no Pazo da Ópera, creo que tocaban coa Banda Municipal da Coruña.

E esta segunda vez era máis novidoso, era no Mardi Gras para tocar algúns clásicos do rock e algunhas pezas de música clásica que non desentonan nada nese local. Había moi boa entrada para ser un mércores, e penso que gustou moito.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-10-2018 00:16
# Ligazón permanente a este artigo
Festival Mar de Mares
Este ano houbo unha edición máis do fantástico Festival Mar de Mares, que tan ben organiza a empresa coruñesa de xestión cultural CreArte.

Este ano só puiden asistir a tres dos eventos dos moitos que organizaron:

- Monólogos de mulleres científicas: actuaron Ana Payo Payo, Andrea Campos Candela e Mariña Sánz Martín.

- A charla que deu Joaquín Valencia, do Centro Oceanográfico da Coruña, falando sobre a exploración científica do mar en relación coa cidade da Coruña.

- O encontro literario no que participaron Manolo Rivas, Rosa Aneiros e Suso Lista, moderados por Xurxo Souto.

Só me falta ver a única exposición que dura varias semanas, que está na Mariña a carón da Fundación Paideia, que é o lugar onde se celebraron todos estes actos aos que asistín. Titúlase "Sopa de plástico" e é artista británica Mandy Barker.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-10-2018 00:10
# Ligazón permanente a este artigo
Anxo Lorenzo
E uns días máis tarde de Susana Seivane, tocaba outro magnífico gaiteiro galego, tamén no Teatro Rosalía. Chámase Anxo Lorenzo pero a súa historia é totalmente diferente.

Se non lembro mal, é de Moaña. Hai anos que me soa o seu nome, pero nunca o vira actuar, e iso débese a que vén pouco por aquí, debe pasar boa parte do tempo actuando e viaxando por Europa, e sobre todo polas Illas Británicas.

Como pode verse no vídeo e como vimos as poucas persoas que fomos ao concerto (non creo que houbera máis de 50), toca música celta cun estilo bastante escocés e irlandés. Por alí debe gustar moito, aquí tamén bastante pero non tanto. E o seu nivel de virtuosismo é sublime, por iso din que toca a "gaitarra", porque certamente soa como unha guitarra eléctrica.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-10-2018 23:58
# Ligazón permanente a este artigo
Susana Seivane
Na edición deste ano das Lúas de Outono, que a Fundación Manuel María organiza todos os anos en setembro na Coruña, para lembrar o pasamento do Manuel, este ano tocou música. Susana Seivane presentaba o seu novo disco "FA".

Como xa explicou ela mesma en varias ocasións nestes últimos meses, FA son as iniciais dos seus fillos Fiz e Antón, que naceron nos últimos anos e que fixeron que estivera algo apartada do mundo musical, xa que non sacaba disco con novas cancións dende o ano 2009.

Había anos que non a veía actuar, e recoñezo que me sorprendeu moi positivamente, porque o seu grupo soa moi potente, e iso nunca me desagrada. Se non lembro mal, antes ela lideraba un grupo de folk, pero agora semella máis ben folk-rock, e por momentos parecía rock duro.

Estiven mirando en Youtube pero non atopei vídeos recentes dela, supoño que será porque levaba algún tempo algo apartada dos escenarios pola súa maternidade.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-10-2018 23:50
# Ligazón permanente a este artigo
Octopus garden no Garufa
A miña relación cos Beatles é algo estraña. Se me fan a típica pregunta de se prefiro o pop dos Beatles ou o rock dos Rolling Stones, a min, que me vai bastante a caña, debería escoller os Rolling. Pero a nivel de composición, a goleada dos Beatles é tan destacada, que non podo negar que me gustan moito máis. Aínda así, nunca lles prestei demasiada atención. Teño a súa discografía completa, escoiteina algunha vez, está moi ben, pero tampouco fixen moito por escoitala de novo.

Solto todo este rollo porque no Club Garufa da Coruña toca cada certo tempo (creo que unha vez ao mes, máis ou menos) unha banda tributo local aos Beatles. Chámanse Octopus' Garden, como unha das cancións do grupo, que non é das mellores nin das máis famosas, e ademais creo que foi unha das poucas que compuxo Ringo Starr (así que deberon gozala moito cando veu este verán a actuar aquí).

Así que me entrou a curiosidade e fun velos tocar hai unhas semanas. E como era previsible, pasámolo ben. Coñecía bastantes cancións pero menos das que eu pensaba. Tocaron algunhas que creo que non son das máis célebres. E como exemplo, tocaron as 4-5 cancións que interpretaron no famoso concerto que fixeron no ático dun edificio de Londres, no que a policía cortou o tráfico e o propio concerto. Pois dixeron que tocaron todas as dese concerto e eu só coñecía a última, que agora mesmo non lembro cal era.

E como exemplo disto tamén, así, a bote pronto, non tocaron "Let it be", "Yesterday", "Hey Jude", "Eleanor Rigby", "Yellor submarine" nin algunhas máis. Así que xa vedes que o repertorio dos Beatles dá para moito. Ao mellor repito dentro de pouco para ver se cambian moito o repertorio dun concerto para outro.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-10-2018 23:38
# Ligazón permanente a este artigo
Castelao de chumbo a verba
O mes pasado no CGAI botaron un modesto e simpático documental ficcionado titulado "Castelao, de chumbo a verba", que foi dirixido por Miguel López no ano 2017.

Como dixo el mesmo na presentación, era unha forma de presentar a cidade de Pontevedra na época na que Castelao viviu alí, que foi unha das mellores épocas da súa vida.

Supoño que se titula así porque nun determinado momento da cinta, a estatua de Castelao que comparte mesa con Alexandre Bóveda, Paz Andrade, Casares e Manuel Quiroga nunha céntrica praza da cidade convértese en humana e ponse a pasear cun rapaz para explicarlle como foi a súa vida na cidade.

A cinta semella estar máis dirixida cara ao público algo máis novo, e articúlase en torno ao feito de que unha profesora (Uxía Blanco) pídelle aos seus alumnos que fagan unha investigación sobre a vida de Castelao en Pontevedra. E un dos nenos, que parece estar eses días algo espeso, non sabe moi ben como facelo. Pero mira ti por onde, senta nesa famosa mesa (na que hai unha cadeira libre) e queda durmido. E cando esperta, alí está Castelao convertido en ser vivo para explicarlle xustamente o que lle pediu a profesora. E van de paseo visitando os recunchos máis importantes da vila, falando con Valle Inclán, etc. Así é máis doado asimilar os conceptos, claro.

Pois xa digo, moi modesto pero moi digno, e cun tono algo profesoral e docente, pero déixase ver.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-10-2018 23:28
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal